Novas

O Museo de San Paio de Narla incorpora a perspectiva de xénero

O Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, da perspectiva de xénero e social ao seu relato museolóxico e museografía co proxecto  de conservación, investigación e expositivo “Soterradas. A vida tralos mantelos, da fortaleza do Pazo”.
Distintos espazos e estancias do museo incorporan paneis informativos e fotográficos creando unha narrativa para visibilizar as desigualdades,de xénero e tamén de estamento ou clase, que sufriron as mulleres da servidume que habitaron pazos, fortalezas e outros edificios de poder ao longo da historia e, por extensión, as mulleres que ocupaban os escalofóns máis baixos na xerarquía social.

Esta renovación, que se reflectirá tamén nos recursos e actividades multicanle da Rede Museística Provincial, enlaza e dá continuidade ás iniciativas que se veñen desenvolvendo desde os museos provinciais a
partir de relatos femininos – como Mariñas, marosas e maruxainas ou Recolectoras.Memoria e terra- e tamén co Día Internacional dos Museos, que se celebra o 18 de maio, este ano baixo o lema “O poder dos museos”

Fiscalidade na España Baleirada (Galicia #Baleira)

A pesar da sangría demográfica que están a sufrir as provincias de Lugo e Ourense, onde a provincia de Lugo perdeu máis de 2.000 habitantes nun ano e Ourense máis de 1500, algo que está a precipitar o baleirado total da Galicia Rural no caso destas dúas provincias do interior galego que fan alarmantes as cifras de perdida poboacional nos últimos 10 anos. A pesar diso, Lugo e Ourense, non están sendo  tidas en conta nos plans nacionais de fiscalidade reducida ou adaptada pola clase política que continúa obviando ou considerándoo un problema menor a pesar do gravidade actual e futura que iso representa.

Así desde Galicia #Baleira (membro nº 100 da España Baleirada) reclamamos, en voz alta, esa Fiscalidade diferenciada, do mesmo xeito que o están facendo Soria, Cuenca ou Teruel, dentro dos Orzamentos Xerais do Estado, de forma urxente e clara, non esquecemos que a ministra de Facenda en novembro de 2020 deu un rotundo si á fiscalidade diferenciada, algo vital para que empresas e cidadáns particulares opten por instalarse en zonas deprimidas e despoboadas. Pero cales son as nosas propostas neste sentido: axudas fiscais aos produtores, pequenas e medianas empresas situadas nas zonas rurais, bonificar igual que se prevé noutras zonas de España un 20 % de rebaixa nos custos laborais ( salario do traballador máis as cotizacións á Seguridade Social) xa que isto xeraría maior emprego, deducións no IRPF tanto a nivel estatal como a nivel autonómico (xa que un autónomo da Fonsagrada non debe cotizar o mesmo que un autónomo do madrileño barrio de Salamanca) tal e como nos din o reto demográfico é un problema de estado que require unha maior involución e que ten que levarnos a rebaixar o IVE aos produtos do sector primario e a unha fiscalidade verde, unha importante rebaixa do IBI nas vivendas de hoxe e futuras relacionadas coas explotacións, impostos de transmisións tendentes a 0, redución de tarifas para actos xurídicos documentados, axudas para traballadores autónomos ou empregados por conta allea que inicien unha actividade nas áreas rurais, axudas para alugueiros, compra e rehabilitación de vivendas, fomentar as instalacións para autoconsumo enerxético, habilitar redes de transporte para dar saída á produción agrícola e gandeira do rural. E como non, instaurar no territorio unha rede de conexión a Internet mínima de 100
Mbps. en todo o territorio e crear, como solicitan outras provincias, o adecuado acceso a servizos básicos aos que non deben superarse o 30 km. ou 30 minutos para chegar a unha vía de alta capacidade (dentro do que se denomina Plan 100/30/30). Dentro deses servizos básicos, contemplamos o acceso a Centros de Saúde, institutos, cuarteis da Garda Civil, concellos e outras administracións, oficinas financeiras, centros formativos para o sector agropecuario, e a agricultura ecolóxica. Se a Comisión da UE deu unha fiscalidade diferenciada a Finlandia, Suecia e Noruega e se Soria, Teruel e Cuenca levaron isto conxuntamente cos seus gobernos autonómicos a Bruxelas, entendemos que a Xunta de Galicia ten que mollarse a fondo nestes aspectos e non deixar de lado ao noso rural, xa que só deu pasos na dedución do imposto de transmisións pola compra de inmobles, ou no imposto de actos xurídicos das escrituras de inmobles novos para o desenvolvemento dunha actividade económica. E como moi ben se di no documento presentado por Plataformas e organizacións de doce comunidades na Cámara baixa, Tomás Guitarte, Deputado de Teruel Existe, apuntou que é de xustiza aplicar unha fiscalidade diferenciada a estes territorios porque se o estado non dá os mesmos servizos, “é xusto que non paguen os mesmos tributos”

