" />
Reixtro Civil

Arquivada a causa da muller que aparecera ferida no patio interior da praza do Ferrol na muralla

 O Xulgado de Instrución nº2 de Lugo vén de sobreser as actuacións abertas en outubro de 2021 tras atoparse unha muller con feridas no patio interior da praza do Ferrol, ao pé da muralla. Segundo explica a maxistrada, “do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración de delito ningún dos que deu motivo á formación da causa”, polo que procede ao seu arquivo, tal como solicitou a Ministerio fiscal. Aclara o auto que malia ao tempo pasado, a lesionada, que na actualidade se encontra en paradoiro descoñecido, nunca foi quen de lembrar o que ocorreu nesa madrugada. Na súa declaración xudicial explicou que “dende que tomou unha consumición co investigado, non lembraba nin en que locais estivo nin o que ocorreu esa noite ata que apareceu gravemente lesionada ao pé da muralla”. Consta na resolución xudicial notificada hoxe que “foi esa a primeira vez que se suxeriu a posibilidade dunha submisión química, o que carrexou recabar do IMELGA informe relativo á eventual presenza daquelas substancias no pelo da vítima, aínda que a inxesta fora puntual, a fin de acreditar tal extremo”, proba que non se chegou a practicar debido á marcha da denunciante.

En relación ás dilixencias de investigación practicadas, recábaronse en diversas ocasións, mediante oficio á Policía Xudicial, as imaxes que puideran existir nas gravacións das cámaras de Lugo, que sempre deron resultado negativo, “máxime ao descoñecerse cal foi o camiño que conduciu á lesionada ate o adarve da muralla e a hora á que accedeu á mesma e punto de acceso”. “As dilixencias solicitadas pola acusación relativas a cámaras foron reiteradas en sucesivas ocasións , dando sempre resultado negativo, non advertíndose cámaras que resten por estudar segundo informou a policía”, afirma a xuíza no auto.

Por outra banda, recabouse posicionamento dos terminais telefónicos das partes, a fin de acreditar que cando menos se atopaban xuntos a lesionada e o investigado cando ela sufriu a caída por precipitación do adarve da muralla, “con resultado negativo”. Tamén se efectuaron diversas pericias informáticas sobre os teléfonos de lesionada e do investigado, traballos que “non deron resultado ningún investigativo”.

Con tales datos, sostén a maxistrada, “non é posible formular un xuízo indiciario de responsabilidade criminal” fronte ao investigado como presunto responsable das lesións sufridas pola vítima e “moito menos dun delito de odio”. Conclúe que ao non lembrar a presunta vítima o que ocorreu e tendo en conta que as dilixencias practicadas “non permiten constatar sequera que estiveran xuntos cando se produciu a caída”, non é posible soster a concorrencia dun delito de odio pola condición de trans da vítima, como considera a acusación particular. “Non concorre das dilixencias practicadas elemento ningún que permita acreditar sequera indiciariamente que o investigado empurrou intencionada ou imprudentemente á lesionada dende o adarve da muralla”, di.

Polo tanto, considerando “esgotada” a instrución, o Xulgado de Instrución nº2 de Lugo acorda o sobresemento provisional e arquivo das actuacións, e alza as medidas cautelares acordadas con respecto ao investigado, “sen prexuízo de que, de volver a estar localizable a presunta vítima ou de recuperar a memoria sobre o acontecido, cabería eventualmente a reapertura das actuacións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo