Novas

“CONTAMOS” nome da coalición que tentará rachar co tripartidismo na Deputación de Lugo

“Contamos” é o nome co que, os alcaldes de Becerreá e Sarria que capitanean os partidos Galicia Sempre e Camiña Sarria, ao que se sumou o Partido Galego, bautizaron a nova coalición electoral, para intentar acadar representación polo Partido Xudicial de Lugo na Deputación.

Ata o momento a coalición “Contamos” presentarase nos concellos de Lugo, Becerreá, Sarria, Samos e O Páramo. Neste último concello será o anterior alcalde Gumersindo Rodríguez (Sindo) o representante da coalición.

Segundo puido saber este xornal,  estanse a negociar candidaturas en, polo menos, outros tres concellos máis, todos no Partido Xudicial de Lugo, o que podería cambiar a representación dos partidos no ente provincial.

Tanto o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, como o de Becerreá, Manuel Martínez, teñen declarado que “o motivo de formar esta coalición non é outro que buscar a formula para solucionar a  discriminación que están a sufrir os seus concellos por parte do Psoe e do Bng” partidos que gobernan o ente provincial. Segundo as súas declaracións, os seus concellos non recibiron investimento algún nos últimos catro anos por parte da Deputación de Lugo e “a nosa veciñanza non ten porque estar discriminada por non votar aos partidos que gobernan a Deputación de Lugo”.

Os fondos que chegaron as arcas municipais proceden do Plan Único que se transfiren aos concellos dende a Deputación de forma obrigatoria.

É de destacar o caso da residencia de Becerreá que leva máis dun ano rematada e sen abrir, o que causa graves prexuízos á cidadanía da comarca deste concello da montaña luguesa.

Hoxe ás seis da tarde representantes da coalición formalizarán a inscrición diante da xunta electoral.

Arde na súa totalidade unha nave de reciclaxe en Vilalba

O 112 Galicia recibiu a alerta deste incendio ás 18:00 horas desta tarde, a través dun particular.

Segundo a información recollida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, a nave de reciclaxe situada no Polígono Industrial Sete Pontes, en Vilalba, ardeu na súa totalidade e, nestes momentos, os servizos de emerxencia protexen outras dúas instalacións lindeiras, na rúa do Acibro, sen que se producisen danos persoais.

Nada máis recibir a alerta dos feitos, desde o 112 Galicia activouse un operativo para atallar o incendio. Os Bombeiros de Vilalba, Barreiros, Eume, Sarria e Lugo acudiron ao lugar, así como os efectivos do GES de Monterroso e de Friol-Palas, o Servizo Municipal de Protección Civil de Vilalba, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, os axentes da Garda Civil e da Policía Local, medios do distrito forestal da zona, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de emerxencias (AXEGA), que enviou un semi remolque de iluminación para colaborar cos medios desprazados. Tamén, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento das autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) para garantir a coordinación entre os organismos mobilizados e facer fronte a esta situación de risco.

Presentado o Plan: Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente

Hoxe presentouse na Ribeira de Piquín o plan “Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente” que este plan “comprende tres liñas principais de actuación que consisten na creación dun Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social, un proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria  dirixida ás persoas maiores e a promoción de vivenda de alugueiro para fixar poboación”.

A presentación asistiron, entre outras autoridades, a Sudelegada do goberbo Isabel Rodríguez e o delegado da Xunta en Lugo Javier Arias. No trancurso da presentación a subdelegada subliñou a “necesidade de desenvolver proxectos de innovación social na provincia para facer fronte ao despoboamento do medio rural. “Dende as administracións é urxente traballar para dar resposta a unha responsabilidade común como é o reto demográfico, por iso debemos contribuír ao reequilibrio territorial e garantir a igualdade de oportunidades para que as persoas que viven no medio rural sigan vivindo del, ao tempo que atraemos e asentamos nova poboación nas nosas vilas”.

Pola súa banda o delegado da Xunta explicou que tanto este como outras iniciativas desenvolvidas polo GDR están orientadas “a xerar novas oportunidades de negocio e de emprego así como infraestruturas e dotacións nos trece concellos que conforman o seu ámbito de actuación”.

Arias tamén sinalou que “a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural traballa na  creación e desenvolvemento de proxectos produtivos no rural, a mellora de infraestruturas, ou a ordenación e mobilización de terras.