Axentes medioambientais da Xunta sorprenden de madrugada a un pescador furtivo

Axentes medioambientais da Xunta de Galicia denunciaron a un pescador furtivo que foi sorprendido no río Miño en Outeiro de Rei utilizando métodos non permitidos -sedelas dormentes-, en horas non permitidas e nun tramo de pesca sen morte.

Os feitos ocorreron durante a madrugada do pasado martes na illa de San Roque, dentro da zona de especial conservación Parga-Ladra-Támoga, nun lugar de difícil acceso que só se pode alcanzar en barca ou, cando o caudal do río é moi baixo, con vadeadores.

Pouco antes das 12 da noite, observaron a unha persoa cruzando cara á illa nun batuxo, e dúas horas despois procederon a identificala tras observar como manipulaba as sedelas dormentes, que colocaba nos extremos dunhas varas que cravaba no chan; as varas tiñan anzol con morte e estaban cebadas con miñoca para capturar troitas.

No momento da identificación, levaba tres troitas mortas na cesta, e ao levantar o resto das varas colocadas atoparon outra morta e unha con vida, que foi devolta ao río. Os axentes comisaron as catro troitas -de 21, 23, 24 e 25 cm de talle-, os aparellos de pesca, o batuxo e 40 varas ou chuzos, que sacaron da illa xa pola mañá.

 

A Xunta ofrece este verán en Lugo 1.975 prazas en campamentos e campos de voluntariado

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou  as novidades da programación, que inclúe dous novos campos de voluntariado en Baleira –Xuventude é Camiño – e Friol –Friulio e salientou o incremento de prazas, 496 máis que en 2021.

A oferta no conxunto de Galicia abrangue campamentos en 36 instalacións de distintos municipios para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos; e 45 campos de voluntariado en Galicia e tamén noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro para maiores de idade ata os 30 anos.

O Diario Oficial de Galicia publicará a convocatoria o vindeiro luns e a partir do mércores, despois do festivo, abrirase o prazo para que as familias presenten as solicitudes. Toda a información e a programación pode consultarse a través da páxina web de Xuventude.

No caso dos campamentos, o prazo de solicitude será de sete días. Para os campos de voluntariado en Galicia, permanecerá aberto aberto ata 3 días antes da data de inicio mentres haxa prazas libres. As actividades realizaranse durante os meses de xullo, agosto e comezos de setembro.

Campamentos

Os campamentos de verán da provincia de Lugo poranse en marcha nos concellos de Viveiro, Ribadeo, Portomarín, Palas de Rei, Carballedo, Quiroga e Lugo. En total hai 1.840 prazas en 31 quendas diferentes.

O albergue xuvenil de Area (Viveiro) desenvolverá actividades sobre ambiente mariño e náutica; A Devesa (Ribadeo) contará con varias opcións de multiaventura e acampada a carón do mar; as instalacións de Benigno Quiroga (Portomarín), Os Chacotes (Palas de Rei) e Carballedo acollerán distintas propostas de aventura; o albergue de Quiroga convidará a Explorar O Courel e o Lug 2 (Lugo) oferta tres programas: O Musical, AYCH Tecnolóxico e Design Camp, relacionado coa creación de páxinas web.

Campos de voluntariado

Polo que respecta aos campos de voluntariado da provincia, están previstos nove con 135 prazas en distintas modalidades, como arqueoloxía, patrimonio, medio ambiente ou dinamización. Serán os do Castro de Viladonga (Castro de Rei); Castro de Vilamor (Folgoso do Courel); Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón); Xuventude é Camiño (un en Palas de Rei e outro en Baleira ); Da auga e da pedra (Guitiriz); A Fervenza da Pedriña (Quiroga); Abadía de San Clodio (Ribas de Sil) e Friulio (Friol).

Trátase dunha oferta inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos.

