Novas

Dimite a concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade do Concello de Ribadeo por motivos familiares

A concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade do Concello de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, presentou hoxe a súa dimisión tras máis de 20 anos dedicada á política municipal.
A edil nacionalista abandona por motivos familiares: “neste momento non podo compatibilizar a miña vida persoal e laboral coa política. A min gústame estar ao 100% e agora mesmo iso é imposible. Entón entendín que toca dicir ata aquí cheguei”.
Álvarez Lastra tivo palabras de agradecemento “para todo o persoal das Concellarías de Igualdade, Ensino e Mocidade polo esforzo que estiveron realizando desde o pasado mes de marzo para que todo o traballo que programamos saíse adiante”.
Da renuncia de Mariluz Álvarez Lastra darase conta no pleno ordinario da Corporación Municipal de Ribadeo previsto para este xoves, 14 de xullo.
A concelleira ribadense mantivo esta tarde unha xuntanza coas súas compañeiras e compañeiros de goberno municipal na Praza 8 de marzo.

Presentado en Sarria o “ I Folk No Camiño Fest Sarria”

Onte ao mediodía presentábase na Ponte Ribeira de Sarria, en pleno Camiño Francés, o Folk no Camiño Fest. Un festival que nace con vocación  de permanencia e que amosará durante tres días, 22,23 e 24 de xullo,  os últimos traballos discográficos dos grupos e artistas  máis sobranceiros da música folk e celta das cinco  autonomías que estarán presentes nesta primeira edición: Euskadi, Cataluña, Cantabria, Canarias e Galicia. Estes grupos baixo a denominación de IBERIAN ROOTS están comezando unha xira que os levará por distintos lugares do estado.

A presentación asistiron o Alcalde de Sarria Claudio Garrido; o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; a Concelleira de Cultura Reyes Abella e os concelleiros do PP de Sarria José Antonio García e José Manuel Bello. Tamén estivo presente Eloi Caldeiro do grupo de música galega Brath, grupo que el fundou en Sarria hai 42 anos. Unha das bandas de folk máis importantes da historia da nosa música.

O festival é un proxecto que se viña xestando dende hai varios anos e que este ano bota andar no centro da vila, pero que no futuro terá outra ubicación, concretamente a carón do río para convertelo nun festival verde con connotación familiares.

Na presentación tomaron a palabra o alcalde  Garrido, Arias delegado da Xunta e o propio Caldeiro. Arias destacou o apoio da Xunta a este festival e sinalou que este tipo de eventos axuda á dinamización dos concellos onde se celebran ademais de achegar a máis publico ás celebracións do Xacobeo.

Garrido destacou que dende o concello xa levaban tempo en conversas con caldeiro para poñer en marcha un evento destas características vinculado ao Camiño Francés de Santiago.

Tamén destacou a colaboración do músico e poeta sarriao co concello ao longo de máis de 40 anos.

Eloi Caldeiro fundara, tamén na vila de Sarria no ano 1975, o primeiro grupo de rock galego e en galego da historia.

Pola súa parte Caldeiro lembrou unha serie de concertos e eventos, cando foi contratada a súa empresa para organización dunha boa parte dos eventos do Xacobeo do 93. Subliñando que este festival bebe do espírito daquel primixenio Xacobeo que tanto fixo pola música folk deste país.

Caldeiro tamén destacou e deu as grazas ás dúas institucións que patrocinan este festival : a Xunta de Galicia e o Concello de Sarria e subliñou o apoio do Alcalde Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura Reyes Abella, así como de Javier Arias,  Delegado da Xunta en Lugo “son moi consciente de que sen a implicación persoal  que tiveron os tres hoxe non estaríamos aquí presentando o “ I Folk No Camiño Fest Sarria”

As bandas e artistas que participaran nesta primeira edición do “Folk no Camiño Fest Sarria”, son Korrontzi (Euskadi), Ros (Cataluña), Manuel Luna y Brena La Música (Cantabria)  Miguel Afonso Grupo(Canarias) e Brath (Galicia) son agrupacións que interveñen en festivais  e dan concertos en diferentes países ao longo de cada ano e contan cunha contrastada calidade.

En próximos días iremos informando polo miúdo deste festival e dos participantes no mesmo.

