Os alcaldes de Sarria e Becerreá acordan crear unha coalición para as municipais

Os partidos políticos Camiña Sarria e Galicia Sempre chegaron onte á tarde a un principio de acordo para concorrer xuntos ás eleccións municipais. Á xuntanza que se produciu onte asistiron representantes doutras  formacións políticas que se unirán á coalición que se dará a coñecer  nos próximos días, segundo puido saber hoxe Xornaldelugo.

Tal e como indican as mesmas fontes, a intención desta coalición é obter algún deputado que remate coa discriminación que están a sufrir os concellos que non pertencen a PSOE ou BNG, partidos que compoñen o Goberno Provincial.

Os rexedores, líderes de Galicia Sempre e Camiña Sarria, Manuel Martínez e Claudio Garrido respectivamente, decidiron dar este paso logo de ver como se discrimina á veciñanza destes dous concellos. Manuel Martínez destacou que a  residencia de Becerreá segue pechada dous anos despois de se rematar.  Segundo o rexedor, a Deputación de Lugo está a castigar sen ningún tipo de motivo á veciñanza da comarca de Becerreá que segue a agardar a súa apertura. Dita residencia de maiores é unha infraestrutura moi necesaria nunha comarca envellecida e que necesita destes servizos para que os demandantes de prazas non teñan que marchar a residencias doutros municipios, e deste xeito, estar lonxe das súas familias.

Pola súa banda, Garrido, alcalde de Sarria, recordaba que nos últimos catro anos o Concello ao que representa non recibiu axuda algunha por parte do actual goberno da Deputación que non fora o Plan Único, plan que está regulado por lei e non se pode tocar. E subliñou que os veciños de Sarria teñen os mesmos dereitos cos dos demais concellos e por iso dan este paso e constituír esta coalición para defender os dereitos destes concellos e doutros que se atopan na mesma situación.

Xornaldelugo tamén puido saber, como xa queda dito, que á reunión asistiron outros representantes políticos  e nos vindeiros días farase pública a súa incorporación á coalición.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com