A programación deste verán tamén contará cos minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

 

O Círculo das Artes acolle unha exposición  sobre Senatus Lucus Augusti

O Círculo das Artes acolle unha exposición con motivo do X aniversario da Asociación Senatus Lucus Augusti, unha das dezanove asociacións encargadas de dinamizar a celebración do Arde Lucus na nosa cidade. No trancurso da mesma realizarase unha homenaxe a dos membros da asociación falecidos Xoan García (Rompe) e Manuel Ouro. O presidente de Senatus, Manolo Buján, será o encargado de inaugurar a mostra que recolle fotografías destes 10 anos, útiles de escritura romana, a coiraza musculada do César e outras vestimentas romanas. A exposición inaugúrase o vindeiro luns 16 de maio ás 20.00 horas e poderá visitarse ata o día 19 en horario de 18:00 a 21:00 horas no Salón Rexio

Exposición de 725 fotos antigas de Paradela e as súas xentes “DO TEMPO DAS LUCES”

Este ano, despois dos retrasos causados polo COVID, o Concello de Paradela celebra os seus primeiros 200 anos, con moi numerosos actos e actividades, dos que este domingo, 15 de maio, se poderá gozar do primeiro, unha importante exposición de 26 paneis con 725 fotos de Paradela e as súas xentes, que permanecerá aberta ata o final deste ano. Esta exposición, DO TEMPO DAS LUCES, vén a poñer de manifesto que “as luces dos tempos modernos iluminaron Paradela hai douscentos anos, tempo aquel no que o dominio da luz permitiu obter e gardar imaxes da vida”, nacendo a arte-ciencia da fotografía. Esta mostra, promovida polo Concello de Paradela e realizada polo Colectivo Egeria, conta co patrocinio da Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e Endesa. A exposición, composta por seis bloques de seis paneis cada un, comeza por reflectir aos máis novos, no Colexio ou na familia; o papel da parroquia na vida das persoas: bispos e cregos, bautizo, enterros, vodas, procesións… Oito paneis reflicten a “Xente nosa”, de antes e de agora, para logo destacar a “Paradela musical”, “Terra, xente, actos e institucións”, feiras e festas, deportes, a vida no rural ou as imaxes que chegaban de fóra (do Servizo Militar ou da Emigración), e un percorrido polas parroquias do concello, co titulo de “De fe, arte e historia”. A mostra está acompañada dun catálogo co total das imaxes expostas, para que os visitantes leven os contidos da mostra para as súas casas, nunha publicación que lembra o primeiro achegamento a un posible Arquivo Fotográfico de Paradela.

XXXI FEIRA DE ANO E FESTA DE SAN CIDRE A exposición DO TEMPO DAS LUCES inaugurase no multiusos de Paradela o domingo, ás doce horas, dentro dos actos da XXXI FEIRA DE ANO E FESTA DE SAN CIDRE, que conta con exposición de coches clásicos e Feira de Artesanía no recinto feiral, e exposición de manualidades no Centro Sociocultural, desfile de carros e gando do país, acompañado pola Banda de Paradela, Misa no campo da Feira ás 17:00 horas, Concerto da Banda de Paradela (19:00), degustación de Ternera Gallega Suprema, Pan de Paradela e Viño da Ribeira Sacra

O PCG colaborará na consulta entre monarquía ou república deste sábado

O vindeiro sábado 14 de maio celébrase en todo o Estado Español unha consulta para coñecer a opinión da cidadanía entre monarquía ou república. O Partido Comunista de Galicia apoia esta xornada e a súa militancia traballará para que a consulta sexa todo un éxito democrático e de participación.

Máis de setecentas urnas por todo o Estado van a animar á cidadanía maior de 16 anos a que poidan opinar sobre que modelo de Estado prefire. Galicia contará con urnas nalgunhas das principais vilas do país como Coruña, Vigo, Lugo, Ponteareas ou Boiro… A partir das 10h calquera poderá manifestar a súa opinión acercándose a unha das urnas de votación colocadas polos organizadores. A consulta está organizada e impulsada pola Plataforma Estatal Monarquía o República creada en 2019 co obxectivo específico de coñecer a opinión da cidadanía con respecto ao modelo de Estado.

Na cidade de Lugo, o punto de votación será na Rúa da Raína nº2 entre as 10h e as 19h.

