Novas

Xuntanza dos candidatos do PP co sector turístico en Portomarín

No encontro, Francisco Conde dicía que ” o turístico é un dos sectores onde temos vantaxe competitiva con respecto aos demais membros da Unión Europea e os mercados internacionais. Representa o 12,2% do PIB do estado e ten suma 2,4 millóns de empregos, pero aínda non alcanza as cifras anteriores á pandemia. Nese sentido, Conde avogou “polas políticas do Partido Popular que poden ofrecer “un horizonte de certeza e esperanza para a economía e a xeración de emprego”.

O candidato popular, explicou en Portomarín algunhas das propostas dos populares dirixidas ao sector turístico, como é a aprobación dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) vencellado ao sector turístico; un Perte específico que contribúa a este compromiso pola innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización.

O cabeza de lista ao Congreso do PP,  destacou que “o turismo é fundamental para a nosa economía” e con capacidade para seguir mellorando as súas cifras se o seu desenvolvemento se basea na innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización. Acompañado do número 1 do PP por Lugo ao Senado, José Manuel Barreiro, participou nun encontro sobre o sector turístico en xeral e o Camiño de Santiago en particular celebrado en Portomarín; e ao que asistiron alcaldes, portavoces e responsables de empresas relacionadas con este ámbito.

En Galicia, as previsións para este verán son similares ás do pasado 2022, cunha ocupación de entre o 70 e o 90% para os meses de xullo e agosto. Concretamente, o turismo rural está a recoller bos niveis de ocupación especialmente nalgunhas zonas como, na nosa provincia, A Ribeira Sacra. De feito, nalgunhas rutas do Camiño de Santiago, o nivel de ocupación alcanza xa o 100%. “É unha clara demostración da incidencia das rutas xacobeas no sector turístico en Galicia”, Ademais, o impacto económico sobre o territorio dun peregrino é maior que o dun turista contribuíndo ao reequilibrio territorial, á xeración de tecido empresarial e á fixación de poboación. En concellos como Portomarín, supón máis do 10% do PIB e un incremento da poboación residente tamén en máis dun 10%. Un impacto económico que se suma ao social, onde tamén é moi positivo, xa que a valoración da contorna natural, a interacción cos peregrinos, a seguridade e a relación cos residentes é elevada, apuntou Conde.

O PP propón para o sector turístico unha estratexia que inclúe a rehabilitación, rexeneración e modernización de destinos e posicionamento de activos turísticos estratéxicos; un Perte ao que ademais se uniría un Plan Renove da hostalería española. Igualmente, o programa electoral do PP recolle a elaboración e desenvolvemento dunha lei turística, dentro das competencias do Estado de planificación económica e con respecto ao principio de cooperación, que sirva de marco legal para o impulso deste sector clave na economía galega, de Lugo e de concellos como Portomarín.

 

 

Lugo Monumental recollerá firmas contra a retirada de zonas verdes no centro

A xornada celebrada onte organizada por Lugo Monumental e na que participaron a Plataforma de veciños do Centro histórico, AdegaLugo e o Colexio de Arquitectos foi, segundo os organizadores “moi informativa e produtiva. As persoas alí congregadas amosaron o seu rexeitamento aos plans municipais para destruír as escasas zonas verdes que quedan no centro histórico e contabilizar como tales macetas e pequenos espazos que realmente non cumpren as funcións dun auténtico xardín”.

A pedimento dunha persoa do público, e tras consultalo cos asociados, Lugo Monumental prepara “unha campaña de recollida de sinaturas para salvar as zonas verdes existentes e mesmo, onde sexa posible, incrementalas. Os lucenses queren árbores, céspede, terra… todo o contrario que as prazas duras e grises que se están facendo no centro histórico. Sirvan como exemplo San Marcos ou Quiroga Ballesteros, dúas contornas en que se substituíron fontes e céspede por laxas ou onde se perdeu a oportunidade de incrementar os xardíns do recinto amurallado. A unanimidade mostrada onte por diversos colectivos (aos que se unión “in situ”
Ecoloxistas en acción”) é proba do rexeitamento que causan estas obras, non porque se peonalice, senón por todo o contrario”. >>Segundo fontes da asociación.

