Novas

O Concello convoca un certame para escoller o cartaz do San Froilán 2022

Hoxe deuse a coñecer as bases do concurso de deseño gráfico co que se escollerá cartaz para o San Froilán  e do San Froilán Miúdo 2022

As persoas que desexen participar poden presentar os seus traballos ata o 16 de xuño nas oficinas da área de Cultura , na Praza Maior, ou por correo, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50×70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte cd ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@lugo.gal, indicando no asunto Cartel San Froilán 2022.

Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos deberán presentarse nun documento aparte.

Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros. A xuntanza do xurado terá lugar o vindeiro 21 de xuño.

Comezan os traballos de desbroce nas estradas provinciais

Hoxe este mércores, 1 de xuño, comezaron os traballos de desbroce nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais. As rozas arrincan de forma simultánea nas 24 zonas nas que está dividido o contrato da rede viaria dependente da Deputaciópn para levalo a cabo dun xeito máis eficiente.
Con estas tarefas, a Deputación mellorará a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención de incendios durante o verán.
As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as
seguintes:
– Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol.
– Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz.
– Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
– Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
– Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
– Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
– Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
– Zona 9: Lugo e Guntín.
– Zona 10: Castroverde e O Corgo.
– Zona 11: Friol.
– Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
– Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
– Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 15: Becerreá e As Nogais.
– Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
– Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
– Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
– Zona 20: Taboada e O Saviñao.
– Zona 21: Chantada e Carballedo.
– Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
– Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
– Zona 24: Pantón e Sober.

Lugo será a sede das Fases Finais do Campionato Galego Senior Masculino de Voleibol

O concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, participou hoxe na presentación das Fases Finais do Campionato Galego Senior Masculino de Voleibol que se disputará no Pavillón Municipal o vindeiro sábado, 4 de xuño.

Un torneo no que a Administración local colabora mediante a cesión destas instalacións, facilitando a asistencia sanitaria en cooperación coa Cruz Vermella e tamén a través do resto de programas de axuda ao deporte base que desenvolve durante o ano, entre os que se atopan as achegas económicas a clubs e entidades locais que traballan en prol do fomento da práctica deportiva na cidade e ás que o Executivo de Lara Méndez, destina, cada exercicio, máis de 300.000 euros.

O PP levará ao pleno o desbloqueo do plan parcial do polígono da Louzaneta

O Partido Popular elevará ao pleno deste mes de xuño unha proposición para que se retome o proxecto de desenvolver o plan parcial da Louzaneta para regularizar a súa situación urbanística .

Na reunión que mantiveron onte varios representantes do Grupo Municipal do PP cunha vintena de empresarios e veciños da zona “asumimos o compromiso de colaborar en todo o que estea na nosa man para evitar que continúe o deterioro e o abandono deste polígono onde están implantadas unhas 40 empresas desde 1967”.

Os populares lembran como “neste momento os industriais non poden nin ampliar, nin mellorar nin cambiar o uso destas naves” e por ese motivo “ esixiremos que de inmediato o goberno local se poña a traballar para que estes industriais poidan cambiar o uso das naves ou amplialas de forma legal tal e como se comprometeu hai máis de catro anos e non fixo nada”.

O vicevoceiro popular Antonio Ameijide desvelou que “na folla de ruta da alcaldesa non está a promoción da zona industrial da Louzaneta”. “Non é unha afirmación gratuíta, senón que comprobamos na documentación oficial que para este 2022 desaparece das previsións de Evislusa regularizar este polígono industrial”, sinalou.

Ameijide destacou que “esta acción figuraba en 2020 como un dos encargos para impulsar dende o Concello co ánimo de facer a xunta de
compensación, así como un estudio económico financeiro do que podería supor a regularización do polígono industrial”. Ameijide detallou “que no ano 2021, na memoria de xestión de Evislusa, se acredita que non se fixo nada para avanzar na promoción do polígono, alegando falta de persoal e, na previsión de 2022 directamente desapareceu”.

