" />

Foz e Cervo contarán con dúas novas audioguías ficcionadas que se unen ás outras 5 da comarca

O Cenima acolleu esta mañá a presentación das dúas novas audioguías ficcionadas da Mancomunidade de Concellos da Mariña. Son as de Foz e Cervo, que se unen ás outras cinco xa estreadas hai tempo. No acto participaron o  presidente desta entidade e alcalde focense, Fran Cajoto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o concelleiro de Turismo de Cervo, David Rodríguez, e Xesús Ron, de Chévere Teatro, autor deste proxecto, que conta co financiamento da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

As audioguías ficcionadas da Mariña Lucense son unha iniciativa – pioneira en España – que aposta por mellorar a experiencia viaxeira das persoas que nos visitan a través dun produto de calidade, personalizado e adaptado a cada municipio onde se desenvolven, que axudan a divulgar e poñer en valor a historia local entre os propios residentes e a comunidade educativa.

Son historias que ata o de agora estaban ambientadas en 5 localidades: Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro e a partir de hoxe tamén o estarán en Foz e Cervo. Resultado dun coidado proceso de documentación por parte do equipo de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), identifícanse sucesos, personaxes e lugares con nome propio que serven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un dos municipios.

Son relatos ficcionados e dramatizados pola propia compañía que configuran un paseo ameno e suxerente con intervención de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música,… Cada audioguía ten un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que busca a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os diferentes paseos.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou que “as audioguías ficcionadas propoñen un percorrido relaxado e sinxelo – en todos os casos de menos de 50 minutos – que se pode realizar individualmente, en parella ou en grupo. Poden reproducirse ou descargarse de forma gratuíta no dispositivo móbil, MP3 o MP4 de cada un dende a web da Mancomunidade ou, nas oficinas de turismo locais de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo – situadas sempre próximas ao lugar de inicio do percorrido – pódense alugar auriculares illantes coa audioguía incluída, a un prezo simbólico de 2€, con gratuidade para nenos e nenas de ata 12 anos e para outros colectivos concretos, coma no caso dos centros educativos. Este servizo, que polo de agora non está dispoñible en Foz, Cervo e Viveiro, agardamos que poida estalo antes do verán”.

Na súa intervención o presidente da Mancomunidade aludiu “á historia e á tradición de Sargadelos, unha seña de identidade para a comarca. A cerámica é unha grande embaixadora da Mariña”. E sobre Foz dixo que “Foz é campo e mar. A vila focega, eminentemente mariñeira e as súas xentes viviron ligadas ao mar durante moitos anos. Aquí chegamos a ter ata cinco asteleiros”.

Cajoto agradeceu “a participación de Xoan Ramón Fernández Pacios, de Antón Niñe, da técnica de Cultura, Pilar López, e de todas as persoas que nos axudaron a afondar no pasado de Foz para que quede reflectido nesta audioguía e así achegalo a veciños e visitantes”.

Todo a información sobre as audioguías ficcionadas pode atoparse na páxina web da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/es/audioguias-ficcionadas

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo