Semana da Administración Aberta 2023 na UNED

A Subdelegación do Goberno en Lugo organiza con motivo da “Semana da Administración Aberta 2023” unha programación de actividades que teñen como principal obxectivo achegar a Administración á sociedade lucense. Esta iniciativa, que este ano se celebra do 20 ao 24 de marzo, está impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) e organizada en España polo Ministerio de Política Territorial. Con estas accións, o Goberno quere que a cidadanía coñeza de preto o funcionamento das súas institucións públicas, ademais de promover os valores da transparencia e a rendición de contas, a participación cidadá, a colaboración e a integridade no servizo público.

Desta maneira, a Subdelegación impartirá, coa colaboración da UNED de Lugo, o Seminario “A Administración a un clic, no teu móbil”, dirixido ao alumnado do centro universitario lucense. A xornada contará con intervencións dos técnicos da Subdelegación que explicarán o catálogo de servizos que ofrece na actualidade o organismo, centrándose no certificado dixital, a cl@ve, a carpeta cidadá e o programa A Adminsitración cerca de Ti, entre outros. A charla celebrarase na sede da UNED en Lugo o vindeiro mércores, 22 de marzo, ás 11:30 horas.

Así mesmo, enmarcada na “Semana da Administración Aberta 2023”, a Subdelegación organiza o venres, 24 de marzo, unha Xornada de portas abertas para toda a cidadanía. Durante a cita, funcionarios do organismo estatal realizarán percorridos divulgativos nos que se darán a coñecer tanto as principais oficinas e salas do edificio da Subdelegación como os servizos que ofrece e as súas competencias, abordando os trámites e xestións máis demandados polos veciños e veciñas na provincia, tales como o rexistro de documentos, a homologación de títulos académicos, todo o relativo á oficina de estranxeiría ou o asesoramento en vacinación para viaxes fóra do país.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com