" />

Presentación da XVI edición do Certame de investigación Condado de Pallares

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da XVI edición do Certame de investigación Condado de Pallares, que convoca a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial, Javier Arias, participaron neste acto xunto a Carlos Vázquez, presidente da entidade organizadora, a alcaldesa de Guntín e os os alcaldes de Chantada e Taboada entre outras autoridades e persoalidades.

Os representantes do Goberno galego destacaron as achegas á cultura xeral de Galicia que se deben a este certame, que estuda o ámbito local dos cinco concellos que formaron o antigo Condado de Pallares: Chantada, Guntín, Taboada, Portomarín e Carballedo.

Así, grazas a esta convocatoria viron a luz estudos de investigación sobre temas tan diversos como a cultura castrexa e galaico romana na zona, a liñaxe da Casa de Taboada, a propia evolución do Mosteiro de Ferreira de Pallares, a presenza do Mestre Mateo no sur de Lugo, os caneiros do Miño, as fábricas de curtidoiros ou as bandas de música.

En definitiva, segundo afirmaron na presentación, a iniciativa impulsa a investigación de calidade en lingua galega, arredor de ámbitos como a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, o folclore ou a lingüística.

Poden concorrer ao certame todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega coa citada temática, cun mínimo de 100 folios e sen extensión máxima. O prazo de presentación estará aberto ata o 30 de setembro. O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros e inclúe a publicación do traballo gañador.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo