Novas

Lugo, capital gamer, ao acoller segunda parada do Circuito Tormenta

Trala volta á presencialidade no Granada Gaming Festival, o Circuito Tormenta xa prepara a súa segunda parada de Valorant e League of Legends, que levará a cabo do 23 ao 24 de abril no Lugo Gaming Fest, celebrado no Pazo de Feiras e Congresos. A maior competición amateur en España de Riot Games seguirá o esquema de repartición de puntos presentado a inicio de ano.

Neste caso, a parada do Lugo Gaming Fest formará parte das encaixadas na categoría Tier 2, o que significa que haberá dous Clasificatorios En liña con Final Presencial. Xogaranse en remoto e reportarán catro gañadores cada un. Os primeiros clasificatorios realizaranse de forma en liña o 8 e 9 de abril. Os oito equipos clasificados nestas dúas xornadas terán que enfrontarse entre eles nunha fase final ata alcanzar a cifra de dous clasificados na fase final, que será o 10 de abril. Os dous equipos vencedores viaxarán ao evento presencial para disputar a Gran Final, que terá lugar os días 23 e 24 de abril.

Ademáis, contarán cun Torneo en liña que se realizará en completo de forma remota durante o 16 e 17 de abril. Dará un único gañador que non terá a obrigación de ir ao evento presencial. Os vencedores só recibirán puntos do Circuito Tormenta. Unha final presencial con grandes premios Ademais do prize pool a repartir entre os vencedores, que nesta ocasión será de 1.000€, os equipos que alcancen a final presencial de Lugo Gaming Fest mediante o clasificatorio en liña recibirán aloxamento para facilitar a súa presenza no evento. A todo isto, débense sumar os puntos para a clasificación xeral do Circuito Tormenta que, como de costume, repartiranse segundo posición.

Os organizadores do Lugo Gaming Fest apuntan: “Con este evento esperamos poñer a Lugo no mapa do sector dos esports, buscando a disruptividad neste tipo de eventos engadindo, a parte das competicións, zonas máis específicas para que o público interactúe con actividades pouco convencionais dentro destes eventos. Dadas as experiencias satisfactorias realizando eventos en liña durante a pandemia, sobre todo sendo parada do Circuito Mastermind de Liga Rúnica en varias ocasións, decidimos dar o salto para organizar Lugo Gaming Fest de forma presencial. Animamos á xente a que veña a gozar do ambiente do evento durante esa fin de semana e así seguir demostrando que o crecemento dos esports en España atópase no seu mellor momento”.

Agromuralla denuncia impagos do Grupo Santé con cinco gandeiros que superan os 150.000 euros

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia “importantes débedas” da empresa Central Lechera de Lugo (Grupo Santé) e de LCG Fruits, actual propietaria da antiga planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei, cos produtores que lle entregaban o leite.

En concreto, Agromuralla explica que cinco dos seus asociados levan desde o mes de outubro e novembro sen cobrar unha cantidade total que ascende a máis de 150.000 euros. “Son importes nalgúns casos de máis de 35.000 euros por gandería, esenciais neste momento para garantir a supervivencia destas explotacións”, afirma a asociación de gandeiros.

LCG Fruits & Juices SL, asentada en Castela a Mancha e Andalucia e con negocios no sector do viño, os cítricos e os zumes de froitas, adquiriu o pasado ano a Tegestacín as instalacións de almacenamento e envasado de leite de Outeiro de Rei e, tras despedir á totalidade do cadro de persoal, reduciu a actividade até deixar de envasar leite líquido nela e pechar a planta no mes de decembro.

Sen embargo, a empresa segue a recoller leite e está a ofrecer novos contratos para captar explotacións que lle subministren materia prima co obxectivo de “facer negocio a costa dos gandeiros”, asegura Agromuralla, que sospeita que a empresa revende despois ese leite a outras empresas para facer leite en pó e outros derivados, aproveitando o alto prezo que están a ter neste momento estes produtos lácteos industriais, pero deixando sen pagar o leite aos produtores.