Este plan auspiciado pola FEGAMP a Xunta e o GDR, ten como principal obxectivo a transformación das aldeas e vilas desta zona da provincia en espazos para a vida, o emprego e a autonomía da comarca”. Este  GDR abarca os municipios da Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara y Pedrafita do Cebreiro.

Por último, a subdelegada advertiu que reverter décadas de concentración urbana e de abandono rural é un proceso longo e complexo que require impactos de transformación urxente e iniciativas que calen no tempo. “Por iso é a hora de sumar entre todos, de traballar máis e máis rápido, para aproveitar os recursos dos que dispoñemos”, apuntou.

 

María Xesús López será a candidata dos nacionalistas Samos

O vindeiro sábado, 15 de abril, ás 20:30 horas no restaurate Aira Padrón, terá lugar a presentación da candidata do BNG a alcaldía de Samos que será de novo, a actual concelleira e portavoz municipal María Xesús López “Chus”

María Xesús López declarou “convidamos a todas e a todos a que participen neste acto para que coñezan as persoas que imos na candidatura e coñeza de primeira man as propostas en positivo e de futuro para a veciñanza e deixar de lado as inquedanzas personalistas e sen rigor”

A candidata do BNG á alcaldía de Samos destacou que a candidatura que lidera vai a por todas “estamos covencidas en que Samos ten moito que gañar, con confianza e ambición de conseguir un concello máis xusto e plenamente desenvolvido, e o único proxecto que se presenta ás eleccións deste 28 de maio con ese obxectivo é a candidatura do BNG”, concluíu.

Candia apoia a aprobación do 5% do PXOM

A candidata do PP espera que a incorporación na orde do día da aprobación do proxecto de revisión do PXOM “peche, por fin, o capítulo de despropósitos da tramitación do documento urbanístico máis importante que ten o municipio”.

A popular espera que , polo ben da cidadanía, este anuncio se materialice o máis pronto posible xa que, durante anos, pola falta de traballo e a política de confrontación dunha parte do goberno, e polo negacionismo da outra pata do bipartito, se frearon moitos proxectos de vida nos núcleos da zona rural afectados polo 5% pendente de aprobación.

“Levamos moitos meses perdidos” en alusión a que dende o Grupo Municipal do PP reclamaron, en reiteradas ocasións, que se axilizase este trámite logo de que en setembro a Xunta emitise o informe pertinente. “É unha mágoa que esperen para sacar un titular o máis pegado posible ás eleccións municipais” matizando que “non lles interesan os problemas da veciñanza senón sacar un rétito político dunha situación cuxo desbloqueo estaba nas súas mans”.

Por último a popular manifestou que el Partido Popular “si está la documentación correcta aprobará este documento  por responsabilidade e coherencia”.

Lugo Monumental expón unha alternativa ao disparatado plan de desviar o tráfico pola Rúanova

A Asociación pide que se reformule a obra para modificar as dúas fases que xa se van a facer, usando alternativamente Montevideo e Bolaño Rivadeneira nunha fase e San Fernando como dobre dirección na outra para acceder ao centro sen prexudicar á zona nin poñer en perigo peóns e negocios.

  • Lugo Monumental acusa o goberno de precipitación pola proximidade das eleccións, de non querer instalar unha rotonda en San Fernando porque demostraría que as formulacións da Asociación son os correctos e de deseñar cun alto risco para os peóns e gravísimos prexuízos para os comerciantes.
  • A porta da Rúanova é demasiado estreita como para garantir o paso de todo o tránsito rodado desa zona do centro histórico con seguridade para os peóns ao non poder separarse ambos os tráficos. Lugo Monumental considera un auténtico disparate o plan municipal de desviar o tráfico pola Porta da Rúanova e a rúa do mesmo nome, algo que escandalizou aos residentes e comerciantes da zona e que lles preocupa enormemente polas repercusións.

