Novas

O PP de Castroverde considera “inxustificable” a negativa do alcalde a crear unha escola de música municipal

“Non hai sitio para a cultura na xestión do goberno local de Castroverde”. Así o di o voceiro do PP na localidade ao denunciar que o equipo que preside o socialista José María Arias “négase” a dedicar unha pequena parte do orzamento do Concello a crear unha escola municipal de música, “socialmente moi demandada”.

O portavoz popular, Rubén Otero, avisa de que, facéndose eco do desexo de moitos veciños, non deixará de
reivindicar a creación deste centro.

Castroverde é un municipio que ten unha estreita relación coa música, non en van nesta demarcación houbo algunha orquestra e banda que chegou a ter sona e que serviu para formar músicos. Pero esa parte da historia non parece coñecela, di o portavoz popular, o alcalde, José María Arias, que se nega a promover a creación dunha escola municipal de música, un servizo co que contan moitos municipios da provincia. Rubén Otero sinala: “Recollendo as inquedanzas de moitos veciños, no pleno do xoves defendín unha moción para dotar ao concello dunha escola de música.

Pero, unha vez máis, atopámonos co muro infranqueable que é a xenreira do goberno presido polo señor Arias con respecto a todo o que soa a cultura. Negáronse a apoiar esta iniciativa”.

En opinión de Otero, “a desculpa que poñen os socialistas é que o Concello non pode asumir o custo dunha escola de música”. Engade: “Pura desculpa, como entende calquera, nun concello que ten superávit e que precisa desenvolver iniciativas para facelo máis atractivo, porque perde poboación ano a ano”.

Otero declara: “O goberno de Castroverde ten que implicarse, e facelo con forza, na loita contra a perda de poboación. Porque é un problema moi grave. E pode haber moitas medidas necesarias, pero crear os servizos que demanda a poboación é fundamental; un deses servizos, é a escola de música”.

Para os populares, “é lamentable o total desinterese que mostra o goberno presidido polo señor Arias con respecto a todo o que ten que ver coa cultura; unha verdadeira pena que sexa así, pero xa anunciamos que non imos parar e que seguiremos facéndonos eco do desexo dos nosos veciños de contar no municipio cunha escola de música”.

Avanza a peonalización no barrio Recatelo

 O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas visitou os avances realizados nas obras de peonalización no barrio de Recatelo, que se están a executar nas rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. “Nestes días comezouse a instalación da nova pavimentación nestas rúas”, explicou o segundo edil, que engadiu “esta actuación permitirá mellorar a imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía”.

O Tenente de Alcalde informou que esta obra continúa a executarse “a un ritmo superior ao planificado”, malia que durante a folga de transportes, se tiveron que deter os traballos durante 10 días por falta de materiais. “Retomamos xa os traballos e continuamos avanzando na mellora destas dúas rúas, sen afectar aos tempos previstos para o remate da obra”, explicou o concelleiro. Esta actuación foi adxudicada por 208.626,59€, e un prazo de execución de 6 meses.

Para o tenente de alcalde, “Recatelo está a converterse nunha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza”.

A concurso a explotación do Mazo de Santa Comba e o Club Náutico Ponte do Sil

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación as instalacións provinciais do restaurante do Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico Ponte do Sil, en Monforte de Lemos.

No caso do restaurante do Mazo de Santa Comba o prezo mensual fixado é de 400€, é dicir, 4.800€ ao ano. E no caso da xestión do Club Náutico de Ponte do Sil, o prezo mensual é de 450€ ao mes, é dicir, 5.400€ ao ano. Nos dous lugares, a Deputación avaliará para a súa adxudicación o prezo ofertado polas empresas, os investimentos en equipamento propostos para as instalacións, e a memoria técnica e xestión empresarial presentada. A concesión é por 2 anos, e con posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha. Farase unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens.

A voceira do Goberno explicou que coa apertura da convocatoria pública para a explotación destes dous bens da Deputación o que “pretendemos non é obter unha renda económica, senón promover o seu uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía”.

Avanzou que dende a institución provincial “somos conscientes de que estas dúas infraestruturas están situadas en enclaves turísticos atractivos e en auxe”, e recalcou que “con anteriores concesións situáronse como lugares de referencia para aquelas persoas que se achegan á provincia pola súa ubicación, atención e servizos”.

Ademais, a Deputada incidiu en que “o seu funcionamento enriquece a oferta turística da provincia. Dende aquí, queremos animar a todas aquelas persoas que teñan a ilusión e ganas de dirixir e poñer en marcha estas dúas instalacións provinciais a que presenten as súas ofertas”.

Con respecto á cafetería do Club Náutico de Ponte de Sil afirmou que a Deputación desenvolveu un conxunto de obras de mellora e regularización das instalacións. “Por unha banda, fixéronse as actuacións necesarias para instalar unha estación de depuración de augas ás que destinamos uns 23.000€. E, por outra banda, instalouse unha plataforma elevadora para mellorar a accesibilidade neste lugar cun investimento de 15.180€”, detallou a Deputada.

O Club Náutico Ponte do Sil atópase ó carón do embarcadoiro da Deputación de onde parte unha das rutas en catamarán que a institución ten en funcionamento na Ribeira Sacra. Atópase nun lugar privilexiado con vistas ó río Sil, sendo o complemento perfecto para as persoas que desfrutan deste entorno fluvial.

O restaurante Mazo de Santa Comba enmárcase nas instalacións do museo etnográfico da Deputación no municipio de Lugo, no lugar de Santa Comba.Está nun enclave atractivo que permite visitar un mazo co que se laminaba o ferro para despois traballalo, varios muíños e un serradoiro, todo isto movido polo río Chamoso. Ten dous comedores e está acristalado, permitíndolle á clientela desfrutar da paz e da tranquilidade que transmiten as augas do río Chamoso.

A Xunta concede 15.000 euros para rehabilitar unha infravivenda en Antas de Ulla

A Xunta de Galicia acaba de conceder unha axuda de 15.000 euros co fin de acometer obras de reparación e mellora  da habitabilidade nunha vivenda localizada no municipio de Antas de Ulla. Concretamente, as actuacións subvencionables teñen como fin evitar o risco de derrubamento do chan da planta alta do inmoble, así como o seu acondicionamento interior.

Unha vez comezadas as obras, o Concello de Antas de Ulla, como beneficiario da subvención, terá que comunicar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a data de inicio. Os traballos previstos no inmoble deberán estar finalizados antes do 24 de novembro.

A última orde de axudas para rehabilitar infravivendas no rural foi convocada o pasado 9 de febreiro e o prazo de solicitude aínda permanecerá aberto ata o 2 de xuño. Os inmobles obxecto da actuación de mellora poden ser propiedade dos seus moradores ou do concello, aínda que en ambos casos a axuda debe solicitala a Administración local.

A finalidade deste programa, pensado para municipios de menos de 10.000 habitantes, é facilitar o acceso a unha axuda de ata 15.000 euros para realizar obras que melloren o estado de inmobles residenciais que non reúnan as condicións mínimas de habitabilidade.

As entidades locais poden solicitar estes incentivos, por exemplo, para acometer obras de rehabilitación dos elementos exteriores da vivenda, das condicións estruturais e de seguridade, ou que incidan na súa accesibilidade, entre outras. A cambio, a vivenda resultante deberá destinarse a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia beneficiada durante un prazo non inferior a cinco anos.

Cómpre lembrar que desde a posta en marcha deste programa, a Xunta xa concedeu axudas por un importe global de 1,4 millóns de euros, contribuíndo deste xeito a mellorar as condicións de habitabilidade de 117 inmobles en toda Galicia.

Colisiona contra unha farola e multiplica por catro a taxa de alcohol permitida

Un vehículo que circulaba pola avenida Infanta Elena esta madrugada acabou colisionando con outros dous coches estacionados e, posteriormente, contra unha farola. Os feitos ocorreron en torno ás 5.00 horas desta madrugada despois de que o conductor se desviase da súa traxectoria.