Por iso, Agromuralla quere advertir aos gandeiros do “amplo historial de imcumprimentos” desta empresa e recomenda aos seus asociados que non asinen contratos con ela nin lle entreguen o leite “en vista das malas experiencias que outros compañeiros tiveron coa compañía”.

Agromuralla considera que “existe todo unha estrutura e un entramado de empresas pantasma creado ad hoc para que non cobren os gandeiros”. “Levaron o domicilio social a Madrid e están desmontando a planta de Tegestacín en Outeiro de Rei coa finalizade de non facer fronte ás débedas e burlar a Xustiza”, denuncia Agromuralla.

Os gandeiros afectados tiñan contratos asinados con Central Lechera de Lugo, nome baixo o que operaba a empresa, nos que se estipulaba que o pago do leite se efectuaría nos 30 días seguintes ao mes de recollida, considerándose incumprimento grave de contrato e causa de rescisión un retraso de 7 días sobre esa data.

En base aos retrasos acumulados, os produtores afectados decidiron deixar de entregar o leite á empresa e executar os pagarés que a compañía depositara en forma de avais. Pero estes pagarés, emitidos por LCG Fruits, resultaron estar sen fondos. “Foron presentados a cobro pero viñeron devoltos por carecer de fondos, o que xera novos gastos aos gandeiros a maiores da débeda xa acumulada”, denuncia Agromuralla.

Os contratos estipulaban tamén que en caso de desacordo entre as partes se abriría un proceso de intermediación por parte da Inlac, que resultou infructuoso. “Non houbo acordo no acto de conciliación levado a cabo e aos gandeiros quédalles agora o recurso á Corte Española de Arbitraxe, pero ese proceso ten uns gastos elevados aos que os gandeiros non poden facer fronte”, asegura Agromuralla, que esixe ás Administracións públicas, tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Agricultura, “que actúen contra estas empresas pirata que están a vulnerar a Lei da Cadea Alimentaria e o Paquete Lácteo con total impunidade valéndose da situación de inferioridade clara dos produtores”.

Os socialistas de Sober preguntarán no pleno polos verquidos da depuradora de Canaval

Os socialistas de Sober demandarán explicacións ao Goberno Local, na videira sesión plenaria sobre os verquidos da depuradora e o parque infantil de Canaval, o arranxo de camiños en Doade, a limpeza na parroquia de Rosende ou a remodelación da ponte da Barca, entre outros asuntos.

Así o avanzou hoxe o Voceiro Socialista, Eladio Fernández quen explicou que dende finais de febreiro a depuradora de Canaval estivo vertendo augas sen depurar directamente o Rio Cabe. Advirte “que xa sucedeu moitas veces este tipo de anomalías e vemos que desde o Concello non se arraxa de forma definitiva. Por iso queremos saber cando ten pesado Concello eliminar estes vertidos e cal e a solución que vai abordar para que non se volva repetir?”.

En relación a parroquia de Doade, advirten que o Concello ten pendente de colocar un espello no cruce da Margarida. Critican que este espello leva tempo almacenado nunha propiedade dun veciño, pero nadei se acercou a colocalo. Ata cando teñen que esperar os veciños para que o Concello coloque un simple espello nun cruce?”, denuncian.

Sobre esta mesma parroquia, dende o PSdeG, fanse eco das queixas dos veciños que reclaman que se pavimente o camiño do Pomar, desde a bodega do Fidel ata as casas do Pomar. “A veciñanza xa demandou en diversas ocasións o adecentamento destes viais municipais, e pedimos que o Concello execute estas obras”, remarcan.

Eladio Fernández tamén quere saber si por parte do Concello se solicitou un paso elevado ou soterrado na estación de Canaval, onde actualmente se están executando obras para reformar a vía do tren desde Ourense a Monforte, co fin de favorecer a mobilidade da veciñanza. Sobre a parroquia de Rosende, queren coñecer as explicacións sobre porque non se limpa os espazos públicos nesta zona. “Ten pensado o Alcalde facer limpeza do salgueiral que está invadindo o espazo da Lama Dos Campos?”, preguntan.

