A Xunta comeza a vacinación fronte á Lingua Azul

Tras a declaración de catro focos de lingua azul en Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación-, a Xunta ten previsto iniciar o próximo martes, día 7 de marzo, unha campaña de vacinación fronte á enfermidade nas zonas incluídas na área de restrición declarada. A dita área inclúe todas as explotacións das provincias de Ourense e Pontevedra e as existentes nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, no sur de Lugo.

Nestas áreas, será obrigatoria e gratuíta a vacinación de todos os animais das especies bovina e ovina de máis de tres meses de idade, estando previsto vacinar un total de 265.000 animais bovinos e 87.000 ovinos.

Para desenvolver a campaña, o persoal contratado pola Consellería do Medio Rural irá convocando ás diferentes explotacións, sinalando a data na que está prevista a vacinación. Segundo a pauta vacinal, os ovinos recibirán unha única dose de vacina, vía subcutánea, mentres que os bovinos precisarán dúas doses vacinais, vía intramuscular, separadas 21 días. Isto obrigará ao persoal que efectúa a vacinación a volver visitar todas as explotacións bovinas ás tres semanas de aplicar a primeira dose.

É preciso recordar que a vacinación será requisito imprescindible para poder realizar movementos de animais cando remate o período libre dos mosquitos Culicoides. Segundo a normativa en vigor, cando se inicie a actividade do vector transmisor da lingua azul, previsiblemente a finais de abril, só se poderá autorizar o movemento de animais dende a área de restrición se proceden de explotacións vacinadas, sendo necesario que os animais de máis de 4 meses estean vacinados, ou se son animais menores desa idade, que procedan de nais vacinadas.

A lingua azul é unha enfermidade vírica aguda do gando ovino, caprino e bovino de presentación estacional e curso febril, caracterizada por lesións hemorráxicas en mucosa bucal, pezuños e musculatura, con aparicións de erosións e ulceracións. De enorme importancia clínica, pola gran deterioración física e a longa convalecencia que provoca nos animais; e económica polas perdas de produción e gastos de prevención e control ocasionados. É moi temida a pesar de ser inocua para o home e de só mediana mortalidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com