Novas

Ferido un traballador en Baralla

Un operario dunha empresa de madeiras sufriu un accidente cunha árbore mentres traballaba en Covas (Baralla).

ÁS 11:30 horas, un familiar do implicado alertou ao 112 Galicia, que procedeu a informar a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil.

A continuación, o persoal sanitario confirmaba a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago, que se encargou de trasladar ao ferido ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Podemos Lugo pide que o Concello axude á veciñanza a solicitar a Axuda de 200 euros

A candidata á alcaldía, Ximena Cheda, incide no dato de que xustamente as familias máis vulnerables son as que quedan fóra destas axudas polas dificultades de acceso á dixitalización.  Por elo  vén de instar ao Concello de Lugo a que reforce os servizos que  faciliten á veciñanza o acceso á axuda de 200€ do Goberno do Estado.

A formación considera que o Concello, como administración máis próxima, debe traballar para o maior número de familias posible ,“o Concello como institución máis próxima debe actuar como facilitador para que a veciñanza acceda aos recursos que habilitan dende as distintas administracións”, indica Ximena Cheda, quen insta ao Concello de Lugo a reforzar “o soporte na atención dixital” de cara a dar apoio á veciñanza durante o período desta solicitude do Goberno do Estado, e de maneira permanente se así o demanda a cidadanía”.

Ximena Cheda fai fincapé en que “xeralmente son as familias máis vulnerables as que non acceden a este tipo de axudas por mor da fenda dixital”, polo que é fundamental “informar e acompañar nos trámites de acceso a aquelas que teñen maiores dificultades”. Nese senso, a candidata á alcaldía propón a “creación dun punto de asistencia municipal con rotación nas parroquias empregando os locais sociais” e aposta pola descentralización dos servizos de xestión de cara o seu programa para as municipais.

Este domingo terá lugar o Corre con Nós-Cinto Verde no Paseo do Rato

Este domingo, 19 de febreiro, o paseo do río Rato acollerá a proba Corre con Nós – Cinto Verde a partir das 12.00h. O percorrido terá lugar por unha das zonas verdes da cidade máis fermosas co fin de poñela en valor, onde os participantes poderán gozar da natureza nunha proba que é a segunda das 6 carreiras que integran o Circuíto Larsa Corre con Nós.

 As carreiras partirán no comezo do paseo do Rato, á altura da Tolda. As vindeiras probas do circuíto terán lugar o 18 de marzo e 23 de abril, así como o 6 de maio e o domingo, 11 de xuño.

 A recollida de dorsais dos novos inscritos ou de todos aqueles que non o fixeron para a proba anterior farase este xoves (tarde), venres e sábado (mañá) en horario de apertura comercial en Intersport Lugo (Edificio Pimentel en rúa Bispo Aguirre 3).

 Máis información en www.correconnos.com

 Saídas:

 12:00 H CATG MINI (300 MT)

Https://racemapp.com/recorrido/961-corre-con-noscinto-verde-estrada-rio-rato-mini

 12:05 H CATG SUB10 SUB12 (800 MT)

Https://racemapp.com/recorrido/960-corre-con-noscinto-verde-estrada-rio-rato-sub12sub10

 12:15 H CATG SUB14 SUB16 (2.000 MT)

Https://racemapp.com/recorrido/959-corre-con-noscinto-verde-estrada-rio-rato-sub16sub14

 12:30 H ADULTOS (5.900 MT)

Https://racemapp.com/recorrido/958-corre-con-noscinto-verde-estrada-rio-rato-adultos

Medio Ambiente implementará un servizo de recollida de roupa usada

O Concello anunciou este xoves a posta en marcha dun novo servizo de recollida de roupa usada mediante a colocación de 75 novos contedores destinados a este fin no municipio. “

 Un total de 75 contedores que se colocarán en todos os barrios da cidade, a partir de hoxe, e que cumpren coa normativa europea aplicable, tanto en deseño como en construción. .

