" />

A CIG advirte da preocupante falta de profesionais en todos os distritos forestais

As delegas e delegados da CIG no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios (SPDCIF) advirten da preocupante falta de profesionais en todos os distritos forestais da provincia de Lugo “xa que, ás portas de iniciarse a campaña de extinción de lumes forestais, hai brigadas nas que falta máis da metade do persoal. De feito, hai 35 postos que constan como efectivos (ao figurar na RPT), pero que na realidade están sen cubrir, co perigo que isto implica nun traballo de risco elevado como este”, sinalan.

“A consellaría do Medio Rural fai moita propaganda, gasta moitos esforzos e diñeiro en transmitir unha imaxe de responsabilidade e profesionalidade que non se corresponde coa súa xestión do persoal. Gábase de ter un amplo dispositivo no SPDCIF pero a realidade é que hai códigos de RPT pero non persoas cubrindo eses postos. Vende fume, pero está xogando con lume”, alertan os delegados e as delegadas da CIG.

“A Relación de Postos de Traballo de Medio Rural determina cantos efectivos ten o SPDCIF, pero na realidade moitos dos postos de traballo están sen cubrir, xa que a consellaría nin as oferta como prazas de superior categoría ou por adscrición provisional, nin tampouco dota estes postos con persoal das listas de substitución”, sinalan e critican que “a administración decidiu cubrir só as prazas do persoal que está de baixa por IT, pero moitas delas non chegan a ser efectivamente cubertas porque cando rematan os trámites dos chamamentos as persoas titulares xa se reincorporaron da baixa”.

A CIG alerta “do perigo que supón nun traballo de alto risco como a loita contra o lume que os dispositivos non estean completos e que se vexan desbordados pola combinación dunha campaña previsibelmente moi complicada coa permanente falta de persoal”.

A CIG reclama da consellaría de Medio Rural “que cubra de inmediato todas as prazas vacantes (moitas das cales levan anos sen ocupar) e unha xestión de persoal adecuada para atender este servizo público”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo