Os cines Codex estrean mañan o drama francés “A illa de Bergman”

Esta semana estrease nos  Codex Cinema un dos títulos máis relevantes da tempada cinematográfica, A illa de Bergman, drama francés que vén firmado pola prestixiosa cineasta Mia Hansen-Løve e que conta cun reparto encabezado por Tim Roth, Vicky Krieps e Mia Wasikowska. O filme foi presentado no Festival de Cannes de 2021 e participou tamén no Festival de Sevilla, no Festival Internacional de Cine de Toronto e no Festival de Cine de Nova York, entre outros.

As presenzas de Ingmar Bergman (1918-2007) e da illa de Fårö percorren todo o filme e son determinantes na trama. O cineasta sueco, un dos máis importantes e influíntes de toda a historia, comezou a pasar longas tempadas nesta illa, a comezos dos anos sesenta, onde filmou
obras capitais da súa filmografía como son Como nun espello (1961), Persona (1966), A vergoña (1968), Paixón (1969) ou Segredos dun matrimonio (1974). O ambiente e as paisaxes de Fårö forman parte da memoria colectiva dos espectadores de varias xeracións e, polo tanto,
son indisociables da presenza do cineasta na illa, onde viviu retirado durante a fase final da súa vida ata a súa morte acaecida en xullo de 2007.

En A illa de Bergman a importancia do director sueco vai ligada ao tema da creación. O filme conta a historia dunha parella de cineastas que acode a Fårö porque anhela atopar inspiración nese asombroso escenario. Hansen-Løve considera que a illa é un lugar silvestre e prístino
cunha quietude que convida á meditación. A presenza de Bergman e da súa obra, a dualidade da propia illa que oscila entre a atracción e o aterrador, as lembranzas que xorden ao estar nun tempo suspendido de lecer que desperta a memoria e a propia ansiedade do proceso de
creación levarán aos seus protagonistas a un estado de fraxilidade emocional no que a realidade e a ficción chegarán a solaparse. O cine amosa a súa capacidade de recrear recordos coa capacidade para substituír á realidade que os inspirou.

Unha das chaves deste drama, como a propia directora recoñece, é a emancipación; a emancipación dos nosos mestres e a emancipación da muller protagonista. Dende que Mia Hansen-Løve debutou coa longametraxe Todo está perdoado (2007) converteuse nunha das directoras máis relevantes da súa xeración e nunha figura habitual dos festivais de cine. Súas son O pai dos meus fillos (2009), Un amour de jeunesse (2011), Eden: Lost in Music (2014), O porvir (2016) e Maya (2018).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com