Novas

O Hula contará con 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na súa contorna

O Concello de Lugo vén de adxudicar esta mañá o contrato que permitirá habilitar 340 novas prazas de estacionamento gratuítas na contorna do Hula.

A Xunta de Goberno Local outorgou os traballos á empresa Excavaciones J.Carreira que agora disporá de 4 meses para construír un novo  aparcadoiro nas inmediacións do centro sanitario.

O recinto ocupará dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 m² con capacidade para máis de 300 vehículos.

Segundo sinalan “haberá unha entrada ao recinto polo extremo Norte, a partir da vía asfaltada, colocando filas dobres de aparcamento en batería paralelas á rúa Doutor Ulises Romero, no caso do predio da dereita; mentres que no da esquerda optouse por distribuír as prazas de forma paralela ao camiño de acceso, conseguindo con esta organización 340 prazas de 5×2’50 metros”.

José Sangiao, candidato do BNG á alcaldía de Rábade

A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego en Rábade elixiu por unanimidade a José Sangiao Saá, xubilado e veciño de Rábade que será o candidato á alcaldía de Rábade.

Sangiao declarou “en primeiro lugar, quero agradecer ás compañeiras e compañeiros que decidiran que eu sexa a persoa que encabece o proxecto do BNG en Rábade, é unha honra, mais entre todas e todos daremos o mellor de nós para que Rábade conte cun novo proxecto que ilusione, xa que outro xeito de gobernar é posíbel”

De igual xeito, o candidato do BNG á alcaldía de Rábade salientou “coas ideas claras, con capacidade e con entusiasmo, potenciaremos os espazos públicos, mellorando o espazo urbano cun modelo máis acaído para as persoas; o modelo BNG de política municipal é mellorar a calidade de vida da veciñanza” e enfatizou ”queremos que as veciñas e veciños de Rábade sintan máis orgullo do seu concello, onde os seus servizos públicos, o seu benestar, a súa contorna formen un conxunto atractivo para poder desenvolver un proxecto de vida aquí, e o BNG é capaz de acadalo”

 

 

O xulgado da vía libre ao derribo do Garañón

Poucas horas despois de ordenar a súa paralización, o xulgado deu vía libre para o derrubamento do Garañón.

Esta mesma maña, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba que debían paralizar as obras de derribo do Garañón logo dun recurso do promotor. Foi o Xulgado Contencioso Administrativo o que ordenou ao Concello que parase as obras de demolición nun escrito remitido ao Concello este luns, pero este mesmo martes, o xulgado desestimou o recurso do promotor e pode reactivarse a súa demolición.

Para o Partido Popular “estamos ante un novo capítulo do maior desastre urbanístico de Lugo e esta última noticia confirma “o engano sen precedentes aos lucenses por parte da alcaldesa de Lugo” poñendo en evidencia que “as decisións dos socialistas en materia urbanística e a súa política á carta déixannos herdanzas envelenadas como estas”

O PP sinala que “tirar o Garañón non é ningún éxito porque a licenza dada por Besteiro e os seus compañeiros de corporación do PSOE está a custarnos, ademais de moitos desgustos, moito diñeiro a todos os veciños e veciñas”

“A parte dos 600.000€ que nos custará o derrubamento das torres, estímase que unha vez que se tiren os edificios das costas do parque
cada lucense teremos que pagar, do noso peto, máis de 200€ por cabeza en concepto de indemnización ao promotor que pide máis de
20M€ pola licenza ilegal que lle deu o PSOE”.

 

O TSXG confirma a condena de 13 anos de cárcere imposta aos pais que maltrataron o seu bebé en Lugo

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a trece anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Lugo aos pais que maltrataron o seu bebé, causándolle “gravísimas” secuelas. O tribunal, xa que logo, rexeitou os recursos presentados polos procesados e corroborou que son autores dun delito de lesións e doutro de malos tratos habituais no ámbito familiar, polo que tamén se lles impuxo a inhabilitación para o exercicio da patria potestade, tutela, curatela, garda ou acollemento durante 15 anos, así como a prohibición de achegarse a menos de 500 metros do menor e de relacionarse con el por calquera medio durante doce anos. Ademais, deberán aboarlle á vítima, a través da persoa ou entidade que teña asumida a súa tutela, 62.408 euros polo tempo de curación das súas lesións e 900.000 euros polas secuelas sufridas.

