Novas

Sonia Villapol da comezo ao San Froilán 2023

Sonia Villapol deu o pistoletazo de saída ao San Froilán 2023. A investigadora é profesora no Center for Neuroregeneration no Houston Methodist Hospital Research. Formouse na Universidade de Santiago de Compostela e na Universitat Autònoma de Barcelona. Foi investigadora do CNRS e do INSERM en París e no NIH e na universidade de Georgetown. Investiga os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas, e conta con máis de 70 artigos publicados. Forma parte do grupo de investigación internacional da COVID-19, analizando como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso e os seus efectos a longo prazo. No 2023 publicou o seu primeiro libro de divulgación científica, Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia, un percorrido polos descubrimentos da COVID e cuestións como as vacinas, a COVID persistente, o impacto emocional da pandemia ou as súas consecuencias na saúde mental.

Na lectura do pregón estiveron presentes as e os concelleiros do equipo de Goberno e do resto da Corporación municipal, así como autoridades das distintas administracións como o presidente da Deputación, José Tomé; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta, Javier Arias, e o Vicerreitor da USC, Francisco Fraga, entre outros.

O San Froilán 2023 contará tamén con actividades xa consolidadas no programa, como a mostra de Artesanía Arte San Froilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Feira de Olería, que no 2022 foi un gran éxito, ou a feira do Mel que terá lugar o 7 e 8 de outubro.

Este San Froilán contará novamente con postos lilas onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan. As e os taxistas de Lugo colaborarán traballando para evitar este tipo de situacións.

Manolo Gulín, amigo

Cando un amigo como Manolo Gulín se nos vai fisicamente, sinto a necesidade de expresar publicamente a dor pola perda, case por alusións, porque a relación con Gulín era tan directa, tan de preto, que o seu pasamento é algo propio – de familia – que os amigos sentimos na alma.

E interveño por partida doble, múltiple, porque durante moitos anos fomos compañeiros de traballo na Consellería de Cultura, e compañeiros tamén no Orfeón Lucense, e nos dous ámbitos, nas dúas colectividades, Gulín deixou imaxe e exemplo de home cabal, entregado, serio, xeneroso, culto, cunha sensatez innata e traballo consciente e constante.

Gulín era un artista e os seus debuxos eran trazos tan firmes coma o seu carácter; tan garimosos coma o seu talante. Fóra premiado no Belén de Begonte hai arredor de corenta anos, e nos últimos trinta foi xurado do Certame Galego de Arte, como foi xurado dos certames de debuxo da Biblioteca provincial, e participante en todas as accións culturais que solicitaban a súa presencia activa.

Profesionalmente era un home sen estridencias, mesurado, intelixente coñecedor da historia e da arte da nosa terra que era o marco de desenvolvemento da súa acción como responsable de Patrimonio na provincia de Lugo, e centos, milleiros de asuntos e de elementos monumentais da nosa terra souberon da súa atención, vixiancia e cuidado. E os compañeiros tiñamos en Manolo un referente, un exemplo, seguranza de cumplimento… e o que se di: Un compañeiro amigo.

Aos dos nosos tempos, cando casabamos, o oficiante acreditaba que o vínculo era “ata que a morte nos separase”. Manolo e Josefa son a proba de que a fórmula funciona, e os dous eran exemplo desa unidade familiar permanente. Cando os compañeiros me despediron pola xubilación, co compañeiro Manolo tamén veu a compañeira Josefa. Cando Manolo foi cantar ao Orfeón Lucense, Josefa foi con Manolo cantar ao Orfeón. E cando digo Orfeón digo tamén o Coro da Asociación de Amigos do Camiño, do que os dous formaron parte

Quédanos á súa familia – Josefa, Zoila, José Manuel, Manuel Antonio, Antonio, Olaya, Claudio… – e a todos os seus amigos, a lembranza imperecedeira dun home noble, familiar, de corazón inmenso, que soubo querer, e que mereceu e merece ser querido e recordado.

E escribindo esta mágoa convertida en pranto véuseme á mente coma un lóstrego un verso de García Lorca, no que só teño que cambiar “andaluz” por “galego”, para asegurar que “Tardará moito tempo en nacer, se é que nace” un galego tan claro… como Manolo Gulín.

Os Codex Cinema estrean este venres “Dispararon ao pianista” a nova película de Fernando Trueba

Esta semana os Codex Cinema estrean os filmes “Ashkal, os crimes de Tunisia.” e  “Dispararon ao pianista”.

“Dispararon ao pianista“, baixo a dirección de Fernando Trueba e Javier Mariscal onde mesturan animación e bossanova. Unha película fermosa e tráxica á vez, polo que é e tamén polo que se nega a ser. Un luminoso canto de amor á vida e á música. Sinopse: Un xornalista musical de Nova York comeza unha trepidante investigación detrás da misteriosa desaparición do pianista brasileiro, Tenorio Jr, habitual de Vinicius de Moraes, entre outros.

“Ashkal, os crimes de Tunisia”, un triller criminal ambientado en Túnez. Sinopse: nos Xardíns de Cartago, un barrio de Tunisia, creado polo Antigo Réxime pero coa construción paralizada co comezo da Revolución, dous policías atopan un corpo queimado nun dos solares. A medida que se retoman lentamente  as obras da zona, comezan tamén a investigar este misterioso suceso. Cando se produce de novo, o caso dá un xiro desconcertante…

 

Axudas para alugueiro de vivendas

O Concello publica una nova convocatoria de axudas ao alugueiro

O Concello autorizou hoxe unha nova convocatoria de axudas municipais ao alugueiro, cuxas bases se aprobaban esta mañá en Xunta de Goberno local.

A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, explicou que, “como principal novidade, neste 2023 se incrementa non só a contía da bonificación, coa que se poderá cubrir até o 50% do importe do alugueiro, senón que tamén ascendeu o tope máximo establecido para a renda que teñen as vivendas susceptibles de subvencionar, pasando dos 350 euros (en 2022) aos 400 €, tratando de adaptarnos así á situación na que se atopa o mercado inmobiliario”, sinalu a edil.

A responsable de Benestar referiu tamén que nesta vindeira convocatoria das subvencións municipais ao alugueiro terán prioridade no seu outorgamento as vítimas de violencia de xénero, as familias monoparentais con cargas familiares, as unidades de convivencia que teñen ao seu cargo tanto descendentes ata os 25 anos como persoas cun grao de discapacidade superior ao 65% e, en cuarto lugar, as unidades de convivencia que estean compostas exclusivamente por mozos de até 35 anos de idade.

A concelleira avanzou que o prazo de presentanción de solicitudes será de 20 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

“Entre os requisitos esixidos figuran, para o inmoble, que este teña unhas condicións mínimas de habitabilidade, que a cociña estea en bo uso, que conte coas instalacións de gas, auga, saneamento e iluminación legalizadas e que dipoña dun cuarto de baño completo e con ventilación. Ademais todas as estancias deben ser accesibles e non se permite o uso de almacenamento descontrolado de obxectos. Por parte dos beneficiarios, estes deberán cumprir co aboamento mensual do alugueiro e xustificalo, manter o domicilio en condicións axeitadas, ou non percibir outras axudas ou subvencións polo mesmo concepto. Ademais non poderán subarrendala nin alugar habitacións da mesma”, concluíu Olga López.

Tralo acordo na sesión desta mañá a previsión é que o procedemento para o 2023- 2024 quede resolto antes de que finalice o ano.

A Asociación Si, hai saída prega a colaboración cidadán ante posibles agresións machistas nas festas de S. Froilán

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, solicitamos, un ano mais, a colaboración cidadán e pregamos a todos e a todas que, no caso de ser testemuña dunha agresión machista, ou, sinxelamente, ante a sospeita de que se estea a producir, non dubiden en dar a voz de alarma chamando ao 091 (Policía Nacional) ou ao 092 (Policía Local).

Todos sabemos que estas datas son de especial risco, tanto para as mulleres que, por desgracia, xa son vítimas da violencia machista, como para as potenciais.

