Novas

Ferido un operario ao caerlle unha árbore enriba cando traballaba no monte da Fonsagrada

Un compañeiro que tamén se atopaba no lugar chamou ao 112 Galicia, ás 13 horas, e indicou que estaban a realizar tarefas de talla nun monte do lugar de Sudros, en San Pedro de Río (A Fonsagrada), cando unha das árbores se precipitou sobre o operario. Segundo o mesmo alertador, malia que o ferido estaba liberado dende o primeiro intre, permanecía inmóbil de cintura para abaixo. Ademais, a estrada máis próxima, a LU-530, queda a varios quilómetros do punto.

Con esta información, os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada.

Por outra parte, o persoal sanitario confirma que nestes momentos estase a desprazar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Visita do Presidente da Xunta ás obras do Parque empresarial das Gándaras  

O presidente da Xunta, que visitou as obras da terceira fase do Parque empresarial das Gándaras, acompañado da alcaldesa, o delegado da Xunta, a conselleira de Medio Ambiente e a candidata do PP ao concello en Lugo, resaltou o “éxito da aposta autonómica por esta nova área de asentamento empresarial na contorna da capital luguesa que xa ten adxudicado a totalidade do solo das fases xa rematadas -a primeira e a segunda- e reservada parte da fase 3, en construción, supoñendo un total de 140 parcelas asignadas ou reservadas”.

E incidiu en que “ao seu remate, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados” e preto de 270 parcelas. Na terceira fase, que está previsto rematar no vindeiro mes de abril, o investimento superará os 3,1 millóns de euros.

Este espazo empresarial, que acolle empresas de sectores punteiros en toda Galicia que van dende a automoción e a maquinaria agrícola á fabricación de mobles ou mesmo á produción de café, verá no vindeiro ano licitar as fases 4, 5 e 7-A para dispoñer de preto de 220.000 metros cadrados máis co obxectivo de favorecer o asentamento empresarial na bisbarra.

O máximo mandadatario da Xunta salientou, “a firme aposta do Goberno galego por atraer investimentos empresariais a Galicia e promover a expansión de industrias xa asentadas”.

 

Renfe ofrecerá a vindeira fin de semana un transporte alternativo aos viaxeiros no traxecto Monforte – Lugo debido a obras na vía

Con motivo da renovación da liña de ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, Adif realizará os días 17 e 18 de decembro traballos fundamentais previos á instalación dos sistemas de electrificación, tanto na vía (renovación de vía e desguarnecido de balasto), como na infraestrutura (rebaixe de plataforma, obras de drenaxe e actuacións en pasos superiores e túneles, terrapléns e trincheiras, pontes e viadutos).

Aberto o prazo para solicitar praza nos obradoiros de formación en informática básica para adultos

Abre o prazo para solicitar praza nos obradoiros de formación en informática básica e inclusiva para adultos que a concellería de Benestar porá en marcha, a partir de xaneiro.

Os cursos desenvolverase en diferentes días e horarios nos centros socioculturais de Fingoi, María Balteira, Maruja Mallo e no Edificio de Novas Tecnoloxías, onde se habilitarán entre 5 e 12 prazas por curso e centro coa posibilidade de facelo tanto en quenda de mañá como de tarde.

En total porán a disposición 130 prazas que poden solicitarse nos Centros de Convivencia da Milagrosa ou no Uxío Novoneyra, dende hoxe e até o 16 de decembro ou ata esgotar as prazas. As persoas interesadas poden obter máis información chamando aos teléfonos. 982.29.74.10 e 982.29.74.92.

O domingo 130 ciclistas percorrerán a I Ruta dos Cabaleiros de Santiago

Dentro dos actos do Bicentenario da institución municipal de Paradela, este domingo vaise celebrar a Ruta cicloturista BTT “I RUTA DOS CABALEIROS DE SANTIAGO”, dentro do territorio deste Concello que é fito do Camiño Francés a Compostela.

Para esta ruta hai inscritos 130 ciclistas que van percorrer un total de 34 quilómetros, comezando por un anaco da Ruta do Loio, pasando por San Martiño de Castro para continuar cara a San Facundo, para percorrer logo a Ruta Camiño Vello de Aldosende e despois subir cara a Penarredonda, continuar cara a Nai subindo o Alto de Bidueiro e despois continuar a A Serra para finalmente percorrer os camiños do Monte de Lagüela e rematar na capital do concello.