O Voceiro socialista tamén amosa o seu malestar sobre os requirimentos que está realizando o Concello para que se limpen as fincas de monte que carrexan algún risco de incendio nas poboacións cércanas. “Entendemos que o primeiro que ten dar exemplo en limpar os camiños é o propio Concello, xa que é a propia veciñanza quen denuncia que para limpar as súas propias fincas teñen dificultades, xa que por eses mesmos camiños públicos son polos que teñen que pasar e advirten que están sen rozar”, replican.

Un paciente do Sergas denuncia retrasos na atención das lesións producidas por un accidente

Un paciente do Sergas con iniciais I.P.P. vén de denunciar que, tras sufrir unha caída da bicicleta e ser atendidas as lesións que máis urxencia requerían, está a sufrir importantes atrasos na atención a lesións no acromion e nun dedo que son incapacitantes e lle producen unha dor que non cesa con analxesia.

I.P.P. sufriu unha caída da bicicleta o 19 de decembro do pasado ano, con resultado de traumatismo craneoencefálico (TCE) e lesións nun dedo e no omóplato. Desde o hospital da Mariña é derivado ao HULA para o tratamento do TCE, onde permanece ingresado, dous días na UCI e tres en planta. Durante o seu ingreso na UCI aténdense tamén as feridas, máis, segundo denuncia, non se realizan probas radiolóxicas do dedo e acromion.

Unha vez resolto o trauma craneoencefálico causa alta hospitalaria, sendo remitido ao control pola médica de familia que lle indica a demora que está a producirse de xeito habitual nas consultas de especialistas e no servizo de
radioloxía do hospital.

Como a dor que sufre é “insoportable” e os analxésicos non o alivian, decide acudir a urxencias e tras realizarlle radiografías a impresión diagnóstica é de tendinopatía do ombro esquerdo e contusión do primeiro dedo da man dereita.

O paciente tivo que volver á súa médica de familia porque a dor continuaba a ser “insoportable”, pero non conseguiu cita con traumatoloxía, polos tempos de agarda tan desmesurados, da orde dun ano.

I.P.P. decide entón chamar a Atención ao Paciente para que atendan o seu caso e se lle dea a atención que precisa, pero non consegue contactar tras chamar de forma continuada no horario que lle indicaron, de 13 a 14 horas.

A dor e a resistencia aos analxésicos levan ao home a acudir á sanidade privada en Lugo, onde realiza unha ecografía e unha resonancia o pasado mes de marzo deste mesmo ano, dos que deriva o diagnóstico de compatible con rotura completa do ligamento do pulgar dereito e fractura de acromion e a recomendación de que acuda ao seu hospital de referencia para o tratamento correspondente.

Varias semanas despois deste diagnóstico, segundo denuncia, cunha gran dor e co ligamento roto, ademáis dunha baixa laboral de varios meses, o paciente segue sen ser visto por especialistas para instaurar o tratamento pertinente.

Por este motivo, contactou coa Plataforma Sanitaria da Mariña, tras interpoñer desde o seu centro de saúde a reclamación pertinente dirixida á dirección do hospital da Mariña para que, dende o colectivo, dean voz ao seu caso nos medios de comunicación.

Desde o colectivo sanitario esixen ao Sergas e á dirección do hospital que de xeito inmediato solucionen o problema procedendo a tratar a rotura ligamentosa como mellor proceda e “dunha vez por todas se remate coa insufrible dor que está a padecer o paciente”.

Considera a Plataforma que desde que ocurriu o accidente pasou un tempo “máis que suficiente” para diagnosticar, tratar e mesmo avanzar na recuperación do paciente que “non quere outra cousa que a súa curación, o cese da dor e a reanudación da súa vida laboral; ao noso parecer a demora na atención é sinxelamente vergoñenta”, conclúen.

Un condutor quintuplica a taxa de alcohol e outros dous resultan positivos en distintos controis da Policía Local

A Policía local detectou esta madrugada 3 condutores conducindo baixo os efectos do alcohol, outro que resultou positivo en THC e outros 11 aos que lles impuxeron sancións por distintos incumprimentos á lexislación de tráfico.

