A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, botará a andar a finais deste mes

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, botará a andar a finais deste mes nun total de 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa presentación onde se deu a coñecer a imaxe dos vehículos que itinerarán polos concellos.

Román Rodríguez explicou o funcionamento das bibliotecas móbiles que viaxará dúas veces ao mes a cada un dos concellos. Organízase de tal xeito que un dos días A furgoteca se asentará nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e
aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.

Entra en funcionamento en 10 Concellos da provincia:  Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Os días, horarios e lugares de parada poderán consultarse na páxina web cultura.gal/furgoteca, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
“Desde tramitar un carné de usuario ata coller en préstamo un libro ou unha revista ou acceder a internet, A furgoteca ofrecerá distintos tipos de servizo para atender do xeito máis completo as necesidades da cidadanía”, indicou Román Rodríguez. Así, a colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicias como revistas e xornais. Esta colección poderá ir medrando polas bibliotecas centrais territoriais de referencia a través do préstamo entre bibliotecas.

Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com