Novas

En Si, hai saída celebramos o noso 9º aniversario

A Asociación Si, hai saída, no seu aniversario, agradece os apoios recibidos nestes anos e manifesta a súa preocupación ante o evidente e alarmante aumento da violencia de xénero, a cada vez maior desprotección das vítimas, así como da utilización que se está a facer desta gravísima lacra.

Nove anos xa desde aquela tarde do 2014 na que comezamos unha andaina que xa intuíamos difícil, dura, pero tamén cargada de ilusións, e, por riba de todo, de fe, de moita fe, na loita que íamos emprender.

Moi poucos apostaron entón por nos, e, en certo modo, entendíamos que así fora.

Eramos uns completos descoñecidos que non tiñamos mais mérito, se se lle pode chamar así, que os nosos desexos de poñer o noso grao de area, por pequeno que fora, na loita contra a violencia machista, tentando axudar, dun xeito totalmente altruísta, sen remuneración ningunha, a canta muller vítima de violencia de xénero se achegara a nos, asesorándoas, escoitándoas, e, por riba de todo, acompañándoas nese proceso tan duro de tentar rachar cos seus verdugos, e tamén, por suposto, colaborando en canto estivera nas nosas mans con outros colectivos que se dedicaban ao mesmo e que, teoricamente, compartían os nosos obxectivos.

Por desgraza, pronto descubrimos, con abraio primeiro, e con moita mágoa despois, que para nada era así, e que o noso xeito de traballar, totalmente desinteresado e que se axustaba literalmente a ese “sen ánimo de lucro” , non soamente non sempre era entendido, e menos aínda compartido, se non que era motivo de rexeitamento e de que se nos mirara con desconfianza e nos choveran as críticas dun círculo que, aínda sen coñecernos, se estreitaba mais cada día, ata pecharse por completo e asegurarse de deixarnos fora, malia que sempre manifestamos claramente, como aínda seguimos a facelo, a nosa disposición a brindar o noso apoio en canto puidera servir de axuda, algo que lamentamos, xa que entendemos que as maiores beneficiadas desa unión de esforzos serían as propias vítimas, pero que, por suposto, respectamos.

Tampouco o feito de non definirnos politicamente, a nosa independencia, deixou de pasarnos factura, por mais que, en todo momento, manifestamos a nosa disposición a axudar, a aportar a nosa experiencia, independentemente de cores políticos, entendendo que podería servir de axuda a hora de tentar mellorar a atención as vítimas da violencia machista dado o noso traballo de campo cotián con elas, o que fai que coñezamos de primeira man a súa dura realidade, as súas necesidades, os seus medos, pero, lamentablemente, unha vez comprobaban que a nosa intención de non involucrarnos políticamente era real e firme, tras un aparente achegamento inicial, eramos, dun xeito mais ou menos sutil, empurrados a cuneta.

Tiñamos, a cambio, o apoio, imprescindible, de eidos tan importantes nesta loita como o policial, o xudicial, e o legal, que contribuíron a que puidéramos levar a cabo unha labor difícil, si, pero enormemente gratificante.

Foron moitas as vivencias e o aprendizaxe vividos nestes anos.

Vimos, ao noso carón, a moitas mulleres as que, cos apoios nomeados, puidemos axudar a saír do inferno.

Tivemos a enorme satisfacción de ver como a gran maioría delas emprenderon unha vida nova, sen medo, e coa dignidade a que teñen todo o dereito.

Vimos medrar a nenas e nenos aos que coñecimos, nalgún caso, sendo bebés, e que moitos deles, hoxe case preadolescentes, aínda se lembran de nos, e aos que que nos, pola nosa banda, levaremos no corazón xa para sempre.

Outros, un chisco mais grandes, seguiron, como é lóxico, diferentes camiños, pero sen esquecernos, nin nos, por suposto, os esquecemos , e, de cando en vez, temos noticias que nos emocionan tanto como, por poñer un exemplo, a que nos chegou hai tan so uns días de que unha rapaza, despois de achegarse da man da súa nai a Si, hai saída nos nosos primeiros anos, e lembrando a sua experiencia, optou por encamiñar os seus estudos ao Dereito, coa intención de centrarse, principalmente, en violencia de xénero…Que maior premio pode haber?.

