Novas

Este xoves abre o prazo para solicitar un posto no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal

Este xoves abre o prazo para solicitar a instalación de postos no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal.

As convocatorias, que se publican este mércores no Boletín Oficial da Provincia,  están abertas a artesáns e artesás da provincia, que teñan o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxos produtos sexan  exclusivamente de creación e produción propia.

A  instalación nos mercados será, un ano máis, gratuíta para as firmas de artesanía, que disporán dun posto con cadro eléctrico, iluminación e enchufe para mostrar e vender os seus produtos.

No Artesanfroilán, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos. No Mercado de Nadal, previsto do 22 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos, instalaranse 14 casetas. Unha delas estará reservada para produtos de artesanía alimentaria que se rotarán cada dous días, polo que poderá albergar un máximo de 7 obradoiros. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto, en ambos casos, ata o 17 de agosto.

Non sabemos quen…

Atribúese a Cabanillas a frase de “Gañamos, pero aínda non sabemos quen”, agora de actualidade para os que seguimos a política a través dos medios: O P.P. venceu cunha diferencia de 14 escaños sobre o seguinte clasificado, pero parece ter perdido por non gañar por goleada. O PSOE, con 14 menos que o PP, declárase gañador. E para complicar a situación, Sumar, cuarto clasificado, considérase forza gañadora por matrimoniar co segundo clasificado e formar un tandem que, se consegue outras difíciles alianzas, venza nesta segunda volta das operacións matemático-políticas.

A afirmación de Don Pío sería hoxe complicada, xa que por principio varias forzas decláranse incompatibles coa forza máis votada, e algunhas delas pretenden cobrar do segundo importes imposibles de conceder sen romper a baralla, falándose de indultos e referendos de independencia, chegando ao sarcasmo á posibilidade de que o apoio que Sánchez pretende dependa do fugado Puigdemont.

Algúns dos que, coma min, no entenden de política e pretenden aplicar o sentidiño, coidan que, se entre o PP e Vox hai tanta diferencia como entre o Psoe e os independentistas, e moita máis ca entre o PP e o Psoe, o ideal e lóxico sería que o PP e o Psoe achegasen posturas, pactasen programas e conseguisen unha maioría representativa, estable, útil, que gobernase conscientemente, fixese os cambios precisos na Constitución na que os dous partidos cren e respectan e deixasen contenta á inmensa maioría do país. Pero os que opinamos que a xuntanza sería a perfección política, seica non nos decatamos de que a política parece rexirse por razóns que non responden ao sentidiño nin á razón.

Acordo entre o Concello e a Plataforma de Veciños do Centro sobre a peonalización do centro

Logo da reunión mantida hoxe entre o Concello de Lugo e Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo, no que buscaba achegar  posturas  para un acordó sobre a peonalización do centro, no devandito encontro, o Concello trasladou aos representantes da Plataforma, que “unha vez valoradas as propostas realizadas polos veciños con respecto aos proxectos de peonalización do Centro, aceptáronse a práctica totalidade das mesmas, unha vez comprobada a súa coherencia e a súa viabilidade técnica”.

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo, desde a súa constitución hai apenas 3 meses, expuxo ao Concello algunhas propostas de mellora destes proxectos de peonalización “baseadas nas demandas veciñais e estudadas tecnicamente para garantir a súa completa viabilidade. Ditas propostas fóronse traballando en distintas reunións bilaterais co Concello, ata o día de hoxe”.

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo “valora moi positivamente a actitude receptiva e colaborativa do Concello ás inquietudes dos veciños do Barrio, cumprindo as súas expectativas e mantén a súa colaboración e compromiso dun traballo serio, rigoroso e efectivo favorecendo a necesaria participación cidadá en favor do Barrio centro e da Cidade de Lugo”.