Así o fixeron logo de establecer diversos filtros de seguridade en vías do casco urbano no que participaron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio dunha Unidade de Atestados do Corpo e co  emprego de vehículos policiais rotulados e camuflados.

Ás 0:43 horas os axentes detectaron un vehículo na Rolda da Muralla cuxo condutor presentaba signos de embriaguez sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado positivo de 0,65 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Máis tarde, en torno ás 02:20 horas unha patrulla camuflada detecta a circulación dun cuatriciclo que circula en sentido contrario pola rúa Pontevedra ata a rúa Tui onde foi interceptado, observando que o condutor, de 55 anos de idade, presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado positivo de 0,77 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 5:30 horas detéctase a circulación irregular dun vehículo pola rúa San Roque, sendo interceptado e observando os axentes que o condutor presentaba signos de acharse embrigado, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado positivo de 1,21 mg/l (case cinco veces a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Na rúa Pontevedra, un vehículo cuxo condutor ao ser sometido a un test de drogas lanzou un resultado positivo en THC, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Así mesmo no transcurso destes controis denunciáronse 9 condutores que non facían uso do cinto de seguridade polo que se propuxeron sancións de 200 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución; 1 vehículo coa ITV caducada e outro vehículo que circulaba carecendo de Seguro Obrigatorio de Automóbiles

Judo Club Lugokan colleita 7 medallas no Campionato Galego Escolar

13 deportistas do Judo Club Lugokan participaron, o pasado domingo, no Campionado Galego Escolar de Judo que se disputou na localidade pontevedresa de Marín, onde o equipo lucense acadou ata 7 medallas.

O clube que presentou 7 participantes en categoría sub15 e 6 en sub18, sentiu as baixas de última hora doutros dous inscritos, José Enrique Díaz e Diego Pagano.

Así, en categoría sub15, presentaron un equipo de pouca idade pero duro que obtivo unha prata e dous bronces. Clara López, acadaba o segundo posto en 44 kg, mentres que Laura Montaña e Eduardo Vila acadaban o terceiro posto nos 48 e 60 kg, respectivamente.

Asemade, conseguiron  un quinto e un sétimo postos Adrián García en 38 kg e Enrique Rodríguez en +66 kg. Do mesmo xeito,  participaron sen colarse en posicións de loita por metais, César Castedo en 60 kg e Roi López en 66 kg.

Doutra banda, na categoría sub18, o equipo lucense conseguiu dous segundos postos e outros dous terceiros. Así, Lidia Trabado (48 kg) e Alexandra Orozco (79 kg) acadaban a prata mentres que Aarón Pérez (73 kg) e Marian Alexandru Neblea (90 kg) facíanse co bronce.

Tamén nesta categoría participaron Luna López en 57 kg e Samuel Miñambres en 60 kg, sen ter acceso á loita polas medallas.

O club valora “moi positivamente” estes resultados e agardan á convocatoria da selección galega para o Campionato de España Escolar que se disputará en Pamplona na última fin de semana deste mes.

Cinco xovencas da Granxa Gayoso á poxa de Pedrafita do Cebreiro

O Deputado de Recursos Sostibles e o de Cooperación e Asistencia aos Concellos participaron hoxe xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, o presidente da Asociación de Criadores de Gando Vacún (ACRUGA), César Dorado Pin, e outras autoridades, na Poxa de Xovencas de Raza Rubia de Pedrafita do Cebreiro celebrada no Recinto Feiral da localidade.

A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou cinco exemplares de raza autóctona a este certame cun prezo de saída de 1.950 euros e que, de media, chegaron a venderse por uns 2.600 euros.

A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con ACRUGA, á que achega 1,4 millóns de euros entre 2014 e 2022 con dúas liñas de axuda. Por unha banda, con estas achegas realízanse axudas directas a explotacións lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.