Evacuados tres membros dunha familia con sintomas de intoxicación por monóxido de carbono en Abadín

Tres membros dunha familia de Abadín, pai, nai e un fillo menor, foron evacuados esta madrugada con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.

Mareos, vómitos e perda de consciencia foron algúns dos indicios que fixeron sospeitar aos servizos de emerxencias sobre unha acumulación de gas no interior da vivenda.

Todo sucedeu ás 4:30 horas desta madrugada no domicilio situado no lugar de Celeirote. Segundo informou o equipo sanitario a través do 112 Galicia, unha familia de tres membros presentaba un cadro médico compatible cunha intoxicación por monóxido. Faltaba, por tanto, comprobar mediante as correspondentes medicións se efectivamente a acumulación deste gas no interior da vivenda provocara o malestar da familia e mesmo a perda de consciencia do cativo. Deste xeito, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Vilalba, quen, despois de realizar a inspección necesaria, confirmaron a alta concentración de monóxino no domicilio. Un aspecto, por certo, que xa avanzaran os detectores instalados na ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou ao lugar en canto recibiron a notificación.

No interior da casa, nada parecía indicar a orixe, pois carece de subministro de gas e tampouco había fontes de calor acendidas. Sen embargo, os bombeiros localizaron unha cociña de ferro que, se ben estaba apagada, botáranlle auga, e sospeitan que isto podería ser a causa. Non obstante, nada hai confirmado ata unha revisión máis a fondo.

Pola súa parte, a dotación médica trasladou a familia ao centro hospitalario de referencia, e os bombeiros procederon a ventilar a vivenda ata recuperar os niveis de normalidade.

Os Microefectos Dramatúrxicos voltan co microteatro ao Clavicémbalo

Logo de tres meses dende a sesión de marzo os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Club Clavicémbalo este xoves, venres e sábado en pases de 20:30 e 22:30. Nesta sesión representaranse, coma sempre, catro pezas novas.

Poderanse mercar entradas a través da plataforma dixital Woutick no seguinte enlace: https://www.woutick.es/evento/12148/entradas-microefectos-dramaturxicos .

Tamén haberá entradas dispoñíbeis na billeteira. O grupo, que cumpriu nove anos durante o mes de maio, pon en escena pezas teatrais duns 15 minutos de duración nas que contan historias da vida para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual, que cada tres meses practicamente
completa o aforo do Clavicémbalo.

Muller e Igualdade abre este mércores o prazo de inscrición do Aprende Xogando

O Concello abre este mércores, 1 de xuño, o prazo de inscrición do programa Aprende Xogando para as vacacións de verán, correspondente ás tardes dos meses de xullo, agosto e setembro e ás mañás da última semana de xuño, meses de xullo e agosto e primeira de setembro. Neste trimestre, a diferencia dos anteriores, admítese a solicitude por meses independentes, en lugar do trimestre completo, co fin de adaptarse ás vacacións estivais dos pais e das nais. Tanto as bases como a instancia para realizar a inscrición poden descargarse a través da páxina do Concello de Lugo: http://concellodelugo.gal/gl/actuacions/programa-gl-aprende-xogando

As inscricións realizaranse de xeito telemático polos/as proxenitores/as dos/das menores, no e-mail aprendexogando@lugo.gal sinalando nome, apelidos da/o menor e nome, apelidos e D.N.I. do/da proxenitor/a solicitante, aportando anexo normalizado para a solicitude e a documentación requirida. O prazo manterase aberto ata o próximo luns, 6 de xuño.

Aprende Xogando está dirixido a 120 nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos. As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas e, en quenda de tarde, das 16:00 ás 20:30 horas, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa (con 30 prazas en cada un) e Uxío Novoneyra (20 prazas) e na Casa da Música (40 prazas) alén de reservarse cinco prazas máis para posibles urxencias por circunstancias especiais ou de emerxencia social.

Abre o prazo para axudas de libros de texto e material escolar para o vindeiro curso

A concellería de Educación e Difusión do Coñecemento vén de abrir o prazo de solicutide para as axudas para material escolar e libros de texto para familias con baixos recursos.

