Novas

Convocatoria do XXV Certame de Narración Curta “Ánxel Fole”

O Concello anunciou a convocatoria do XXV Certame de Narración Curta “Ánxel Fole”. Nesta edición, o premio volverá ser de 4.000€, ademais de que a obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galiza.

Poderán presentarse todas as persoas que o desexen, sempre que a obra esté escrita en galego. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 100, é dicir, entre 90.000 e 180.000 caracteres con espazos. Cada autora poderá presentar todos os relatos que desexe, en envíos separados.

As obras poderán enviarse ou entregarse presencialmente nas oficinas da área de Cultura até o 31 de decembro. Durante o primeiro trimestre do 2023 coñecerase a obra gañadora. As bases poderán consultarse na web do concello.

 

Darío Xohán Cabana, un home xeitoso. 18.11.2022

Darío era un home xeitoso. E dito esto, todos vós pensaredes que haberá infinitos adxectivos máis acaídos ca o de xeitoso, pero eu sei, estou vendo, que Darío sorrí. Como se o estivese vendo.

Porque xa hai ben tempo, sempre sorrindo como acostumaba, dixome: “Oe Xulio, e ti daste conta de que nos teus artigos utilizas o cualificativo de “xeitoso” con profusión?. Tenme chamado a atención, e así cho digo”.

Non sei que resposta lle din porque, a verdade, un é como é, sempre ás presas, improvisando, e sae o que sae, escribindo máis co corazón que coa cabeza. Pero ao decilo Darío, sei que tiña razón, e seguro que abuso de conceptos que os galegos asumimos, e que para os de fóra sería moi difícil traducir axeitadamente. “Axeitadamente”.

Xeitoso ou xeitosa será a persoa que sabe comportarse en todo momento como corresponde, que sabe ser neno cos nenos; vello cos vellos; empodeirado cos poderosos, e o máis humilde cos máis humildes. Darío, xa que logo, era unha persoa ben xeitosa.

Xeitoso é o que sabe ser parella amante; pai educador e inspirador; avó comprensivo e tolerante; servidor público achegado ao pobo que sirve; calado, risoño, equilibrando amor e humor, sempre pacifico e pacificador. Darío, tamén nesto, era un home ben xeitoso.

Xeitosa era, no galego antigo – o idioma que mamamos na aldea conservado polos nosos devanceiros -, a persoa que sabía axustarse ás circunstancias, e atopaba solución manual ou intelectual para os problemas de cada día, proporcionando tranquilidade, continuidade, evitando saltos e sobresaltos. Supoño que ninguén me negará que Darío era un home xeitoso

Se ao comezo eu estiven seguro de que Darío estaba sorrindo, polo feito de que tempo despois eu lembrara a súa non sei se corrección, se pura constancia de feitos, agora paréceme que está tapando os ollos como para non verme nesta circunstancia que ao mellor xa non é “xeitosa” para esta lembranza, cabodano, constancia de presencia entre nós por tantas pegadas literarias, tanto agarimo, e ata homenaxes que non fan máis que comezar.

Por se acaso comprobo que sinónimos de xeitoso veñen ser mañoso, apropiado, benfeito e agradable. Pois tampouco vou tan descamiñado cualificando a Darío, por activa ou por pasiva, como “xeitoso”.

E como un anda camiñando senón en tempo de desconto, se moi avanzado o partido da vida, teño a esperanza de dar chegado consciente ao ano 2031, para poder participar no “Día das Letras galegas” dedicado a Darío. Para todos nós, os “dariófilos”, vai ser algo moi XEITOSO.

Aberta a inscrición do programa municipal Aprende Xogando

A inscrición do programa Aprende Xogando está aberta xa para as familias. Esta iniciativa está pensada para facilitar a conciliación familiar durante as mañás das vacacións de Nadal e para o 2º trimestre do curso escolar, correspondente ás tardes dos meses de xaneiro, febreiro e marzo. O prazo de solicitude finalizará o 7 de decembro.

Aprende Xogando está dirixido a nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 4 e os 12 anos. Poderán acceder ao programa menores con 3 anos que se atopen escolarizados e sempre que cumpran os 4 anos no período solicitado.

O programa levarase a cabo durante as vacacións escolares de Nadal en quendas de mañá, das 9:00 ás 14:00 horas, e para o 2º trimestre do curso escolar, correspondente nas tardes dos meses de xaneiro, febreiro e marzo, das 16:00 ás 20:30 horas nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e Milagrosa.