Foz e Cervo contarán con dúas novas audioguías ficcionadas que se unen ás outras 5 da comarca

O Cenima acolleu esta mañá a presentación das dúas novas audioguías ficcionadas da Mancomunidade de Concellos da Mariña. Son as de Foz e Cervo, que se unen ás outras cinco xa estreadas hai tempo. No acto participaron o  presidente desta entidade e alcalde focense, Fran Cajoto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o concelleiro de Turismo de Cervo, David Rodríguez, e Xesús Ron, de Chévere Teatro, autor deste proxecto, que conta co financiamento da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

As audioguías ficcionadas da Mariña Lucense son unha iniciativa – pioneira en España – que aposta por mellorar a experiencia viaxeira das persoas que nos visitan a través dun produto de calidade, personalizado e adaptado a cada municipio onde se desenvolven, que axudan a divulgar e poñer en valor a historia local entre os propios residentes e a comunidade educativa.

Son historias que ata o de agora estaban ambientadas en 5 localidades: Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro e a partir de hoxe tamén o estarán en Foz e Cervo. Resultado dun coidado proceso de documentación por parte do equipo de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), identifícanse sucesos, personaxes e lugares con nome propio que serven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un dos municipios.

Son relatos ficcionados e dramatizados pola propia compañía que configuran un paseo ameno e suxerente con intervención de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música,… Cada audioguía ten un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que busca a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os diferentes paseos.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou que “as audioguías ficcionadas propoñen un percorrido relaxado e sinxelo – en todos os casos de menos de 50 minutos – que se pode realizar individualmente, en parella ou en grupo. Poden reproducirse ou descargarse de forma gratuíta no dispositivo móbil, MP3 o MP4 de cada un dende a web da Mancomunidade ou, nas oficinas de turismo locais de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo – situadas sempre próximas ao lugar de inicio do percorrido – pódense alugar auriculares illantes coa audioguía incluída, a un prezo simbólico de 2€, con gratuidade para nenos e nenas de ata 12 anos e para outros colectivos concretos, coma no caso dos centros educativos. Este servizo, que polo de agora non está dispoñible en Foz, Cervo e Viveiro, agardamos que poida estalo antes do verán”.

Na súa intervención o presidente da Mancomunidade aludiu “á historia e á tradición de Sargadelos, unha seña de identidade para a comarca. A cerámica é unha grande embaixadora da Mariña”. E sobre Foz dixo que “Foz é campo e mar. A vila focega, eminentemente mariñeira e as súas xentes viviron ligadas ao mar durante moitos anos. Aquí chegamos a ter ata cinco asteleiros”.

Cajoto agradeceu “a participación de Xoan Ramón Fernández Pacios, de Antón Niñe, da técnica de Cultura, Pilar López, e de todas as persoas que nos axudaron a afondar no pasado de Foz para que quede reflectido nesta audioguía e así achegalo a veciños e visitantes”.

Todo a información sobre as audioguías ficcionadas pode atoparse na páxina web da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/es/audioguias-ficcionadas

O Pleno aproba as actuacións que financiará o Plan Unico que achegará aos concellos 21,5M€

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou as propostas de actuación presentadas polos concellos para financiar con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos, así como as transferencias de crédito necesarias para adecuar os orzamentos provinciais a esas demandas. En total, o Plan Único suporá un investimento directo na provincia de 25 millóns de euros.

Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán 14,6M€ para acomete obras e subministracións-; seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€ cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. As entidades locais dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da pandemia.

A voceira socialista do Goberno subliñou que este é o segundo ano consecutivo no que tanto as bases como as actuacións do Plan Único saen adiante con tanta antelación e destacou que é moi importante porque “permite aos concellos planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión, co que aproveitan mellor os recursos”.

Engadiu que co Plan Único 2022 a Deputación axuda aos concellos “en todas as materias que son da súa competencia como o arranxo de vías municipais, creación de emprego ou o Servizo de Axuda no Fogar e que en moitas ocasión teñen dificultades para desenvolver por eles mesmos”.

A Deputada asegurou que o Plan Único, o principal instrumento de cooperación da Deputación cos concellos, amosa a capacidade de xestión da institución para poñerse ao servizo das entidades locais. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son pequenos e por si sós non son capaces de afrontar moitos investimentos”, explicou.

Unanimidade malia as críticas

O Plan aprobouse por unanimidade non sen críticas por parte da oposición.  O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegurou antes da entrada na sesión plenaria que o seu grupo “demostraría os enganos do equipo de goberno con respecto ao Plan Único do 2022 e tamén a súa teoría de que co importe fixado o Plan Único devalúase e fanse moitas menos obras que nos anos anteriores”.

Castiñeira explicaba que, “no proxecto definitivo do Plan Único recóllense 275 obras proxectadas polos diferentes concellos neste ano 2022, moitos menos que os outros anos. No 2018, presentáronse 310 proxectos; 2019, 332; 2020, 3029, e 2021, 332. É dicir, que o do 2022, tras varios anos de Plan Único, é o ano que menos obras se fan”.

Con ser grave, o peor para os populares non é que se fagan menos obras e que o “goberno provincial queira devaluar o plan e o conxele, porque prefire o reparto a dedo e non o reparto obxectivo”. O portavoz popular considera “lamentable que este goberno bipartito engane así aos deputados do PP, aos alcaldes
de toda a provincia e diante de todos os veciños da provincia”.

Para Castiñeira “é moi penoso que non se recoñeza a situación dos concellos e que se intente enganar, única e exclusivamente por manter un argumento que ninguén no día de hoxe é capaz de soster”. Por elo, os populares lanzaron unha mensaxe: “Señores do bipartito: déixense de manipular e traballen máis pola provincia”.

Aprobada a lista provisional de adxudicatarios dos Hortos Urbanos dos Paxariños

Xunta de Goberno aprobará mañá a listaxe provisional de adxudicación dos Hortos Urbanos dos Paxariños, logo de que concluíra o procedemento de solicitude e Medio Ambiente avaliase as instancias presentadas.

22 persoas concorreron ao proceso no que se puxeron a disposición un total de 32 parcelas. “6 das candidaturas quedaron excluídas, maioritariamente por eivas na documentación presentada, pero, tendo en conta que existían hortos sen ocupar procedemos a outorgarllos tamén a aquelas persoas que concorreron ao proceso fóra de prazo así como ás que foran beneficiarias na anterior convocatoria e tiñan interese en continuar”, explicou o tenente de alcaldesa e responsable da área.

O concelleiro lembrou que Medio Ambiente aproveitou unha extensión de máis de 3.000 m² de zona verde, sita entre a Rolda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato – a carón da barrio do Xuíz – para crear un espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo no que se configuraron tres decenas de hortosde aproximadamente 30 m² cada unseparados entre si por pantallas vexetais.

A zona conta tamén con espazos dotacionais como estacionamentos e unha caseta de madeira para a garda de apeiros de labranza e material de traballo, así como fontes de rega adaptadas á contorna e mesas e bancos de uso público”, sinalou o edil o tempo que destacou que entre as normas de utilización das parcelas, cobran especial importancia unha serie de normas relacionadas coa súa utilización como que “deben predominar os cultivos autóctonos, é dicir, plantas comestibles de tradición hortícola, plantas aromáticas e tamén medicinais”.

“Existe, ademais, un forte compromiso pola agricultura ecolóxica, de maneira que as usuarias e usuarios dos hortos deberán prescindir de produtos químicos de síntese. Este requirimento implica, alén, a fertilización orgánica da parcela, o uso de sementes ecolóxicas e de variedades locais, así como a súa rotación. E, na medida do posible, usaranse remedios naturais contra as pragas e enfermidades e fertilizarase a terra regularmente con materia orgánica previamente descomposta, no canto de empregar substancias artificiais”, referiu o edil.

Igualmente, o concelleiro, apuntou que se evitará malgastar auga ou a utilización de métodos de rega que provoquen un consumo anormal da mesma. “Quedando reservadas, por parte do Concello, a utilización do 10% das parcelas para destinalas a un uso divulgativo a través de accións de educación ambiental”.

O edil de Medio Ambiente avanzou que, unha vez que a resolución do equipo de Goberno se publique no Taboleiro de Edictos municipal, as persoas interesadas no procedemento terán un prazo de dez días naturais para presentar as reclamacións que estimen oportunas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com