O incremento de saídas, do ocio nocturno, o maior consumo de alcohol e mesmo doutras substancias que potencian a agresividade dos que xa agrediron ou sexan potenciais agresores e que, tamén hai que dicilo, en moitos casos, restan a capacidade de reacción e, porén, de defensa, das vítimas, entre outros factores, fan que estas datas, como todas as de lecer, sexan auténticas bombas de reloxería no que atinxe a violencia de xénero, polo que toda colaboración é pouca e, ademais, vital.

Non esquezamos, por outra banda, que dar a voz de alarma ante calquera episodio de violencia machista é unha obriga que todos e todas temos, e que algo tan sinxelo como unha chamada de teléfono pode evitalo ou, tal vez salvar, unha vida.

Non hai complicacións posteriores, ninguén está obrigado a identificarse no momento de facer esa chamada.

50 mulleres foron asasinadas ata agora neste ano polas súas parellas ou ex parellas. Por favor, non colaboremos a que esta macabra lista continúe medrando. Non sexamos cómplices.

Non esquezades que tal vez hoxe é unha muller descoñecida a agredida ou a asasinada, pero a vida da moitas voltas, e mañá, por imposible que nos pareza, pode ser a vosa irmán, a vosa filla, vos mesmas, e que o silencio cómplice de quen vendo, sabendo, ou sospeitando, cala, ademais de ser un delito, pode ser a súa sentencia de morte, a vosa sentencia de morte.

Lembrade, 091 (Policía Nacional), 092 (Policía Local).

UNHA SINXELA CHAMADA PODE SALVAR UNHA VIDA. PAGA A PENA, NON SI?.

Asociación Si, hai saida

O PP denuncia “irregulariedades nos contratos do San Froilán”

Segundo ven de anunciar o Partido Popular de Lugo sobre as contratacións no san Froilán, “o acceso a todos os expedientes dos eventos das patronais de Lugo permitiranos fiscalizar de forma rigorosa como se fixeron os trámites e se se axustan á lei e así depurar responsabilidades, no caso de que as houbera, xa que resulta sospeitoso que unha empresa das habituais que contrata o departamento de cultura volva a ser adxudicataria deixando fóra a outros licitadores lucenses”

Os populares lembran que un dos motivos polos que o Grupo Municipal abandonou a Comisión de Festas foi, precisamente, “pola falta de transparencia nas contratacións”.

Esta non é a única irregulariedade que detectaron os populares nas contratacións das patronais e, de feito, xa denunciaron como “a maquetación, edición e impresión de programas das festa cuxo contrato prorrogaron fóra de prazo e se pagou con reparo de legalidade”

Para os populares “o feito de que as licitacións queden desertas resulta preocupante e responde unicamente á improvisación coa que o bipartito organiza as patronais de Lugo” xa que “o lóxico sería que cuestións tan previsibles como a montaxe de escenarios para concertos estiveran contratados con antelación”, sinalan.

 

Os populares da Mariña esixen a finalización das obras no “socavón da vergoña” da N-642

Os populares da Mariña unen forzas para esixir ao Ministerio de Transportes que finalice “na maior brevidade” as obras no “socavón da vergoña” na N-642, unha infraestrutura clave para esta comarca. “Non hai avances a un ritmo razoable nin o Ministerio ten concretado unha data na que podería estar restablecida a normalidade na vía” polo que consideran que “é un insulto para A Mariña e pedimos aos alcaldes do PSOE que se unan á nosa reivindicación”.

A reparación da fochanca e a posterior reposición da estrada presentouse desde o Ministerio como unha “actuación de emerxencia”, pero a realidade é que durante o verán e nas últimas semanas as obras están practicamente paradas ou cun ritmo extremadamente lento.

Para visualizar a súa protesta os populares da Mariña visitaron a zona afectada -á altura da praia da Areoura- cunha ampla delegación encabezada pola presidenta provincial e deputada, Elena Candia, e o coordinador do PP lucense e voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego, José Manuel Balseiro; ademais de alcaldes e portavoces que avanzaron unha ofensiva nas distintas institucións, incluída a presentación de iniciativas en todos os concellos da comarca.