O condutor, de 30 anos, resultou ileso e presentaba signos de embriaguez polo que foi sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado positivo de 1,00 mg/l (catro veces máis da taxa permitida), instruíndose atestado polos danos causados e dilixencias por delito contra a seguridade viaria. A unidade de Atestados da Policía Local de Lugo faise cargo das dilixencias.

Cervo renovará o acabado exterior da Casa do Mar en San Ciprián

O concello de Cervo vai renovar o acabado exterior da Casa do Mar de San Ciprián. O rexedor Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, e a concelleira de obras,  Mali Méndez, desprazáronse ata a localización onde se levará a cabo esta actuación.

O proxecto da obra contempla a consecución dunha renovación completa do acabado exterior da Casa do Mar de San Ciprián, executando o saneamento da fachada e acabando unitariamente a edificación. A renovación acometerase en tres puntos esenciais, que son a fachada principal, o paramento vertical exterior e os aleiros laterais e exteriores.

O orzamento desta actuación elévase ata os 48.140 euros. O rexedor, Alfonso Villares, salientou que “a Casa do Mar é unha instalación  capital no noso municipio, albergando, en primeiro lugar, a Escola Infantil Municipal, acollendo tamén varias das actividades enmarcadas nas Escolas Deportivas Municipais e sendo o berce e o motor de moitas asociacións da nosa vila, que desempeñan alí labores culturais e sociais”.

Segundo o alcalde, “con esta actuación melloramos unha infraestrutura municipal que redunda no beneficio de toda a veciñanza, posto que alí se prestan servizos á poboación ao longo de todo o ano”.

Tomé defende en Granada defende que as entidades provinciais teñan un papel central na dotación e xestión dos fondos europeos

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou hoxe en Granada na xornada Gobiernos provinciales en la recuperación, organizada polo PSOE. Un acto no que participaron entre outros dirixentes a Vicesecretaria Xeral do PSOE, Adriana Lastra, o secretario de Organización, Santos Cerdán, así como Alcaldes, presidentes de deputacións de toda España e cargos orgánicos do partido a nivel estatal.

Tomé Roca incidiu na importancia de promover e de participar neste tipo de encontros políticos “xa que aquí podemos facer unha posta en común da nosa xestión e dos nosos proxectos de futuro, e ao mesmo tempo coñecer outras iniciativas interesantes para a nosa provincia e que se impulsan noutras partes de Estado”, explicou.

Os municipios e a actividade rural, a reforma laboral nos gobernos locais e a xestión dos fondos europeos foron as mesas de traballo en torno ás que xirou o encontro socialista, no que se evidenciou a importancia do traballo das deputacións para favorecer unha recuperación sostible, e para vertebrar e  dinamizar un territorio. “Tanto os concellos como as Deputacións son as primeiras entidades ás que se achega o cidadán para obter solucións, por iso é tan importante estar preparado para responder con eficacia, solvencia e axilidade,” sinalou o dirixente socialista.

Como vén facendo en distintos foros municipalistas, como na Comisión de Deputacións da FEMP, e tamén no seo dos órganos do partido, José Tomé defendeu que as entidades provinciais teñan un papel central na dotación e na xestión dos fondos europeos. “Só así conseguiremos que estes recursos cheguen realmente ao territorio, que respondan ás necesidades reais da cidadanía e do tecido produtivo, e que teñan unha verdadeira capacidade transformadora, como é o seu obxectivo”, subliñou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia, “porque as administracións locais son as máis próximas ós veciños e veciñas, polo que son as que mellor coñecen a súa realidade e as súas necesidades”.

Así mesmo, as deputacións “xogan un papel imprescindible de cooperación cos concellos, sobre todo cos máis pequenos, favorecendo a cohesión social e o equilibrio territorial”, asegurou José Tomé.

De feito, no seo da Comisión de Deputacións da FEMP hai consenso en torno á reivindicación de Tomé Roca de habilitar fondos europeos para mellorar a rede de infraestruturas provinciais, “unha cuestión básica, tanto para artellar solucións eficaces para fixar poboación e abordar o reto demográfico, como para atraer turismo”, asegurou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia. “Se queremos que a xente non se vaia do rural, debe ter bos accesos, igual que se queremos que veña facer turismo. Non se trata de facer nin un quilómetro de estrada nova, senón de manter e mellorar as vías que temos para que a xente teña calidade de vida”, explicou.

