Novas

Abre o prazo para inscribirse en cursos formativos a través do programa +Xtí

O Concello de Lugo, a traveso do Servizo de Prevención de Drododependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude e dentro do Programa +XTÍ 2023 subvencionado polo Ministerio de Sanidade (Plan Nacional sobre Drogas (PNsD)), abre o prazo de inscripción para que lucenses, entre 18 e 49 anos, se inscriban en diferentes actividades formativas completamente gratuítas a través do programa +Xti 2023

O programa abre a posibilidade de formación para máis dun cento de lucenses da cidade. Entre as opcións atopamos o curso de traballos de Altura que ofrece aos participantes todos os coñecementos referentes aos procedementos de traballo, así como ao uso dos equipos de protección individual. A formación de operario de carretilla elevadora que, se centrará en materia de seguridade, prevención de riscos laborais, mantemento, manipulación e conducción de carretillas. Os cursos TELCO (tres especialidades: altura, espazos confinados e risco eléctrico de 6 horas cada un), no cal se capacita ao traballador para estar operativo e que preste servizos neste sector, cumprindo cos criterios e requisitos formativos establecidos no acordo TELCO das empresas de telecomunicacións. E finalmente  a formación para levar a cabo traballos con Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal (PEMP) , podendo dar resposta a todos os Riscos e Factores de Risco que poidan darse durante a realización dos mesmos.

 A formación desenvolverase do 20 de marzo ao 20 de abril, será de xeito presencial, no Polígono do Ceao, e contará cunha duración de 8 horas, salvo o curso de operario en telecomunicacións que será de 18 horas. As inscricións deben realizarse a partires do 6 de marzo, a través da web lugomasxti.org.

 Cursos formativos:

 Operario en telecomunicacións:

Luns 20, martes 21 e mércores 22 de marzo de 15:00 a 21:00 h.

 Traballos en altura:

GRUPO 1 (15 prazas)

Luns 27 e martes 28 de marzo de 16:00 a 20:00 h.

 GRUPO 2 (15 prazas)

Mércores 29 e xoves 30 de marzo de 16:00 a 20:00 h.

 Operario de carretilla elevadora:

GRUPO 1 (25 prazas)

Luns 10 e martes 11 de abril de 16:00 a 20:00 h.

 GRUPO 2 (25 prazas)

Mércores 12 e xoves 13 de abril de 16:00 a 20:00 h.

Plataforma elevadora móbil de persoas:

GRUPO 1 (25 prazas)

Luns 17 e martes 18 de abril, de 16:00 a 20:00 h.

 GRUPO 2 (25 prazas)

Mércores 19 e xoves 20 de abril de 16:00 a 20:00 h.

Protexer os ratos

Efecto da Covid ven ser a modificación de costumes dos urbanitas lucenses que reduciron a vida exterior recolléndose portas adentro, e se a vida de relación duraba ata as once da noite, agora ás nove a zona báquica parece un deserto.

Cambio tamén no incremento exponencial de animais de compañía e a vinculación ou dependencia deles dos humanos. E hoxe, os que percorremos as rúas notamos ser minoría fronte aos conducidos por animais que marcan territorio con defecacións que – xusto e insólito á vez – recolle o humano.

No rural, os animais andan libres, defecan ao seu gusto e os restos incorpóranse á paisaxe. E nos meus días máis libres convivo con cans e gatos veciños con total complicidade, e ata coido que os cans me ladran de xeito amistoso.

Caso á parte son as teupas, ás que deixo en paz porque me gañaron a partida e se mato algunha pódeme caer o pelo, pero preocúpanme os ratos que coidaba enemigos a bater ata enterarme que coas novas normas sobre maltrato animal poido ser condenado a prisión de 12 a 24 meses se causo a morte dun destes invertebrados, con agravante se uso veneno, explosivos ou artes de similar eficacia.

Os fabricantes de raticidas temen que os seus produtos sexan declarados ilegais, e eu teño a mandíbula desencaixada ao saber que cos invertebrados todos (tamén os ratos), só cabe que os concellos capturen, esterilicen e os volvan ao seu medio. E non sei que facer: Se, como coas teupas, esquecerme deles, ou chamar ao concello que veñan capturar os que ás veces escoito, os esterilicen e os devolvan para que teñan sexo sin consecuencias, e algún día me libre deles. Para min que esta Lei tamén é consecuencia dos efectos da Covid.