Non todos foron éxitos, por suposto, e, así mesmo, vimos con gran tristura como algunhas mulleres volveron cos seus agresores, nalgún caso por falta de recursos para continuar o seu camiño lonxe deles, noutros por un mal entendido amor que non é se non unha malsana dependencia emocional, ou, sinxelamente, polos atrancos burocráticos, administrativos, etc, etc, que lles fai case imposible solventar, aínda con axuda, a sua situación.

Tamén cometemos erros, evidentemente. Somos humanos, e, como tales , fallamos moitas veces, pero tentamos corrixilos, aprender, pedir perdón se é preciso, e continuar adiante.

De todo houbo, pois, como se pode ver, nestes 9 anos.

Risas, bágoas, días moi felices, como foi aquel de hai xa case cinco anos no que recollemos o premio Meninas, malia que o noso maior premio, como xa dixen, foi, é, e seguirá sendo, poder axudar a devolver algún sorriso.

Épocas moi difíciles, como foi a pandemia, que fomos tentando sobrelevar como boamente puidemos, pero que vivimos, sobre todo, cunha enorme impotencia e moito medo sabendo que algunhas das nosas amigas estaban confinadas cos seus agresores, sen poder comunicarnos con elas, xa que unha sinxela chamada, unha mensaxe, podería ser a súa sentencia de morte no caso de ser vistas polos seus maltratadores.

Por todo isto, desde Si, hai saída, desexamos, neste noveno aniversario, manifestar o noso emocionado e sincero agradecemento a cantos, malia todo, continúan brindándonos o seu apoio, e tentando sortear as pedras que nos van deixando no camiño aqueles que, aínda sen coñecernos,decidiron retirarnos o que nos prestaban os seus antecesores.

Non cremos merecelo, pero, por suposto, como non podería ser menos, o respectamos, e sempre sen caer na descualificación e moito menos nas inxurias.

Mandar obxectivamente non é doado, e non todo o mundo con poder é sempre quen de exercelo de xeito coherente e xusto.

Non imos aos primeiros, a nomealos un por un, porque, sen dúbida esqueceríamos algún e non sería xusto, pero a todos e a todas vos, desde, como xa dixemos, o eido xudicial, o legal, do ensino, medios de comunicación, etc, etc, e, por riba de todo, a vos, mulleres, que vos achegades a nos, brindándonos a vosa confianza, poñendo, moitas veces, as vosas vidas nas nosas mans, grazas de todo corazón.

Non imos prometervos milagres, nin solucións máxicas, pero si seguir loitando con todas as nosas forzas, con renovada fe cada día, pese a quen pese, tentando corrixir os nosos erros, e, por suposto, fieis a que foi, desde o primeiro día no que botamos a andar, a nosa premisa:

Nunca, e repito, nunca, faremos, da dor, negocio.

Asociación Si, hai saída

Hoxe, tamén Día da Muller

Hoxe, 21 de marzo, tamén é o Día que primeiro foi “Día da muller traballadora” e logo evoluiu a “Día da muller”. “Muller traballadora” é unha redundancia porque, traballadora por natureza, moitas veces o fai por partida doble – na profesión e na casa – co que ten que esforzarse doblemente en tanto chega a igualdade no fogar.

Sabendo que a igualdade é carreira de fondo, moito se ten andado nesta consideración no tempo do que temos memoria, pero moito queda por camiñar, se ben as portas están abertas e, malia os atrancos, o único camiño posible é o que estamos a percorrer.

Porque o camiño certo é o da normalidade progresiva, o da igualdade na casa e no traballo, nos estudos e na familia, sendo erróneas tanto as estridencias trasnoitadas por defecto como algúns aceleróns políticos, feitos para a galería ou para rachar moldes sen considerar que é mellor a evolución que a revolución para convencer e facer os avances consistentes e duradeiros.

