Novas

estorniños

Nova campaña para escorrentar aos estorniños logo do aumento detectado no centro da cidade

Ante o aumento de estorniños detectados no centro da cidade nas últimas semanas, o Concello activou desde Medio Ambiente unha nova campaña, dentro do labor ordinario que se realiza durante todo o ano, para vixiar o seu asentamento ata ter controlada á poboación.

O concelleiro de área explicou que as zonas máis afectadas están a ser, nestes momentos, a Deputación Provincial, “onde se calculou que podería haber en torno aos 3.000 exemplares pero que logo dos labores de disuasión diminuíron até os 200”, así como na rúa da Raíña, no Museo, na Praza Maior e nos xardíns de San Roque, “localizacións nas que intentan asentarse de forma preferente para establecer os seus durmideiros primarios”.

 Sen embargo, as medidas de supervisión alcanzaron outros enclaves como o Parque de Frigsa (500 aves), a Praza do Rei (100 aves) ou a Avenida de Madrid (50 aves) onde a empresa especializada realiza tamén traballos de disuasión.

 As actuacións levadas a cabo responden ás demandas trasladadas pola cidadanía, dando conta das molestias nas que deriva a presenza masiva destas aves.

 Así, especialmente entre 18:15 e as 01:30 horas do día, estanse a realizar tarefas intensivas para as que se empregan sistemas de sons de alarma fixos e móbiles ademais doutras técnicas complementarias, variando as metodoloxías segundo as necesidades do servizo – e tendo en conta que os estorniños tamén buscan ubicacións alternativas – ata minimizar a niveis recomendados a súa estancia.

O edil anunciou que o dispositivo continuará nas próximas xornadas para evitar que regresen a estes enclaves e aumente o tamaño das colonias, ao tempo que animou á poboación a trasladar a área de Medio Ambiente, ben a través do número de teléfono, ben da aplicación Liña Verde, avisos sobre a detección de novos durmideiros.

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, botará a andar a finais deste mes

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, botará a andar a finais deste mes nun total de 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa presentación onde se deu a coñecer a imaxe dos vehículos que itinerarán polos concellos.

Román Rodríguez explicou o funcionamento das bibliotecas móbiles que viaxará dúas veces ao mes a cada un dos concellos. Organízase de tal xeito que un dos días A furgoteca se asentará nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e
aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.

Entra en funcionamento en 10 Concellos da provincia:  Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Os días, horarios e lugares de parada poderán consultarse na páxina web cultura.gal/furgoteca, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
“Desde tramitar un carné de usuario ata coller en préstamo un libro ou unha revista ou acceder a internet, A furgoteca ofrecerá distintos tipos de servizo para atender do xeito máis completo as necesidades da cidadanía”, indicou Román Rodríguez. Así, a colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicias como revistas e xornais. Esta colección poderá ir medrando polas bibliotecas centrais territoriais de referencia a través do préstamo entre bibliotecas.

Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.

Candia propón rebaixar ao 95% o IBI rústico para explotacións agrarias

A alcaldable do PP rematou a visita ás 54 parroquias do municipio, nas que mantivo encontros con veciños que lle trasladaron “as súas
preocupacións por carecer de servizos básicos pese a que pagan os mesmos impostos que os que viven no casco urbano”.

Unha das medidas que propón a candidata popular é a de rebaixar ao 95% o IBI rústico para explotacións agrarias, co ánimo de apoiar “de forma firme a ampliación da actividade do sector primario no noso concello” lembrando que “esta foi unha das reivindicacións que leva anos reiterando o Grupo Popular nas propostas para mellorar as ordenanzas fiscais”. Esta medida formará parte dun paquete específico para
rebaixar ou suprimir impostos a quen instale unha industria ou abra un negocio nas parroquias do Concello de Lugo.

Elena Candia tamén fixo fincapé na necesidade de eliminar a lista de agarda do SAF xa que esta “é unha prestación moi demandada polos maiores das parroquias que viven sos no rural e precisan de axuda na súa vida diaria”.
A candidata tamén manifestou o “seu compromiso de dotar, de forma progresiva, aos veciños do rural de abastecemento de auga potable, saneamento, telefonía móvil e fibra óptica”. A alcaldable do PP tamén “impulsará un plan plurianual de mantemento de pistas e vías, de xeito que se primen os criterios técnicos no seu arranxo e que se eviten as intervencións só en época preelectoral ou cadrando coas festas”.
Outros dos compromisos da alcaldable do PP son “adaptar as liñas do transporte urbano ás necesidades da veciñanza e complementalo cun servizo de taxi a demanda”.