Tamén se puxo sobre a mesa a “falta de diálogo previo desde o Goberno Local, que aprobou estas obras sen sequera facer unha exposición pública ou un debate plenario”. Destacan dende Lugo Monumental. Cabe destacar o “descoñecemento dos proxectos por parte da cidadanía, que ignora por exemplo que se proxecta un carril para vehículos no que agora é a zona verde de Santo Domingo, ou que os vehículos que accedan ao aparcamento de Praza do Ferrol (o máis usado da cidade) seguirano facendo a través de Montevideo e Bolaño Ribadeneira e que para saír farano dando un inexplicable rodeo por diante do centro de saúde e a Porta Falsa, algo que se explica porque o Goberno segue sen expoñer os proxectos na web municipal, aínda que se poden consultar integramente na web www.lugomonumental.es.  Informa Lugo Monumental.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Besteiro reúnese co comite de Alcoa

O número 1 ao Congreso, José Ramón Gómez Besteiro,  mantivo esta mañá unha reunión co Comité de Empresa de Alcoa, no o encontro, estivo acompañado polo secretario dos socialistas galegos Valentín González Formoso, o secretario de Emprego do PSdeG e delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez; e outros líderes da candidatura socialista ao Senado e ao Congreso como César Mogo e Patricia Otero, os socialistas agradeceron ao persoal a súa responsabilidade tanto agora como ao longo de todo a negociación para chegar a unha solución definitiva e asegurar os postos de traballo e as capacidades industriais. O acordo asinado en febreiro recolle a recuperación da actividade a finais de 2025, amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de aluminio, garante un tempo no que a electrólise deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns na planta. Besteiro declarou que  “Na Mariña, Pedro Sánchez garantiu o futuro para Alcoa e Feijóo pechou Vestas. E así de simple”. O candidato socialista, insistiu en que “fronte ao boicot de Feijóo, hoxe continúa a actividade de Alcoa e os postos de traballo grazas ao Goberno de Pedro Sánchez”.

O Tribunal Supremo rebaixa a condena a Liñares por suborno e prevaricación

O Tribunal Supremo rebaixou en medio ano, de cinco a catro e medio a condena ao expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, ademáis de oito anos e medio de inhabilitación, a condena anterior era de dez anos.

A Sala do Penal condenou ao expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil Francisco Félix Fernández Liñares a 4 anos e medio de prisión por un delito continuado de suborno e a 8 anos e medio de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación en relación coa adxudicación de obras a empresarios cos que se puxo de acordo a cambio de diñeiro ou de prestacións de traballo nas súas propiedades.

En síntese, os feitos probados recollen que o condenado contraveu o establecido na Lei do Sector Público que obriga aos órganos de contratación a velar porque todos os licitadores reciban igual trato e a non facilitar, de forma discriminatoria, información que poida dar vantaxes a determinados licitadores con respecto ao resto. Para iso, utilizou o procedemento de adxudicación negociado, que, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, permite contratar obras cuxo valor estimado sexa inferior a un millón de euros e que impón a obrigación de solicitar ofertas polo menos a tres empresas. O acusado conveu cos representantes de varias entidades a adxudicación de determinadas obras a empresas previamente seleccionadas segundo o convido entre o presidente da Confederación Hidrográfica Mino-Sil (CHMS) e os empresarios concorrentes á licitación, de maneira que xa de antemán se coñecía que a adxudicación se faría a favor do prezo máis vantaxoso para a CHMS.

A Sala considera que o recorrente estableceu unha quenda para que os distintos empresarios concertados rotasen en presentar o prezo máis baixo nos sucesivos concursos, de modo que foi adxudicando os diferentes contratos a aqueles empresarios que estivesen dispostos a retribuírlle persoalmente polas adxudicacións. A sentenza, relatorio do maxistrado Pablo Llarena, explica que os feitos probados acreditan a comisión dun delito de prevaricación, debido a que así se construíu “un mecanismo dirixido a socavar os criterios que deben rexer a contratación pública segundo a regulación entón establecida na Lei 30/2007, concretamente os criterios de obxectividade con pleno respecto aos principios de igualdade, non discriminación, transparencia e proporcionalidade, pois non só outorgábanse os contratos ás empresas que chegaran a un acordo co recorrente, senón que o mecanismo, ao controlar a quen se adxudicaba a execución de cada obra, comportaba unha manipulación do prezo que se ía a ofertar como máis favorable e afastábase do que debía resultar da libre concorrencia”. En relación co delito de suborno, o tribunal indica que o relato de feitos probados reflicte claramente a concorrencia do elemento variable do suborno que contempla a previsión específica do artigo 419 entón vixente, concretamente que o agasallo ou retribución derive da realización polo funcionario dun acto constitutivo de delito.

