Novas

Adif acorda o peche do paso a nivel de Recimil

Adif propón a clausura do paso a nivel de Recimil ata a súa supresión definitiva. Mentres tanto, para darlle servizo ao tránsito de vehículos, executaría un camiño que con carácter provisional conectaría de maneira paralela co paso inferior situado a 300 metros, máis ao norte.

Así o expuxo ao Concello de Lugo e as plataformas de veciños, en dúas reunións mantidas hoxe, xunto á subdelegación do Goberno de Lugo, aos que reiterou as súas condolencias polo terrible incidente.

En paralelo, a compañía segue traballando na licitación da supresión definitiva do paso a nivel, que prevé adxudicar no mes de decembro deste ano, co fin de concluír as obras en xuño de 2025. Este proxecto contempla unha solución sen restricións futuras para o tráfico, en base á construción dun novo paso inferior, lixeiramente cara ao sur (pk 423/960), de altura libre de 5 m, así como a realización de camiños de ligazón co viario actual e outros de acceso ao novo paso, garantindo a mobilidade e permeabilidade da zona.

A actuación forma parte do plan de supresión de catorce pasos a nivel no municipio de Lugo: oito deles xa se atopan en execución e seis, entre eles o situado en Recimil, xa contan co proxecto aprobado e licitaranse antes de que finalice o ano.

O peche anticipado do paso a nivel de Recimil conlevaría a construción por parte de Adif dun camiño provisional paralelo á vía, pola súa marxe dereita, que conectaría o paso a nivel  cun inferior a 300 m ao norte.

A solución requiriría a disposición de terreos, de titularidade privada, nuns 100 m (lonxitude estimada onde os terreos non son propiedade do xestor ferroviario). Estímase que a realización deste camiño provisional podería concluír nuns tres meses unha vez que teña a dispoñibilidade do chan.

O Concello de Lugo comprometeuse a xestionar cos veciños a cesión do chan, para poñelos ao dispor de Adif. A proposta exposta preséntase como alternativa a outra que estudaba a compañía: o peche anticipado do paso a nivel co desvío do tráfico rodado por itinerarios alternativos durante 20 meses; asumindo melloras puntuais nos camiños de ligazón.

Excarcerado un coductor dun vehículo nun accidente en Outeiro de Rei

Un home resultou ferido, e tivo que ser excarcerado, despois de chocar o coche que conducía contra outro turismo ao seu paso polo concello lucense de Outeiro de Rei.

O accidente ocorreu poucos minutos antes das nove horas da mañá de hoxe. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos membros do GES de Friol-Palas, dous vehículos colidiron entre si e acabaron saíndose da vía por distintas marxes da A-6, á altura do punto quilométrico 504, sentido Lugo. Como consecuencia do impacto, un dos turismos envorcou e o seu condutor necesitou a axuda dos Bombeiros de Vilalba ao quedar atrapado no interior.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 para alertar do ocorrido e, a partir de aí, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicaron a mobilización de dúas ambulancias ata o lugar, unha delas, medicalizada. Ata o punto tamén desprazáronse os Bombeiros de Vilalba, os membros do GES Friol-Palas, os axentes da Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento das estradas.

Unha vez rematadas as labores de excarceración, o condutor foi evacuado polo equipo sanitario ao centro hospitalario de referencia. Pola contra, a persoa que conducía o outro vehículo implicado no accidente puido saír polos seus propios medios e non resultou ferida de consideración.

Publicado o cartel da XLV edición da Semana de Cine de Lugo

Ven de publicarse o cartel anunciador da Semana de Cine de Lugo, na súa edición XLV, que se celebrará do 18 ao 23 do próximo mes de setembro. O motivo principal do cartel é unha foto de agosto de 1914, da rodaxe en Lugo do cineasta José Gil, desde un automobil que circulaba polo adarve da Muralla lucense.

A Semana de Cine, que organiza o grupo Fonmiñá, conta co patrocinio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e a Uned, e a colaboración de diversas entidades e agrupacións.

A distribución do cartel comezará de inmediato.