As solicitudes para este servizo efectuaranse a través do correo electrónico aprendexogando@lugo.gal achegando, con carácter obrigatorio, fotocopia do DNI da nai/pai ou da persoa que represente legalmente ao menor, que asine a solicitude; fotocopia cotexada do libro de familia ou documentos equivalentes, fotocopia da tarxeta sanitaria da nena/o e certificado médico ou informe de calquera dato médico de relevancia para a prestación do servizo.

A coordiandora “Eólica, Así Non” convoca a unha manifestación para o vindeiro 11 de decembro

Por segundo ano, con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro domingo, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a actual invasión eólica.

Dende a Coordinadora “Eólica Así Non” sinalan que escolleron esa data polo “seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país e que descorrerá baixo o lema Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa”.

“Eólica Así Non” realizará concentracións por diferentes comarcas galegas. Na provincia de Lugo ademáis de na capital, haberá mobilizacións en A Fonsagrada, Becerreá, Foz, Meira, Mondoñedo e Monterroso. Na cidade de Lugo está previsto facer unha marcha que remate nunha concentración no edificio Multiusos da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla.

Está previsto comezar a marcha sobre ás 9.15h. Percorrendo o Camiño Primitivo dende San Xoán do Alto, (á altura de Nenea), San Lázaro, cruzar o río Miño pola Ponte Vella, subir pola Calzada Romana e a través da rúa do Carme chegar á Muralla Romana. Cruzar a Porta Miñá, e chegar á Praza da Soidade, pasando por Santo Domingo, Rúa do Teatro, e chegar ata o Multiusos da Xunta. Ás 12h está previsto un pequeno recital poético e a lectura do manifesto.

Convocan a mobilización da comarca de Lugo: ADEGA-Lugo, Amigos do Patrimonio de Castroverde, C.S. Mádia Leva, Asoc. Cova da Serpe, Asociación Galega de Custodia do Territorio, CIG Lugo-A Mariña, Asoc. Ecoloxistas Galiza, AFRUGA, Sindicato Labrego Galego, Rede do Rural, Rede Patrimonio e Nova Escola Galega.

Inuagurado o Belén de Begonte que celebra o seu 50 aniversario

O Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego e que celebra este ano o seu cincuenta aniversario nesta vila chairega foi inaugurado este venres a tarde. O acto ao que asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que resaltou a súa singularidade e
orixinal sistema de animación que fai que se teña convertido nun referente do Nadal galego. Así, salientou que “o Belén de Begonte transcende a súa orixe relixiosa e forma parte do patrimonio cultural de Galicia, ata o punto de que atrae cada ano ao redor de
40.000 visitantes”.

Rueda salientou “o traballo en equipo de toda a veciñanza, que cada ano fan novas pezas de xeito voluntario; a aposta pola tradición e innovación que se percebe na actualización do seu mecanismo de funcionamento e o interese por seguir mellorando e actualizándose”.

Codex Cinema estrea hoxe venres o filme de época “La Emperatriz rebelde” e a película catalá “Suro”

Esta semana chegan as pantallas dos Codex dúas novas estrelas:

A EMPERATRIZ REBELDE, dirixida por Marie Kreutzer; unha película de época que ademais de contar unha historia, indaga na natureza e significado das películas de época. O retrato psicolóxico de Kreutzer xoga a eses anacronismos que inaugurou a María Antonieta de Coppola, cunha banda sonora pop, algún que outro obxecto extemporáneo  e unha envolvente posta en escena.

É o Nadal de 1877 e Sissi Emperatriz celebra o seu 40 aniversario e non hai indicio de felicidade arredor dela: é xulgada constantemente polos seus propios fillos e vive submisa na súa beleza en decadencia polo paso do tempo. Asfixiada polas normas, e cun apetito voraz de saber e de vida, Isabel de Austria rebélase cada vez máis contra as imposicións, na busca da emoción da xuventude.

A segunda estrea da semana é  SURO do catalán Mikel Gurrea. O filme indaga nas contradicións do capitalismo (traballo, xénero, clase, raza … )a partir da historia dunha parella, Helena e Iván que deciden deixar a gran cidade, están fartos de présas e agonías. Están esperando o seu primeiro fillo e propóñense construír unha nova vida convencidos de que medrará moito máis libre e san rodeado de natureza, polo que deciden instalarse nunha masía na Alt Empordá. Pero os seus diferentes puntos de vista sobre como vivir da terra emerxen, desafiando ao seu futuro como parella.

Campaña de vixilancia para garantir que o bus urbano poida acceder ás paradas reservadas

9:30 da mañá. O autobús da liña 1.3 que comunica o Campus co Ceao a través de Fontiñas inicia o seu percorrido diante do Edificio de Sindicatos na Rolda da Muralla.