As melloras na iluminación, desbroce e a limpeza dos camiños e dar resposta ás deficiencias na recollida do lixo son outras das demandas que se repiten nas diferentes parroquias onde reclaman o cambio de colectores rotos e explican que “ao estar ubicados lonxe dos núcleos de vivendas provocan a proliferación de vertedoiros incontrolados”. A veciñanza tamén reclamou o arranxo dos locais sociais e “que haxa unha programación permanente para a veciñanza, tamén nalgunhas parroquias solicitaron aparatos biosaudables para maiores e xogos para os cativos”.

A policía sorprende a un home cando intentaba roubar gasoil dun camión

Sobre as 21:30 horas do pasado día 10 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Hortensia, xa que unha persoa que porta unha mangueira camiña en actitude vixiante.

Os axentes trasládanse ao lugar co fin de localizar a esta persoa, achándoa escondida, tombada á beira dun vehículo, sendo identificada, tratándose dun home de 70 anos de idade, que porta unhas luvas que xunto coa roupa que levaba desprendían un forte cheiro a combustible. Realízase unha inspección polas inmediacións, observando un camión que presenta o tapón do gasoil forzado e ao seu ao redor varias garrafas baleiras, mangueiras, ferramentas e combustible na calzada.

A preguntas dos axentes sobre a súa actitude, esta persoa non dá ningunha explicación coherente, polo que se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda como presunto autor dun delito de danos e intento de subtracción de gasoil, intervindo as garrafas, as gomas de plástico e as ferramentas para levar a cabo estes feitos

Desvío do tráfico na LU-651 durante as vindeiras dúas semanas

Os traballos de estabilización dun noiro na estrada autonómica LU-651 ao paso polo concello de Folgoso do Courel farán necesario o desvío do tráfico pesado desde este luns día 13 e a ata o vindeiro 24 de febreiro.

A razón deste desvío está determinada polas distintas intervencións de emerxencia para a estabilización de muros e de noiros danados polos últimos temporais en catro puntos quilométricos desta estrada autonómica LU-651, que se corresponden cos quilómetros: 18+100, 28+500, 29+120 e 29+500. As intervencións suporán un investimento autonómico de máis de 230.000 euros.

En concreto, o luns comezarán as obras no quilómetro 29+120 no que recentemente se produciu un desprendemento do noiro de terraplén que afectou á plataforma da estrada, causando o estreitamento do carril dereito ao afundirse parte do firme. As obras que se van levar a cabo consisten na execución dun muro de dique para o sostemento da plataforma, a reposición do firme e dos sistemas de contención da estrada.

A duración desta intervención estímase en dúas semanas, desde este luns e ata o vindeiro 24 de febreiro. Deste xeito, durante o tempo de execución dos traballos estará habilitado o un desvío para o tráfico pesado, mentres que para o resto de vehículos facilitarase o paso alternativo.

A Xunta ten tamén pechada a planificación das actuacións do resto de puntos da estrada LU-651 afectados polo temporal dos pasados meses, tendo previsto iniciar ao remate desta primeira intervención, as obras de estabilización no punto quilométrico 28+500. Neste caso os traballos consistirán na execución dun muro de dique, para o que tamén será necesario outro corte de estrada durante a intervención.

Con respecto ás actuacións nos quilómetros 18+100 e 29+500, a obra de estabilización xa está terminada no punto quilométrico 29+500 e só están pendentes os traballos de recubrimento do noiro con malla no quilómetro 18+100.

 

 

 

 

Un home resulta ferido ao caer dunha ponte en Sarria

O varón caeu desde uns dous metros de altura á beira do río, ao ceder o valado da ponte.

Os feitos tiveron lugar na LU-636, en Vilar de Sarria, na estrada que vai a Becerreá. O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que solicitaba medios para rescatar ao home. Axiña, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Sarria, da Policía Local e da Garda Civil.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os Bombeiros rescataron ao home e, posteriormente, foi atendido polos servizos sanitarios.

Falemos do goberno

Se Tip y Coll marcaron época pechando as actuacións coa promesa ou ameaza de “falar do goberno” a semana seguinte, eu non adoito falar del porque me queda lonxe e decisións tan superiores son difíciles de entender desde abaixo, mesmo porque temos outros gobernos que tratan asuntos máis cercanos.

Non lle chamarei Goberno Frankestein, chascarrillo intelixente por comparación co ser ideado por Mary Shelley feito por pezas inconexas, pero si penso que – sendo legal e suponse que gobernable – xuntar dous grupos de corazóns que laten en distinta frecuencia, aínda nun fermoso love story político, non estará exento de taquicardias.

Os gobernos da nosa beira, unión de sensibilidades diferenciadas, amañan repartindo esferas de poder e as friccións non chegan ao río. As colisións no goberno nacional non son máis fondas porque o Presidente ábrese de mans e investimentos. Ata agora, que coa Lei que permite/obriga aos xuices a abrir mans que deberían estar pechadas, soan as alarmas pola rebaixa de penas a culpables dos delictos máis infames.