 

A Xunta comeza a vacinación fronte á Lingua Azul

Tras a declaración de catro focos de lingua azul en Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación-, a Xunta ten previsto iniciar o próximo martes, día 7 de marzo, unha campaña de vacinación fronte á enfermidade nas zonas incluídas na área de restrición declarada. A dita área inclúe todas as explotacións das provincias de Ourense e Pontevedra e as existentes nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, no sur de Lugo.

Nestas áreas, será obrigatoria e gratuíta a vacinación de todos os animais das especies bovina e ovina de máis de tres meses de idade, estando previsto vacinar un total de 265.000 animais bovinos e 87.000 ovinos.

Para desenvolver a campaña, o persoal contratado pola Consellería do Medio Rural irá convocando ás diferentes explotacións, sinalando a data na que está prevista a vacinación. Segundo a pauta vacinal, os ovinos recibirán unha única dose de vacina, vía subcutánea, mentres que os bovinos precisarán dúas doses vacinais, vía intramuscular, separadas 21 días. Isto obrigará ao persoal que efectúa a vacinación a volver visitar todas as explotacións bovinas ás tres semanas de aplicar a primeira dose.

É preciso recordar que a vacinación será requisito imprescindible para poder realizar movementos de animais cando remate o período libre dos mosquitos Culicoides. Segundo a normativa en vigor, cando se inicie a actividade do vector transmisor da lingua azul, previsiblemente a finais de abril, só se poderá autorizar o movemento de animais dende a área de restrición se proceden de explotacións vacinadas, sendo necesario que os animais de máis de 4 meses estean vacinados, ou se son animais menores desa idade, que procedan de nais vacinadas.

A lingua azul é unha enfermidade vírica aguda do gando ovino, caprino e bovino de presentación estacional e curso febril, caracterizada por lesións hemorráxicas en mucosa bucal, pezuños e musculatura, con aparicións de erosións e ulceracións. De enorme importancia clínica, pola gran deterioración física e a longa convalecencia que provoca nos animais; e económica polas perdas de produción e gastos de prevención e control ocasionados. É moi temida a pesar de ser inocua para o home e de só mediana mortalidade.

O Plan Paradai e Elena Candia

Son inverosímís inmorais e indignos para os veciños de Sacro Corazón, Estación e Calzada de As Gándaras, os comentarios de Elena Candia, candidata do PP ao Concello de Lugo, sobre as demandas veciñais ao devandito plan, pendentes desde hai máis de 23 anos froito do desinterese de Feijoo e da Conselleira Ethel Vázquez en sacar adiante o plan asinado por D. José Cuiña Crespo, Conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas (E.P.E.), por D. Francisco Cacharro Pardo Presidente da Deputación de Lugo e Presidente. Provincial do PP (E.P.E.) e por D. Ramón Arias Roca en representación do Concello de Lugo.0

Foron moitos os avatares que soportou este proxecto, pero ningún con tan mala fe como o enunciado por Elena Candia hai uns días en nota chegada á nosa caixa de correos e publicada integramente na prensa de Lugo o 20 de agosto de 2022 e que reproducimos integramente a continuación como resposta á pregunta se o Plan Paradai é unha prioridade?: “Hai determinados tópicos que a esquerda quere poñer como cousas negativas e nos temos que rachar con iso. Nós non podemos apostar por estigmas que non fomos capaces de rematar. Rachar con ese pasado que non nos deu ningunha rendibilidade política e ser capaces de presentar con proxectos novos, prácticos e facendo un punto e aparte. Se emprego ou mesmo sistema que se usou non pasado non nos vai a saír ben. Necesitamos un toque de innovación e meter conceptos, plans e formas de traballar
novos, probablemente algúns sacados dá miña experiencia municipal ( que nós entendemos nula e pésima)segue. – Hai tres ou catro aspectos onde claramente temos que dicir que imos a facer, pero ou Plan Paradai, de entrada, non é unha prioridade.” Por todo isto os veciños temos que ser claros e duros na nosa apreciación con respecto a esta señora: Pedímoslle claramente que retorne ao seu Mondoñedo natal, xa que entendemos que con estes pensamentos non pode estar en política, non se merece un só voto dada tanta indignidade e mala fe, cando Lugo merece unha política seria e positiva e isto é do mais rastreiro en actuación política e sen sumar aquí outras actuacións políticas levadas a cabo desde que arribou a Lugo a pesar de que o poida estar a negar. Tamén consideramos “chulesca”, indecente e inmoral a falta de respecto cara a expolíticos do seu partido con maior cualificación técnica, política e persoal que ela, (algúns xa falecidos). Déixese de peregrinar por barrios e parroquias con máis bulos, fantasmadas e utilizando o “curta e pega” das demandas que manteñen colectivos veciñais desde hai tempo. Vde. non vén descubrir nada, non coñece Lugo nin a cidade e vén a alborotar. Novamente lembramos que o Plan Parada debe de concluír os seus proxectos xa, non con 450.000 euros de orzamento repetidos durante anos sen investir e que deben de ser incrementados por actualización de custos en máis do 100 por cen, como mínimo. Lembre Sra. Candia, Mondoñedo espéralle a menos de 40 minutos.

 

Asociación veciñal “Porta de Lugo”

 

Presidente 33807652K

A Audiencia Provincial de Lugo absolve por falta de probas ao acusado do crime do Cash Record

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu ao acusado do dobre crime do Cash Record, sucedido o 30 de abril de 1994 no polígono do Ceao, no que faleceron, tras ser tiroteados, unha caixeira e un repoñedor do establecemento, pois salienta que “ningunha proba, nin sequera indicio, coloca ao procesado no polígono do Ceao a noite que sucederon os feitos”. O tribunal incide na sentenza en que “non existe proba suficiente que o sitúe o día dos feitos no lugar do crime”, á vez que recalca que “non se xulga á persoa do procesado, nin o tipo de vida que levaba, nin sequera se era un home que vivía de costas á lei, senón se ese día entrou en Cash Record, matou as dúas vítimas e se apoderou da cuantiosa recadación -próxima a 3.777.026 pesetas-”.

Os maxistrados indican que, tal e como sinala o Tribunal Supremo, as sospeitas sobre a posible autoría do acusado “non chegan á condición de indicios” porque moitas delas “teñen outra explicación diferente á que pretende darse”. Ademais, afirman que “nin sequera no seu conxunto” poden apuntar, “sen xénero de dúbida, tal e como esixe unha resolución penal”, ao procesado como autor dos feitos polos que se lle xulga. Por iso, decretan a súa absolución. A resolución non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Chus Rodríguez encabeza a coalición entre Esquerda Unida e Podemos para as municipais

No día de onte, Esquerda Unida e Podemos presentaron o seu acordo diante dos medios de comunicación na sala de xuntas de Comisións Obreiras, escollendo as dúas formacións este lugar por ser neutral e representativo para ambas.

A lista, aínda por pechar e inscribir, estará encabezada por Chus Rodríguez, de Esquerda Unida, e seguida como nº 2 da mesma por Ximena Cheda, de Podemos.

Tanto Ximena Cheda como Chus Rodríguez remarcaron que as negociacións transcurriron nun clima cordial e o resultado das mesmas foi satisfactoria para ambas organizacións, que referendaron o dito acordo nas súas respectivas Asembleas.

Na presentación deste acordo degrañáronse algunhas liñas programáticas comúns, como o modelo e proxecto de cidade que esta nova coalición ten para Lugo, a necesidade dunha participación cidadá real, a esixencia dunha transparencia pública absoluta dos contratos, licitacións, subvencións do Concello, baixo o compromiso de reconectar coa veciñanza e devolver a ilusión e a confianza da cidadanía na Concello de Lugo.

En declaración posteriores Chus Rodríguez defendeu que : “temos un proxecto e temos un programa que imos defender, coa aspiración de ser chave para o goberno deste Concello” e subliñou que “as institucións, neste caso, o Concello de Lugo, non son dos partidos, son da cidadanía e nos imos traballar para a cidadanía as recupere”.

Fotografía: Carlos Castro.

