Novas

A Mariña mobilízase polo mantemento dos empregos na fábrica de Albo en Celeiro

Traballadoras e traballadores de Albo manifestáronse esta tarde dende a fábrica en Celeiro até os xardíns de Noriega Varela de Viveiro en demanda do mantemento dos empregos na Mariña e pola continuidade produtiva da última conserveira que queda en activo  na comarca. Máis unha vez, a veciñanza ten que saír á rúa mobilizarse contra o peche doutra empresa  e para reclamar o seu dereito a poder vivir e traballar dignamente na Mariña.

No manifesto lido polas delegadas ao remate da mobilización, na que tamén  participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, rexeitouse o plan de peche da empresa e amosouse a firme disposición das traballadoras e dos traballadores a loitar para conservar os seus empregos en Celeiro. “Un traslado a estas alturas das nosas vidas, e despois do que levamos traballado, sacrificado, suado e mesmo sufrido nesa fábrica é unha indignidade”, denunciaron.

Para máis inxustiza, a empresa,  propiedade do grupo Shanghai Keichuang, ofrece unhas condicións para o  traslado a Salvaterra  inasumíbeis e presentou unha proposta de indemnizacións totalmente cativeiras que non recoñecen en absoluto a entrega e o esforzo do persoal durante todos estes anos.

Unha planta viábel

Fronte ao peche e ao traslado da produción, a CIG continúa defendendo a viabilidade da factoría na Mariña, xa que “ten carga de traballo abondo para manter os actuais niveis de emprego, resulta viábel economicamente”, segundo afirmacións da propia compañía, e “dispón dunha localización privilexiada a carón de dous portos pesqueiros de referencia: o de Celeiro e o de Burela”. Como ben destacou o secretario da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, “temos o bonito e  temos a pescada pero non temos conserveiras”, en referencia ao feito de que o peche de Albo suporá a desaparición definitiva deste sector na comarca.

Nesta mesma liña, Susana Riveira, da Executiva local da CIG, engade que “os preto de cen anos de historia da planta constitúen un plus de imaxe para a empresa pola confianza que xera nos mercados e nas persoas consumidoras”. De igual maneira, advirte que “con esta decisión empresarial se está deixando fóra do mercado laboral a moitas traballadoras, nunha idade ademais que dificulta a súa recolocación noutros sectores”.

Por iso, na manifestación deste xoves lanzouse un novo chamamento á Xunta de Galiza para que faga “algo máis que declaracións de intencións” e traballe arreo na busca de alternativas que permitan manter a actividade e os empregos no curto prazo; e neste senso que concrete se existe realmente algunha empresa interesada en continuar coa produción en Celeiro, e baixo que condicións. Na protesta criticouse tamén a falta de implicación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que esta semana estivo pola Mariña “pero non debeu ter un oco na axenda para interesarse pola nosa situación”.

Así as cousas, as traballadoras e os traballadores quixeron agradecer a solidariedade amosada pola veciñanza, no firme convencemento de que só a través da loita “poderemos conseguir que as declaracións de intencións se convertan en feitos” e que a empresa vexa “que non imos aceptar que trunquen así as nosas vidas”. “Porque entre todas e todos imos conseguir que en Celeiro Albo teña solución”, concluíron.

Dúas estreas con forte compromiso LGBTIQ+ a partir de mañá nos cines Codex

Esta semana Codex Cinema inclúe dúas estreas con forte compromiso LGBTIQ+. A primeira é Benediction, novo filme do prestixioso director británico Terence Davies, figura esencial do cinema inglés dende os anos oitenta. Gañadora do premio ao Mellor Guión no Festival de San Sebastián, foi seleccionada para participar no Festival Internacional de Cinema de Toronto e nos Premios do Cinema Independente Británico.

