Novas

‘O Gran Camiño’ chega este sábado a Foz, Sarria, Vilalba, Chantada e A Pobra do Brollón

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación de Lugo,  arrancará este sábado coa proxección do documental O Gran Camiño en Foz, Sarria, Chantada, Vilalba e A Pobra do Brollón.

O Goberno da Deputación convidou a “asistir a esta primeira proxección deste ciclo que leva o mellor da produción audiovisua l galega por todo o país, e que tivo o seu xerme na liña de colaboración que establecemos coa Academia Galega do Audiovisual o ano pasado” e valorou que “a iniciativa permita achegar ás vilas e aos municipios máis pequenos propostas culturais de calidade”, agradecendo o apoio dos concellos e asociacións que colaboran nas proxeccións.

Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, o filme, dirixido por  Alba Prol e Raúl García, narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo.

Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta. Foi  seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais.

Horarios

A Pobra do Brollón – Casa da Cultura Olga Novo. 20.00 horas.
Chantada – Auditorio Municipal. 20.00 horas.
Foz – Casa da Cultura. 18.30 horas.
Sarria – Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas.
Vilalba – Auditorio Municipal. 20.00 horas.

Daniel Pérez Pereira, Danip

Hoxe faleceu en Lugo Daniel Pérez Pereira (Danip), mestre e artista gráfico, que naceu en Lugo (Paradai) o 17 de abril de 1934, de familia con raices no concello de Baleira.

Bacharelato e carreira de Maxisterio estudounos en Ourense, onde seu pai fora destinado. En Viana do Bolo (Ourense) coñeceu á súa muller, Rosita González Pérez, coa que levaba casado 59 anos.

Vocacionalmente mestre, exerceu en diversos destinos, mesmo nos E.E.U.U., onde puido ensinar na Universidade, pero prefiriu o Maxisterio e Galicia para afincarse. Dirixiu cursos universitarios en Madrid, pero seguiu sendo mestre ata a súa xubilación. A familia residiu na Coruña os últimos corenta anos, con frecuentes viaxes a Lugo, que sempre foi a súa máis querida cidade.

Magnífico debuxante, colaborou durante moitos anos nas páxinas dun diario con debuxos cargados de lucensismo e de humor. Nun xantar celebrado no Hotel Finisterre de A Coruña en 2009, a Cofradía do Capón de Vilalba fíxolle entrega da banda de Cofrade Maior da entidade.

Nas numerosas sesións de “revista oral” que a Asociación de Amigos da Muralla de Lugo celebrou na capital lucense para divulgar temas relacionados co noso primeiro monumento, sempre Danip participou diante do público facendo magnificos debuxos relacionados coa muralla, sempre co contrapunto humorístico para completar a mensaxe do debuxo.

Con motivo do seu pasamento a Asociación de Amigos da Muralla ven de concederlle a Danip, a título póstumo, o título de “Admirador da Muralla”, máxima distinción desta entidade. Este título seralle entregado á familia, en data que oportunamente se comunicará, por parte do Presidente da Asociación, o xornalista Alfredo Sánchez Carro e o Secretario, o avogado Diego Bellón Romay.

A despedida a Daniel Pérez Pereira-Danip, efectuose na intimidade familiar.

A Audiencia de Lugo condena a tres anos de cárcere a un acusado de vender droga no seu domicilio

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a tres anos de cárcere e ao pago dunha multa de 4.367 euros a un home que vendía substancias estupefacientes no seu domicilio.

O acusado, segundo a sentenza, en xuño de 2020, proporcionou drogas a tres persoas, polo que o xulgado autorizou, uns días despois, a entrada e rexistro da súa vivenda, onde se interveu droga, substancias habitualmente utilizadas para o seu corte e efectos que utilizaba para a súa actividade delituosa, así como 1.790 euros en efectivo.

O valor no mercado ilícito da substancia aprehendida polos axentes ascende, segundo o fallo, a 4.367 euros. O tribunal asegura que, aínda que o acusado era consumidor esporádico de drogas, esa condición non afectou na comisión dos feitos polos que é condenado.

Movemento polo Clima únese ao Fridays For Future cunha mobilización climática

O próximo venres 25 de Marzo o Movemento Galego polo Clima únese á convocatoria internacional de Fridays For Future nunha nova Mobilización Climática Global. Baixo o lema #VidaContraCapital, chaman á cidadanía a asisitir ás concentracións e accións que se darán ao longo da tarde en Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña.

Tras 3 anos de mobilizacións polo clima e ante medidas, información e campañas insuficientes por parte do goberno para trocar o panorama, voltan ás rúas para esixir unha vez máis, medidas para mitigar as consecuencias da crise climática que promovan: territorios habitables con economías sociais, a transformación e democratización do sector enerxético e a contrucción de redes de apoio e autoxestión cunha perspectiva de xustiza climática e social.