O TSXG entende probado, do mesmo xeito que os xuíces de primeira instancia, que os acusados, desde que o menor tiña un mes e ata que case tiña tres meses, o agrediron “en reiteradas ocasións, propinándolle golpes e zarandeándoo cando se poñía a chorar”. Como consecuencia das agresións, o 16 de agosto de 2019 tivo que ser ingresado na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e, dada a súa gravidade, foi derivado ao hospital La Paz de Madrid. A Audiencia explicou na sentenza, agora confirmada pola Sala do Civil e Penal do TSXG, que resulta imposible determinar o estado clínico definitivo do menor, posto que pola súa curta idade non se produciu o total desenvolvemento da súa motricidade e capacidades cognitivas, pero subliñou que “si pode asegurarse que mostrará unha perda total da visión do ollo esquerdo e alteración das funcións cerebrais superiores integradas, trastorno da linguaxe e epilepsia”. Ademais, indicou que, “case con total seguridade, requirirá coidados de terceiras persoas en maior ou menor medida durante o resto da súa vida”.

Os xuíces de primeira instancia consideraron probada a existencia dunha conduta dolosa, non imprudente, pois subliñaron que os condenados “non soamente tiveron na súa mente a previsión do resultado, senón que tamén o aceptaron como probable, continuando coa súa acción”. Os recorrentes sinalan, segundo o TSXG, que non quedou probada esa conduta, polo que se vulnerou a súa presunción de inocencia. “A argumentación da recorrente, a pesar do meritorio esforzo dialéctico, non deixa de ser unha apreciación discrepante desde o correcto exercicio do dereito de defensa, que non pode prevalecer fronte ao imparcial criterio da sala, conformado tras as evidencias dos feitos acaecidos no domicilio dos acusados, fronte ao que pouco pode desvalorizar que levasen o neno ás visitas médicas ou que tras a rixidez que presentaba o último día dos feitos o levasen a urxencias”, subliñan os maxistrados do alto tribunal galego na resolución, na que destacan que durante o xuízo “os propios acusados recoñecen que, en momentos puntuais, cando o neno choraba, o zarandeaban para que parase de chorar”. Segundo a súa versión, descoñecían o perigo que iso podería comportar, pero tal alegación, segundo o tribunal, “choca co ditame dos forenses, no sentido de que non teñen ningún tipo de patoloxía que perturbe a súa percepción da realidade, nin as súas posibilidades de coñecemento”, polo que conclúen que comparten coa sentenza da Audiencia que “resulta evidente que eran conscientes de que os golpes ou movementos bruscos e agresivos da cabeza podían dar lugar ás lesións de carácter neurolóxico ou de afectación aos membros orgánicos existentes no cranio no seu conxunto”.

“Temos de concluír que os acusados coñecían os riscos potenciais da súa actuación e que, a pesar diso, desenvolveron a conduta lesiva co seu fillo”, recalcan, á vez que inciden en que o feito de que agrediron o menor en reiteradas ocasións non está exento de proba, “pois a testemuñal e periciais, xunto ao propio recoñecemento dos acusados, sequera estes degraden a gravidade das súas accións, poñen de manifesto que cada vez que o neno choraba, e non lograban calmalo, optaban pola devandita forma agresiva de aplacación”. Ademais, a Sala do Civil e Penal considera “razoable” a argumentación da Audiencia sobre a pena imposta. Os maxistrados consideraron os sospeitosos autores dun delito de lesións do artigo 149 do Código penal e concretaron a pena en dez anos de prisión, “dada a gravidade da conduta despregada e do resultado gravísimo padecido pola vítima, ademais da concorrencia da agravante de parentesco”. En canto ao delito de maltrato no ámbito familiar, o tribunal explicou que optou “pola concreción máxima da pena -tres anos de cárcere-, á vista da reiteración nas condutas agresivas, en contraposición co labor tuitivo que, por esencia, han de desenvolver os pais respecto dos seus fillos”.

O TSXG incide en que a descrición sobre os feitos realizada polos xuíces de primeira instancia “pon en evidencia o clima ou estado habitual de violencia que padeceu a vítima, nunha posición de total indefensión respecto a quen era teórico garante do seu benestar e seguridade”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Os condenados, segundo a sentenza confirmada polo TSXG, tampouco “atenderon debidamente as necesidades do menor, non o mantiveron nas condicións hixiénicas e sanitarias saudables nin cumpriron con algunhas das revisións pediátricas correspondentes ao seu crecemento” e mantiñan o domicilio familiar “en condicións deplorables de falta de hixiene, con acumulación de lixo nas habitacións da vivenda”. A Sala do Civil e Penal recalca que o relato de feitos probados da sentenza “non permite inferir ningún xénero de circunstancia atenuante da responsabilidade penal”, ao mesmo tempo que sinala que quedou acreditado “que o feito de que a vivenda presentase un aspecto propio da síndrome de Dióxenes non afecta a capacidade mental do acusado, que era consciente dos seus actos”.