Crowfunding para reconstruir Asteleiros Fra

Os Asteleiros Fra son os máis antigos asteleiros de ribeira de Galicia, tendo máis de dous séculos de existencia, xa que se sabe que en 1806 xa construian barcos para a pesca. Están en San Ciprián, na costa de Lugo, e o seu director é Francisco Fra Rico, pertencente á séptima xeneración familiar dedicada á construción artesá de barcos.
Ademais da construción de barcos, realizan tamén un importante labor pedagóxico, organizando visitas guiadas para os interesados en coñecer a carpintería de ribeira, e dan cursos para conseguir informar e formar de maneira que non se perda este oficio tan galego, esencial para a nosa costa e as súas xentes.
Un incendio que se sabe provocado destruíu as instalacións deste asteleiro, e a Familia Fra acode por todos os medios ao seu alcance para intentar conseguir axudas e volver a poñer en funcionamento estas instalacións.
Ata este momento, levan conseguido 11.590 euros, nunha primeira fase da campaña que esperan completar na primeira quincena do mes de setembro, e aínda que a cantidade é só simbólica a efectos da reconstrución, están moi satisfeitos pola resposta dos simpatizantes coa súa iniciativa, agradecen todas as aportacións, e solicitan que se continúe coas axudas por modestas que sexan, xa que todas serán decisivas á hora de conseguir que siga con vida este histórico asteleiro que alguén quixo borrar do mapa, pero o asteleiro e a familia que o sostén non van permitir que morra, coa axuda de toda a xente con boa vontade que queira apoialos.

Á información sobre esta campaña pode accederse en Youtube:

https://www.youtube.com/watch?v=Xn7z4fUThXI

Vehículos con danos na autovía en Baralla 

Esta tarde, varios vehículos acabaron danados por mor dunha xunta de dilatación levantada no quilómetro 464 da A-6 en sentido Madrid.

Foron varios os condutores afectados que chamaron ao 112 Galicia, indicando que tiñan danos nos seus vehículos. De feito, advertían de que había máis de seis coches afectados e que o tráfico era moi intenso no punto.

Desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da autovía.

 

Foto:Arquívo

Catro persoas foron excarceradas tras un choque frontal entre dous coches en Monforte

As persoas viaxabam en dous automóbiles tres nun vehículo e unha no outro. Todas elas foron trasladadas polos servizos sanitarios, dúas delas no helicóptero medicalizado con base en Ourense e as restantes en ambulancia.

Un particular deu o aviso a 112 Galicia cinco minutos antes das 13:30 horas da tarde: acababa de presenciar un accidente con dous vehículos implicados na saída dun polígono industrial situado na parroquia de Piñeira. Durante a conversa indicaba que había persoas incapaces de abandonar o vehículo.

Nada máis recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un operativo no que tomaron parte Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros, a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Monforte e os operarios dos servizos de mantemento da estrada.

O persoal sanitario anunciaba ao mesmo tempo que estaba a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Pola súa banda, os Bombeiros de Monforte fixeron uso do seu material de excarceración para liberar a catro persoas, que serían evacuadas polos servizos sanitarios. 

Finalmente, os operarios de mantemento encargáronse de restablecer as condicións óptimas para a circulación no punto.

Terceira edición de Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra

Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais impulsado pola Xunta no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober). O fin desta mostra  é achegar ao público a grande creatividade así como a calidade dos produtos feitos a man polos profesionais que forman parte da marca Artesanía de Galicia.

Durante a xornada de hoxe pódense ver produtos de 19 profesionais que representan nove oficios diferentes: a madeira, a cerámica, a olería tradicional, os xoguetes, a bixutería, a marroquinería, a elaboración de roupa, os complementos de moda e a xoiería. No programa de actividades inclúense tres talleres abertos e gratuítos para todos os públicos sobre o tecido de tapices, a cerámica ou a cestería, ademais dunha sesión vermú a cargo do grupo De Vacas a partir das 13:00 horas.

Os obradoiros que participan como expositores son Arobe Cerámica (A Coruña); os obradoiros de Ourense Bangus e María Aba; os de Quiroga Armaior e Enxógate; Blaurtopías (Vigo); Ceniza de Papel (O Corgo); os obradoiros de olería tradicional de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra; Mimacuir (Taboada); Mocao (Oleiros); Nobelo a Nobelo (A Estrada); Noga Arts (Teo); Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños); Olería do Batán (Baños de Molgas); Riomao Estudio Creativo (A Teixeira); Senda Coiro (A Pobra de Brollón); Lumecú (Vilar de Santos) e Siliva (Abegondo).