E o espectáculo no Congreso, para tentar solucionar o desastre da nova normativa contra as agresións ás mulleres, roza o esperpento co Psoe tentando reparar o dano, os responsables á contra, e os conservadores apoiando algo no que, no fondo, todos temos que concordar.

Hoxe – e mañá, e pasado… – é tamén o Día da Muller, non porque sexan a metade do mundo senón por ser puntais da sociedade e da familia; por superar aos homes en constancia, traballo e responsabilidade. Se ser feminista é considerar á muller igual ca o home; auténtico sexo forte, exemplo de vida, quen non sexa feminista carece de “sentidiño”; que en nós é a quinta esencia do “sentido común”.

A subdelegada entrega os carnets de Ciberexpert@ a escolares de Lugo

“Un de cada cinco delitos que se cometen en Galicia son telemáticos, de aí a importancia de fomentar entre os mozos e mozas un uso responsable das redes sociais, protexendo sempre os seus datos e a súa intimidade”, advertiu a subdelegada do goberno, durante a entrega de carnets a 18 alumnos do CEIP Plurilingüe Benigno Quiroga Ballesteros, en Lugo, que participaron no curso de Ciberexpert@ impartido pola Policía Nacional.

Isabel Rodríguez felicitou a todos os nenos e nenas e destacou a necesidade de concienciar aos menores, nativos dixitais, dos perigos aos que se expoñen nas redes e facilitarlles ferramentas para unha boa xestión da súa información. No acto tamén participaron o delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e a directora do centro, Marta Randulfe.

Rodríguez informou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil están a facer un gran labor educativo nesta materia ofrecendo charlas nos centros educativos da provincia. Un deses programas de formación é o Ciberexpert@, que imparte a Policía Nacional e que chegará a 350 alumnos de 6º de primaria do concello de Lugo, con charlas en varias xornadas.

Co desenvolvemento desta iniciativa, a Policía Nacional trata de sensibilizar e formar aos menores co obxectivo de minimizar os riscos que poden atopar no uso cotidiano das TIC. Tamén se pretende familiarizar aos menores e á súa contorna educativa e familiar no uso de ferramentas para unha navegación máis segura e capacitar aos escolares no uso responsable das redes sociais.

Durante este curso, participaron nesta formación o alumnado do CEIP Sagrado Corazón, CEIP Manuel Mallo Mallo, CEIP Quiroga Ballesteros, CPR Salesianos, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Casás e CEIP Illa Verde. Ademais, para as próximas semanas están programadas sesións no CEIP de Albeiros y CEIP A Ponte. En total, escolares de 9 centros lucenses recibirán formación de identidade dixital, redes sociais, suplantación de identidade, ciberacoso, sexting, grooming e tecnoadicións, entre outras.

A Real Academia Galega estrea a serie documental web “Francisco Fernández del Riego. O que nunca se rendeu”

A Real Academia Galega estrea hoxe na súa canle de Youtube o primeiro episodio da serie web documental que lle dedica ao protagonista do Día das Letras Galegas 2023. “Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu” arrinca co capítulo titulado “As luces primeiras”, centrado na infancia do intelectual en Lourenzá e os primeiros anos da mocidade. A produción audiovisual percorre en seis entregas a traxectoria vital de quen foi unha figura central da resistencia cultural do galeguismo despois da guerra civil, cofundador da editorial Galaxia, ponte entre a xeración Nós e as vindeiras, tamén entre o exilio interior e a diáspora en América, presidente da RAG e impulsor de moitas outras iniciativas que procuraron a recuperación da lingua e a identidade de Galicia en tempos escuros.