Lugo monumental

Lugo Monumental remitirá ao concello as sinaturas en defensa das zonas verdes do casco histórico

Segundo a asociación Lugo Monumental, “a campaña de sintaturas de Change.org e de follas físicas pechouse o día 31 de agosto e o balance é moi positivo: unhas 2.000 firmas en dúas semanas apoian a postura de Lugo Monumental para solicitar ao Goberno Local a permanencia das zonas verdes do centro histórico e mesmo, onde sexa posible, o seu incremento”.

A asociación lembra que “estes proxectos aprobáronse sen ningunha clase de debate, sen exposición pública, sen dar oportunidade a cidadáns e asociacións a dar a súa opinión ou os seus argumentos sobre a oportunidade de levalos a cabo na forma en que se deseñaron. De ser así, xa se puxo sobre a mesa desde o primeiro momento o grave erro de destruír as zonas verdes arboredos de Santo Domingo”.

Para a Asociación é importante que este tipo de accións “con repercusións tan importantes para a cidade se compártan coa cidadanía antes de aprobalas, e considera que os debates han de ser abertos, construtivos, argumentados e previos á contratación dos proxectos, debido a que calquera modificación que se faga agora supoñerá unmalgasto do diñeiro público”.

 Preocupación polos solados

Da mesma forma Lugo Monumental trasladará ao Concello a súa preocupación polos solados de Rúanova, que “se están deteriorando a unha velocidade alarmante (nos últimos días houbo un afundimento fronte á porta de Rúanova que entraña perigo), e preguntará se os da rúa San Marcos están deseñados para soportar todo o tráfico rodado que actualmente está a pasar por esa vía”. Tamén solicitarán que se balice o paso dos vehículos en San Marcos “co método que o Concello considere oportuno pero que garanta a separación de peóns e tráfico rodado, algo que se fixo na rúa Nova e que houbo que modificar por mor  dos accidentes sufridos por algúns cidadáns”.

 

Comunicado da Sección sindical de CCOO do Concello de Lugo

O venres pasado as persoas traballadoras deste Concello, recibimos unha circular por parte do concelleiro de persoal na que di que o Seminario Menor e a Casa Consistorial só abrirá en agosto de 7 a 15 horas.

Queremos denunciar a mala fe por parte deste Goberno, posto que esta decisión anula a recuperación de horas as tardes dos martes e xoves (xa imposible en xullo)
ou estar polo menos ata as 15:30. Únicas medidas de “conciliación” que ten este Concello para o persoal, aínda que cabe resaltar que moitas traballadoras e
traballadores nin sequera contan con esta medida…

Todo isto tiña unha solución sinxela , que foi ter aprobado un horario de verán con redución de xornada que facilitase a conciliación, algo que se solicitou dende a
Xunta de Persoal e o Comité de Empresa e que outros anos se outorgou, aínda que este ano recibimos un sepulcral e irrespectuoso silencio por parte do Goberno .

Outra medida que vimos solicitando dende fai tempo é o establecemento dunha Mesa de Negociación para regular a xornada laboral, a conciliación e o teletraballo
(a disposición adicional 144 da Lei 6/2018 permite regular estes aspectos previa negociación colectiva).

Á verdade é que non entendemos o motivo para que este Goberno negue ás persoas traballadoras os dereitos establecidos na normativa vixente e que están á
orde do día noutras Administracións Públicas. Peor aínda, isto ven dun Goberno dirixido por un partido que presume ser de “esquerdas” e “feminista”… Pero á hora
da verdade amosan ser peores que VOX!!!

Solicitamos unha solución por parte da Administración para estas datas de verán e que se forme dunha vez por todas a Mesa Negociadora para establecer os mesmos
dereitos que existen noutras Administracións Públicas (moitas delas gobernadas pola dereita, por certo…).

BASTA XA DE MALTRATAR ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO CONCELLO DE LUGO!!!

ESIXIMOS O NOSO DEREITO A CONCILIAR E TER UNHAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DIGNAS!!!

