Novas

Lugo elexida para celebrar a Noite do Cine Europeo nos cines Codex

Lugo xunto con outras tres cidades do estado español, foi escollida por Europa Cinemas para celebrar a Noite do Cine Europeo que se está a desenvolver en toda Europa durante esta semana.

Os Codex volven situar a Lugo na vangarda da cultura do cinema europeo xa que comparte con cidades como Berlín, París, Budapest, Viena ou Bruselas a celebración da Noite do Cine Europeo.

Para este evento que terá lugar mañá venres 9 de decembro, os Codex preparan unha posta en escena especial. A película que se proxectará ás 20:30h será “Villa Caprice”, un filme francés que chega precedida dun gran apoio por parte da crítica europea e que de seguro gustará ao público que asista a esta Noite do Cinema Europeo.

Estrea en Codex Cinema do filme galego “O corpo aberto” producida polos irmáns Coira

Esta semana chega ás pantallas dos Codex Cinema o filme galego  “O CORPO ABERTO”, unha película que consegue alternar entre un relato de terror clásico e un drama rural intimista. Combina os dous xéneros para contar unha historia tan suxestiva como finalmente conmovedora. O filme está producido polos irmáns Coira.

Relata a vida de Miguel, un novo profesor, que é destinado a unha minúscula localidade de montaña na fronteira entre España e Portugal. Un territorio pouco hospitalario, habitado por xente áspera e de tradicións tan remotas como a propia aldea. A medida que avanza o inverno, Miguel sente como a escuridade se apodera de todo á súa ao redor á vez que crece a súa curiosidade por unha veciña do pobo, a enigmática Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito libre en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e os mortos.

Outra das estreas da semana é  “MANTÍCORA” do director Carlos Vermut a máis depurada e atrevida ata o de agora, arriscada ata a extenuación. Unha película prodixiosa de estrutura tan sinxela como densa, que narra a vida de Julián, un deseñador de videoxogos de éxito, que vive atormentado por un escuro segredo. Cando Diana aparece na súa vida, Julián sentira próxima a oportunidade de ser feliz. Esta historia sobre o amor e monstros nos tempos modernos, fala dun monstro real, dos que viven entre vós e que podes atoparte no metro ou na cola da panadería. Fala da necesidade de amar e ser amado.

Contaremos tamén coa estrela de “SIMONE, A MULLER DO SÉCULO”. A extraordinaria vida da icona feminista francesa Simone Veil é levada á gran pantalla neste conmovedor e monumental biopic do director Olivier Dahan (A Vie en rose). Protagonizada por Elsa Zylberstein (Unha lea inesperada) e Rebecca Marder (Mama María), o filme ofrece un retrato íntimo e épico dunha muller singular que desafiou e transformou eminentemente a súa época defendendo unha mensaxe humanista que segue sendo de gran actualidade.

E para rematar, estreamos o filme “NOSTALXIA”, baseada na novela de 2016 de Ermanno Rea, que nos conta a historia de Felice, un home que, despois de vivir moitos anos en Exipto, regresa a Nápoles para reencontrarse coa súa anciá nai, á que deixara repentinamente cando aínda era un neno. De volta á súa cidade natal, perderase entre as pedras das casas e igrexas do barrio de Sanità, impregnado das palabras dunha lingua que agora percibe como estranxeira, pero que en realidade é a súa. O home parece ser presa dunha estraña fascinación, mentres os recordos dunha vida afastada que pasou con Oreste e con quen comparte un secreto, volven xurdir no seu interior.

Lugo contará con novos colectores que serán máis baixos e terán boca para evitar tocalos

Cando comece a instalación, segundo informa o Concello, serán os colectores de recollida selectiva de fracción resto, de envases lixeiros, de papel e cartón e de vidro, e proximamente os de orgánica os primeiros en colocarse. Disporanse en illas que manterán a súa homoxeneidade, para coidar a estética das rúas, integrando colectores de capacidades variables, como os de 2.900 litros empregados para a fracción resto, os envases lixeiros e o papel cartón, e os 1.800 litros do colector da fracción orgánica.

Parece ser que estes novos colectores de lixo teñen entre as súas características as de que os usuarios non terán que tocar ningún elemento do colector á hora de posar os residuos xa que levan boca – e non como pasa agora cos do pedal ou cos que se abren a man, que desaparecen- co fin de que facilitar unha operación máis hixiénica e accesible.

Así mesmo, todos os colectores, que serán de carga lateral, irán suxeitos nun centrador, que fará de soporte para evitar que se movan co vento ou o movan as persoas, ao mesmo tempo que permite reducir as distancia entre eles contribuíndo a aforrar espazo de aparcamento. Os colectores terán todos unha maior robustez e pezas plásticas ou de aceiro galvanizado para evitar a corrosión.

Os colectores, ademais, estarán equipados cos sensores intelixentes que medirán o volume e enchido dos mesmos co fin mellorar a súa recollida e reducir o tráfico de camións, o que permitirá reducir o gasto enerxético e a contaminación.

Reixtro Civil

Arquivada a causa da muller que aparecera ferida no patio interior da praza do Ferrol na muralla

 O Xulgado de Instrución nº2 de Lugo vén de sobreser as actuacións abertas en outubro de 2021 tras atoparse unha muller con feridas no patio interior da praza do Ferrol, ao pé da muralla. Segundo explica a maxistrada, “do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración de delito ningún dos que deu motivo á formación da causa”, polo que procede ao seu arquivo, tal como solicitou a Ministerio fiscal. Aclara o auto que malia ao tempo pasado, a lesionada, que na actualidade se encontra en paradoiro descoñecido, nunca foi quen de lembrar o que ocorreu nesa madrugada. Na súa declaración xudicial explicou que “dende que tomou unha consumición co investigado, non lembraba nin en que locais estivo nin o que ocorreu esa noite ata que apareceu gravemente lesionada ao pé da muralla”. Consta na resolución xudicial notificada hoxe que “foi esa a primeira vez que se suxeriu a posibilidade dunha submisión química, o que carrexou recabar do IMELGA informe relativo á eventual presenza daquelas substancias no pelo da vítima, aínda que a inxesta fora puntual, a fin de acreditar tal extremo”, proba que non se chegou a practicar debido á marcha da denunciante.

En relación ás dilixencias de investigación practicadas, recábaronse en diversas ocasións, mediante oficio á Policía Xudicial, as imaxes que puideran existir nas gravacións das cámaras de Lugo, que sempre deron resultado negativo, “máxime ao descoñecerse cal foi o camiño que conduciu á lesionada ate o adarve da muralla e a hora á que accedeu á mesma e punto de acceso”. “As dilixencias solicitadas pola acusación relativas a cámaras foron reiteradas en sucesivas ocasións , dando sempre resultado negativo, non advertíndose cámaras que resten por estudar segundo informou a policía”, afirma a xuíza no auto.

Por outra banda, recabouse posicionamento dos terminais telefónicos das partes, a fin de acreditar que cando menos se atopaban xuntos a lesionada e o investigado cando ela sufriu a caída por precipitación do adarve da muralla, “con resultado negativo”. Tamén se efectuaron diversas pericias informáticas sobre os teléfonos de lesionada e do investigado, traballos que “non deron resultado ningún investigativo”.

Con tales datos, sostén a maxistrada, “non é posible formular un xuízo indiciario de responsabilidade criminal” fronte ao investigado como presunto responsable das lesións sufridas pola vítima e “moito menos dun delito de odio”. Conclúe que ao non lembrar a presunta vítima o que ocorreu e tendo en conta que as dilixencias practicadas “non permiten constatar sequera que estiveran xuntos cando se produciu a caída”, non é posible soster a concorrencia dun delito de odio pola condición de trans da vítima, como considera a acusación particular. “Non concorre das dilixencias practicadas elemento ningún que permita acreditar sequera indiciariamente que o investigado empurrou intencionada ou imprudentemente á lesionada dende o adarve da muralla”, di.

Polo tanto, considerando “esgotada” a instrución, o Xulgado de Instrución nº2 de Lugo acorda o sobresemento provisional e arquivo das actuacións, e alza as medidas cautelares acordadas con respecto ao investigado, “sen prexuízo de que, de volver a estar localizable a presunta vítima ou de recuperar a memoria sobre o acontecido, cabería eventualmente a reapertura das actuacións”.

Rematan as obras entre as rúas Rof Carballo e Vila Verde

Remataron as obras da renovación do espazo peonil situado entre as rúas Rof Carballo e Vila Verde.

As obras consistiron en substituír o antigo adoquín por formigón impreso, “mantendo a estética da contorna cun pavimento que non sufrirá tanto desgaste”. Xunto coa renovación do pavimento, a Tenencia de Alcaldía renovou unha canalización de alumeado público e as rexas situadas ao pé das escaleiras.

A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo galego de árbores senlleiras a Nogueira do Camiño Vello

A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo galego de árbores senlleiras a Nogueira do Camiño Vello (Juglans regia L), no concello de Triacastela, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que salienta as características dendrométricas, a singularidade e a beleza deste exemplar.

A Nogueira do Camiño Vello, con 9 metros de altura e 7 metros de circunferencia e cunha inclinación de 40º cara ao leste, enraizada directamente na rocha localízase ao carón da Casa da Ponte, vella ferrería onde en 1812 a Xunta Superior de Galicia instalou un hospital
de tránsito para atender a soldados enfermos que loitaban contra as tropas francesas durante a Guerra de Independencia.
O seu vasto toro e as súas cavidades, algunhas delas completamente abertas, mostran o inescrutable paso do tempo, as inxerencias do clima e dos insectos que nela habitan.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Nogueira do Camiño Vello.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Lugo Monumental convoca un concurso de escaparates de Nadal

Lugo Monumental convoca un concurso de escaparates de Nadal onde se outorgarán premios aos mellores escaparates e ao mellor Belén situado no casco histórico .