O filme percorre a biografía do poeta Siegfried Saasson, home complexo que logo de ser condecorado tras loitar na Primeira Guerra Mundial tornouse nunha figura crítica coa labor do goberno británico. Converteuse nun dos principais poetas de guerra e a súa vida íntima foi moi conflitiva, mantivo aventuras con homes e tivo serios problemas para aceptar a súa homosexualidade; finalmente fíxose abandeirado da institución do matrimonio e do catolicismo como vía de escape ante a pegada que os horrores da guerra deixaron nel, matrimonio que finalmente fracasou. A película céntrase na traxedia que supuxo a vida persoal do poeta e na procura dunha redención nunca acadada. A obra autobiográfica de Saasson, a Triloxía de Sherston, é moi celebrada xunto ao groso da súa obra poética.

A outra estrea da semana é Moneyboys, debut na longametraxe do director chinés C.B Yi, quen durante a súa adolescencia emigrou dende China ata Austria, onde estudou na Academia do Cine de Viena xunto a mestres como Michael Haneke e Christian Berger. O filme conta a historia de Fei, que vive na gran cidade exercendo a prostitución; cando descobre que a súa familia acepta os cartos que envía pero non o seu estilo de vida o rapaz decide comezar unha nova vida. O director sinala que non é unha historia destinada soamente á comunidade LGTBIQ+, que non está destinada a alguén en concreto, nas súas propias palabras: “Moneyboys trata unha situación moi concreta, a migración dun rapaz dende a China rural ata a gran cidade, pero para min é unha historia universal sobre as relacións persoais que podería suceder en calquera outro lugar do mundo”. O filme foi rodado en Taipei ante a imposibilidade de facelo en China; a pesar de que é a cidade taiwanesa a que aparece en pantalla suxírese que realmente sucede no sur chinés.

Moneyboys foi estreada na sección Unha Certa Mirada do Festival de Cannes de 2021 e dende entón percorreu máis de quince festivais ao longo de todo o mundo.

Poden consultar toda a programación en: www.caldiae.gal

 

Detida unha parella por agresión mutua

Os feitos tiveron lugar sobre as 1,30 horas de hoxe  7 de xullo, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Paseo dos Estudantes xa que ao parecer un home e unha muller estaban a agredirse mutuamente.

Os axentes que comparecen de inmediato no devandito lugar atopan a un home de 28 anos de idade co torso espido e sen zapatos, manifestando que momentos antes tivera unha discusión coa súa noiva e por mor da cal se agrediron mutuamente, propinándose diversos golpes, observando que presenta varias erosións no pescozo e cara.

Que a escasos metros áchase a muller, da mesma idade, moi nerviosa e alterada, manifestando que tivera unha discusión coa súa parella, chegando a ameazarse e golpeándose mutuamente, indicando que non é a primeira vez que ocorren feitos similares, procedendo os axentes á detención de ambos e o traslado do home a un centro médico e á muller ao HULA para ser atendidos polos facultativos, sendo conducidos posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado.

Asemade, durante a madrugada do 6 ao 7 de xullo/22 efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo intensificaron os controis de alcoholemia e drogas en vías do centro urbano, detectando ás 2,00 horas na rúa Mariña Española a circulación irregular dun vehículo, cuxo condutor presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas regulamentarias, lanzando un resultado POSITIVO de 0,56 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.

Ás 5,50 horas unha patrulla camuflada dá o alto a un vehículo  na rúa Camiño de Pipín cuxo condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,51 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.

Auxilio a cidadán

Na mañá do día de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Otero Pedrayo xa que unha persoa caeuse no interior do seu domicilio e non era capaz de levantarse.

Os axentes acceden ao interior do piso a través da vivenda dun veciño, comprobando que un home de 73 anos atopábase tirado no chan da habitación, sendo auxiliado polos axentes que o incorporan con todo coidado e déitano na cama, quedando ao coidado dunha familiar, non sendo preciso asistencia sanitaria.

Imaxe: foto arquivo Policía Local de Lugo

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participará na presentación do libro La gestión cultural en la era digital, de Gonzalo F. Fernández-Suárez e Mª Dolores Fernández-Tilve. Na Facultade de Humanidades

Presentación do libro “La gestión cultural en la era digital”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou hoxe o importante papel da dixitalización á hora de fortalecer a xestión cultural e axudar aos profesionais a adaptarse aos novos contextos económicos e sociais. Así o declarou durante a presentación do libro La gestión cultural en la era digital, de Gonzalo F. Fernández-Suárez e Mª Dolores Fernández-Tilve, na Facultade de Humanidades de Lugo, ao que tamén asistiu Elena candia Vicepresidenta 1ª del Parlamento de Galicia, Ana González Abelleira, 6ª Teniente de Alcaldesa y titular del Área de Cohesión y Dinamización Social e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entre outras autoridades.

Agradeceu aos autores a posta en marcha desta publicación por crear unha ferramenta que acompañará aos profesionais do sector cultural na transformación dixital da cultura e  “ampliar o prisma de estudo sobre a xestión da cultura e sumar unha perspectiva mundial”, ao tempo que investiga en fenómenos recentes como a arte dixital, os videoxogos de última xeración ou a mediatización das redes sociais.

 

 

A Federación de Veciños pide explicacións á Vicepresidenta da Deputación de Lugo

Dirixido á Sra. Vicepresidenta da Excma. Deputación Provincial de Lugo e responsable da área de Cultura desta entidade, Dona Tareixa Antía Ferreiro Tallón.

Desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo, volvemos pedir explicacións, fixémolo xa a inicios do pasado mes de xuño de 2022-, acerca da incomprensible demora do programa “Musiqueando” -pertencente á Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo-, que en pleno mes de xullo de 2022 -xa oficialmente e para todos os efectos, pleno verán- , segue sen estar operativo, e que, segundo fontes próximas ao departamento competente nesta materia, este ano 2022, non vai estalo en ningún momento.

Ditas explicacións foron trasladadas á responsable directa da xestión deste programa, a Sra. Dona. Tareixa Antía Ferreiro Tallón, por ser a primeira titular da área de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, ademais de Vicepresidenta desta entidade -e ser, por tanto, tanto ela como os seus correspondentes asesores, perceptores de soldos públicos, pagados con diñeiro de todos os contribuíntes.

Un mes despois de haberllas solicitado, seguimos como ao comezo: sen resposta. Cabe matizar que o programa “Musiqueando” supón un incentivo moi significativo tanto para artistas como asociacións, xa que permite ás entidades do tecido asociativo de toda a provincia lucense dispoñer, nas súas celebracións populares, de actuacións musicais e/o de grupos folclóricos subvencionadas pola Deputación Provincial de Lugo; motivo polo cal, desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo sempre valoramos moi positivamente a existencia do devandito programa, que data de varios anos atrás. A inoperatividade do programa “Musiqueando”, en pleno mes de xullo de 2022, e transcorrida xa unha importante relación de celebracións populares organizadas por entidades do tecido asociativo ao longo e ancho da provincia lucense, supuxo un grave prexuízo ás mesmas, xa que non puideron dispoñer do catálogo de actuacións ofertado polo devandito programa.

 Asemade, o mencionado prexuízo esténdese tamén aos propios artistas e grupos musicais incluídos no programa, xa que a súa principal finalidade é a promoción e difusión da música tradicional, as Bandas de Música, Grupos Corais e artistas de música tradicional en xeral.

Segundo fontes próximas á área con responsabilidade directa da xestión e execución de devandito programa -a área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo-, neste ano 2022, o programa “Musiqueando” non verá a luz en ningún momento, ocasionando un importante prexuízo a quen, dentro das entidades asociativas veciñais ao longo e ancho de toda a provincia lucense, organizan festexos e celebracións populares; así como tamén aos propios artistas e grupos musicais.

Desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo, volvemos esixir que os responsables públicos -pagos con diñeiro de todos os contribuíntes- cumpran coa súa obriga, tanto na xestión como nas explicacións que correspondan, e que, no caso que nos acupa, os veciños e veciñas de toda a provincia lucense merecen coñecer a situación actual do programa “Musiqueando” , os motivos da súa demora -e, neste momento xa, da súa inexistencia-, e que accións levou a cabo a responsable da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo nesta materia, a efectos de paliar os graves prexuízos ocasionados a multitude de asociacións veciñais ao longo e ancho da provincia lucense. Neste punto cabe preguntarse: Que opcións temos as entidades do tecido asociativo para solicitar unha actuación musical para algunha celebración popular que organicemos? Van atender ditas peticións? Ou, pola contra e como se comenta, van atender exclusivamente as que proveñan dalgún colectivo “amigo”? Seguimos, por tanto, agardando a súa resposta e explicacións respecto diso.

Lugo, martes 5 de xullo de 2022. Xunta Directiva da Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo.

Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Escoitar

Manifesto Concentración Carril das Flores

Hoxe luns, representantes do Foro do Camiño Primitivo xunto coa cidadanía de Lugo,
queremos amosar o noso rexeitamento ás obras que se están a desenvolver na nosa
fronte, froito da especulación urbanística e que supoñen un grave impacto irreversíbel
a dous dos Patrimonios da Humanidade que temos na cidade de Lugo, o Camiño
Primitivo e a Muralla.
O Carril das Flores na confluencia coa Ronda da Muralla é un lugar de sumo valor
histórico e arquitectónico para a cidade, punto de entrada a Lugo do Camiño Primitivo.
A Porta de San Pedro é unha das antigas portas de orixe romana que comunicaban a
cidade co resto do imperio. Desde finais da Idade Media, nesta zona extramuros
consolidouse un barrio con actividade comercial e hosteleira, con mesóns, tabernas e
casas de postas.
As edificacións preexistentes na mazá xunto coas últimas derrubadas, que a
propiedade permitiu que se convertesen en ruína coa permisividade de Patrimonio da
Xunta e do Concello de Lugo, formaban un conxunto típico das arquitecturas
tradicionais dos séculos XVIII e XIX. Eran casas de baixo e dúas ou baixo e tres
plantas, que convivían en harmonía coa Muralla e co Camiño Primitivo.
E que é o que supón o planeamento urbanístico aprobado polo Concello?
-A ordenación do Concello para esta zona non é nada respectuosa coa Muralla e o
Camiño Primitivo, estragándose a esencia deste espazo e o seu valor histórico e
cultural, de xeito que o Concello de Lugo e Patrimonio da Xunta non están a
protexer os citados bens, ao que están obrigados por lei e por ter sido declarados
Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
-Os edificios previstos superarían notablemente a altura da Muralla, afogándoa e
empequenecéndoa -en detrimento do valor universal excepcional desta-,
minguando a súa percepción desde a rúa San Roque e suprimindo a visión de Os
Ancares, mencionada na declaración do conxunto histórico de Lugo de 1973.
-Suporía o triunfo do interese privado da promotora (Hipólito S.L.) sobre o interese
colectivo da cidadanía de Lugo.
-Alcanzaríase unha altura de seis plantas nas frontes á rúa San Roque e ao Camiño
Primitivo, maior que a permitida polo PEPRI noutras edificacións que arrodean a
Muralla.
-Anteporíase o tráfico rodado no Camiño Primitivo ao respecto e posta en valor do
mesmo, converténdoo nun novo carril para o acceso de vehículos aos garaxes dos
futuros edificios e ao aparcadoiro do supermercado existente ao seu carón,
aumentando a intensidade do tráfico e dificultando o uso peonil tradicional como
vía de peregrinación.
-Desvirtuaríase esta vía histórica á súa chegada á Muralla, quedando flanqueada
por dous muros e aumentaría a pendente do Carril das Flores ou Camiño Primitivo,
dificultando camiñar por el e xerando riscos de accidentes.
Que solicitamos?
– A implicación dos grupos políticos municipais (PSOE, BNG, PP e Ciudadanos), para
atopar unha solución alternativa á desorbitada edificabilidade aprobada.
– Que o Concello e a Xunta asuman a súa responsabilidade como guardiáns de bens
patrimoniais universais.
– Que sendo o patrimonio un recurso importante para Lugo, se entenda que hai que
protexelo e transmitilo ás vindeiras xeracións.
 Que se paralicen as obras de urbanización, por consolidar cambios de aliñacións e
rasantes no Camiño Primitivo, difíciles de reverter.
 Que se redacte un novo proxecto, desde o interese xeral, que poña en valor a
confluencia do Camiño coa Muralla Romana.
– Que se inclúa a substitución da plataforma construida sobre o Camiño Primitivo, por
unha alternativa respectuosa co mesmo. A plataforma, pasadizo inmundo e
inseguro, priva ademais aos peregrinos da visión da Muralla e xa fora calificada de
‘Decisión técnica nefasta’, na ‘Guía de Estudos da Paisaxe Urbana’ da Xunta (páx.
340).
– Que se incorporen no proxecto espazos ou zonas verdes públicas, acordes coa
significación deste lugar.
É por iso que ata que o Concello responda aos nosos requirimentos seguiremos
concentrándonos cada luns ás 20h neste mesmo lugar e convidamos a todas as
persoas que nos axuden a paralizar estas obras.
NON A OUTRO GARAÑÓN NA MURALLA
CANTO MÁIS LLE VAI A CUSTAR Á VECIÑANZA AS DECISIÓNS POLÍTICAS DESEÑADAS
POR INTERESES PRIVADOS.

