Novas

Balseiro será o novo portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego

O deputado José Manuel Balseiro Orol é o novo portavoz da área de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, unha responsabilidade que compaxinará coa presidencia da Comisión de Pesca e Marisqueo, función que xa viña desenvolvendo na actual lexislatura.

O parlamentario lucense é un dos representantes con máis experiencia xa que accedeu á Cámara galega no ano 2005. Desde entón son diferentes as áreas nas que exerceu como voceiro: pesca, montes, emprego e, agora, será o encargado dos asuntos relativos ás infraestruturas de comunicación, seguridade viaria, mobilidade e transporte.

Balseiro agradeceu esta nova responsabilidade que, segundo explicou nas súas redes sociais, “asume con moia ilusión” pois para el “é unha honra poñer en valor o extraordinario traballo que realiza a conselleira, Ethel Vázquez e o seu equipo” á fronte deste departamento da Xunta.
O deputado xa estreou con fortuna como voceiro de Infraestruturas no pasado pleno (que tivo lugar o martes e mércores desta mesma semana. Foi o autor e o encargado da defensa da iniciativa popular na que se reclama unha solución urxente tras o derrubo do viaduto da A-6. Iniciativa na que logrou o apoio unánime de todas as forzas políticas.

O parlamentario lucense substitúe nesta portavocía a Diego Calvo Pouso que cesou nesta tarefa tras o seu nomeamento como Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Concellería de Xuventude organiza unha quedada sen móbiles

A concellería de Xuventude organiza unha quedada sen móbiles para a mocidade lucense, trátase dunha acción incluída no programa +Xti, que subvenciona o Plan Nacional sobre Drogas adscrito á concellería de Xuventude, co obxectivo de “concienciar sobre o abuso do móbil entre os máis novos” apuntaba o edil.

A ‘quedada’ dirixida á mocidade de entre 14 e 35 anos, terá lugar o 6 de xullo, das 18:00 ás 20:30 horas, sendo o punto de encontro a entrada do Parque de Rosalía. A inscrición é gratuíta, cun límite de 20 prazas e poderase realizar dende o día de hoxe, a través de www.lugomasxti.org.

A xornada, inclúe unha ruta polo entorno do Miño, co guía local Guido, un teatro de improvisación a cargo da Asociación cultural lucense Curuxan e un pícnic saudable para os asistentes.

A residencia de Navia de Suarna abrirá no mes de outubro

O Presidente da Deputación de Lugo anunciou este xoves que o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna comezará a funcionar no mes de outubro.  Fíxoo despois de asinar co Alcalde da localidade, José Fernández, o convenio específico necesario para a posta en marcha do centro, durante a celebración dunha xornada de portas abertas organizada pola institución provincial na que numerosos veciños e veciñas do municipio e da comarca da Montaña coñeceron unhas instalacións que contarán con 30 prazas e darán emprego a 25 persoas.

O convenio asinado esta mañá supón un investimento de máis de 3M€ ata o ano 2025, un documento que garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso ás prazas para a veciñanza de Navia de Suarna, e logo para a dos municipios limítrofes e do resto
da provincia. Un texto que recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas.

Os cines Codex estrean mañan o drama francés “A illa de Bergman”

Esta semana estrease nos  Codex Cinema un dos títulos máis relevantes da tempada cinematográfica, A illa de Bergman, drama francés que vén firmado pola prestixiosa cineasta Mia Hansen-Løve e que conta cun reparto encabezado por Tim Roth, Vicky Krieps e Mia Wasikowska. O filme foi presentado no Festival de Cannes de 2021 e participou tamén no Festival de Sevilla, no Festival Internacional de Cine de Toronto e no Festival de Cine de Nova York, entre outros.

As presenzas de Ingmar Bergman (1918-2007) e da illa de Fårö percorren todo o filme e son determinantes na trama. O cineasta sueco, un dos máis importantes e influíntes de toda a historia, comezou a pasar longas tempadas nesta illa, a comezos dos anos sesenta, onde filmou
obras capitais da súa filmografía como son Como nun espello (1961), Persona (1966), A vergoña (1968), Paixón (1969) ou Segredos dun matrimonio (1974). O ambiente e as paisaxes de Fårö forman parte da memoria colectiva dos espectadores de varias xeracións e, polo tanto,
son indisociables da presenza do cineasta na illa, onde viviu retirado durante a fase final da súa vida ata a súa morte acaecida en xullo de 2007.