Quen impulsou a lei non retrocede, malia o arrepío popular e o descrédito para o sistema, e unha significada dirixente afirmou que “hai que axudar aos maxistrados para que lean ben as leis, xa que a veces teñen dificutades”.

Se ensinan leis aos xuices, quererán decirlles aos profesores como ensinar e aos ciruxáns onde hai que cortar, cando ás veces non parecen ter carga de seu nas alforxas.

Sánchez, por presións do Psoe de provincias, parece que vai actuar de presidente e retocar o que non funciona como se pretendía. Se o consegue, a próxima semana ao mellor temos motivo para falar ben do goberno.

O Foro pola Igualdade do Concello denuncia a campaña de San Valentín da Federación Galega de Xoieiría

Ana Abelleira denunciou que a Xunta pague  diñeiro público “unha campaña que contén mensaxes que reforzan estereotipos daniños arredor das relacións de parella”. O Foro de Igualdade do Concello acordou este xoves instar á Xunta de Galiza a “esixir a retirada inmediata dunha campaña co gallo de San Valentín, financiada polo executivo autonómico, que inclúe mensaxes sexistas”.

As concelleiras de Deselvolvemento Local e Muller e Igualdade, Ana Abelleira e Silvia Alonso, presidenta e vicepresidenta respectivamente do Foro, elevaron esta proposta co obxectivo de que se leve a cabo a retirada dos carteis que compoñen a campaña, deseñada pola Federación Galega de Xoieiría e do Colexio Oficial de Xoiaría. Neste senso, Ana Abelleira denunciou que “a Xunta pague con diñeiro público unha campaña, que contén mensaxes que reforzan estereotipos daniños ao redor das relacións de parella” ao tempo que subliñou a necesidade de realizar unha supervisión efectiva dos contidos que se financian para que non se envíen á sociedade este tipo de mensaxes que perpetúan os roles sexistas.

“Todas as administracións debemos ser especialmente coidadosas e exhaustivas na vixilancia dos proxectos que apoiamos”, apuntou neste senso. Dentro da orde do día da convocatoria celebrada hoxe tamén se deu traslado da programación que o Concello de Lugo porá en marcha ata finais de marzo para impulsar unha igualdade efectiva en todos os ámbitos. Así, esta programación inclúe diferentes efemérides como o Día da nena e a muller na ciencia, o Día da Igualdade Salarial, o 8M ou o Día da Traballadora no Fogar. Por outra banda, tamén se informou da petición trasladada no mes de decembro tanto ao Ministerio como á Subdelegación do Goberno para que o asasinato de Cristina Cabo sexa considerado como feminicidio social.

Reixtro Civil

Perdoan unha débeda de 50.000 euros a un matrimonio de Lugo

Grazas ao proceso de liberación de débedas estes ex-debedores conseguiron empezar de cero financeiramente, incluíndo o perdón da débeda co Concello de Lugo. O proceso, resolvido esta semana, foi levado integramente pola Asociación de Axuda ao Endebedamento. Pecharon o seu negocio, pero quedaron unha débeda de case 50.000 euros

Os protagonistas desta historia atopábanse nunha situación de insolvencia que levaban arrastrando varios anos. A pesar de entregar unha leira en pago a un dos bancos acredores en 2021 e tentar o refinanciamento  da débeda pendente, as entidades financeiras deron as costas a esta familia. Desde entón este matrimonio tivo que facer malabares para non ser embargado e poder saír adiante. Por fortuna, decidiron solicitar información sobre como protexerse dos bancos e conseguir a condonación das súas débedas. Tras ser asesorados minuciosamente pola Asociación de Axuda ao Endebedamento, os avogados desta entidade sen ánimo de lucro aconselláronlle declararse insolventes e acollerse ao proceso de Lei de Segunda Oportunidade. Só con iniciar o trámite obtiveron un beneficio inmediato: paralizar calquera embargo xudicial e volver usar contas bancarias ao seu nome. Isto proporcionou un gran respiro para os debedores. Conseguido ese primeiro obxectivo de deixar sen efecto os embargos, o segundo trámite foi un acordo de pagos no que pagarían só o 10% da débeda. A resposta das financeiras foi negativa.