Contamos-Galicia Sempre

A Plataforma Recortes Cero apoia a candidatura “Contamos-Galicia Sempre”

Recortes Cero ante as eleccións municipais que se van a celebrar o vindeiro 28 de maio de 2023 en Becerreá, Lugo, Sarria, O Corgo, Páramo, Meira, Samos … manifestan o seu apoio activo á candidatura “CONTAMOSGALICIA SEMPRE”, pedindo o voto para as súas candidatas e candidatos e difundindo as súas propostas.

Os punto de colaboración entre as dúas entidades serán:

Difusión activa por parte da organización de Recortes Cero da candidatura de “Contamos-Galicia Sempre”. Colaborando  tamén como apoderados o día das eleccións e contribuíndo a garantir as condicións democráticas da xornada.

Promover o apoio á candidatura a través das súas redes sociais, páxina web e das relacións cos medios de comunicación. Así como utilizando os seus propios medios audiovisuais.

Difundir e promover a candidatura nos seus medios de difusión nacionais e con iniciativas de ámbito nacional chamando a apoiar candidaturas de esquerdas.

Considerar a participación en actos electorais de representantes de Recortes Cero dando o apoio á candidatura

Incluír o Logo de Recortes Cero na propaganda (carteis, folletos…) facendo  mención ao apoio de Recortes Cero, como unha das organizacións que apoia e pide o voto para “Contamos-Galicia Sempre”. E anunciar publicamente o apoio de Recortes Cero á candidatura a través dunha nota de prensa e no acto de presentación da candidatura.

 

 

traballadores do metal

Traballadores do Metal maniféstanse en Lugo e ameazan cunha folga o vindeiro 10 de maio

Centos de traballadores do metal manifestáronse onte polas rúas de Lugo para pedir que se aplique nas súas nóminas a subida do IPC, do contrario ameazan con convocar unha folga o vindeiro 10 de maio.

A manifestación convocada por CC.OO a CIG e UGT saíu do edificio de sindicatos na rolda da muralla ao redor do mediodía de onte e percorreu diferentes rúas da cidade ata chegar a Santo Domingo.

Os traballadores solicitan á patronal que aplique nas súas nóminas a correspondente subida do IPC e que pague os atrasos pendentes, xa que “levan dende o 2021 cos salarios conxelados”.

Bernardo Valdês, candidato do BNG á alcaldía de Cervantes

A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego en Cervantes ven  de elixir  por unanimidade a Bernardo Valdês Paços como candidato á alcaldía de Cervantes. Bernardo Valdês é veciño de San Román de Cervantes e profesor da área de economía agraria na Universidade de Santiago de Compostela.

Bernardo Valdês declarou que “Cervantes é un concello cun gran potencial, con persoas emprendedoras e dinámicas, cun importante patrimonio natural e cultural, cun importante sector agroforestal. O noso concello ten recursos humanos, culturais e naturais que deben ser aproveitados” e destacou” o goberno municipal non pode permanecer pasivo, ten que ter iniciativa para impulsar a actividade económica, para fixar poboación, para ofrecer vivenda, para garantir os servizos públicos de calidade, para atender a todas as nosas parroquias ou para ofrecer actividades de cultura e lecer, entre outros aspectos”

O candidato do BNG á alcaldía agradeceu ás compañeiras e compañeiros o seu apoio “formar parte desta candidatura é un orgullo, somos un grupo de persoas capacitadas, comprometidas co futuro de Cervantes e o benestar da súa veciñanza, e que te elixan democraticamente para encabezar este proxecto política é unha honra”

Por outra banda, Bernardo Valdês destacou que “tras décadas de inacción do goberno municipal, Cervantes precisa dun novo rumbo, un camiño que poña a funcionar este concello e que o faga revitalizar, no que os servizos públicos, o tecido económico e o benestar das persoas sexan a combinación perfecta para desenvolver un proxecto de vida aquí”

 

O PP denuncia o fracaso do goberno da Deputación na xestión das súas residencias

O portavoz dos populares na Deputación, denunciou hoxe que ”o bigoberno provincial leva moitos meses buscando a maneira de librarse da súa rede de residencias, aínda moi lonxe de estar completa. De novo, socialistas e nacionalistas intentan que a Xunta se faga cargo dun servizo que, polo que parece, se ven incapaces de xestionar”. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “a licitación da residencia da Pobra do Brollón é unha total e absoluta tomadura de pelo e unha mostra máis da nefasta xestión polo goberno provincial das residencias”.