Solicitamos a mellora urxente da iluminación pública dunha parte do barrio de Casás

Dirixido a: Concellería de Vías e Obras do Concello de Lugo. e  A Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo. Desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo, e a pedimento da Asociación Veciñal “Oliveira Casás” -presidida por D. Julio Díaz Rodríguez, e representativa do devandito barrio lucense- dirixímonos aos titulares das Concellerías de Vías e Obras e de Mobilidade, respectivamente, do Concello de Lugo, por ser da súa responsabilidade e competencia directas, para solicitarlles a remodelación urxente da iluminación pública dunha parte do barrio lucense de Casás. Á vista das imaxes que achegamos de forma adxunta a esta nota -en concreto, das rúas Mestre Méndez, Filgueiro, Flor de Lis e Oliveira-, así como en resposta ás múltiples peticións de veciños do devandito barrio -e canalizadas a través da Asociación Veciñal “Oliveira
Casás”- facémonos eco e trasladámoslles a necesidade evidente de que sexa acometida con carácter prioritario a remodelación da iluminación pública dunha parte do mencionado barrio da capital lucense. ASOCIACIÓN VECIÑAL “OLIVEIRA CASÁS” Neste sentido, desde a Asociación Veciñal “Oliveira Casás” e desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo solicitamos aos titulares das Concellerías de Vías e Obras e de Mobilidade, respectivamente, do Concello de Lugo: • A dotación de maior número de puntos de luz ao longo de todo o barrio lucense de Casás. • A substitución das luminarias actuais por outras, máis modernas, de maior potencia
lumínica e menor custo económico, ademais de máis respectuosas co Medio Ambiente, ao ser menos contaminantes. • A adecuación da disposición das mencionadas luminarias ás necesidades de cada zona concreta, a efectos de evitar calquera incidente ocasionado por falta de iluminación suficiente. Respecto diso do último punto sinalado, cabe matizar que a escasa iluminación actual, en xullo de 2022, tanto en número de luminarias dispoñibles, como en potencia lumínica, repercute directamente nun notable incremento do risco, tanto de accidentes de peóns como de vehículos que circulan a diario; así como de perigo para os transeúntes durante a noite. Así mesmo, desde a Asociación Veciñal “Oliveira Casás” e desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo, reivindicamos o dereito dos veciños e veciñas do barrio de Casás, do mesmo xeito que o de todos e cada un dos dos demais barrios e parroquias ao longo da provincia lucense, a gozar dos mesmos dereitos -como é o feito de dispoñer dunha iluminación pública óptima e adecuado ás necesidades actuais-. ASOCIACIÓN VECIÑAL “OLIVEIRA CASÁS” Agardamos, desde ambas as entidades, resposta e actuación en consecuencia ao solicitado, por parte dos titulares das Concellerías de Vías e Obras e Mobilidade, respectivamente, do Concello de Lugo, como corresponde coa súa obrigación, xa que son responsables públicos -leste é, pagados co diñeiro de todos os contribuíntes-. Lugo, luns 11 de xullo de 2022. Xunta Directiva da Asociación Veciñal “Oliveira Casás”. Xunta Directiva da Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo..

O PP reclama que o Museo Provincial abra toda a semana

O grupo provincial popular reclama do goberno da Deputación que manteña aberto o Museo Provincial todos os días da semana e di que, se para elo, é preciso máis persoal, que se contrate. Os populares atribúen a actual situación “aos luns ao sol de Tomé e a súa falta de confianza nos recursos turísticos da provincia”.

O portavoz do PP no organismo provincial, Javier Castiñeira, explica: “Diante do Museo Provincial, da Deputación de Lugo, uns visitantes queixábanse esta mañá por non poder visitar o Museo Provincial. Está pechado porque e luns e o goberno provincial decidiu que o luns non abre este museo. É unha pena e resulta moi chamativo, porque moi cerca está a Casa dos Mosaicos, do Concello, que abre todos os días, e cerca tamén, se pode visitar durante toda a semana a Catedral”.

Os populares piden “á Deputación de Lugo que corrixa a súa política de museos e manteña aberto o Provincial, tan importante para toda a provincia”.  Castiñeira espera “que tanto a deputada de Turismo, do PSOE, como de Cultura, do BNG, se senten a resolvelo para que se poida visitar o museo os luns”.