En A illa de Bergman a importancia do director sueco vai ligada ao tema da creación. O filme conta a historia dunha parella de cineastas que acode a Fårö porque anhela atopar inspiración nese asombroso escenario. Hansen-Løve considera que a illa é un lugar silvestre e prístino
cunha quietude que convida á meditación. A presenza de Bergman e da súa obra, a dualidade da propia illa que oscila entre a atracción e o aterrador, as lembranzas que xorden ao estar nun tempo suspendido de lecer que desperta a memoria e a propia ansiedade do proceso de
creación levarán aos seus protagonistas a un estado de fraxilidade emocional no que a realidade e a ficción chegarán a solaparse. O cine amosa a súa capacidade de recrear recordos coa capacidade para substituír á realidade que os inspirou.

Unha das chaves deste drama, como a propia directora recoñece, é a emancipación; a emancipación dos nosos mestres e a emancipación da muller protagonista. Dende que Mia Hansen-Løve debutou coa longametraxe Todo está perdoado (2007) converteuse nunha das directoras máis relevantes da súa xeración e nunha figura habitual dos festivais de cine. Súas son O pai dos meus fillos (2009), Un amour de jeunesse (2011), Eden: Lost in Music (2014), O porvir (2016) e Maya (2018).

Presentación da XVI edición do Certame de investigación Condado de Pallares

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da XVI edición do Certame de investigación Condado de Pallares, que convoca a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial, Javier Arias, participaron neste acto xunto a Carlos Vázquez, presidente da entidade organizadora, a alcaldesa de Guntín e os os alcaldes de Chantada e Taboada entre outras autoridades e persoalidades.

Os representantes do Goberno galego destacaron as achegas á cultura xeral de Galicia que se deben a este certame, que estuda o ámbito local dos cinco concellos que formaron o antigo Condado de Pallares: Chantada, Guntín, Taboada, Portomarín e Carballedo.

Así, grazas a esta convocatoria viron a luz estudos de investigación sobre temas tan diversos como a cultura castrexa e galaico romana na zona, a liñaxe da Casa de Taboada, a propia evolución do Mosteiro de Ferreira de Pallares, a presenza do Mestre Mateo no sur de Lugo, os caneiros do Miño, as fábricas de curtidoiros ou as bandas de música.

En definitiva, segundo afirmaron na presentación, a iniciativa impulsa a investigación de calidade en lingua galega, arredor de ámbitos como a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, o folclore ou a lingüística.

Poden concorrer ao certame todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega coa citada temática, cun mínimo de 100 folios e sen extensión máxima. O prazo de presentación estará aberto ata o 30 de setembro. O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros e inclúe a publicación do traballo gañador.

As traballadoras de Albo reclaman manter os seus empregos na Mariña

Baixo a consiga “queremos conservar os empregos na Mariña”, as traballadores e os traballadores da conserveira Albo de Celeiro secundaron este mércores unha nova xornada de folga parcial e unha manifestación que saíu da factoría foi até a Delegación Territorial de Pesca e rematou no peirao do porto.

Na reunión de onte coa dirección “non se produciron avances significativos, toda vez que a empresa teima no seu plan de peche e traslado da produción a Salvaterra”. Neste senso, Susana Riveira, da Executiva da CIG da Mariña, sinala “que a empresa amosou disposición á continuidade da actividade pero sempre e cando apareza un terceiro que se faga cargo da fábrica. Unha disposición que Riveira considera un intento da empresa de aparentar boa fe negociadora para cumprir así cos requisitos legais no marco da negociación do expediente de mobilidade”.

Ante a negativa da compañía a estudar alternativas ao peche, a asemblea do persoal manifestou “o rexeitamento á decisión empresarial, reclama o mantemento dos empregos en Celeiro e que se lle recoñeza o esforzo realizado durante todos estes anos de duro traballo”. “Este persoal levan toda da vida traballando nesta fábrica e se a marca ten prestixio é grazas á súa dedicación e ao seu esforzo, que agora a empresa ten que corresponder”, asevera Riveira, quen cualifica de inasumíbeis as ofertas da empresa para o traslado e as indeminizacións.

A este respecto, a representante da CIG considera un escándalo que nin a consellería de Economía nin a de Emprego se teñan interesado por esta conflito, “cando estamos falando da destrución de 42 postos de traballo directos e da desaparición definitiva dun sector como o da conserva na nosa comarca”.

Por iso, volve reclamar a intervención da Xunta de Galiza “porque non queremos que a Mariña sexa un deserto industrial nin ter que vivir exclusivamente dun sector servizos totalmente estacional. Esta comarca non se pode permitir o peche doutra empresa máis”.