Cada luns estrearase un novo capítulo sobre a vida dun home cunha extraordinaria capacidade intelectual e de traballo que, como reflicte o título da serie, nunca claudicou. “Francisco Fernández del Riego foi un grande activista da cultura galega e de Galicia que nunca se rendeu. Dalgún xeito, todos somos fillos del e doutros membros da súa xeración que, en tempos certamente adversos, traballaron arreo na defensa da lingua e da cultura de noso e nos permitiron ser o que hoxe somos”, salienta o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes.

“Ao longo dos seis episodios coñecemos un Francisco Fernández del Riego que non deixa de abraiarnos pola súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade. Como di o seu biógrafo Manuel Román, en Lourenzá, lugar que o viu nacer, mamou a lingua e a cultura, pero o seu grande amor foi Galicia”, explica Belén Rivero. A limiá é a guionista da serie, realizada para a Academia pola produtora Miramemira baixo a dirección do lugués Damián Valera. A produción conta co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Lugo Monumental propón a creación dun gran parking nunha parcela da rúa Castelao

Lugo Monumental remitirá no día de hoxe unha proposta ao Concello, a Xunta de Galicia e a Subdelegación do Goberno para que se estude a creación dun gran aparcamento na parcela que existe entre os números 21 e 37 da rúa Castelao.

Esta proposta foi reiterada durante anos por diferentes fontes, pero a novidade que achega a Asociación é “a de considerar a construción dun estacionamento en altura, que podería achegar máis de 650 prazas facendo un cálculo conservador”.

Dende Lugo Monumental sinalan que “estruturas similares como a que Anrotech realizou para Inditex e Goa Invest, con 12.064 metros construídos distribuídos en planta baixa e dous adicionais, obtiveron 714 prazas. Os cálculos usados pola Asociación prevén uns 17.000 metros cadrados e asignan máis espazo a cada praza polo que poderían obterse máis de 650 aparcamentos”.

O estudo realizado por Lugo Monumental analiza “as características da parcela, a diferenza de cotas entre as rúas Miguel de Cervantes e Rolda Muralla e utiliza esa circunstancia para expor unha estrutura vertical que resolva o aproveitamento do solar, cuxa adquisición sería custosa pero que desta forma rendibilizaríase”.

Ademais, dende a asociación sinalan que “poderíase aproveitar a estrutura para resolver outro problema: a conexión do centro histórico coa estación de ferrocarril, algo importante sobre todo se chega a cristalizar o proxecto de estación intermodal asinado o venres en Lugo”.

Podemos-Esquerda Unida denuncian o estado de abandono da zona de Camiño das Regas

Podemos-Esquerda Unida mantiveron nos pasados días un encontro con veciñas e veciños da zona de Camiño das Regas, para coñecer de primeira man as súas demandas e queixas “polo estado de abandono no que se encontran as rúas, así como a súa contorna que supón unha zona destacada de humedáis con diversas especies de fauna, e que dende hai anos o Concello deixou en malas condicións, trala realización de obras na zona”.

Chus Rodríguez, candidata á Alcaldía, xunto á tamén candidata Ximena Cheda, puideron observar in situ “a falta de convservación das rúas, con multitud de baches e fochancas, e sen un asfaltado adecuado, que dificultan a circulación de vehículos pola zona”; cabe destacar o “caso dunha persoa cunha discapacidade veciña da zona que ten dificultades para ser recollida no seu domicilio polo difícil acceso do vehículo que a traslada a un centro de día”, sinalan.

Según manifesta a cabeza de lista da coalición, Chus Rodríguez, “reclamamos ao Concello que acondicione a zona e dote dos servizos axeitados a veciñanza que alí vive. É inadmisible que o Concello se atope nunha carreira de fondo por pavimentar e peatonalizar rúas do casco urbán da cidade, mentres abandona outras zonas que precisan dunha conservación e dotacións urxentes”.

Semana da Administración Aberta 2023 na UNED

A Subdelegación do Goberno en Lugo organiza con motivo da “Semana da Administración Aberta 2023” unha programación de actividades que teñen como principal obxectivo achegar a Administración á sociedade lucense. Esta iniciativa, que este ano se celebra do 20 ao 24 de marzo, está impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) e organizada en España polo Ministerio de Política Territorial. Con estas accións, o Goberno quere que a cidadanía coñeza de preto o funcionamento das súas institucións públicas, ademais de promover os valores da transparencia e a rendición de contas, a participación cidadá, a colaboración e a integridade no servizo público.