 

Adega-lugo lanza a campaña “Salvemos o pulmón verde de Lugo” en contra da Rolda Leste

Adega lanza a campaña Salvemos o Pulmón Verde de Lugo coa que se pretende denunciar e dar a coñecer á veciñanza os graves impactos que esta infraestrutura, que consideramos innecesaria, vai producir sobre o val do río Rato. A través desta campaña tamén se pretende poñer en valor os servizos ecolóxicos e sociais que esta zona achega á cidade. A construción da Rolda Leste suporá a destrución de case dúas hectáreas de arborado autóctono, recluirá os núcleos de poboación de Bosende e Barbaín entre dúas autoestradas (a A6 e a Rolda Leste) e destruirá unha zona de alto valor paisaxístico da que fan uso multitude de persoas, tal e como se recoñece no Plan de Mobilidade do Eixo Atlántico de 2021. Despois de dezaoito anos, a Xunta pretende sacar adiante unha infraestrutura que foi concibida inicialmente no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo (PXOM), un planeamento deseñado para 300.000 habitantes, no que se estimaba que a poboación en Lugo para o ano 2020 sería de 115.590 habitantes, é dicir, unha poboación equivalente á suma das poboacións dos municipios de Lugo e Monforte. O censo de poboación en Lugo leva anos estancado sen acadar os 100.000 habitantes, e as previsións non son de crecemento, senón que se agarda que tanto o Concello de Lugo como a provincia perdan habitantes nos seguintes anos. Do mesmo xeito, non se prevé que o parque móbil de Lugo aumente no futuro. En primeiro lugar debido ao fin da era do petróleo e dos automóbiles de combustión, e á imposibilidade de relevalos por outras tecnoloxías de carácter renovábel. E en segundo lugar, polo incremento da mobilidade sustentábel. Os altos gastos que carrexa o vehículo privado fan que as novas xeracións utilicen menos o coche, como se pode observar no continuado descenso de mozos e mozas que sacan o carné de conducir. Unha infraestrutura innecesaria cun impacto ambiental significativo O trazado que se pretende con esta infraestrutura xa conta cunha alternativa, que é o Paseo do Rato. Os últimos datos de tránsito medidos pola Deputación de Lugo do ano 2016, indicaban un aforo para a vía de 3.519 vehículos por día. É curioso que os datos sobre os que se pretende xustificar a construción da Rolda Leste aumenten esa cifra ata os 7.000 vehículos por día. Porén, é doado de comprobar por calquera que se achegue ao Rato que o tráfico é sempre fluído. O máis sustentábel é aproveitar as infraestruturas que xa existen, e en todo caso que parte do orzamento de 20M€ se utilice para o seu mantemento e mellora. Os investimentos que se fagan con cartos públicos teñen que dirixirse a mellorar a calidade de vida da cidadanía e non que estean motivados por intereses alleos ao xeral. Esta vía tampouco vai mellorar a mobilidade dentro da zona urbana de Lugo. Segundo se recollía plan de mobilidade de 2009, desde aquela gardado nun caixón, os problemas de mobilidade existentes na cidade, terían que solucionarse en orixe, equilibrados, e con solucións que non precisen consumir aínda máis solo. Desde ADEGA entendemos que en ningún caso está xustificada construción desta nova infraestrutura, por canto, destrúe un dos espazos naturais da cidade máis importantes, duplícase con outras infraestruturas de comunicación existentes, e non se prevé un aumento do tráfico rodado no concello de Lugo para os próximos anos. Ademais, esta nova autoestrada iría en contra das actuais políticas de mobilidade sustentábel, xa que outorga maior espazo ao transporte privado, limita a mobilidade dos peóns, e priva á cidade dun dos espazos naturais máis relevantes e que máis servizos ecolóxicos e sociais aporta á poboación, indo, incluso, en contra das premisas establecidas no Plan de Acción Lugo Cidade Verde, na axenda 2030.

Os alcaldes de Sarria e Becerreá acordan crear unha coalición para as municipais

Os partidos políticos Camiña Sarria e Galicia Sempre chegaron onte á tarde a un principio de acordo para concorrer xuntos ás eleccións municipais. Á xuntanza que se produciu onte asistiron representantes doutras  formacións políticas que se unirán á coalición que se dará a coñecer  nos próximos días, segundo puido saber hoxe Xornaldelugo.

Tal e como indican as mesmas fontes, a intención desta coalición é obter algún deputado que remate coa discriminación que están a sufrir os concellos que non pertencen a PSOE ou BNG, partidos que compoñen o Goberno Provincial.