Novas mobilizacións

Así as cousas, e tras acordarse ampliar o período de negociacións dous días máis, as traballadores e os traballadoras continuarán adiante co calendario de mobilizacións, incrementando os día de folga tamén ao luns 11 e o mércores 13 de xullo. Ademais do calendario xa aprobado, hoxe acordaron convocar manifestación o 7 de xullo dende Celeiro a Viveiro, ás 19:30 horas, na que animan a participar a toda da veciñanza da comarca para reclamar emprego e futuro para a Mariña.

O Concello retira os parquímetros da Ora

O Concello de Lugo iniciou hoxe os traballos para retirar das rúas da cidade as máquinas do sistema Ora, actualmente en desuso.

A alcaldesa de Lugo lembrou que, “xunto ás medidas adoptadas que redundan no incremento dos espazos restrinxidos ao tráfico rodado e na creación dunha Zonas de Baixas Emisións no Centro Histórico”; “impulsamos outra serie de actuacións que inciden na disuasión do uso do vehículo particular fronte ao transporte colectivo e no fomento da utilización doutros medios como a bicicleta, para o que nos estamos dotando dunha senda ciclista de máis de 14 quilómetros de lonxitude e habilitando máis e mellores estacionamentos nos diferentes barrios da capital, todos eles, totalmente gratuítos”, subliñou a alcaldesa.

Así, Méndez enmarcou tamén a súa decisión na necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificulten a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade ao tempo que se evita un foco de confusión para visitantes que descoñecen que, actualmente, estas máquinas, ao redor dunhas 60, non se atopan operativas”, concluíu.

A Asociación Si, hai saída alerta da falta de previsión ante o mais que probable aumento da violencia machista no verán

Un ano mais, co comezo do mes de Xullo, e, con este, do período vacacional por excelencia, ante o incremento de episodios de violencia machista que cada ano se constata que se producen nestas datas, desde a Asociación Si, hai saída temos que lamentar que se continúe
sen escoitar as chamadas de atención que, sobre isto, lanzamos os que traballamos acotío coas vítimas, e non se tome, desde as Institucións, ningunha medida de prevención ao respecto.

É absolutamente lamentable comprobar coma cada ano, desde os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, alertan acerca de posibles situacións de risco ou perigo que adoitan suceder nestas datas, como poden ser roubos nos domicilios baleiros por mor das vacacións,
accidentes de tráfico polo aumento de desprazamentos, risco de incendios forestais, etc, etc, etc, dándonos, ademais, a poboación, unha serie de pautas ou consellos para tentar previlas e evitalas na medida do posible, algo, entendemos, lóxico, mais, ano tras ano, se obvia totalmente o aumento das situacións de violencia de xénero que cada verán deixa tráxicas pegadas, facendo patente, en moitos dos casos, as gravísimas eivas na protección das vítimas e no seguimento aos seus agresores, non soamente sen adoptar ningunha medida ao respecto, se non reducíndose de xeito mais que notable o número de recursos e de efectivos destinados a esta finalidade, quedando así os cadros de persoal das Ufam (Unidades de Familia e Axuda a muller), ou, o que é o mesmo, axentes, se supón, especializados na asistencia e protección as vítimas de violencia de xénero baixo mínimos durante os meses de verán, e, de xeito especial, nas fins de semana e nas pontes, nas que, se unha muller é agredida e desexa denunciar, agás que sufra feridas graves, ante o cal se avisará a un axente especialista que debería estar localizable, deberá facelo na ODAC (Oficina de Atención ao Cidadán), coma se se tratara de calquera outro delito, co que isto implica, desde a falta de intimidade ata a elevada probabilidade de ser atendida por un axente que tal vez sexa un excelente policía noutros eidos, pero que non é especialista en violencia de xénero, coma a situación requiriría.

Así as cousas, sen ir mais lonxe, este ano, nas pontes mais sinaladas dos meses de Xullo e Agosto, as do día 25 do primeiro, e o 15 do segundo, ambos los dous Luns, as comisarías non contarán con persoal especializado en violencia de xénero desde o Venres 22 ata o Martes 26 no primeiro, e desde o Venres 12 ata o Martes 16 no segundo, é dicir, catro días cada mes, en datas potencialmente perigosas, polo gran número de festas que se celebran, aumento da convivencia por mor das vacacións, intercambio de menores, principalmente na ponte de Agosto, etc, etc

Incomprensible e intolerable tal falta de previsión, que non fai mais que evidenciar a auténtica e lamentable realidade que se está a vivir no noso país no que atinxe a violencia machista, sempre preocupante e que se pode cualificar de calquera cousa agás de exemplarizante, algo
que, desgraciadamente, este ano se está a facer mais patente que nunca, xa que, soamente nos últimos meses, o repunte que estamos a sufrir se cobrou a vida de mulleres que tiñan ordes de afastamento, ou que, malia estar incluídas no sistema VioGén non se lles estaba a facer seguimento ningún, sendo, mesmo nalgúns destes casos, as alertas desactivadas sen ningún motivo aparente que o xustificara.