O PP denuncia que o modelo do BNG para as contornas escolares é “a imaxe do abandono

O concelleiro popular Enrique Rozas explica que “estamos ante unha nova proba do engano electoral ao que o BNG e o PSOE nos teñen acostumados, xa que pasados os comicios, estes espazos quedan no esquecemento e pasan a converterse na imaxe do abandono”

“Humanizar e embelecer a cidade, creando espazos útiles para as persoas”. Esta era a premisa coa que o BNG, en período electoral, presentaba as obras da Rúa Gallego Tato, instando aos lucenses a ter en conta esta clase de proxectos á hora de votar

O PP de Lugo denuncia que “parte da xestión municipal debería ser deseñar entornos que despois se podan manter no tempo, e non só buscar escenarios propicios para unha foto puntual”

Rozas solicita que “posto que esta vía forma parte das contornas escolares seguras, se recupere esta contorna para que no comezo do curso escolar poida empregarse polos escolares da zona en condicións de seguridade e salubridade óptimas”.

O BNG de Monterroso denuncia a perda de axudas por parte do goberno local

Segundo explica o o voceiro nacionalista Brais Vázquez “o pasado venres publicouse no DOG a resolución das subvencións para a construción, reforma, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de carácter municipal e tamén para adquisición de equipamento deportivo.

Estas axudas solicitáronse en marzo do 2023 e, por exemplo, o veciño concello de Antas de Ulla vai recibir dúas subvencións, duns 42000 euros unha e duns 10000 euros outra”.

Vázquez denuncia que “Monterroso recibirá 0 euros. Co ben que poderían usarse estas axudas para Cerdeiriños ou as pistas de padel, xusto cando está a piques de comezar a tempada”.

“Cremos que, a pesar de que nos acusaron a nós de non ter financiamento para o que propoñiamos na campaña electoral, é o actual equipo de goberno o que deixa pasar oportunidades a pesar de compartir siglas coa Xunta, algo do que tamén alardean”. Subliña o concelleiro.

O BNG de Monterroso critica que “cando o actual equipo de goberno puido solicitar dita subvención deportiva non o fixo e ademais sinalan que seguen sen estar actualizadas as instalacións municipais no rexistro RIDEGA e polo tanto, aínda que se outorgase algún tipo de axuda non podería usarse, igual que lle pasou a outros concellos”.

 

A Xunta ofrece actividades para a mocidade nos Ancares

A Xunta  de Galicia ofrece cada verán os minicampamentos ‘Coñece Galicia’, que permiten aos máis novos estadías de cinco días en establecementos hoteleiros de toda a comunidade para a mocidade. Os que participan neste minicampamento de verán Aventura na Montaña IV, no hotel Piornedo, en Cervantes, contarán con actividades de tirolinas, paddel surf, veladas e sendeirismo en plena montaña lucense. Trátase da segunda quenda deste minicampamento que conta coa participación de 20 rapaces e rapazas en cada unha.

Ata este campamento achegouse a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, quen destacou que esta alternativa da campaña de verán da Xunta permite que a mocidade desfrute duns días nunha “contorna natural inmellorable” como é o corazón dos Ancares.

Asemade a directora xeral  visitou na capital luguesa ao campamento que ten lugar no albergue xuvenil LUG II para mozos e mozas de entre 15 e 18 anos. Esta alternativa da campaña de verán da Xunta ofrece obradoiros de tecnoloxía para aprender a fabricar drons, actividades de realidade virtual e 3D, entre outras.

 

Gracias, Lugo

Dicía Séneca que “nada é máis honorable que un corazón agradecido”.

Imaxinen por un momento que se presentasen por primeira vez a unhas eleccións nacionais pola súa provincia.

Imaxinen que o fixesen despois de 14 anos tratando de facer todo o que estaba nas súas mans por esta terra e desde a súa terra. Cunha única prioridade: a vocación inquebrantable de servizo público por e para Lugo; e por e para Galicia.