Unha nova estrea de cinema galego e o gran éxito do cine francés esta fin de semana nos cines Codex

A primeira estrea desta semana en Codex Cinema é Eles transportan a morte. A prestixiosa parella de directores Helena Girón (1988) e Samuel M. Delgado (1987) presenta a súa nova longametraxe. Rodada en celuloide de 16 mm, Eles transportan a morte, é unha película
producida pola produtora coruñesa Filmika Galaika e que conta tamén con respaldo colombiano. Girón e Delgado, axudados polo director de fotografía José Alayón, tomaron a valente decisión de traballar con cámaras e negativo analóxicos. No filme narran dúas historias nas que se pretende burlar a morte. En 1492, na expedición de Cristovo Colón van tres homes que deberían estar mortos. Mentres, no Vello Mundo unha muller tenta salvar á súa irmá moribunda levándoa a un curandeiro. Ambas historias están a mercede do tempo e da Historia.

A segunda estrea desta semana éUn novo mundo, o novo filme de Stéphane Brizé, presentado no pasado Festival de Venecia e estreado con éxito en Francia, onde acumulou case medio millón de espectadores nun mes. Na súa quinta colaboración con Vincent Lindon, un dos
mellores actores franceses vivos, Brizé conta a crise vital dun alto directivo dun grupo industrial, deste xeito afronta con valentía os males que tamén padecen as persoas que están situadas na cúspide da escala social.

O Arde Lucus volve a contar coa súa moeda oficial

O presidente da asociación Cohors III Lucensium, Miguel Alvelo, presentou este mércores  a moeda oficial que esta asociación acuña, por décimo primeiro ano, para as festas do Arde Lvcvs. Estes festexos cumpren 21 anos e celebraranse do 9 ao 12 de xuño.

Trátase dunha moeda ou medalla de bronce, sen valor económico concreto, acuñada na cidade de Pitia –actualmente en territorio Búlgaro–, na época de Marco Aurelio Severo Antonino, Emperador de Roma do 211 ao 217, máis coñecido como Emperador Caracalla. No anverso aparece un busto acorazado, con paludamento do propio Emperador Caracalla, coa cabeza laureada mirando a dereita tal e como pon a lenda escrita en grego, habitual nas moedas romanas.

Mentres que no reverso, figura estante de Asclepios (deus grego) ou Esculapio (deus romano) ambos en todo caso, deuses da mediciña situados á esquerda descansando sobre vara e serpe. Na parte contraria, aparecen os seus fillos Hygina (Higiene) que alimenta á cobra ou serpente no seu colo e unha cunca na man esquerda e outro dos seus fillos Telesforo (deus da convalecencia) cuberto cun gorro frixio.

A Cohors III Lucensium repartirá unhas 3.500 moedas. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda, valorada en dous euros, poden facelo en distintos establecementos do casco histórico.

Arde Lucus cultural

Neste mes de maio continúa a programación do Arde Lvcvs cultural. Ao longo do mes, Senatus Lucus Augusti impartirá charlas sobre o ‘Senado, o Arde Lucus e a historia de Lugo’; Pax Romana impartirá xornadas de debuxo con xiz no chan; Salesiani Luci Augusti amosará a construcción dun mosaico con teselas de barro, así como a fabricación dunha cota de malla e a elaboración de coroas, e Vestales Lucus Augusti realizará estampacións en téxtil. Por último, A Ponte Romana acollerá a recreación histórica máis auténtica da vida cotiá dunha sociedade castrexa da Idade do Ferro tardía: O pobo dos Namarini, da man de Tir Na N’Og.

Do 1 ao 15 de xuño no centro comercial As Termas, haberá una exposición dos carteis da Festa Arde Lvccs dende o 2001 ata a actualidade e programaranse actividades da man de Ara Roma (obradoiro de reloxos) e Vestales Lucus Augusti (obradoiro de estampación).

As actividades pódense consultar na web e redes de festa Arde Lvcvs (www.ardelucus.com) e a inscrición das actividades pode realizarse en www.formulario.xuventudelugo.gal.

Última semana para presentarse ao II Premio ‘Somos esenciais’

O vindeiro xoves 19 de maio ás 14.00 horas remata o prazo para presentar candidaturas á segunda edición do premio ‘Somos Esenciais’, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis, para recoñecer o traballo xornalístico máis salientábel sobre a Covid-19 en Galicia no ano 2021.

O premio está dotado con 1.500 euros e un diploma acreditativo, e poden presentarse a el todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran ou emitiran traballos relacionados coa pandemia en Galicia ao longo do ano 2021. As candidaturas deben enviarse a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. O prazo de presentación remata ás 14.00 horas do xoves 19 de maio.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com