No programa de actividades inclúense tamén tres talleres gratuítos abertos a todos os públicos, que se desenvolverán en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Trátase dun obradoiro de iniciación ao tecido con tapiz, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), un obradoiro de cerámica de torno a cargo da Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar), e mais dun obradoiro de Técnicas de cestería do que se encarga Carlos Rubio, do taller O Carabel Ecocestos (Ferrol).

Activo un incendio forestal rexistrado na parroquia de Orosa en Palas de Rei

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, activo arestora, rexistrado no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Orosa. Segundo as primeiras estimacións rolda as 20 hectáreas de superficie afectada.

O lume iniciouse ás 16,21h de hoxe. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 3 técnicos, 12 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas, 1 pá, 5 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Asemade os  servizos de extinción traballa para atallar un lume que afecta a dúas naves en Castro de Rei. As lapas consomen por completo os dous recintos, nos que hai almacenados labras de madeira e troncos. Ademais, o incendio estendeuse ao monte contiguo e nas proximidades hai varias granxas de polos que os servizos de emerxencias traballan para protexer.

Sobre as 15:20 horas, o 112 Galicia comezou a recibir diversas chamadas de particulares para informar sobre este lume, que afecta a dúas naves situadas no lugar de Casás, en Goberno (Castro de Rei).

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do Centro Integrado de atención ás Emerxencias activaron un operativo para facer fronte ás lapas no que participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de modo preventivo, os Bombeiros de Vilalba e de Barreiros, o GES da Pontenova e os axentes da Garda Civil. Ademais, tamén colaboran medios do distrito forestal da zona e do Concello de Castro de Rei, así como os técnicos da empresa que xestiona o subministro eléctrico no lugar e as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da AXEGA desprázase ao lugar para apoiar aos servizos de extinción, que unha vez no punto confirmaron que as naves afectadas contiñan labras de madeira e troncos, e que o lume se estendera ao monte.

O helicóptero de rescate Pesca II facilitou a chegada a terra de tres persoas en apuros na praia de Lóngara en Barreiros

Diversos particulares que se atopaban na zona da praia de Lóngara, na parroquia de San Pedro de Benquerencia (Barreiros) alertaron ao 112 Galicia dez minutos despois das 15 horas. No transcurso das conversas, indicaron que había unha persoa nunha táboa de surf á que estaba a levar a corrente. Varias testemuñas internáronse no mar para intentar rescatala, sen éxito. De feito, dúas delas eran incapaces de volver á beira.

Nada máis recibir os avisos, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil e dos membros da Agrupación Municipal de Protección Civil de Barreiros.

O Servizo de Gardacostas mobilizou ao seu persoal a bordo do helicóptero de rescate Pesca II, que co vento xerado nas súas aspas facilitou a chegada dos implicados á praia das Pasadas. Alí, os servizos de emerxencias comprobaron que todos se atopaban en bo estado.

O Concello de Lugo comezará o vindeiro luns a envíar os recibos do imposto de circulación

O Concello de Lugo comezará este próximo luns a xirar o recibo do imposto de circulación, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal.

Segundo consta no servizo de Facenda Local, este 2023 figuran matriculados no municipio un total de 73.187 vehículos (87 máis que o ano anterior) que tributarán ás arcas municipais 5.773.075 euros, o que mantén ao IVTM no segundo imposto municipal máis cuantioso, logo do IBI.

O edil de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, lembrou que o período voluntario para proceder ao seu abono finalizará o próximo 20 de outubro e convida á cidadanía a informarse das bonificacións existentes que rebaixan considerablemente a cota do gravame, entre elas, ás dirixidas aos automóbiles menos contaminantes.

O responsable de área indicou, así mesmo, que, “conxuntamente nestas mesmas datas, a Administración local tramita o cobro dos 4.093 vaos existentes na cidade neste momento”, e quixo aproveitar, alén, para animar á poboación a domiciliar os seus recibos dende a sede electrónica municipal (www.lugo.gal). Un procedemento informático que permite ás e aos contribuíntes realizar o trámite dunha maneira áxil e sinxela, sen necesidade de aportar ningún tipo de documentación.

Para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago polo que, en caso de facerse agora, tería aplicación para a vindeira etapa impositiva.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com