O mandatario socialista incidiu en que a Deputación de Lugo e en xeral as institucións provinciais “fixemos fronte de maneira eficaz ó impacto da pandemia, sen ter experiencia en situacións de emerxencia coma esta, e a pesar de non contar con ningún recurso económico extraordinario, como si recibiron tanto o Goberno central como as  comunidades autónomas, no noso caso, a Xunta de Galicia”.

Máis de 70 persoas participan nos diferentes obradoiros do centro de cestería do Rato

Máis de setenta persoas participan nos diferentes obradoiros que a Deputación de Lugo programou no centro de cestería, situado no paseo do río Rato, en Lugo, coincindo cos Días Europeos de Artesanía, que se celebran do 28 de marzo ao 3 de abril.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, achegouse esta mañá a un dos obradoiros, impartido pola cesteira pastoricense María Otero, no que as persoas participantes fixeron un comedeiro esférico e sinalou “a boa acollida que tiveron as actividades, que están demostrando o interese e potencial que oficios e técnicas tradicionais como a da cestería teñen na sociedade actual, adaptándose a novos usos”.

Os cursos, que se veñen desenvolvendo desde o luns, xiran arredor dunha temática común, o mundo das aves. Así, cada xornada unha das artesás que participan na iniciativa propoñen a realización dunha peza, ligada orixinalmente a unha funcionalidade relacionada coas aves pero que se adecúan tamén a usos decorativos.

Remata o obradoiro sobre aproveitamento enerxético

As actividades programadas polos Días Europeos da Artesanía darán paso esta fin de semana á segunda parte do obradoiro de construción de estufas de inercia de alto rendemento, que se iniciou os días 12 e 13 de marzo.

Trátase dunha formación teórica e práctica na que as persoas anotadas aprenden a construír este tipo de estufas, unha tecnoloxía  que permite lograr a máxima eficiencia á hora de xenerar calor e aproveitalo.

O PP lamenta que o Goberno culpe a Abanca do retraso na cesión das instalacións do antigo colexio do Sagrado Corazón

Xornada de pleno no Concello de Lugo e xornada na que se volveu a dar atrás a certas iniciativas presentadas pola oposición do Goberno. Así, PSOE e BNG votaron en contra de que o Concello de Lugo busque con urxencia unha parcela ou un inmoble que cumpra os requerimentos necesarios para a construcción dun centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón.

Os populares lamentaron que o Goberno local culpe a Abanca do retraso na cesión das instalacións do antigo colexio do barrio para acondicionalo como centro de saúde.

Dende o PP censuran a actitude de socialistas e nacionalistas lembrando que o seu grupo “leva anos” liderando a creación de novos equipamentos para o barrio como foi a defensa do novo colexio que se inaugurou este ano. O voceiro popular, Ramón Carballo acusa á alcaldesa “sempre vaia a remolque” e intente culpar a outras administracións ou entidades dos seus continuos erros ou da súa falta de traballo”.

Ramón Carballo lémbroulle á rexedora que hai seis anos, en 2016, toda a corporación votaba a favor dunha petición que fixo o PP para iniciar, de forma urxente, as conversas coa entidade bancaria propietaria dos edificios e instalacións do antigo colexio do barrio. “Os veciños e veciñas do barrio o único que ven é un colexio baleiro e abandonado dende hai un ano pola absoluta falta de previsión do goberno de Lara Méndez”.

“Non pode botar balóns fóra, era a súa responsabilidade, a estas alturas, ter pechada a negociación coa propietaria do inmoble”. Se non conseguía as instalacións, di o popular, debería ter pechada a opción B de ofrecer parcelas para o futuro centro de saúde.

“Unha vez máis a alcaldesa chega tarde, mal e arrastras xa que as conversas que din que mantiveron esta semana tiñan que estar feitas dende hai moitos anos”. Dende o PP piden á alcaldesa “un mínimo de autocrítica e menos demagoxia con este tema” recriminándolle que “deixara, de forma inexplicable, pasar o prazo da concesión do antigo colexio que rematou en 2018”.