A concellería destinará un total de 40.000 euros para facilitar a adquisición de material escolar, en vales de 100€ para un total de 400 persoas beneficiarias. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar. As solicitudes poderán presentarse entre o 1 e o 21 de xuño, mediante o rexistro telemático do Concello de Lugo de xeito preferente, mais tamén a través do rexistro presencial do Concello e de outras administracións.

A CIG advirte da preocupante falta de profesionais en todos os distritos forestais

As delegas e delegados da CIG no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios (SPDCIF) advirten da preocupante falta de profesionais en todos os distritos forestais da provincia de Lugo “xa que, ás portas de iniciarse a campaña de extinción de lumes forestais, hai brigadas nas que falta máis da metade do persoal. De feito, hai 35 postos que constan como efectivos (ao figurar na RPT), pero que na realidade están sen cubrir, co perigo que isto implica nun traballo de risco elevado como este”, sinalan.

“A consellaría do Medio Rural fai moita propaganda, gasta moitos esforzos e diñeiro en transmitir unha imaxe de responsabilidade e profesionalidade que non se corresponde coa súa xestión do persoal. Gábase de ter un amplo dispositivo no SPDCIF pero a realidade é que hai códigos de RPT pero non persoas cubrindo eses postos. Vende fume, pero está xogando con lume”, alertan os delegados e as delegadas da CIG.

“A Relación de Postos de Traballo de Medio Rural determina cantos efectivos ten o SPDCIF, pero na realidade moitos dos postos de traballo están sen cubrir, xa que a consellaría nin as oferta como prazas de superior categoría ou por adscrición provisional, nin tampouco dota estes postos con persoal das listas de substitución”, sinalan e critican que “a administración decidiu cubrir só as prazas do persoal que está de baixa por IT, pero moitas delas non chegan a ser efectivamente cubertas porque cando rematan os trámites dos chamamentos as persoas titulares xa se reincorporaron da baixa”.

A CIG alerta “do perigo que supón nun traballo de alto risco como a loita contra o lume que os dispositivos non estean completos e que se vexan desbordados pola combinación dunha campaña previsibelmente moi complicada coa permanente falta de persoal”.

A CIG reclama da consellaría de Medio Rural “que cubra de inmediato todas as prazas vacantes (moitas das cales levan anos sen ocupar) e unha xestión de persoal adecuada para atender este servizo público”.

XXVII Certame literario Manuel Oreste Rodríguez López

Vense de fallar a XXVII edición do Certame Literario Manuel- Oreste Rodríguez López, convocado polo Concello de Paradela en memoría do seu Fillo Predilecto, destacado poeta obreiro, emigrante que foi a ponte de unión entre Galicia e os galegos de Catalunya, dos que foi cronista.
Distínguese este certame pola especial concurrencia aos seus premios de escritores en galego e castelán, de Galicia, resto de España e Hispanoamérica, que participan remitindo os seus traballos especialmente por Internet.
Á presente edición concorreron un total de 913 traballos, dos que 409 foron no apartado de Poesía e 504 en narrativa, que participaron nos Premios de Narrativa, Poesía e Camiño de Santiago (este, para traballos nas dúas modalidades).

Os premios de narrativa foron para escritores/as de Arteixo, Buenos Aires, Cáceres, Huelva, Murcia e Madrid. Os de poesía, para A Coruña, Argentina, Lugo, México e Cádiz. E os “Camiño de Santiago” para concursantes de O Courel, Madrid, Asturias, Sevilla e Barcelona.

Estiveron presentes na xuntanza do xurado os membros José Manuel Máto Díaz, Alcalde; Angel Fernández López e Xesús Mato Mato (Fillos predilectos do Concello); José Antonio Giz Paz (Director de Galicia Digital), Xulio Xiz (xornalista) e a Secretaria do Concello, Ruth López-Mosquera García. Environ as súas valoracións das obras Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xavier Rodríguez Barrio (escritor) e Santiago Rodríguez López (fillo do homenaxeado) desde Bristol (Reino Unido).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com