A instalación destes contedores enmárcase nas actuacións postas en marcha co novo servizo de limpeza e recollida de lixo da cidade, LuceLugo. O obxectivo do Concello é homoxeneizar a súa imaxe, minorando o impacto visual, mellorar a seguridade e accesibilidade dos usuarios e aumentar a capacidade de recollida para evitar que se produzan situacións de desborde. Así, aumentarase a capacidade nun 100 % na fracción orgánica, que se implantará este ano, un 78% os envases, un 42,3% a fracción resto e un 28,6% o papel cartón.

 

 

O Concello de Lugo segue metendo a zoca na programación de eventos culturais

O PSOE, unha vez máis -logo de subvencionar o macrofestival Caudal Fest- aprópiase das competencias da Concellaría de Cultura do BNG, programando a axenda cultural da capitalidade da cultura do Eixo Atlántico 2023.

O primeiro dos eventos programados trátase do concerto de Abraham Cupeiro coa Orquestra Filarmónica de Braga, o proximo xoves 23 de febreiro ás 19:30h, coincidindo con outro evento, programado pola Concellaría de Cultura, a obra de teatro “Sexpiertos” no Vello Cárcere, a cal custa 5€ e, segundo sempre se mantivo desde a dita Concellaría, non se poden cobrar entradas para actos en espazos públicos municipais.

As entradas, de balde, para o concerto de Cupeiro puxéronse á libre disposición da cidadanía no día de onte, 15 de febreiro, esgotándose nunha hora, para logo abrir unha segunda quenda pola tarde, esgotándose novamente ao cabo duns minutos.

Por unha banda, queda patente a contraprogramación reiterada que fai o goberno do PSOE ás competencias que ten o goberno do BNG en materia de cultura, evidenciándose unha vez máis os dous gobernos que descabezan o Concello de Lugo.
E, por outra banda, comprobamos unha vez máis a ineficaz xestión que fai este goberno municipal na disposición de entradas para o acceso gratuito a eventos culturais.

Dous gobernos, dous eventos. Dous gobernos, o solapamento traducido na deficiente xestión municipal. A guerra segue aberta. Os reféns e as vítimas, as veciñas e veciños desta cidade.

Esquerda Unida de Lugo.

A Asociación Si, hai saída manifesta a súa preocupación ante a posta en liberdade do “Violador do portal” e incide na urxencia da revisión inmediata da lei do “Solo si es si”

Desde a Asociación Si, hai saída desexamos manifestar a nosa preocupación e a nosa alarma ante a posta en liberdade, por mor da lei do “Solo si es si” do chamado “Violador do Portal”,que é unha evidencia mais das graves eivas dunha lei que, non dubidamos que fora concibida con moi boas intencións, pero con nefastos resultados, como queda patente co feito de que, a día de hoxe, deixa xa, ata o momento, un arrepiante saldo de 506 revisións de condenas e 47 excarceracións, entre as que se conta a de I.H.Z.que agrediu sexualmente, no ano 2016, a unha rapaza que estudaba na nosa cidade, no portal do edificio no que esta residía, na zona de Augas Férreas, aproveitando que coñecía perfectamente a distribución do portal, xa que se dedicaba a instalación de fibra óptica.

Un mes despois actuou de novo na mesma zona, pero a vítima puido, tras un forcexeo, berrar e alertar ao seu marido, mentres el fuxía.

Tras un terceiro intento, que afortunadamente, non puido levar a cabo, e ser identificado grazas as probas de ADN obtidas dos vestixios achados na vítima e no seu perfil noutra causa, sendo estas coincidentes entre si, foi finalmente detido e condenado, posteriormente, en Marzo do 2020, a 6 anos e 6 meses, fronte aos 11 solicitados pola Fiscalía, tras chegar a un acordo as partes, coa finalidade de evitar repetir o xuízo e evitar que as vítimas tiveran que revivir o seu horror.