Doutra banda, os populares tildan de “incoherencia” que o PSOE “se poña trala pancarta das manifestacións contra a ocupación e logo vote no pleno en contra do mesmo manifesto veciñal”. Os populares consideran “un fraude” que os concelleiros socialistas, que apoiaron a manifestación veciñal para opoñerse ás ocupacións ilegais, votasen en contra do manifesto que se elevou a pleno e no que “se transcribía o manifesto que presentaron os veciños que asistiron a esta concentración, e que os concelleiros socialistas aplaudiron e suscribiron trala pancarta”. “O postureo é claro” puntualizando que “votar en contra desta iniciativa é o mesmo que dicir que están a favor das ocupacións ilegais”.

Unha moción que si se aprobou por unanimade para que o vindeiro curso académico se imparta un novo ciclo superior de FP de formación turística. Os populares consideran que o grao de ‘guía, información e asistencias turísticas’ contribuirá a “posicionar a cidade de Lugo como destino dun turismo de calidade” e, nese senso, defendeu “a profesionalización dos mozos e mozas que queiran dedicarse a este sector para proporcionar unha atención e emprego de calidade.

O Goberno provincial insta ao PP a retirar as “falsidades” sobre as obras do Parque Empresarial de Galicia

Diante das manifestacións realizadas polo grupo provincial do Partido Popular sobre o Parque Central de Galicia, a Deputación de Lugo vén de emitir un comunicado no que esixe aos populares que retiren de inmediato as “falsidades” que verteu sobre as obras e que “deixe de manipular e de mentir sobre esta iniciativa” para tratar a toda costa de “enganar” aos veciños e de “obstaculizar” o que “é un gran proxecto” para a provincia.

Tal e como explicou con “claridade e transparencia” o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, no Pleno do martes a preguntas do PP, os traballos de acondicionamento e de laboreo do terreos nas parcelas adquiridas pola Deputación para crear este espazo público, que xa están acometidos e que incluíron desbroce, corta de eucaliptos, plantación de especies autóctonas, entresacas de arbustos, podas e sementeira de céspede, entre outros, si contan co permiso da Consellería de Medio Rural da Xunta.

As obras na estrada provincial LU-P-0301 para o ensanche da vía, o aglomerado e a creación dunha área de estacionamento, tamén acometidas “non precisan autorización municipal porque se acometeron nunha vía que é de titularidade provincial”.

O proxecto de construción do Parque Central de Galicia, explican dende o Executivo Provincial, foi adxudicado por 1,3M€, segundo aprobou a Xunta de Goberno o pasado 11 de marzo. Este proxecto inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, ademais de iluminación, sinalización e mobiliario urbano.

Explican, así, que para poder iniciar estas obras é necesario que o Concello de Antas aprobe o plan especial de Infraestrutuas e Dotacións, que xa lle presentou a Deputación á entidade local o pasado 11 de marzo e, “unha vez aprobado, que conceda a correspondente licenza municipal”.

“Polo tanto, o comezo destas obras depende única e exclusivamente da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla conceda á Deputación as autorizacións necesarias”.

A Deputación de Lugo insta ao Partido Popular a “deixar de entorpecer e a que, para ser útil á provincia, lle pida ao Alcalde de Antas de Ulla, que é do seu partido político, que resolva o antes posible a aprobación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións” para poder facer realidade este proxecto, que é único en Galicia, porque se sitúa no centro xeográfico da comunidade autónoma, e que a Deputación de LuO Goberno provincial insta ao PP a retirar as “falsidades” sobre as obras do Parque Empresarial de Galiciago traballa por primeira vez para poñer en valor.

A Deputación de Lugo reitera, así mesmo, como xa explicou tamén o Presidente, que o Partido Popular pediu acceso e copia, textualmente, ao “expediente completo relativo á construción do Parque Central de Galicia”, e foi toda a documentación relativa a ese expediente sobre as obras de construción o que se lle remitiu. Polo tanto, facilitóuselle toda a documentación que expresamente solicitou, pero non se lle pode facilitar a que non pediu, porque falou textualmente do “expediente completo relativo á construción”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com