No concurso de escaparates poderá participar todo establecemento asociado a Lugo Monumental, co único requisito de estar ao día nas súas cotas coa Asociación. Establécense tres premios, todos eles consistentes en importes a gastar en establecementos asociados:

Un Primeiro premio de 300 euros, un segundo premio de 200 euros e un terceiro premio de 100 euros.

O xurado que falle os premios darase a coñecer co propio fallo dos mesmos.

En canto ao concurso de Belén Lugo Monumental vai colaborar coa Asociación de Belenistas de Lugo, que tradicionalmente fai un gran concurso de estes tradicionais elementos do Nadal. Establecese un premio espacial ao mellor Belén en calquera establecemento do casco histórico (sexa ou non asociado a Lugo Monumental) de 200 euros en un único premio, que outorgará o xurado da propia Asociación de Belenistas.

Pódense  consultar as bases na web da Asociación de Belenistas:

http://asociacionbelenistaslugo.blogspot.com/2022/12/concurso-de-belenes-2022.html.

Precintados dous locais de ocio nocturno por diversas irregularidades

O Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detectan na madrugada do día 3 de decembro, que un establecemento de lecer nocturno, situado na rúa Catedral, estaba aberto ao público, con actividade, a pesar de que tiña ORDE DE PECHE debido ás numerosas deficiencias detectadas como:

Carencia de sistemas de peche automático das portas, carencia dun número determinado de extintores, alumado de emerxencia, carencia de carteis esixidos pola normativa de espectáculos públicos, cables á vista e algúns sobre madeira, falta de funcionalidade do rexistrador- limitador de son, acceso ao establecemento non axustado á normativa de accesibilidade, carencia de carteis de cámara de videovixilancia, etc… Por tal motivo os axentes proceden ao peche e ao precinto do local.

Asemade comproban que un establecemento de lecer nocturno situado ra rúa Pintor Villamil estaba aberto ao público con actividade, a pesar de que tiña orde de peche por inspección de efectivos da Policía Local ao detectarse que exercía a actividade sen título habilitante, polo que se procede ao seu desaloxo, impedindo a actividade e PRECINTANDO o establecemento.

Novas actividades gratuítas este mes na Reserva da Biosfera Terras do Miño

A Deputación de Lugo organiza este mes de decembro novas actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental na Reserva da biosfera de Terras do Miño. Están pensadas tanto para público infantil como adulto e familias.

Por unha banda, organiza un conxunto de paseos micolóxicos na zona de Lugo co obxectivo de ofrecerlle á cidadanía unha formación práctica, completa, rigorosa e de calidade sobre o estudo, recoñecemento e identificación de cogomelos. Serán os días 10, 16, 18 e 21 de
decembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Están pensados para público familiar e adulto e as persoas interesadas pódense inscribir en calquera das datas habilitadas.

Os días 22 e 23 de decembro haberá un obradoiro de oficios tradicionais para nenos e nenas de entre 6 a 10 anos no Centro de Interpretación de Terras do Miño. O día 22 será en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas e logo o día 23, de 10:00 a 14:00 horas. O obxectivo é achegar ao público infantil os oficios tradicionais e a súa importancia na Reserva da Biosfera Terras do Miño e a súa relación co río e as actividades da auga.

O prazo de inscrición ábrese este luns e as actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse a través das diferentes canles da institución provincial.

Está habilitado o número 982.305.930 e un espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.

O PP reclama reforzo policial para frear as ocupacións en barrios de Lugo

O PP presentará unha iniciativa ao vindeiro pleno “na que solicitan ao Concello de Lugo que reforce a presenza de Policía Local en diferentes zonas de Lugo onde hai problemas de okupas” e tamén reclaman que a alcaldesa “inste á Subdelegación do Goberno a que restitúa a seguridade cidadán no barrio con máis efectivos da Policía Nacional”.

Ademais os populares “á vista do malestar e a preocupación que vai in crecendo en barrios como o da Milagrosa” solicitan que se habilite por parte do Concello de Lugo “un servizo rápido de atención ás persoas afectadas pola okupación”. “Neste momento se un cidadán chama ao concello derívano á Policía Nacional sen prestarlle ningún tipo de solución. Creo que hai medios e persoal para prestar unha atención inmediata aos afectados”.

Dende o Grupo Popular insisten en que “non se debe minimizar o problema que se vive en diferentes barrios da cidade con xustificacións de que se trata de algo xeneralizado e de que non se trata dun fenómeno novo”. “Nós cremos que se deben adoptar medidas contundentes xa que se trata dun problema grave”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com