Como ben explica Mónica Puente, avogada da Asociación, isto deixou de ser obrigatorio a partir do 26 de setembro: “Os acredores por regra xeral sempre rexeitaban ou non atendían ás propostas de convenio. É unha boa noticia que non sexa preceptivo, xa que se axilizan os trámites, acúrtanse tempos e afórranse custos en honorarios de notaría e mediador concursal, o cal deixa de existir”. Isto converteuse na mellor noticia: dado que os debedores tentaron pagar algo de boa fe e foron os acredores os que rexeitaron, tiñan dereito ao perdón do 100% das débedas. Isto foi aceptado polo Xulgado de Primeira Instancia nº1 de Lugo. Requisitos que marca a Lei da Segunda Oportunidade para condonar o total das débedas Para acollerse ao procedemento é necesario cumprir unha serie de requisitos, que cambiaron coa reforma concursal. Estes son: a insolvencia do interesado, non estar en concurso os últimos 5 anos, non exonerarse nos últimos 10 e carecer de delitos de orde socioeconómica.

Unha vez comprobadas estas condicións, o xuíz encargado do presente caso non tivo dúbidas e perdoou a este matrimonio lucense o pago de todos os seus créditos de forma definitiva. Esta resolución ditada o pasado 30 de xaneiro concedendo o BEPI (Beneficio de Exoneración do Pasivo Insatisfeito) supuxo deixar aos nosos protagonistas libres de pagar 49.797,71 euros. Desde entón, os acredores, entre eles débeda pública, non poderán reclamar ningún pago máis aos xa ex-debedores nin incluílos en ficheiros de morosos. Con esta sentenza, xa son 15 as conseguidas pola Asociación de Axuda ao Endebedamento no que vai de ano, o que mostra a boa aplicación deste proceso por parte dos xulgados.

 

Sobre a xestión do cemiterio municipal de Lugo

En Lugo tes que calcular cando morres e cantos días de vacacións che quedan, porque non é posible enterrar a un ser querido polas tardes, e se traballas pola mañá, vas ter que elixir entre faltar ao traballo ou ao enterro. Tampouco podes visitar as tumbas despois do mediodía, nin pasear polas tardes, por un cemiterio, que é referencia pola súa riqueza patrimonial e arquitectónica, porque pecha ás 14:30h.

Nunha entrevista á Concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, que concedía á Revista Funeraria, esta sacaba peito de que o cemiterio de Lugo estaba xestionado directamente polo Concello de Lugo, “a través de sus órganos y con medios propios”, subliñando tamén como problema de dito modelo, como “a burocracia e rixidez na tramitación, “patente, sobre todo en la gestión de personal, cuya dotación está sometida a complejos y lentos procesos”. A concelleira seguía defendendo a xestión do cemiterio por parte do Concello, “pretendemos una prestación óptima e integral del servicio público de cementerios donde se encuadra tanto la realización de los servicios solicitados de inhumación, exhumación, traslados, como el mantenimiento del recinto…”

Segundo estas declaracións, a Concellería do BNG defende a xestión pública do cemiterio, algo do que nos congratulamos desde Esquerda Unida, pois estamos fartas xa da externalización/privatización dos servizos públicos por parte deste Concello. O que resulta intolerable é que ese servizo público non funcione, funcione mal ou funcione a media xornada.

Agora reabriuse a controversia porque un dos poderes fácticos da cidade, o presidente da Federación Veciñal traslada a queixa, probablemente electoralista, que levamos facendo moitas veciñas desta cidade que tivemos que enterrar aos nosos mortos en “horario de mañá”.

Pero en vez de tentar solucionar o problema, contratando ao persoal preciso, o BNG enzárzase co PSOE nunha batalla máis deste goberno bipartito, ou mellor dito, destes dous gobernos que tratan, presuntamente, de gobernar a cidade. O BNG alega que no cemiterio hai tres prazas de traballadores vacantes, cuxa cobertura está solicitada á area de Persoal, da Concellaría de Paula Alvarello, do PSOE.

O PSOE, pola súa banda, contraataca alegando que “a xestión do cemiterio correspóndelle ao BNG” e propónlle que contrate este servizo a unha empresa, é dicir externalizandoa a súa xestión, xustifican, “mentres se tramita a creación de novas prazas.”

De todo isto poden extraerse varias conclusións: o PSOE e o BNG, xunto coa Federación Veciñal presidida por un señor que pide o voto para Lara Méndez, enrédanse nunha guerra na precampaña eterna á que nos teñen, tristemente acostumados, mentres a veciñanza de Lugo segue a sufrir a inacción deste/s goberno/s, ou a acción froito da improvisación, que son os dous estilos de exercicio de poder neste Concello de Lugo.

Por outra banda, cando resoa que a forma de solucionar un problema de falta de eficacia nun servizo público é externalizalo, podemos ir dando por feito que o futuro da xestión do cemiterio de San Froilán é a xestión por parte dunha empresa privada.

Así que, de momento, a solución ofrecida polo Concello de Lugo, por PSOE e BNG, é que o Concello contrate a unha empresa para os enterros, ou ben nos teremos que contratar o cortexo fúnebre para acompañar aos mortos.

Chus Rodríguez – Candidata á Alcaldía de Lugo por Esquerda Unida


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com