Novas

Este venres Codex Cinema proxectará o documental “La ciudad de la selva”

O venres 14, ás 20:30,  en Codex Cinema haberá un pase especial de Ciudad de la selva. Fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio, documental dirixido por Miguel Riaño, quen presentará a proxección xunto a Carmen Blanco (ADVF) e membros do equipo arqueolóxico da produción, o acto contará con presentación e faldoiro.

O filme conta a historia dos fuxidos do réxime franquista en torno á poboación galega de Casaio. Nestes montes houbo unha resistencia activa contra o fascismo grazas ao apoio de membros das comunidades locais

Becerreá contará cunha nova Casa do Concello

O Concello de Becerreá ven de aprobar o expediente de contratación para a construción do novo edificio que albergará as dependencias do concello. Dito  expediente de licitación e contratación para a adxudicación do contrato de obras para a execución do proxecto titulado “Construción da nova Casa do Concello de Becerreá”, disporá  dun orzamento de 1.25.9481,34 €, aportado integramente polo concello e dispora dun  prazo de execución de 15 meses.

O director de obra será  Santiago Catalán Tobía que mediante resolución da Alcaldía de data 23 de marzo de 2022, adxudicóuselle contrato para a prestación do servizo de redacción de proxecto de execución e dirección facultativa, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde, da obra obxecto deste expediente de contratación. O seguimento corresponderá ao Arquitecto Municipal.

 

Este domingo da comezo o programa de roteiros 2022/23

A delegación de Lugo de ADEGA da comezo este domingo o programa de roteiros 2022/23 que leva por título “Depredación da natureza ou autosuficiencia”.
O programa inaugurase no Courel e da comezo co roteiro “O Courel revive sempre”. Orlando Álvarez será quen guíe nesta andaina na que se fará unha parada dende o Alto do Couto para achegarse ata o Chan da Rogueira, dende onde se cruzará a Devesa polo Carreiro dos Dez Regueiros, ata sair pola louseira dos Carrís ao Val de Ferreirós. Continuarase ata o miradoiro de Pico Polín, entre o Courel aburado e os eidos librados do lume. E o descenso será pola Serra da Lomba ata coller o Camiño de Parada nas Chas. Xa en Parada haberá unha visita a Fundación Uxío Novoneyra e un encontro con Juan de Vilar.
O percorrido ten unha lonxitude de 9 Km (3-4 horas) e de dificultade media.

O programa de roteiros
– 16 de outubro. “O Courel revive sempre” (O Courel)
– 20 de novembro: “ O corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra” (A Ulloa)
– 18 de decembro: “O Miño ameazado en orixe” (Meira)
– 15 de xaneiro: “Mámoas e petróglifos: custodiando ós nosos ancestros” (Friol)

– 26 de febreiro: “A depredación a mantenta das nosas florestas” (Lugo)
– 26 de marzo: “As aves na trampa do vento” (A Mariña)
– 23 de abril: “A Fonte Sagrada” (Fonsagrada)
– 21 de maio: “Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural” (O Invernadoiro)
– 25 de xuño: “A loita dun pobo, gañar e perder” (Castrelo do Miño)

Os roteiros de ADEGA Lugo
Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.

O Concello sanciona a dúas atraccións e catro postos de venta do recinto feiral por incumplir as condicións

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua anunciou que o Goberno de Lugo procedeu a precintar a dúas atraccións e catro postos de venta situados no recinto feiral do San Froilán. Trátase das atraccións El Ciclón e Rodeo Show, que foron precintadas durante 24 horas por subir os prezos da viaxe, e de catro dos postos de venta ubicados na contorna do recinto feiral, que ubicaron a súa mercadoría na vía pública en reiteradas ocasións.

Todos os postos infractores foron sancionados coa clausura da actividade durante 24 horas, sanción que cumprirán durante o día de hoxe.

O prego de condicións dos distintos postos do Recinto Feiral establece que Todas as instalacións deberán poñer á vista do público os prezos que rexan no seu negocio. Os prezos non poderán sufrir alteración ningunha durante os días de duración das festas, sen previa autorización do Concello. Ademais, deberase mostrar o tempo de duración das atraccións, que non será nunca inferior aos dous minutos en marcha. A información deberá estar ubicada nun lugar visible, xunto coa correspondente autorización de instalación.

O TSXG confirma a condena de catro anos de cárcere a un empresario que ofertaba franquías por estafa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de catro anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Lugo ao dono dunha empresa que ofertaba franquías de alugueiro turístico de vehículos eléctricos e quads por estafa. O tribunal, ademais, impúxolle á compañía o pagamento dunha multa de 282.384,87 euros e, a ambos, o abono dunha indemnización á vítima de 94.128,29 euros. A denunciante, segundo consta na sentenza de primeira instancia, coñeceu a empresa a través de internet e acudiu, acompañada pola súa parella, a Valencia para asistir a unha feira e contactar co acusado, “quen lles mostrou -directamente ou pola súa orde- os vehículos cos cales desenvolvían a súa actividade, explicando as circunstancias e condicións do negocio, de forma tal que decidiron estipular dúas franquías, unha para a cidade de Santiago de Compostela e, outra, para a de Lugo”.

Para iso, segundo a resolución, a vítima debía adquirir, con carácter previo, os vehículos que ía explotar, que eran seis quads e sete patinetes eléctricos, que tiñan que ser subministrados pola empresa. “Nunca tiveron intención de cumprir a súa parte do negocio, ata o punto de que unicamente fixeron entrega dun vehículo quad, que, ademais, non era novo e estaba raiado, e de que os patinetes eléctricos tampouco eran novos e presentaban todos eles defectos que os facían de maneira inmediata inservibles para o seu uso”, sinala a resolución da Audiencia Provincial que confirmou a Sala do Civil e Penal do TSXG.

“É correcta a inferencia da sentenza apelada a partir da concatenación exacta de manifestacións, testemuños e elementos documentais que se poñen en relación como notas dun mesmo sistema e non toleran outra dedución que a suma do ánimo de lucro, a simulación polo autor dun propósito serio de contratar cando en realidade só quere aproveitar o cumprimento da prestación dos cartos da outra parte ocultando que el non vai cumprir coas súas obrigas”, salienta o alto tribunal, á vez que destaca que “non consta irracionalidade ou arbitrariedade e o centro da decisión conta cun importante segmento probatorio”. Contra a resolución cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

O recinto feiral abrirá o 13 de outubro

O recinto feiral do San Froilán abrirá un día máis con prezos reducidos.

A proposta, que contou co apoio da comisión de festas, supón ampliar un día máis a apertura dos postos do recinto feiral, ofrecendo un prezo reducido de 3€ por viaxe nas atraccións para persoas adultas e de 2€ nas atraccións infantís.

A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.

O Supremo anula definitivamente o Parque Eólico Serra do Iribio

ADEGA, SGO e FOP veñen de ser notificados polo Supremo de que o Alto Tribunal anula definitivamente o parque eólico Serra do Iribio (Oribio), paralizado cautelarmente polo TSXG desde 2019, por estar proxectado nunha zona de Rede Natura 2000 e contar cunha DIA obsoleta. Un grande varapau xudicial para a Xunta de Galicia, poucos días despois de que o TSXG tamén paralizara cautelarmente o parque eólico de Campelo de Greenalia, recorrido tamén por ADEGA pola vía contenciosa-administrativa.

Esta sentenza dá carpetazo final ao proxecto eólico Serra do Iribio, na ZEC Ancares-Courel, logo de 3 anos desde que se paralizase cautelarmente. Agora, as tres entidades recorrentes solicitaran a correspondente restauración das zonas afectadas polas obras.

Desde ADEGA, manifestan “o noso agradecemento a todas as entidades, ademais das recorrentes, a todos os colectivos e persoas que conformaron a plataforma Salvemos o Iribio e que fixeron posible esta histórica vitoria!”.

Unha nova quedada no polígono das Gándaras saldase con cinco condutores denunciados

Tívose coñecemento da convocatoria dunha KDD de vehículos no polígono industrial de As Gándaras, polo que se estableceu un dispositivo na madrugada do sábado e no que interviron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co emprego de vehículos policiais camuflados, detectando as seguintes infraccións:

Dous vehículos foron interceptados e denunciados por condución neglixente, o que supón para a súa condutores sanción de 200 euros

Un vehículo foi detectado en condución temeraria, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Un vehículo detectado circulando carecendo de SOA, propóndose sanción de 1.500 euros.

Un vehículo cuxo titular non o presentou á ITV no prazo debido, propóndose sanción de 200 euros.

Novos desprendementos de cemento da ponte Branca

Nos últimos días caeron anacos de formigón “poñendo en risco a seguridade dos lucenses”. Ante esta situación axentes da Policía Local tiveron que acordonar varias zonas da ponte “e o peor é que non é a primeira vez que sucede algo así, xa que hai anos caeron varias pezas metálicas”, tal e como sinalou Antonio Ameijide, portavoz do PP no Concello.

Ameijide lamenta  “a falta de mantemento que se realiza sobre a Ponte Branca, que a día de hoxe segue no limbo xa que nin o Concello de Lugo nin o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (antes coñecido como Fomento) fanse responsables da infraestrutura, xa é coñecida como a ‘Ponte Verde’ sobre o Miño debido á ausencia total de mantemento”.

 

Javier Arias solicita ao Concello que faga públicos os informe das supostas deficiencias do novo auditorio

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, solicitou hoxe ao Concello de Lugo que faga públicos os informes das supostas deficiencias do novo auditorio, “eses que primeiro aconsellaban obras por importe de 300.000 euros, logo subiron a 800.000 euros, e días despois a máis de 1 millón de euros, para agora licitar obras por 334.000 euros”, sinalou.

Arias lembrou que “o Concello recibiu o auditorio sen opoñer ningún tipo de reparo, tras anos dilatando ese momento e obrigando á Administración autonómica a asumir actuacións que non lle correspondían, como a dotación do equipamento e o mantemento durante ese período”. “É unha absoluta incongruencia que o Concello fale agora da responsabilidade da Xunta e de problemas estruturais ou construtivos. O problema, sabémolo todos, é que o abandonou, e que lle vén grande xestionar unha das mellores infraestruturas culturais de Galicia”, indicou.

Así, o delegado territorial lamentou que “un auditorio que estaba chamado a ser un referente no ámbito cultural para a provincia, non está a disposición dos lucenses debido aos sucesivos atrancos e escusas do goberno local desde o momento en que esta infraestrutura estivo rematada”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com