Desta maneira, a Subdelegación impartirá, coa colaboración da UNED de Lugo, o Seminario “A Administración a un clic, no teu móbil”, dirixido ao alumnado do centro universitario lucense. A xornada contará con intervencións dos técnicos da Subdelegación que explicarán o catálogo de servizos que ofrece na actualidade o organismo, centrándose no certificado dixital, a cl@ve, a carpeta cidadá e o programa A Adminsitración cerca de Ti, entre outros. A charla celebrarase na sede da UNED en Lugo o vindeiro mércores, 22 de marzo, ás 11:30 horas.

Así mesmo, enmarcada na “Semana da Administración Aberta 2023”, a Subdelegación organiza o venres, 24 de marzo, unha Xornada de portas abertas para toda a cidadanía. Durante a cita, funcionarios do organismo estatal realizarán percorridos divulgativos nos que se darán a coñecer tanto as principais oficinas e salas do edificio da Subdelegación como os servizos que ofrece e as súas competencias, abordando os trámites e xestións máis demandados polos veciños e veciñas na provincia, tales como o rexistro de documentos, a homologación de títulos académicos, todo o relativo á oficina de estranxeiría ou o asesoramento en vacinación para viaxes fóra do país.

 

A Audiencia de Lugo condena a prisión permanente revisable á muller que asasinou á súa filla en Muimenta

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable á veciña de Muimenta que asasinou á súa filla de sete anos durante a madrugada do 3 de maio de 2019. O xurado descartou que tivese afectadas as súas facultades mentais e concluíu que matou a menor “de maneira querida e premeditada”. Así, considerou probado que, coa finalidade de acabar coa vida da súa filla, cando estaba na cama con ela, pois durmían xuntas, subministroulle un fármaco con efectos sedantes e, seguidamente, “asfixiouna coas súas propias mans, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había na habitación -un coxín-”.

A vítima, segundo a sentenza, careceu de calquera posibilidade “de reaccionar ou de defenderse” do ataque da súa nai. O xurado, a pesar de considerar que a acusada tiña “un trastorno de personalidade que lle afectaba á súa capacidade de relacionarse e expresarse”, concluíu que, no momento dos feitos, ese trastorno “non lle impedía ter a plena capacidade para comprender e entender a ilicitude do acto axuizado”.

Ademais, entendeu acreditado que antes dos feitos indagou en internet “sobre os medios cos cales podía acabar coa vida da súa filla”, así como que cando cometeu o crime era “coñecedora da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que puidesen pasar máis tempo xuntos”.

“A consideración de que o delito o é de asasinato e non de homicidio simple derívase de que, como ben indica o xurado, a nai era, como tal, a garante de que á nena non lle ocorrese ningún mal e de que, ao durmir ambas xuntas, a nena se sentise protexida de calquera tipo de perigo que lle puidese ocorrer”, explica o maxistrado presidente do tribunal na sentenza, quen destaca que, por iso, “a súa capacidade de reacción víase claramente diminuída”. Ademais, lembra que a nena se atopaba “en estado somnolento” e subliña que a subministración do fármaco, aínda que fóra en pouca cantidade, “tamén houbo de diminuír a súa capacidade de resposta ou reacción”. Por último, lembra que “a propia idade da nena, comparada coa da súa nai, necesariamente fixo que a súa reacción fose mínima e que a súa resposta ao ataque, claramente aleivoso por imprevisto e por sorpresa, fóra tamén mínima”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.