Imaxinen tamén que durante toda a campaña sentisen o apoio incondicional do seu partido; que todos os membros da candidatura se comportasen como o que son, como un equipo; e que nas últimas semanas moita xente os parase pola rúa, lles dixese que estaban orgullosos de votalos e que os animasen a seguir nesta liña.

Imaxinen, por último, se o obxectivo do seu partido fose alcanzar tres representantes para o Congreso e para o Senado -sendo moi conscientes da dificultade real de conseguilo- e certificar así o máximo apoio posible a Alberto Núñez Feijóo, o mellor candidato que se podería presentar en España para presidir o Goberno.

E se despois de imaxinar todo isto, comproban que o soño se converte en realidade, entenderán por que desde o Partido Popular de Lugo a única palabra que nos sae dicir é “gracias”.

Gracias aos medios de comunicación pola cobertura da campaña electoral, para que a sociedade lucense estivese en todo momento informada de cales eran as nosas propostas para despois poder escoller a opción que consideraban máis axeitada.

Gracias a todos os veciños e veciñas que nos mostraron o seu cariño durante as últimas semanas. Un compromiso de verdade, queratificaron nas urnas con máis de 98.000 votos, superando o 50% dos apoios e acadando o mellor resultado de toda España para este partido.

Gracias a todo o equipo da candidatura polo gran traballo realizado.Só así se explica que o PP conseguise preto de 30.000 votos máis que nos comicios de 2019 na provincia de Lugo.

Gracias á familia do Partido Popular de Lugo: alcaldes e alcaldesas, portavoces municipais, concelleiros e concelleiras, afiliados e afiliadas, simpatizantes, e a todo persoal    do gabinete, da área de comunicación e do departamento administrativo, así como á dirección do PP, tanto a nivel nacional como rexional. Sen todos eles,sería imposible explicar por que gañamos en 63 dos 67 concellos da provincia.

En definitiva, gracias de corazón.

Porque pase o que pase agora en España, no Partido Popular de Lugo temos claro cal é o noso deber. Sabemos que é o que nos pediron os veciños e veciñas que depositaron en nós a súa confianza. Poden ter seguro que os tres representantes ao Congreso e os tres ao Senado cumpriremos a palabra dada: defender sempre, por enriba de todo, os intereses de Lugo.

Un mandato co que espero que poidamos estar á altura dos nosos votantes, pero tamén das persoas que optaron por outras opcións políticas o pasado 23 de xullo. Porque iso é o único que importa: servir ao pobo lucense con respecto, máxima dedicación e eterna gratitude.

Traballaremos por esta provincia da mesma maneira que ela acudiu ás urnas de xeito maioritario. De corazón e con cabeza.

 

Francisco Conde, candidato electo do Partido Popular de Lugo ao
Congreso dos Deputados

XIV Festival dos Ancares en Becerreá

O vindeiro día 3 de agosto a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura de Becerreá, terá lugar o XIV Festival dos Ancares que organiza o cantautor galego afincado en Barcelona, Alfredo González Vilela.

O evento comezará cunha charla de sobre a Vía Küning que baixo o título Camiños a Compostela e Vía Küning  impartirá o especialista neste ruta xacobea, Javier Gómez Vila.

De seguido os gaiteiros :Manolo León, Manuel Santín e José Mosteirín, xunto cos acordeonistas Suso de Espín e Eduardo Vilor e os percusionistas Eduardo León Manuel López interpretarán pezas dos seus respectivos repertorios. O festival rematará coa actuación do propio Alfredo González Vilela, que presentara o seu novo disco, titulado xenericamente Camiños a Compostela. A presentación do acto correrá a cargo de Sara Fernández.

O festival conta coa colaboración de: Concello de Becerreá, Vía Küning e a asociación Rente ao Couce. A entrada será libre ata completar aforo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com