Un paciente do Sergas denuncia retrasos na atención das lesións producidas por un accidente

Un paciente do Sergas con iniciais I.P.P. vén de denunciar que, tras sufrir unha caída da bicicleta e ser atendidas as lesións que máis urxencia requerían, está a sufrir importantes atrasos na atención a lesións no acromion e nun dedo que son incapacitantes e lle producen unha dor que non cesa con analxesia.

I.P.P. sufriu unha caída da bicicleta o 19 de decembro do pasado ano, con resultado de traumatismo craneoencefálico (TCE) e lesións nun dedo e no omóplato. Desde o hospital da Mariña é derivado ao HULA para o tratamento do TCE, onde permanece ingresado, dous días na UCI e tres en planta. Durante o seu ingreso na UCI aténdense tamén as feridas, máis, segundo denuncia, non se realizan probas radiolóxicas do dedo e acromion.

Unha vez resolto o trauma craneoencefálico causa alta hospitalaria, sendo remitido ao control pola médica de familia que lle indica a demora que está a producirse de xeito habitual nas consultas de especialistas e no servizo de
radioloxía do hospital.

Como a dor que sufre é “insoportable” e os analxésicos non o alivian, decide acudir a urxencias e tras realizarlle radiografías a impresión diagnóstica é de tendinopatía do ombro esquerdo e contusión do primeiro dedo da man dereita.

O paciente tivo que volver á súa médica de familia porque a dor continuaba a ser “insoportable”, pero non conseguiu cita con traumatoloxía, polos tempos de agarda tan desmesurados, da orde dun ano.

I.P.P. decide entón chamar a Atención ao Paciente para que atendan o seu caso e se lle dea a atención que precisa, pero non consegue contactar tras chamar de forma continuada no horario que lle indicaron, de 13 a 14 horas.

A dor e a resistencia aos analxésicos levan ao home a acudir á sanidade privada en Lugo, onde realiza unha ecografía e unha resonancia o pasado mes de marzo deste mesmo ano, dos que deriva o diagnóstico de compatible con rotura completa do ligamento do pulgar dereito e fractura de acromion e a recomendación de que acuda ao seu hospital de referencia para o tratamento correspondente.

Varias semanas despois deste diagnóstico, segundo denuncia, cunha gran dor e co ligamento roto, ademáis dunha baixa laboral de varios meses, o paciente segue sen ser visto por especialistas para instaurar o tratamento pertinente.

Por este motivo, contactou coa Plataforma Sanitaria da Mariña, tras interpoñer desde o seu centro de saúde a reclamación pertinente dirixida á dirección do hospital da Mariña para que, dende o colectivo, dean voz ao seu caso nos medios de comunicación.

Desde o colectivo sanitario esixen ao Sergas e á dirección do hospital que de xeito inmediato solucionen o problema procedendo a tratar a rotura ligamentosa como mellor proceda e “dunha vez por todas se remate coa insufrible dor que está a padecer o paciente”.

Considera a Plataforma que desde que ocurriu o accidente pasou un tempo “máis que suficiente” para diagnosticar, tratar e mesmo avanzar na recuperación do paciente que “non quere outra cousa que a súa curación, o cese da dor e a reanudación da súa vida laboral; ao noso parecer a demora na atención é sinxelamente vergoñenta”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com