Os rexedores, líderes de Galicia Sempre e Camiña Sarria, Manuel Martínez e Claudio Garrido respectivamente, decidiron dar este paso logo de ver como se discrimina á veciñanza destes dous concellos. Manuel Martínez destacou que a  residencia de Becerreá segue pechada dous anos despois de se rematar.  Segundo o rexedor, a Deputación de Lugo está a castigar sen ningún tipo de motivo á veciñanza da comarca de Becerreá que segue a agardar a súa apertura. Dita residencia de maiores é unha infraestrutura moi necesaria nunha comarca envellecida e que necesita destes servizos para que os demandantes de prazas non teñan que marchar a residencias doutros municipios, e deste xeito, estar lonxe das súas familias.

Pola súa banda, Garrido, alcalde de Sarria, recordaba que nos últimos catro anos o Concello ao que representa non recibiu axuda algunha por parte do actual goberno da Deputación que non fora o Plan Único, plan que está regulado por lei e non se pode tocar. E subliñou que os veciños de Sarria teñen os mesmos dereitos cos dos demais concellos e por iso dan este paso e constituír esta coalición para defender os dereitos destes concellos e doutros que se atopan na mesma situación.

Xornaldelugo tamén puido saber, como xa queda dito, que á reunión asistiron outros representantes políticos  e nos vindeiros días farase pública a súa incorporación á coalición.

 

 

O PP insta ao goberno da Deputación a adoptar as medidas precisas para poñer en servizo a residencia de Becerreá

O grupo provincial do PP insta ao goberno da Deputación a adoptar as medidas necesarias para poñer en servizo canto antes a residencia da terceira idade de Becerreá. O presidente da xestora do PP en Becerreá e candidato á alcaldía, José Carrete, e Pascual Fernández entrevistáronse esta mañá co portavoz e o viceportavoz provinciais populares, Javier Castiñeira e Óscar Poy, respectivamente, para expoñer “a preocupación dos veciños diante do desinterese demostrado polo presidente, José Tomé, pola apertura desta residencia”.

Os populares non entenden “que se prioricen as leas persoais entre os señores Tomé e Martínez, porque os que saen prexudicados son os veciños de Becerreá, que ven como a súa residencia sigue pechada”. Castiñeira manifesta: “Non houbo avances dende que nós presentamos unha iniciativa na Deputación, a petición de José Carrete e do seu equipo; non houbo avance ningún e preocúpanos que, no momento en que está a sociedade, investimentos importantes feitos non se estean aproveitando. Está claro que non hai vontade política de abrir un servizo tan
importante para todos os veciños”.

Polo seu lado, o presidente da xestora do PP en Becerreá e candidato á alcaldía, José Carrete, sinalou: “Expresamos aos nosos compañeiros do grupo provincial do PP a nosa preocupación polo estado en que se atopa o edificio da residencia da terceira idade de Becerreá, pechado e practicamente abandonado. Unha vez máis, os nosos compañeiros instarán ao goberno provincial (PSOE-BNG) a que asuman compromisos, fixe prazos claros, diga que modelo quere aplicar e se realmente Becerreá vai ter ou non residencia. É un servizo que a poboación demanda e que nós, dende o PP, tamén demandamos; é un compromiso en firme que temos cos veciños, que para nós son o primeiro”.

“Saint Omer, o pobo contra Laurence Coly” e “Till, o crime que o cambiou todo” as estreas desta semana nos Codex Cinema

Este venres chega aos Codex Cinema o filme “SAINT OMER, O POBO CONTRA LAURENCE COLY”, dirixida por Alice Diop. A película representante por Francia foi finalista como Mellor Película Internacional nos Oscars 2023 e obtivo  múltiples galardóns internacionais, como o Gran Premio do Xurado e Mellor Ópera Prima na Mostra Internacional de Cine de Venecia.

Sinopse: Tribunal de Saint Omer. A moza novelista Rama asiste ao xuízo de Laurence Coly, unha moza acusada de matar á súa filla de 15 meses abandonándoa durante a marea alta nunha praia do norte de Francia. Pero a medida que avanza o xuízo, as palabras da acusada e as declaracións das testemuñas farán tremer as conviccións de Rama e poñerán en dúbida o propio xuízo.

A segunda estrea da semana é TILL, O CRIME QUE CAMBIOU TODO.  Baseada en feitos reais. Película profundamente emocional sobre a verdadeira historia de Mamie Till Mobley e a súa incesante procura de xustiza para Emmett, o seu fillo de catorce anos, asasinado en 1955 por parte de supremacistas brancos. O seu percorrido marca un fito na loita pola defensa dos dereitos civís nos Estados Unidos.

Máis información en: www.codexcinema.info

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com