Entendemos e respectamos, coma non podería ser menos, o dereito ao descanso e as vacacións dos axentes, mais non o feito de que non sexan substituídos, co grave risco para as vítimas de violencia de xénero que isto implica, ademais de demostrar, e o dicimos con mágoa, o verdadeiro lugar que ocupa a violencia machista nas súas prioridades, malia que tenten vendernos o contrario.

Outro tanto temos que dicir acerca do Ministerio de Igualdade, que semella mais preocupado pola súa proxección mediática, e por aprobar unha “medida cosmética” tras outra nas datas clave, en apoiar causas que lles aseguren esa proxección, malia que as veces estas sexan algo mais que cuestionables, e en dilapidar miles e miles de euros en “solucións” cuxos resultados a vista están, co aterrador aumento da violencia de xénero que estamos a vivir, que en afrontar a raíz do problema ao que nunca, desde que chegaron ao goberno, se lles escoitou nin sequera aludir, ignorando a realidade de que, si falla a base, todo o demais é inútil.

Para rematar, e cinguíndonos agora a nosa cidade, tamén un ano mais temos que referirnos, e igualmente o facemos con mágoa, a nula colaboración e interacción coa institución policial que, desde Si, hai saída lamentamos profundamente, xa que, mentres esta se deu, nos primeiros anos da nosa andaina, os resultados foron enormemente positivos, malia que nos sempre estivemos e estamos abertos a ela, e se nos asegurou, hai xa un ano, que se retomaría, algo ao que, reiteramos, pola nosa banda, sempre estivemos dispostos xa que a súa interrupción non se debeu, en modo algún, aos nosos desexos, se non todo o contrario, sen que isto sucedera en ningún momento, e sen ter en conta, atendendo a outros criterios nos que agora non imos profundar, que as principais prexudicadas son as propias vítimas.

Asociación Si, hai saída.

Publicadas as listaxes das axudas para a compra de libros de texto e material escolar

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento anunciou a publicación das listaxes das axudas para a compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos.

A concellería de Educación avanza no procedemento que permite ás familias con baixos recursos optar a un dos 400 cheques de 100€, ata completar un total de 40.000€ dedicados a esta liña de axudas. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 85% do IPREM. En total, achegáronse 668 solicitudes á concellería de Educación neste procedemento.

As listas poden consultarse no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal, e as persoas que resultaran excluídas por falta de documentación terán de prazo até o 12 de xullo para achegala, antes de elaborar as listas definitivas.

Denunciado un condutor por dar positivo en drogas e alcol e carecer de permiso de circulación

No día de onte, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos da Unidade de Atestados do Corpo e co emprego de vehículos policiais rotulados e camuflados, intensificaron os controis de alcoholemia e drogas, detectando nun filtro establecido na glorieta de conexión do polígono de O Ceao co de As Gándaras un condutor que presentaba signos de acharse baixo os efectos de substancias estupefacientes, sendo sometido ás probas regulamentarias co equipo “drogotest”, lanzando un resultado POSITIVO en THC e COCAÍNA, comprobando ademais que carece de permiso de conducir válido en España e os axentes detectan un forte cheiro a marihuana dentro do vehículo, polo que realizan un rexistro do mesmo achando un gramo desta substancia, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá e intervindo dita substancia. Pola presenza de drogas no organismo ábrese expediente sancionador con multa de 1.000 euros e inmobilízase o vehículo.

Durante a madrugada, nos diferentes filtros de seguridade viaria establecidos, detectáronse TRES CONDUTORES cun grao de alcol superior ao regulamentariamente establecido.

O primeiro detectado ás 4:10 horas na rúa San Roque lanzando un resultado POSITIVO de 0,52 mg/l; o segundo detido ás 5:25 horas na rúa Rei Don García, lanzando un resultado POSITIVO de 0,54 mg/l e o terceiro lanzou un resultado POSITIVO de 0,65 mg/l.

A todos estes condutores abríuselles expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, procedendo á inmobilización dos vehículos.

Asemade durante a mañá de onte efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo levantaron 8 actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por ocupación de espazo público para a realización de venda ambulante sen autorización, o que supón multas de 600 euros a cada un dos infractores.

Así mesmo levantáronse 2 actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por desobediencia a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, o que supón sancións de ata 30.000 euros para cada un dos infractores.

Fotografía: imaxe cedida pola policía local de Lugo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com