Agora, coa aplicación da lei do “Solo si es si”, foi excarcerado, terá que levar unha pulseira telemática durante 8 anos, ademais de ter unha orde de afastamento das súas vítimas de 500 mts. e a obriga de participar nun programa sobre vítimas contra a liberdade sexual.

Non é difícil,ou non debería selo, imaxinar o que isto implica para as súas vítimas, coma para tantas outras que ven, impotentes e aterrorizadas, como as condenas dos seus agresores son considerablemente reducidas ou, coma neste caso, directamente saen a rúa, precisando ter vixilancia permanente, coma se elas foran as delincuentes, e, reiteramos, revivindo o seu horror, co que isto implica, tanto para a súa estabilidade emocional, que tal vez nunca cheguen a recuperar, coma para as súas posibilidades de levar unha vida normal, sen medo, a que teñen todo o dereito.

Non supón, como é lóxico comprender, alivio ningún o argumento esgrimido, e, con todo o respecto o dicimos, no noso xuízo, moi pouco sólido e menos aínda realista, polo avogado de agresor, que, aínda recoñecendo que a taxa de reincidencia destes delincuentes é bastante elevada, o feito de estar en liberdade vixiada, o arrepentimento, aínda no suposto de que este sexa real, e a boa conduta, fan practicamente imposible esa reincidencia, como tampouco o é a distancia xeográfica coas vítimas, xa que o feito de que non volva a agredir a estas mulleres de novo, non presupón que non o faga con outras.

Sabemos, ademais, que hai protocolos que non sempre son infalibles, polo cal, o argumento da Delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, de que nunca un dispositivo electrónico fallou, é un tanto temerario, porque ninguén pode afirmalo, entendemos, con total rotundidade, xa que, de ter sucedido, o mais probable é que non chegara a saberse, e, aínda no caso de que así fora, si pode fallar a resposta, non nos enganemos.

Tampouco nos convence en absoluto o feito de que, unha vez mais, faga recaer toda a culpa no Órgano Xudicial, amosando, de novo, unha nula capacidade de autocrítica, nin de vontade para tentar modificar os aspectos dunha lei que, a todas luces, presenta perigosas eivas, xa que era previsible que aqueles agresores que puideran beneficiarse dela así o ían solicitar, polo que se están limitando a aplicala.

Os xuíces non a crearon, non o esquezamos.

Non podemos eximilos de toda responsabilidade, certo, pero tampouco trasladarlles a que non lles corresponde, algo moi doado e que cada vez se está facer con maior lixeireza.

É absolutamente intolerable, dado o cargo que ostenta, manifestacións como, e citamos textualmente, “las leyes penales no hay que revisarlas con tanta urgencia porque hacia atrás no tiene remedio y a futuro es mucho mejor ley”, que deixan en evidencia a nula empatía coas vítimas de agresións sexuais ou de calquera tipo, e coas mulleres en xeral.

Por desgraza, esta falta de empatía, esta mostra evidente do descoñecemento da realidade das vítimas da violencia de xénero, de calquera tipo de agresión, da súa angustia, das súas necesidades reais, son unha constante do Ministerio de Igualdade desde que chegaron ao poder, semellando estar mais preocupadas da súa imaxe mediática que de loitar pola causa coa que se comprometeron, e na que atoparon, todo hai que dicilo, un lucrativo xeito de vida.

A soberbia, a nula capacidade para o diálogo, para a autocrítica, para asumir os erros, que todos e todas cometemos, pero que hai que ter a humildade de aceptar para arranxalos, son, sen dúbida, inxustificables no eido político, sexa da cor que sexa, pero mais aínda cando se trata do que ten nas súas mans as vidas de tantas mulleres e de tantos menores.

Asociación Si, hai saida.

Feridas dúas persoas tras saírse da vía e caer por un terraplén o coche no que viaxaban en Lugo

 foron evacuados polo persoal sanitario ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

O 112 tivo constancia deste accidente, que tivo lugar na estrada que conduce de Lugo ao Corgo, a través do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, minutos despois das 12:30 horas.