Aos poucos minutos de traxecto, o chófer non ten máis remedio que obstaculizar toda a calzada, impedindo a marcha do resto da circulación para permitir que as persoas usuarias entren e saian do transporte público porque a parada está ocupada por vehículos particulares.

A manobra é rexistrada por dous axentes uniformados da Policía Local que tamén van a bordo para vixiar o uso indebido destas zonas como prazas de aparcamento ordinario. A infracción se salda cunha sanción de 200 euros trala cal, autobús e efectivos policiais continúan, respectivamente, co seu servizo.

Esta escena obedece á campaña de control que o Concello de Lugo acaba de poñer en marcha para disuadir ás e aos condutores de realizar estacionamentos indebidos nas prazas do bus urbano. Unha práctica tipificada como grave e sobre a que a Policía Local vén detectando un abuso nos últimos meses.

Este operativo terá unha duración por agora, indefinida xa que a súa permanencia dependerá, en boa medida, do grao de concienciación que se acade na poboación.

O dispositivo manterase en quenda de mañá e tarde, facendo fincapé en zonas e franxas horarias moi concretas onde se rexistra unha reiteración excesiva deste tipo de infraccións e lembrou ás e aos conductores que a Lei de Seguridade Vial non permite nin estacionar nin tampouco parar nestes espazos reservados ao autobús.

Concentración en repulsa polo asasinato de Cristina Cabo Buján

Esta tarde a Plataforma Feminista de Lugo convocou una mobilización en resposta ao cruel asasinato de Cristina Cabo Buján.

A portavoz da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, xa trasladara a  desolación que hai no colectivo polo crime da rúa Quiroga.
“Aparte de ser a mellor persoa do mundo, era a mellor compañeira e tamén a mellor amiga. Non se pode dicir nada que non sexa marabilloso dela”.

Torrón definiu a Cristina Cabo como “unha persoa xenerosa, que axudaba a todo o mundo, que estaba súper comprometida coa ecoloxía, co medio ambiente e coa economía sostible”.

A Alcaldesa de Lugo, acompañada de concelleiros e concelleiras da Corporación, sumaronse a esta concentración e transmitiron unha vez máis, o seu pesar e todo o seu agarimo á familia e amigos de Cristina Cano, “unha persoa moi querida e que nunca esqueceremos”.

Reixtro Civil

Ingresa en prisión o detido polo asasinato de Cristina Cabo Buján

José Valencia, o colombiano acusado de asasinar a Cristina Cabo Buján, pasou a disposición xudicial este xoves, logo de declarar e confesar onte á policía que matara a moza lucense alegando que “se lle fora das mans” e “que estaba borracho e drogado”. Segundo a testemuña do acusado, coñecera á vítima esa mesma noite nun local de ocio nocturno e ambos decidiron acabar á noite no domicilio da vítima, lugar onde o acusado a apuñalou en varias ocasións ata causarlle a morte e alegando que o motivo foi que lle pedira diñeiro á vítima e que ela non llo quixo dar.
O home que levaba arredor de dous meses vivindo na cidade xa tiña antecedentes por roubo.
A titular do xulgado número un de Lugo decretou este xoves prisión provisional comunicada e sen fianza para o acusado.

Portomarín recibe o Premio Turismo Rural 2023 de Pobos Máxicos de España

Na noite do 30 de novembro, como é tradición, falláronse os PREMIOS POBOS MÁXICOS na súa edición para 2023 que se dan a coñecer o día 1 de decembro. A filosofía destes premios é recoñecer o esforzo que realizan os municipios da Rede de Pobos Máxicos de España e que os pobos premiados sirvan de exemplo pola súa xestión, estratexias e logros conseguidos ao resto da Rede de Pobos Máxicos.

Nesta cuarta edición dos «Premios Pobos Máxicos de España» premiásense tres categorías de premios principais, coas que recoñecer o esforzo dos Pobos da Rede de Pobos Máxicos de España e das entidades e medios de comunicación, que traballan por manter os nosos pobos e o Medio Rural vivo. Na edición 2023 o Premio ao Turismo Rural foise a PORTOMARÍN.

Os Premios Pobos Máxicos de España 2023 entregaranse na Caseta de Pobos Máxicos da Feira Internacional de Turismo FITUR, o próximo mes de xaneiro.

Os PREMIOS POBOS MÁXICOS DE ESPAÑA teñen un carácter honorífico e simbolízanse nunha peza artística en bronce creada polo Taller de Escultura Irmáns Moreno (Selecta) co logotipo de Pobos Máxicos de España.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com