Outro Garañón na muralla?

Barreira de contención

O Concello instala unha barreira de contención ao pé da Captación de Auga para frear o vertido detectado en Outeiro de Rei

A área de Medio Ambiente que dirixe Miguel Fernández procederá a instalar nas próximas horas unha barreira de contención ao pé da Captación de Auga para tratar de frear o vertido detectado no río Miño, en Outeiro de Rei, a altura da parroquia de Santa Mariña.

Trátase dunha medida de carácter puramente preventivo coa que se pretende atallar a posibilidade de que a mancha de combustible siga a estenderse e chegue a afectar á traída pública da capital, contribuíndo así, ademais, a manter controlada a súa evolución.

Pese a que se descarta calquera risco para a saúde da poboación a área de Medio Ambiente lembra que os Depósitos Municipais de auga teñen unha capacidade de almacenaxe para dar servizo á veciñanza un mínimo de dous días, ao tempo que recorda tamén que o Concello realiza continuamente analíticas, con medidores específicos sobre unha serie de parámetros, para garantir a calidade e potabilidade da auga.

Sancionado un local de ocio nocturno por diversas infraccións

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procedeu á inspección dun local de hostalería situado na rúa Tui, levantándose acta por diversas infraccións á Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia. As infraccións son as seguintes:

A pesar de que o local ten licenza de café-bar, pertencente ao Grupo I, que non lle habilita a ter música, os axentes comprobaron que ten un equipo musical sen autorización a gran volume, con varios altofalantes, barra de son, subwoofer inalámbrico, etc.

Exerce unha actividade dun Grupo de clasificación distinto ao que figura na licenza, pois exerce como un PUB, sen que no interior haxa apenas iluminación.

Instalación de máquinas comecartos sen autorización.

Incumprimentos de medidas de seguridade e hixiene.

Non dispón de carteis informativos da existencia de follas de reclamacións.

Non dispón de lista de prezos visible.

Os extintores están caducos.

Unha das xanelas foi tapiada para que non entre luz ao interior e a porta de entrada é completamente opaca, sendo a ventilación moi deficiente.

Tamén se levantou acta de denuncia por infracción á Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia ao detectar un café bar situado na rúa Pintor Luís Seoane que excedía, no exercicio da súa actividade, o límite horario establecido, xa que a inspección se levou a cabo ás 3:20 horas, comprobando os axentes que había xente no interior consumindo bebidas.

Asemade sobre as 15:30 horas do día de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo dá o “alto” a un vehículo na Rolda das Fontiñas, comprobando que carece de Seguro Obrigatorio e o titular non o levara a pasar a ITV no prazo debido. Consultada as bases de datos policiais compróbase tamén que o condutor CARECE de permiso de condución por NON OBTELO NUNCA, polo que é trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo. Este condutor enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses ou multa ou traballos en beneficio da comunidade e ademais abríuselle expediente sancionador cunha sanción de 1.700 euros.

Saavedra

En Saavedra concítanse multitudes e soidade, con cambios radicais en cuestión de horas ou minutos. Multitudes, especialmente en maio, Os Milagres, nos dias grandes e fins de semanas inmediatos, e en setembro pola festa das Angustias, padroeira da parroquia. Se as festas da padroeira son sonadas e concorridas, ás dos Milagres acoden milleiros de ofrecidos, sendo as mulleres – sen dispoñer das imposibles estatísticas- absoluta maioría entre os que acoden a pe, conseguíndose un razonable equilibrio entre os que escollen comodidade no cumprimento da Promesa feita á Virxe.

Partindo do santuario, para as miñas camiñadas teño catro estradas principais que se van bifurcando ata formar unha rede que permite cada día unha ruta diferente.

Para romeiros, as vías principais desde a estrada Rábade-Vilalba son a carballeira que conta con acceso directo, e o alto inmediato que polas festas é ó único acceso posible. Pero ademais hai unha vía que antes de saír a dous puntos da estrada preto do empalme de Rábade, se bifurca para descubrir un Begonte máis íntimo, e outra máis que sae á capital do concello con catro opcións a elixir.

Por iso cada día descubro lugares novos e saúdo aos que ao comezo se sorprendían da miña presencia, pero xa se foron afacendo a min.

Esta fin de semana, camiñaba en familia por unha das miñas pistas deportivas, e cruzámonos con avóa, nai e filla, que nos saudaron cun aquel de curiosidade. Media hora despois cruzámonos de novo noutra das grandes vías de Saavedra, e o saúdo foi cun sorriso, como se xa fosemos vellos coñecidos. É o que ten peregrinar por terra afeita a acoller camiñantes.

quioscos públicos

Lugo terá dous quioscos con aseos públicos na praza Maior e Santo Domingo

Lugo disporá proximamente de dous quioscos que contarán, ademais, con aseos públicos e gratuítos para a cidadanía. Estarán ubicados na Praza Maior e Santo Domingo.

Segundo avanzou a alcaldesa “os quioscos poderán funcionar todos os días do ano, como mínimo dende 08:30 a 20:30 horas, agás o 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro que poderán permanecer pechados, polo que agardamos que a súa próxima apertura sexa tamén unha importante oportunidade laboral para moitas persoas”.

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, deu conta das especificacións técnicas que se requiren. “Os quioscos deberán ser dunha tipoloxía e medidas similares (4’80 x 2’18 e 3’85 me- tros de altura) ao modelo que había anteriormente, adaptándose, en todo caso, á nor- mativa vixente no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) e os aseos deberán ser accesibles e contar cun pulsador para a súa apertura, admitíndose portas articuladas desplegables a modo de expositor”, sinalou.

A concelleira responsable da área económica do Concello aclarou tamén que tanto o enganche como o consumo de electricidade correrá a cargo do ou da beneficiaria da autorización que terá, entre as súas obrigas, que facer fronte á conservación do domi- nio público outorgado en condicións de aseo, seguridade, salubridade e ornato público correspondéndolle, alén, manter os baños ou latrinas en correctas condicións de hixiene e limpeza.

Logo da aprobación, mañá mércores, por parte do Executivo, a Administración local publicará o anuncio da licitación no perfil do contratante e abrirase un prazo de presentación de documentación de 20 días hábiles.

As ofertas, segundo trasladou Alvarellos Fondo, serán avaliadas fundamentalmente con criterios económicos “obtendo 10 puntos a que teña o canon anual máis alto e 0 puntos as que presenten o mínimo establecido”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com