A estreiteza desa porta da Muralla, na que ademais hai un acceso ao adarve, impide garantir a seguridade dos viandantes ao pasar por alí todo o tráfico da zona que sería, entre outros, o seguinte:

  • Os usuarios do aparcamento subterráneo e do situado tras o hospital Ollos Grandes, • residentes, • traballadores da Deputación, • vehículos que levarán aos nenos aos dous colexios da zona, • usuarios do centro de saúde e ambulancias, • camións de repartición, • camións de lixo, • autobuses urbanos…

Dende Lugo Monumental xa se pediu a paralización dos proxectos por ser deseñados desde o escurantismo e sen publicidade nin participación. De feito seguen ausentes da web municipal, onde non se poden consultar os devanditos proxectos salvo que se acuda á intrincada páxina de contratación do Estado (web allea á do Concello de Lugo). En todo caso, os interesados poden consultar os proxectos na web de Lugo Monumental, onde están visibles con claridade e pódense descargar para ver a absurda organización do tráfico que se expón. Os veciños e comercios da zona veranse seriamente prexudicados por esta acción. Ademais, a asociación considera unha verdadeira temeridade desviar todo este tráfico por unha rúa peonil como é a Rúanova, en que non hai beirarrúas nin espazo suficiente como para garantir a seguridade dos usuarios e responsabiliza ao Concello de calquera sinistro que se poida producir, principalmente porque hai unha alternativa moitísimo máis sinxela.

A proposta de Lugo Monumental: O lóxico, na opinión da Asociación, sería reformular os traballos para acceder á zona de forma segura por Montevideo e Bolaño Rivadeneira nunha fase e por San Fernando na outra da seguinte maneira: Primeira fase: Execución dos traballos da zona de Praza Ferrol e San Fernando. Durante esas obras accederíase á zona por Montevideo e Bolaño Rivadeneira, que teñen anchura suficiente como para facer dous carrís, un de subida e outro de baixada. De feito xa existen só que un deles úsase como carril-bus. Segunda fase: Sería xusto a inversa. Traballaríase en Montevideo e Bolaño Rivadeneira mentres se accedería ao centro histórico por San Fernando, que se convertería en dobre dirección de entrada e saída, solucionando a ligazón coa Rolda e Avenida da Coruña mediante unha rotonda provisional, que a Asociación xa propuxo desde o principio converter en definitiva.

A postura do goberno municipal non é crible: Xa na reunión convocada o luns cos veciños e comerciantes da zona, o Presidente da Asociación propuxo esta solución, que a alcaldesa descartou de inmediato alegando supostos “criterios técnicos”, o que é falso porque se trata dunha decisión política. A Alcaldesa afirmou que a rotonda de San Fernando non é viable. Sorprendentemente esa información non é certa e a rotonda non só é factible senón que o propio equipo de Lara Méndez anunciouna no seu día. En xaneiro do ano 2018 o concelleiro Manuel Núñez indicou que, con cargo ao plan de barrios, executaríase esa rotonda. Afirmaba entón o goberno que os servizos técnicos municipais deran o visto e prace ao proxecto polo que sorprende que agora cambien o seu discurso. A interpretación: Desde Lugo Monumental considérase que en realidade o Goberno Local non quere facer esa rotonda provisional porque sería moi difícil explicar a súa retirada cando se culminase o disparatado plan de “peonalización” que expuxo o goberno e que manterá todo o tráfico por Montevideo e Bolaño Rivadeneira en lugar de converter San Fernando en vía de entrada e saída, reducindo os traxectos no recinto amurallado como propuxo Lugo Monumental.

Desde a Asociación, unha vez máis, solicitamos ao Goberno a paralización duns proxectos que non teñen sentido nin na súa execución nin na súa culminación, e que se abra un proceso de participación e consulta cos afectados, algo que brillou pola súa ausencia desde o principio da tramitación duns proxectos que nin sequera tiveron exposición pública.

Lugo Monumental.

 

As piscinas “Caldas do Miño” rebaixan a súa temperatura a 30 graos para cumplir coa normativa

Os inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia levaron a cabo esta mañá unha inspección nas piscinas ‘Caldas do Miño’ e comprobaron que o Concello de Lugo cumpriu coa esixencia de rebaixar a temperatura da auga da piscina a 30 graos, adaptándose así ao estipulado no Real Decreto de Piscinas, o que permite a súa vez garantir as condicións hixiénico sanitarias.

En días pasados os inspectores de Saúde Pública constataron que a auga das piscinas estaba a máis de 36 graos de temperatura, algo que só se permite para augas termais ou minerais, no caso de caldas medicinais, ou a 36 graos no caso de hidromasaxes.

Na inspección desta mañá comprobouse a rebaixa da temperatura da auga e tamén se detectaron incumprimentos que deberán corrixir, como é a obrigatoriedade de que a instalación estea dada de alta no Siloe, Sistema de Información sobre Piscinas, do Ministerio de Sanidad; a falta de información aos usuarios e a abundancia de cloro nun dos vasos. Co obxectivo de que o Concello corrixa estes erros, Saúde Pública realizará un requeremento ademais de posteriores inspeccións para garantir o cumprimento de todas estas esixencias, tal e como se fai con calquera instalación deste tipo.