En concreto, -afirma a Sala- o relato de feitos probados expresa que o recorrente, a cambio de diñeiro ou de prestacións de traballo nas súas propiedades, realizaba no proceso de contratación as manipulacións que constitúen o delito de prevaricación. A Sala estima parcialmente o recurso de casación interposto polo condenado contra a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que lle impuxo unha pena de 5 anos de prisión polo delito de suborno e 10 anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un delito continuado de prevaricación. Esa mesma sentenza condenou a 8 empresarios que recoñeceron os feitos dos que estaban acusados a 3 anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un delito continuado de prevaricación. Ademais, 7 deles foron condenados a 1 ano e tres meses de prisión como autores dun delito continuado de suborno e un oitavo a unha multa de 6 euros. A Sala estima o motivo do recurso relativo á vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva do condenado por falta de motivación das penas impostas, o que implica a rebaixa da pena que lle impoñía a Audiencia Provincial de Lugo.

En canto ao delito continuado de suborno -explica a Sala- a sentenza recorrida unicamente expresa cales son os condicionantes normativos da decisión e o marco de punición ao que conducen, sen reflectir ningunha razón concreta que xustifique a exacerbación que lle leva a aplicar unha pena privativa de liberdade e unha pena de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo de 5 anos fronte ao mínimo de 4 anos e 6 meses legalmente previsto para feitos da natureza dos axuizados. Respecto ao delito continuado de prevaricación, afirma que a sentenza recorrida non só esconde calquera razón que xustifique unha individualización da pena máis aló do mínimo legalmente previsto, senón que opera coas penas agravadas que introduciu no artigo 404 do Código penal da Lei 1/2015, que entrou en vigor con posterioridade aos feitos que se enxuizan.

 

Foto:Pixabay

O PP presenta proposta técnica para as escaleiras do nº 16  do Sagrado Corazón

O Partido Popular presentou á veciñanza que reside no número 16 da rúa Sagrado Corazón unha proposta para mellorar a accesibilidade ao seu portal que está situado nun vial que comunica as rúas do Sagrado Corazón e Fontaneira, a vía que linda co peche do antigo colexio do barrio e que ten varios tramos de escaleiras antes de chegar á entrada principal dun edificio onde residen 21 familias.

Segundo os populares “para facer a intervención é preciso levar a cabo unha segregación da parcela e a posterior cesión ao Concello do vial que, segundo figura no PXOM, é vía pública e comunica dúas rúas. Deste xeito, a administración local asumiría a execución de dúas rampas para eliminar as barreiras arquitectónicas que hai na actualidade no paso e que se podería financiar a obra con cargo á partida anual para obras de accesibilidade”.

De rexeitar esta alternativa os veciños do edificio afectado “terían que asumir os gastos do proxecto para facer ramplas nos tramos das escaleiras e tramitar axudas da administración autonómica que financia ata o 60% do importe total”.

A voceira do Grupo Municipal, Elena Candia e o concelleiro Ramón Cabarcos participaron neste encontro promovido pola Asociación veciñal do Sagrado Corazón e coincidiron coa veciñanza na necesidade de  facer unha intervención neste punto “para facilitar o tránsito dos peóns que utilizan esta zona para atravesar dun lado a outro do barrio xa que este paso comunica a rúa Sagrado Corazón coa rúa Fontaneira”.

 

Un morto e dous feridos graves ao arrollar un convoi un turismo en Recimil

Esta mañá sobre as 9.30 horas un tren que saíra minutos da antes da estación de Lugo, arrollou un vehículo que cruzaba neses momentos o paso a nivel de Recimil. Dito paso adoece de barreiras ou sinais que indiqune a proximidade dun convoi circulando polas vías.

Froito da colisión resultou morto o condutor do coche de 21 anos e quedaron feridos graves os dous viaxeiros que o acompañaban. Os feridos foron trasladados ao Hula

 

 

 

Atopan con vida ao septuaxenario que desapareceu onte en Navia de Suarna

Os axentes da Garda Civil, que coordinan o operativo, informaron ao 112 Galicia de que uns veciños atoparon ao home consciente. Segundo indicaban, sufriu unha caída cando estaba a pescar e era incapaz de erguerse.

O 112 Galicia recibiu aviso dos feitos media hora despois da medianoite do luns, cando un familiar do implicado chamou para alertar de que este non retornara a casa tras saír a pescar nun río na zona de Rao, en Navia de Suarna.

De inmediato, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ao seu persoal a bordo dunha ambulancia.