A entrega de dorsais vaise efectuar ás 8,30 da mañá no Mercado Gandeiro de Paradela. Desde o Mercado efectuarase a saída ás 9,30, pasando xa ao comezo os participantes xunto da estatua homenaxe aos CABALEIROS DE SANTIAGO, erixida con motivo dos douscentos anos do Concello de Paradela, por ter nacido esta orde de Cabaleiros defensores do Camiño e dos Peregrinos no Mosteiro paradelense de LOIO.
Os ciclistas disporán de duchas, lavado de bicis, avituallamento no percorrido e servizo médico. E o Concello de Paradela ofreceralles uns pinchos ao remate do percorrido.

En marcha a cuarta edición do obradoiro de emprego Vía Künig

A cuarta edición do obradoiro de emprego Vía Künig, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está en marcha nos
municipios de Becerreá, Baralla e As Nogais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que “o taller formará a 20 persoas alumnas nas especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción”. Nesta ocasión a actividade durará un ano, xa que a Consellería ampliou en 2022 a duración dos obradoiros dos nove aos doce meses.

As persoas participantes recibirán formación teórica e práctica especializada e levarán a cabo obras e servizos públicos nos respectivos concellos. Así, está previsto executar cadansúas sendas peonís paralelas á estrada N-VI en Becerreá -entre a localidade e O Cereixal – e nas Nogais – localizada na Ferrería -; así como ampliar o centro sociocultural de Baralla para habilitar un punto de atención aos peregrinos.

Ao rematar, os alumnos e alumnas recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España. Ademais, o obradoiro dual Vía Künig inclúe incentivos á contratación para catro dos participantes, que terán a oportunidade de traballar como mínimo outros tres meses máis nunha empresa da zona relacionada coas actividades aprendidas.

 

Armouse o belén

É tempo de competición, e aí está o mundial de Fútbol que azares da fortuna levaron a un emirato árabe ao que posiblemente se mirou a través dun cristal da cor do diñeiro.

As competicións dominan a nosa vida cotiá e persoas e institucións afánanse en proclamar quen é o máis alto, o máis rico, o máis poderoso, ou o máis eficaz. Mesmo na iluminación do Nadal que un mes antes das festas invadíu as nosas rúas, e se o alcalde de Vigo é o emperador urbano da luz nadaleira, o de Monforte veu decirlle que a ver quen ten máis luces por habitante.

Que non sempre o tamaño ou a cantidade é o elemento máis ostensible, e se non fixémonos no Belén dun pobo pequeno, situado arredor da Nacional VI, na Terra Chá, en Begonte, que cumpríu medio século, e para celebralo acudíu o venres, dous de decembro, o Presidente da Xunta de Galicia, que ademais axudou a descubrir a primeira das dezanove estatuas que nas dezanove parroquias do concello begontino – agora dase en chamar “begontés” – van marcar outros tantos puntos dun especial “Camiño ao Belén” que pasando por todos os “begontes parroquiais” remata na praciña dos Domínguez Guizán, tres irmáns que axudaron a forxar un belén mítico, e no Museo Rodríguez Varela, creador do Belén.

Medio século é moito tempo, pero seguro que os hai máis antigos. E máis grandes, e máis ricos, e con máis luz… Pero este é noso, chairego, lucense, galego… véñeno ver 40.000 persoas cada ano, e ata lle cambiou o nome ao pobo: No canto de falar do “Belén de Begonte”, hai moita xente que fala de “Begonte do Belén”.

Díxoo o poeta Piñeiro Cochón: “E a quen se lle conte / de novo en Begonte : / armouse o belén!”.

O PP presenta alegacións ao expediente da Fábrica da Luz e pide a declaración de Lara Méndez

O Partido Popular presentou o mércores alegacións ao expediente da Fábrica da Luz “tras estudar nos últimos 15 días os máis de 8.000 folios de documentación que forman este expediente e que deixan clara unha cousa: que Lara Méndez e Daniel Piñeiro son os principais responsables políticos de que o Concello de Lugo tivese que afrontar unha indemnización de 2.4M€ pola perda da concesión”.