Asinado o convenio da estación Intermodal

Esta mañá quedou asinado o convenio de colaboración para a nova área de Transporte Intermodal do municipio. Este documento recolle o compromiso dos tres organismos implicados – ADIF, Xunta e Concello – en termos económicos e por anualidades, segundo as intervencións que contempla.  Así, do conxunto do proxecto, orzamentado en 49.261.696 euros, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegará 30.904.849 €, o ente autonómico 13.681.981 € e o Concello de Lugo 4.674.865 €.

Segundo informaron na rolda de prensa, as obras poderían comezar a principios de 2024 e prevese que estean rematadas no verán de 2025.

A presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, encomiou “o gran resultado final do proxecto, froito dun traballo de coordinación entre tres Administracións que cómpre subliñar”, ao tempo que puxo en valor que “atopamos a mellor fórmula para integrar no espazo da actual estación unha nova dotación adaptada ás necesidades de tráfico e da modernidade que se está acadar coas melloras na liña ferroviaria Ourense – Monforte – Lugo, pero tamén un espazo para a intermodalidade coa estación de autobuses, de maneira que favoreza á mobilidade das e dos lucenses a través do paso urbano”, ao que considerou como o eixe central do proxecto.

No caso do novo paso inferior que conectará ambos lados da canle ferroviaria e, que suscitou tanta controversia, por estar baixo dominio público ferroviario, Adif outorgará unha concesión administrativa, sen custo, en favor do Concello por un período máximo de 75 anos. De xeito que a Administración local aceptaráentre outras obrigas, a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes e realizará, igualmente, unha reorganización no transporte urbano para garantir a adecuada conectividade da nova área Intermodal cos principais puntos de interese da cidade, tales como hospitais, centros de saúde, universidades, zonas comerciais, etc…

Felipe Labrada volverá ser o candidato no Corgo

Felipe Labrada, que ven de converterse recentemente no novo presidente da agrupación popular da localidade, repite como candidato a alcaldía do Corgo polo Partido Popular avalado pola súa magnífica xestión e por unha ampla experiencia política.

No transcurso da presentación o actual rexedor do Corgo agradeceu á dirección provincial pola confianza amosada para representar unha vez máis aos veciños e veciñas da localidade e espera que nas vindeiras eleccións municipais devolver esa confianza en forma de resultados para o partido e para os veciños. “Seguiremos traballando por e para O Corgo”, engadiu.

Labrada, que desde o ano 1999 é tenente de alcalde do municipio, sumando así un total de 28 anos como membro da corporación local, sinala que “coñezo de primeira man o municipio e as necesidades dos veciños e veciñas así como as súas demandas”. Ademais, fixo un balance en positivo en canto a xestión municipal, marcada polo pandemia e o confinamento e “na que se tratou de estar preto dos veciños, sobre todo da xente maior”. Neste sentido, o candidato á alcaldía pretende “dar unha resposta a todos os corgueses seguindo coa mesma liña de traballo que ata agora” e sinalou que nesta última lexislatura cumpríronse as promesas feitas para mellorar o municipio.

Ao longo da presentación Labrada enumerou unha serie de accións que levou a cabo no mandado que agora remata, e destacou que “a pesar de non ter unha maioría absoluta logramos aprobar os orzamentos e levar a cabo varias modificacións de crédito por unanimidade”. Un mandato marcado pola adquisición de terreos, destacando os 18.000 metros cadrados que rodean ao Castro de Castrillón o que supuxo un indicativo para poñer en valor un dos elementos patrimoniais de maior interese á vez que se garante aos veciños o uso da Carballeira para celebración de festas. “A adquisición tamén cobra importancia por estar preto da Vía Kuning o que nos ofrece unha oportunidade de promoción do municipio”, engade Labrada.

Conxuntamente á adquisición do terreo do Castro de Castrillón, o goberno local adquiriu unha parcela preto do centro de saúde “co obxectivo de localizar nun futuro a casa consistorial para acercar os servizos aos cidadáns e atendelos en espazos máis cómodos e amplos”.  “A idea que temos é ir creando un núcleo, coa construción de novas vivendas e pisos para atraer e asentar poboación”, explica o candidato popular.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com