Un particular que se atopaba na zona informou ao 112 Galicia de que as dúas persoas implicadas podían saír polos seus propios medios do vehículo, que caera por un terraplén tras saírse da vía, pero apuntaba que precisaban asistencia sanitaria, polo que foron evacuados polo persoal sanitario ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Ademais, no operativo participou a Garda Civil de Tráfico, e informouse aos Bombeiros, á Policía Local e ao servizo de mantemento das estradas.

Todo polo Páramo intégrase no Partido Popular

Todo polo Páramo, a formación independente que xurdiu no 2019 para presentarse ás pasadas eleccións municipais, intégrase no Partido Popular.

A dirección provincial da a coñecer que “o actual alcalde, José Luís López, será o candidato do PP á alcaldía do Páramo”.

En relación aos actuais concelleiros do Partido Popular no Páramo, explican que “Verónica Arias López -que é ademais a presidenta do PP local-, María Isabel López Silvosa e Cristian Rodríguez Lourés amosáronse dacordo coa integración e manteñen ata final do mandato as súas actas como concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular”.

 

estorniños

Nova campaña para escorrentar aos estorniños logo do aumento detectado no centro da cidade

Ante o aumento de estorniños detectados no centro da cidade nas últimas semanas, o Concello activou desde Medio Ambiente unha nova campaña, dentro do labor ordinario que se realiza durante todo o ano, para vixiar o seu asentamento ata ter controlada á poboación.

O concelleiro de área explicou que as zonas máis afectadas están a ser, nestes momentos, a Deputación Provincial, “onde se calculou que podería haber en torno aos 3.000 exemplares pero que logo dos labores de disuasión diminuíron até os 200”, así como na rúa da Raíña, no Museo, na Praza Maior e nos xardíns de San Roque, “localizacións nas que intentan asentarse de forma preferente para establecer os seus durmideiros primarios”.

 Sen embargo, as medidas de supervisión alcanzaron outros enclaves como o Parque de Frigsa (500 aves), a Praza do Rei (100 aves) ou a Avenida de Madrid (50 aves) onde a empresa especializada realiza tamén traballos de disuasión.

 As actuacións levadas a cabo responden ás demandas trasladadas pola cidadanía, dando conta das molestias nas que deriva a presenza masiva destas aves.

 Así, especialmente entre 18:15 e as 01:30 horas do día, estanse a realizar tarefas intensivas para as que se empregan sistemas de sons de alarma fixos e móbiles ademais doutras técnicas complementarias, variando as metodoloxías segundo as necesidades do servizo – e tendo en conta que os estorniños tamén buscan ubicacións alternativas – ata minimizar a niveis recomendados a súa estancia.

O edil anunciou que o dispositivo continuará nas próximas xornadas para evitar que regresen a estes enclaves e aumente o tamaño das colonias, ao tempo que animou á poboación a trasladar a área de Medio Ambiente, ben a través do número de teléfono, ben da aplicación Liña Verde, avisos sobre a detección de novos durmideiros.

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, botará a andar a finais deste mes

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, botará a andar a finais deste mes nun total de 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa presentación onde se deu a coñecer a imaxe dos vehículos que itinerarán polos concellos.

Román Rodríguez explicou o funcionamento das bibliotecas móbiles que viaxará dúas veces ao mes a cada un dos concellos. Organízase de tal xeito que un dos días A furgoteca se asentará nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e
aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.

Entra en funcionamento en 10 Concellos da provincia:  Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Os días, horarios e lugares de parada poderán consultarse na páxina web cultura.gal/furgoteca, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
“Desde tramitar un carné de usuario ata coller en préstamo un libro ou unha revista ou acceder a internet, A furgoteca ofrecerá distintos tipos de servizo para atender do xeito máis completo as necesidades da cidadanía”, indicou Román Rodríguez. Así, a colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicias como revistas e xornais. Esta colección poderá ir medrando polas bibliotecas centrais territoriais de referencia a través do préstamo entre bibliotecas.

Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com