Na busca colaboraron as Agrupacións de Voluntarios de Cervantes e de Negueira de Muñiz, así como a Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

A Xunta cede ao Concello os espazos públicos da terceira fase do polígono das Gándaras

A Xunta de Galicia cedeu hoxe ao Concello de Lugo máis de 20.300 metros cadrados de espazos públicos localizados na terceira fase do parque empresarial das Gándaras, unha vez rematados os traballos de urbanización nesta zona por parte de Xestur.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora municipal, Lara Méndez, formalizaron a cesión esta mañá coa sinatura ante notario das escrituras correspondentes a tres rúas, unha zona de reserva viaria e unha praza pública, cuxo elemento principal é a garita de vixilancia do antigo polvorín, unha construción histórica que foi trasladada pola Xunta con motivo das obras e reconstruída na súa localización actual.

Todos estes espazos pertencen á fase III de desenvolvemento do polígono lucense, na que preto do 65% das 25 parcelas dispoñibles xa están vendidas ou reservadas, tal e
como subliñou a vicepresidenta segunda. De feito, indicou que a semana pasada o consello de administración de Xestur acordou adxudicar 4 parcelas a 3 empresas por un
prezo de venda total de 234.900 euros, descontada xa a bonificación do 50% que aplica a Xunta neste parque.
En concreto, as empresas adxudicatarias destinarán estes terreos a almacenamento de maquinaria e materiais relacionados co sector da construción; a transporte e distribución de gasóleo; e a un taller para a transformación de pedra, mármores e derivados e almacén de granitos, cuarzos e porcelánicos —2 parcelas neste caso—.

Ángeles Vázquez avanzou que se está a traballar nas futuras ampliacións, e que este mesmo ano o seu departamento ten previsto licitar as obras de urbanización correspondentes ás fases IV, V e VII-a, que suman case 220.000 metros cadrados e garantirán a continuidade deste parque, permitindo o asentamento de novas empresas en Lugo.

Xuntanza os candidatos socialistas e Galicia Baleira “para vivir do rural e no rural”

As demandas de Galicia Baleira ecoitaronas hoxe os representantes socialistas no transcurso dunha xuntanza entre a plataforma veciñal e os candidatos e candidatas do PSdG-PSOE ao Congreso e Senado pola provincia de Lugo.

Neste encontro coa xunta directiva de Galicia Baleira, José Ramón Gómez Besteiro o cabeza de lista  ao Congreso declarou “O problema da Galicia Baleirada está aí, somos conscientes e o Goberno de Pedro Sánchez xa está a traballar en aspectos concretos que responden a moitas das demandas desta plataforma veciñal: Banda ancha no 100% da provincia en 2024, un modelo de residencias para maiores sen listas de espera de 2 anos como as da Xunta, unhas pensións dignas e melloras nas  conexións que permitan aos máis novos elixir onde vivir”. O número un ao Congreso polo PSdeG-PSOE por Lugo, realizou esta reflexión na reunión que mantivo esta mañá na Carballeira de Pol con preto dun centenar de membros desta asociación, chegados desde toda a provincia, fronte aos que defendeu un modelo de sociedade “que non deixa a ninguén  atrás”.

Besteiro, acompañado por outros membros da candidatura socialista ao Congreso e ao Senado como César Mogo, Patricia Otero ou Marina Ramudo recibiu o aplauso de Galicia Baleira cuxos representantes destacaron a súa “capacidade de escoita e as súas achegas” fronte ao silencio doutros como Rueda ou Ana Pontón, dos que non sabemos nada a pesar das nosas reiteradas peticións de reunión”.

Asimismo, Besteiro lembrou o apoio de Sánchez a descentralización das administracións  e as institucións “porque, pese a o que queren a dereita e a ulttradereita, non todo ten que pasar por Madrid”.

O candidato rematou a súa intervención pedindo o voto para os socialistas no 23X “porque só nós defendemos un rural no que se poda traballar e vivir”.

 

 

Evacuada ao Hula unha ciclista que caeu da súa bicicleta en Samos

O 112 Galicia recibiu o aviso a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiñan en camiño a dotación a bordo da aeronave.

O suceso produciuse uns minutos antes das dez desta mañá no tramo da estrada entre Samos e Sarria, xa chegando á segunda localidade, e no operativo colaboraron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico. Con todo, a persoa caeu da súa bicicleta sen que houbese outro ou outros vehículos implicados.

Finalmente, e tras recibir os primeiros coidados no lugar do feitos, en Frollais, a ciclista foi trasladada en helicóptero co complexo hospitalario universitario de Lugo (HULA).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com