Xuventude desenvolve un programa de integración social con menores e as súas familias

A concellería de Xuventude, está a desenvolver  un proxecto de integración social na zona norte do municipio. Esta iniciativa, dirixida a menores de entre 6 e 18 anos e ás súas familias, brinda a oportunidade de aprender contidos e desenvolver competencias a través do xogo. Así, os participantes, neste momento 30 menores e os seus proxenitores, teñen a posibilidade de asimilar coñecementos académicos, habilidades sociais, contidos cívicos, así como prever consumos e adiccións tecnolóxicas nun ambiente de traballo comunitario preto do seu lugar de residencia.

Este traballo en prol da integración veciñal levouse  acabo dende o Servizo Municipal de Prevención de Drogas, ao amparo do programa +Xti.

Pleno Municipal no oncello de Becerreá

Este venres ás 20:00 horas esta convocado  polo Alcalde Presidente do Concello de Becerreá pleno municipal coa seguinte orde do día:

Parte Resolutiva.

1.- Aprobación da acta da sesión plenaria anterior extraordinaria de 7 de setembro de 2023.

2.- Proposición da Alcaldía relativa á reiteración da solicitude á Deputación Provincial de Lugo do desprazamento do equipo de rego e a pá de cadeas do parque móbil provincial ao Concello de Becerreá. 3.- Proposición da alcaldía relativa á solicitude á Deputación Provincial de Lugo do remate da estrada (LU P 0705).

4.- Proposición da Alcaldía relativa á solicitude de remate e posta en funcionamento do centro de día e residencial comarcal en Becerreá e prórroga do Convenio interadministrativo.

5.-Proposición da Alcaldía relativa á solicitude a Augas de Galicia da execución do proxecto de construción de rede de saneamento e sistema de depuración en Becerreá.

6.- Proposición da Alcaldía relativa á solicitude de acondicionamento da estrada de Sarria.

7.- Proposicións non incluídas na orde do día.

Parte dedicada ao control.

8.- Mocións presentadas polos grupos.

8.1.- Moción presentada polo Grupo Municipal Popular en relación á mellora da accesibilidade urbana.

8.2.- Moción presentada polo Grupo Municipal Popular  relativa á construción dunha estación

de lavado e reparación de bicicletas.

9.- Asuntos de urxencia.

10.-Dar conta das resolucións da alcaldía.

11.-Rogos.

12.-Preguntas.

Codex Cinema mantén unha semana máis nas súas pantallas o documental “Julia” e estrea “Pechar os ollos” e “Monstro”

Ante a alta demanda do público os Codex Cinema manteñen en carteleira unha semana máis o filme “Julia”. Terá un pase o xoves ás 20:30h e o domingo ás 18:00h. “Julia”, un documental de Jacobo Lagúella que rinde homenaxe a todas as nosas avoas e o seu inquebrantable legado.

Asemade o venres 29 estrean a nova película do director vasco Víctor Erice “PECHAR OS OLLOS”. Erice que regresa a grande pantalla cunha película memorable. Unha emocionante obra testamentaria que o director aproveita para axustar contas con esas películas inacabadas ou imaxinadas. Brillante cuarta longametraxe da carreira do cineasta vasco.

Sinopse: un famoso actor español, Julio Arenas, desaparece durante a rodaxe dunha película. Aínda que nunca se a atopa o seu cadáver, a policía conclúe que sufriu un accidente á beira do mar. Moitos anos despois, este suceso recupera actualidade a partir dun programa de televisión que pretende lembrar a figura do actor, ofrecendo como primicia imaxes das últimas escenas nas que participou, filmadas por quen foi o seu íntimo amigo, o director, Miguel Garay.

E a outra estrea da semana será “MONSTRO”. Filme xaponés baixo a dirección de Hirokazu Koreeda que nos mostra un drama virtuosos e laberintico con alma de quebracabezas. É unha película rica en sentimentos escondidos, en frustracións e en conflitos actuais; un conmovedor melodrama sobre como nos precipitamos á hora de xulgar.

Sinopse: cando o seu fillo adolescente comeza a comportarse de maneira estraña, a nai intúe que algo vai mal. Ao descubrir que o responsable de todo é un profesor, irrompe na escola esixindo explicacións. Pero  a medida que a historia se desenvolve a través dos ollos da nai, do profesor e do neno, a verdade vai saíndo á luz, pouco a pouco,…

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com