Para Castiñeira, “se algo evidencia ese fracaso nas residencias de Tomé é que levan unha moción ao próximo pleno para ceder as residencias á Xunta de Galicia”. Sinala: “Dá a imaxe de que non son capaces de xestionalas; crearon unha rede que non poden manter e non sabe xestionar”.

Os populares destacan que o bigoberno provincial ten “compromisos con concellos que non son capaces de cumprir, como é o caso da Pobra de Brollón”. Engade: “E como este concello hai moitos outros que viron como nesta lexislatura non se cumpriron as previsións de construción de residencias, como poden ser os casos do Courel, Ferreira de Pantón, Guitiriz (estivo parada practicamente dous anos), Ourol e outra moitas, como a de Becerreá, que leva construída máis dun ano e non se pon en funcionamento”.

No PP lamentan “moitísimo a nula xestión de Tomé e comprendemos a todos estes concellos, como o de Portomarín e os doutras localidades, que viron como as promesas feitas no 2019 volven repetirse no 2023”.

 

De Imserso

As vacacións relaxarannos ou non segundo enfrontemos os pequenos acontecementos de cada día, sen sufrir en demasía polos non favorables disfrutando dos placenteiros.

Comezando abril, viaxar a Ibiza gratifica se o tempo axuda e a curiosidade florece, porque unha semana no paraíso libertario doutrora, sen o agobio de multitudes do verán, permite analizar contrastes, disfrutar paisaxes, descubrir recantos e comprobar de novo que camiñar case vagabundeando é perfecto xeito de achegarse á realidade de xentes coma nós, en terras coma a nosa.

Resulta grato comprobar que o efecto balsámico do descanso continuou cando unha avería no avión nos obrigou a oito horas de espera no aeroporto de Ibiza sen a necesaria claridade informativa, o que provocou que unha minoría inquedamente agresiva se volcase de xeito impropio co persoal do aeroporto que intentaba tranquilizalos, con individualidades proclives á protesta que atopaban eco en levantiscos secuaces aos que só lles faltou cantar “A las barricadas!” para caldear o ambiente.

Os da maioría silenciosa gardamos silencio por estimar que vociferando non se consegue nada, por conformismo resignado ou por pensar que nun territorio polo que cada día transitan milleiros de persoas, no que a tecnoloxía goberna, os máis interesados en que todo funcione correctamente son os servidores do complexo servizo,

Tras o descanso forzado, volveu funcionar con precisión matemática tanto o mecanismo do Imserso como o reloxio vital dos que non estamos sentados sobre un barril de pólvora; dos que imos descansar, e conseguímolo

Eolicos

O Tribunal Superior confirma a nulidade do parque eólico do Iribio

Co fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirma a nulidade do parque, xa non hai máis vías posibles para retomar o proxecto do parque eólico de Iribio que se pretendía construír nos concellos de Samos e Triacastela.

A través do Auto de 23 de marzo de 2023, o TSXG resolveu non admitir o último recurso formulado pola promotora FERGO Galicia Vento SL, resolvendo unha vía xudicial iniciada hai máis de tres anos por tres colectivos conservacionistas e ecoloxistas, a  Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza  (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía  (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP). Tras a inicial sentenza do 11 de decembro de 2020 que lles daba a razón aos demandantes e declaraba a nulidade da autorización do parque eólico ao considerar entre outros, caducada a DIA (Declaración de Impacto Ambiental), a mercantil promotora do proxecto expuña dous recursos de casación, o primeiro ante o Tribunal Supremo, que non o admitiu o pasado mes de setembro e o segundo agora ante o propio TSX de Galicia, que o tampouco o admite, o que confirma a imposibilidade de executar este proxecto nuns terreos nos que a propia Xunta de Galicia establecera a prohibición de executar parques eólicos por estar incluídos na Rede Natura 2000.

Un espazo con moitos valores a conservar

A Serra do Iribio sitúase entre os municipios de Triacastela e Samos na provincia de Lugo, constituíndo a estribación máis setentrional do espazo natural do Courel.  Está catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, e agora tamén Reserva da Biosfera, e ten unha riqueza natural moi destacable, ademais de importantes valores etnográficos e culturais. É unha zona de presenza recente de oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie cara ao occidente da súa área de distribución. De feito, entre 2017 e 2020 nesta zona desenvolveuse o proxecto Life Oso Courel co obxectivo de favorecer o asentamento permanente do oso pardo na Serra do Courel, e a convivencia entre os osos e as actividades humanas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com