Cambiarás de muiñeiro…

O trato que recibimos das grandes compañías pode que non encaixe na definición de piratería, á que poderían dar leccións. Esaxero se comparo a estas entidades con piratas pero se Naturgy me cobrou mensualmente dous recibos por mantemento de gas e electricidade, cando deixei de ser cliente hai un par de anos, algo de pirateo observo, ademais – iso si – de deixación pola miña parte por non preguntar antes por cargos periódicos sen explicación algunha, que por ser pequenos pasaban desapercibidos. Pois resulta que alegan que poido seguir tendo o mantemento cunha compañía aínda que a deixase por outra.

Funme de Naturgy a Iberdrola e o trato ven sendo correcto na electricidade, pero non sei se chorar ou berrar polo que me fixeron no gas. Foi por maio do ano pasado que Iberdrola me multiplicou por catro o prezo, e en vez de decirmo claramente aumentou a cuota mensual un cen por cento, calculando a ollo o consumo sen revisar o contador, sorprendéndome agora cunha factura que expresada en pesetas supera o importe dun coche que comprei xa sendo maior.

Acudo á empresa e cámbianme a tarifa, indicándome que seguro me comunicaron os novos prezos por correo electrónico, que tivo que ser dun xeito para o que nin os anos nin a experiencia me teñen preparado.

Non será un roubo – dous, neste caso –, pero tampouco conducta normal, de igualdade, senón pillería abusiva. Iso si: desde agora analizarei con ollo miope cada comunicación e factura que reciba. E cada ano revisarei condicións, ofertas, e non serei amigo de ninguén, que na piratería non hai amigos. O sabio refraneiro teno moi claro: Cambiarás de muiñeiro.. pero non de ladrón.

Xulio Xiz.

 

Nova multa de 60.000 euros ao Concello de Abadín pola depuradora

Os socialistas de Abadín denuncian que “o Alcalde de Abadín vén de recibir unha multa da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que ascende a 60.000 euros polo mal funcionamento da depuradora. Unha elevada contía que temos que pagar con cartos de toda á veciñanza, pola incompetencia política de todo o Goberno do PP de Abadín”.

Segundo o voceiro socialista na localidade, Pablo Díaz, “trala celebración da última sesión plenaria, na que o secretario municipal informou dunha nova multa ao Concello de 60.000 euros por conducta reiterativa infractora, debido ás numerosas sancións que se lle aplicaron anteriormente e ás que o concello fixo caso omiso”.

Os socialistas lembran que rexistraron diversas iniciativas no Pleno solicitando “o arranxo desta dotación prioritaria e imprescindible para toda a veciñanza, e así non seguir pagando multas, pero sempre nos atopamos coa negativa por resposta”. Incidiu Pablo Díaz.

No ano 2020, o Concello de Abadín xa pagou máis de 7.000 euros de multa polos vertidos do río debido ao mal funcionamento das depuradoras e as fosas sépticas en Abadín ou en Espiñarcao.

“As explicacións do Alcalde diante desta nova infracción é alegar: “eu non sei nada”. Pois senón sabe nada o mellor é que se vaia para a casa, porque para gobernar un Concello hai que ter ganas de traballar”.  Concluíu Pablo Díaz.

 

Novos horarios dos puntos de vacinación Covid a partir do 10 de abril

A Consellería de Sanidade informa que, a partir do 10 de abril, establécense novos horarios nos puntos de vacinación covid. O departamento sanitario galego lembra que é importante facer o proceso de xestión da cita previa antes de ir aos puntos de vacinación, para que as persoas que acudan non teñan que agardar. Pode facerse a través da aplicación Sergas Móbil.

Os novos lugares e horarios pódense consultar no seguinte enderezo: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Vacinacion-Covid-OC

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recorda que os puntos de vacinación seguirán abertos con novos horarios para aquelas persoas que lles falte por administrar algunha dose desta vacina.

Cómpre remarcar que, con datos de vacinación a 24 de febreiro (último actualizado polo Ministerio de Sanidade), Galicia segue de primeira no conxunto do Estado en porcentaxe de vacinación con dosis de recordo en maiores de 80 anos, cun 87,64%; en 70-79, cun 83,67 %, e en 60-69, cun 74,44%.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com