Antonio Ameijide explica que se presentaron estas alegacións ao expediente “para que sexan os responsables políticos os que paguen do seu peto” xa que “no estudo deste expediente de 8.000 folios quedounos clara a vinculación e coñecemento da alcaldesa de solicitar a prórroga polo que a rexedora debe explicar a todos os lucenses por que non se solicitou en prazo a prórroga, por que se desatenderon os requirimentos e por que non se solicitaron os informes xurídicos pertinentes”.

O vicevoceiro popular tamén sinala “que neste expediente hai outra cuestión capital que se debe aclarar: a participación de Daniel Piñeiro no expediente e a súa vinculación con Adega. Unha cuestión que non é menor xa que cómpre saber se a vinculación do ex concelleiro con Adega, organización ecoloxista á que pertencía o concelleiro que boicoteou o proxecto, puido influenciar dalgún modo para acabar provocando esa indemnización de 2.4M€”. “Neste punto Lara Méndez non pode alegar descoñecemento porque estaba ao tanto desta vinculación, xa que era algo público e notorio”, afirma.

Para Antonio Ameijide tamén é importante “que presten declaración numerosos técnicos e funcionarios municipais sobre os informes emitidos, decisións adoptadas e sobre as ordes políticas recibidas durante todos estes anos por parte dos políticos socialistas. Entre estas declaracións que se deberían tomar estarían, por exemplo, a do ex xefe do servizo de contratación, o actual asesor xurídico ou a ex xefa do servizo de Medio Ambiente e ex responsable do contrato”. “Deben de aclarar que ordes recibían e por que non se informaba xuridicamente a solicitude destas prórrogas e o riscos indemnizadores que supoñían a decisión do goberno socialista de non solicitala en prazo”, sinala.

Aprobadas as axudas de Medio Rural no marco do programa de prevención de lumes “O que non arde”

A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución das axudas ao silvopastoreo convocadas pola área de Medio Rural no marco do programa de prevención de lumes “O que non arde”.

As achegas, dirixidas a ganderías de ovino, cabrún e porcino, contribuirán a consolidar vintecinco proxectos de pastoreo en extensivo en terreos agrícolas e forestais.

Segundo se recolle na resolución aprobada, que se publicará mañá sábado no Boletín Oficial da Provincia, entre as entidades beneficiarias figuran 21 ganderías, que levarán a cabo investimentos na adquisición, reparación ou instalación de valados fixos ou móbiles e pastores eléctricos, así como doutros elementos como curros, mangas de manexo e comedeiros e bebedeiros móbiles para facilitar o manexo e rotación do gando.

Neste capítulo, fináncianse tamén deseños e actuacións innovadoras nos peches e elementos auxiliares para o silvopastoreo, como o deseño e construción dun refuxio modular e desmontable para o gando ou a instalación de mallas de control de malas herbas que impidan o crecemento de vexetación que poida derivar a corrente eléctrica xunto aos peches.
Tamén se benefician das axudas catro asociacións gandeiras, que están xa na actualidade implementando pprogramas de asesoramento e fomento do silvopastoreo cos seus asociados, trasladando esta formación a centos de gandeiros e gandeiras espallados ao longo de toda a
provincia.

O luns abre o prazo de inscrición das Aulas Abertas para as vacacións de Nadal

O vindeiro luns, día 13 de decembro, abre o prazo de inscrición das Aulas Abertas para as vacacións de Nadal.

Benestar Social ofrece un total de 120 prazas para o Nadal, explicou a Concelleira, ao tempo que explicou que as Aulas Abertas de desenvolverán en dúas quendas: unha primeira os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e outra os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro. É dicir hai 20 prazas por centro e por quenda.

As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude do 13 ao 15 de decembro, ambos os dous días incluídos, ben de xeito presencial – entre as 09:00 e as 13:00 horas no centros de convivencia Uxío Novoneyra e Milagrosa, ben a través do enderezo electrónico aulasabertas@lugo.gal.

As solictudes poderanse descargar a través da páxina web do Concello de Lugo: www.concellodelugo.gal, dentro do apartado Animación Sociocultural http://concellodelugo.gal/gl/actuacions/programa-gl-animacion-sociocultural a partir das 09.00 horas do día 13.

As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e o listado de persoas admitidas publicarase o día 20 de decembro. A matrícula deberá formalizarse entre os días 21 e 22 de decembro, cubrindo o formulario modelo 603 de pago de taxas: http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603 , efectuando o abono da mesma e entregando o xustificante no centro de convivencia correspondente.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com