O PP de Castroverde considera “inxustificable” a negativa do alcalde a crear unha escola de música municipal

“Non hai sitio para a cultura na xestión do goberno local de Castroverde”. Así o di o voceiro do PP na localidade ao denunciar que o equipo que preside o socialista José María Arias “négase” a dedicar unha pequena parte do orzamento do Concello a crear unha escola municipal de música, “socialmente moi demandada”.

O portavoz popular, Rubén Otero, avisa de que, facéndose eco do desexo de moitos veciños, non deixará de
reivindicar a creación deste centro.

Castroverde é un municipio que ten unha estreita relación coa música, non en van nesta demarcación houbo algunha orquestra e banda que chegou a ter sona e que serviu para formar músicos. Pero esa parte da historia non parece coñecela, di o portavoz popular, o alcalde, José María Arias, que se nega a promover a creación dunha escola municipal de música, un servizo co que contan moitos municipios da provincia. Rubén Otero sinala: “Recollendo as inquedanzas de moitos veciños, no pleno do xoves defendín unha moción para dotar ao concello dunha escola de música.

Pero, unha vez máis, atopámonos co muro infranqueable que é a xenreira do goberno presido polo señor Arias con respecto a todo o que soa a cultura. Negáronse a apoiar esta iniciativa”.

En opinión de Otero, “a desculpa que poñen os socialistas é que o Concello non pode asumir o custo dunha escola de música”. Engade: “Pura desculpa, como entende calquera, nun concello que ten superávit e que precisa desenvolver iniciativas para facelo máis atractivo, porque perde poboación ano a ano”.

Otero declara: “O goberno de Castroverde ten que implicarse, e facelo con forza, na loita contra a perda de poboación. Porque é un problema moi grave. E pode haber moitas medidas necesarias, pero crear os servizos que demanda a poboación é fundamental; un deses servizos, é a escola de música”.

Para os populares, “é lamentable o total desinterese que mostra o goberno presidido polo señor Arias con respecto a todo o que ten que ver coa cultura; unha verdadeira pena que sexa así, pero xa anunciamos que non imos parar e que seguiremos facéndonos eco do desexo dos nosos veciños de contar no municipio cunha escola de música”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com