Morre o profesor Basilio Losada figura egrexia das Letras Galegas

A Real Academia Galega lamenta o pasamento do académico de honra Basilio Losada (Láncara, 20 de xuño de 1930 – Barcelona, 9 de xullo de 2022). O tradutor, investigador e docente, emigrante en Cataluña dende cativo, foi primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60. Dende alí realizou un destacado labor de animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, e exerceu de auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica.

Como tradutor, Basilio Losada contribuíu á proxección das letras galegas fóra de Galicia vertendo ao castelán a autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra, entre moitos outros. Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües son algúns exemplos deste labor. Destacan tamén as súas traducións de voces poéticas catalás ao galego e de clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, contribución que lle valeu, en 1991, o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

Basilio Losada deixa ademais un importante legado como investigador e divulgador das letras galegas, portuguesas e brasileiras. Mestre apreciado polas xeracións de filólogos que se formaron xunto a el, mereceu tamén o recoñecemento de institucións do ámbito catalán, galego e lusófono. A Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi, en Brasil recibiu a Orde do Cruceiro do Sul; en Portugal, a Comenda da Orde do Infante don Henrique; e en Galicia, a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo. No ano 2015 ingresara na Real Academia Galega como académico de honra cun discurso titulado Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro.

A Real Academia dedicalle a Fernández del Riego as Letras Galegas 2023

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento.

Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001).

Francisco Fernández del Riego ingresou como membro de número da RAG no ano 1960. Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Gallegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das sinaturas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara ao pleno aquel novo académico cheo de arelas renovadoras, que contaba xa cunha sólida historia de compromiso coa lingua e a cultura galegas e a modernidade. Demostrárao con claridade dende os seus anos de estudante en Santiago de Compostela durante a II República. Con só 20 anos, os seus compañeiros elixírano para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandaba unha universidade foco de modernización e galeguización da sociedade.

Fóra das aulas, fora membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e, posteriormente, parte do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa compostelá comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos” .

 Ponte entre a Galicia interior e a do alén mar

Coma moitos outros compañeiros, Francisco Fernández del Riego sería pouco despois represaliado polos golpistas. Foi destituído como profesor de Dereito Civil da USC e tivo que abandonar Santiago de Compostela e instalarse en Vigo, onde era menos coñecido, e sobrevivir dando clases particulares. Despois dos anos máis escuros da posguerra, nos que mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida, comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas coma as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.

Pero tan salientable ou máis foi o seu labor de ponte entre a Galicia do interior e a do alén mar. A súa correspondencia con Luís Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade. En América foi onde publicou tamén o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949).

Na década dos 50 do século pasado participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e dende a que animou a novos escritores a crearen en galego. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.

Cando os grupos nacionalistas e resistentes antifranquistas máis novos comezaron a manifestar o seu rexeitamento ás posicións do galeguismo histórico, Fernández del Riego foi, unha vez máis, o elo que tentou manter canles de diálogo e achegamento.

O seu nomeamento en 1997 como presidente da Real Academia Galega significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo.

 Unha obra inmensa e que tocou case todos os xéneros

A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. Posiblemente o seu número, aínda sen catalogar, supere o milleiro de artigos.

Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).

A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992). Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).

A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao.

O CEI Nodus acolle a presentación do programa Feminino Rural. Donas do Rural Donas de si

A iniciativa dará apoio, formación e asesoramento de maneira gratuíta a mulleres empresarias e emprendedoras do rural para que melloren o seu negocio. A tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, participou este venres na presentación e almorzo de traballo do programa O CEI Nodus acolle a presentación do programa Feminino Rural. Donas do rural Donas de si, unha iniciativa posta en marcha por AELU que dará apoio, formación e asesoramento de maneira gratuíta a mulleres empresarias e emprendedoras do rural para que melloren o seu negocio ou poidan poñer en marcha con garantías a súa idea emprendedora.

Co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres posible e facilitar a súa participación, todas as accións do proxecto fanse de maneira deslocalizada, nas comarcas da Mariña, Lugo, A Ulloa, Terra Chá, Sarria, A Montaña e a Ribeira Sacra. En cada unha destas comarcas realízase unha presentación e un almorzo de traballo no que participan 25 mulleres de cada unha das zonas obxecto da iniciativa, coa finalidade de crear sinerxias e fomentar o intercambio de experiencias entre elas. No caso da comarca de Lugo, a reunión tivo lugar no Centro de Emprendemento e Innovación do Concello (CEI Nodus). Nunha segunda fase do proxecto participarán unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo, as cales recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

Máis de 800.000€ para os Centros de Información á Muller da provincia

A Xunta investirá este ano 834.000 euros nas axudas dirixidas a apoiar os 11 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia de Lugo e os programas municipais destinados a promover a igualdade, prever e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informaron hoxe da resolución da orde de axudas a entidades locais para fomentar accións neste eido. Na actual convocatoria benefícianse destes apoios 47 municipios lucenses, o 70% do total, que concentran preto do 86% da poboación da provincia.

A maior contía vai destinada a financiar a actividade dos CIMs, que reciben 576.500 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para manter 29 postos de traballo con funcións de dirección, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Ambos responsables autonómicos explicaron que os 11 centros de información á muller da provincia -situados en Lugo, Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Burela – dan cobertura a 38 concellos e teñen unha cifra estimada de usuarias que ronda as 1.350.

Outra das liñas destina 244.900 euros a sufragar os programas de fomento da conciliación impulsados por cinco administracións locais da Mariña -Alfoz, Barreiros, Mondoñedo, O Valadouro e Xove -; outras tantas da comarca de Lugo -Rábade, Castroverde, Outeiro de Rei, Portomarín e O Corgo; ademais de Sober, Bóveda, Palas de Rei, Antas de Ulla, Guitiriz, Xermade, Becerreá e O Incio.

Con esta segunda medida, a Administración autonómica axuda aos concellos para que poidan levar a cabo iniciativas de conciliación -como campamentos de verán e de Nadal ou servizos de madrugadores, entre outras-, e que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes. As contías son de ata 18.000 euros para as solicitudes individuais e ata 30.000 para as de xestión compartida. Os importes máximos aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso da xestión individual e 2.000€ máis para a compartida.

Por último, a liña centrada na promoción da igualdade e a prevención e tratamento da violencia de xénero beneficia ao Concello de Guitiriz, que percibe 12.500 euros para desenvolver un programa de atención psicolóxica a mulleres en situación de vulnerabilidade e a os seus fillos e fillas. Neste caso, as contías máximas aumentaron en 3.000 euros con respecto á anterior edición.

 

Unha vez máis un xulgado falla en contra do Concello de Lugo

Hoxe coñecíase unha sentencia xudicial que viña a anular o nomeamento do xefe do Servizo de Arquitectura do Concello de Lugo, praza á que optaban dúas persoas aspirantes e a que quedou excluída, recorreu, e agora o xulgado falla en contra do Concello de Lugo, indicando que “o Concello debe recoñecer o dereito da recorrente a ser nomeada xefa de servizo e, por tanto, indica que se debe retrotraer o procedemento”.

“Unha nova  derrota xudicial vén  dar a razón ao  anterior concelleiro de urbanismo, que dimitiu hai pouco máis dun ano, lembrando como esta decisión, no seu momento, foi o detonante da crise aberta no seo do PSOE e deu pé a renuncia de Miguel Couto”. A sentenza certifica a vendetta política contra un concelleiro socialista que lle empezaba a facer sombra a alcaldesa” Estas reflexións facíaas hoxe o portavoz popular no concello de Lugo, logo de anunciar que o Concello viña de perder outro xuízo.

 

O vilalbés Agustín Baamonde renuncia como deputado provincial do PP

O grupo provincial do PP procede a executar o relevo previsto nas súas filas en función do pacto alcanzado no seo do partido ao principio
do mandato. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, anuncia que “no día de onte, o deputado provincial polo Partido Popular Agustín Baamonde presentou a súa renuncia no pazo de San Marcos”. Sinala: “A verdade é que os seus compañeiros, os membros do grupo provincial do PP non temos máis que palabras de afago e de agradecemento, por compartir este tres anos”.

Castiñeira informa de que “a Agustín Baamonde substituirao o tamén chairego e ex alcalde de Guitiriz, José María Teixido”. O portavoz popular explica que, “dentro da normalidade, o relevo é froito dun pacto inicial da lexislatura, compromiso ao que se dá cumprimento neste mes; o pleno de xullo será o último no que estará Agustín Baamonde e aproveitaremos para despedirnos e plasmar o noso agradecemento”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com