A súa mensaxe é clara: precisamos deixar atrás os modelos económicos que van en contra da vida e que priman o crecemento e os beneficios só para uns poucos, e optar por economías sociais que apostan polo decrecemento e poñenos ecosistemas e a vidano centro. Isto só será posible se se comeza a dotar da importancia que debe ter o local e o rural, e tómanse con urxencia as medidas necesarias para levar a cabo unha transición ecosocial xusta e sostible para todos os seres que convivimos no planeta.

Xa en 2019, as evidencias científicas da ameaza para a supervivencia da humanidade e un colapso global do sistema da vida na Terra levaron a 11.000 persoas da comunidade científica a lanzar unha alerta pública de emerxencia climática, dirixida a todos os gobernos do planeta. Pero a realidade é que estas transicións rápidas que demanda a ciencia e que son posibles, non se están realizando.

En 2022, as emisións seguen aumentando, os recursos séguense esgotando e os gobernos seguen subvencionando con diñeiro público a industria dos combustibles fósiles. O Grupo de Expertos sobre Cambio Climático de Nacións Unidas confirma que vén unha catástrofe asegurada como non se cambien as traxectorias de subida de temperatura global, algo que queda reflectido no informe que se fará público o 4 de Abril e do que xa houbo filtracións grazas a Scientist Rebelion.

Desde o MGC convídase a que participemos activamente nestas concentracións, destacando que en Santiago de realizará unha “ Foliada polo Clima “ na que se convida. Atodos os colectivos locais relacionados coa música e baile a participar.

O servizo de recollida de enseres queda suspendido temporalmente como consecuencia da folga de transportes

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo, dirixida polo Tenente de Alcalde, Miguel Fernández, anunciou que o servizo municipal de recollida gratuíta de enseres queda suspendido temporalmente como consecuencia da folga de transportes que se ven desenvolvendo nos últimos días e que dificulta o traslado do material recollido aos centros de xestión.

Desde o consistorio piden colaboración á veciñanza de Lugo para que, aínda que estivesen apuntados de antemán para a recollida, apracen o depósito dos mesmos na vía pública á beira dos contedores habituais, ata que se solucione a situación, lamentando as molestias que esta suspensión puidera ocasionar.

Cervo organiza un curso gratuíto de socorrismo en espazos acuáticos naturais

O Concello de Cervo organiza un Curso gratuíto de Socorrismo en espazos acuáticos naturais con certificado de profesionalidade.

A data de inicio para este curso está programada para o 16 de maio, e terá unha duración de 4 meses, rematando o 13 de setembro. As clases impartiranse en horario de 16H a 21H de luns a venres.

A inscrición estase a tramitar na Oficina de Emprego de Burela e hai un total de 15 prazas. O curso está orientado a persoas en situación de desemprego pero poderase cubrir ata un máximo de 30% de persoas en activo.

Para resolver calquera dúbida ou obter máis información sobre o curso, pódese acudir ao Concello de Cervo ou ben chamar ao 982 55 77 77.

O Concello activa un proxecto intercultural de intervención familiar para traballar a prevención das adiccións

A alcaldesa de Lugo presentou hoxe unha nova iniciativa da área de Xuventude coa que o Goberno local pretende avanzar na integración e na inclusión social dende o eido da prevención das adiccións na mocidade.

Deste xeito, a rexedora e o edil desta área deron a coñecer, acompañados pola educadora social de EducandoNós, Marta Paz, o programa de intervención familiar Achegándonos, organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo, ao abeiro do programa +Xti cofinanciado ao 70% polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.

Unha actividade novidosa dirixida a familias con fillos ou fillas menores e baseada no crisol étnico e racial presente na cidade, con case 10.000 residentes estranxeiros (en torno ao 10% da poboación), que se oferta como unha oportunidade para compartir espazo e tempo con outras culturas pero tamén cun marcado carácter interxeracional.

O día escollido para levalo a cabo serán os domingos, buscando unha xornada na que, en principio, todos os membros poderían dispoñer de máis tempo libre e en todas as sesións, as familias contarán coa axuda de expertos a nivel de asesoría na prevención e na educación das e dos seus fillos, para o que se aproveitarán os coñecementos do resto de integrantes do grupo sempre dende o respecto ante a diversidade e as diferenzas”, subliñou a alcaldesa.

A alcaldesa indicou que sobre esta base, os encontros permitirán afondar noutros valores básicos para a prevención de condutas aditivas como o respecto e a responsabilidade, buscando outras maneiras alternativas de ocio.

Tal e como sinalan os propios técnicos do servizo que deseñaron esta actividade, o que se pretende é reforzar vínculos de confianza, positivos, intra familiares que, dende a liberdade, nos axuden a previr posibles situacións de risco. Espazos onde as e os menores poidan expresar sen ataduras as súas inquedanzas, nun entorno de comprensión e apoio”, sostivo a alcaldesa.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude e Deportes sinalou que asactividades propostas “fomentarán o coñecemento de diferentes culturas, a empatía polas situacións vividas por todos os membros do grupo así como o achegamento a realidades moi distintas e distantes da nosa”.

A iniciativa, que é totalmente gratuíta, vai dirixida a 10 familias, que xa foron seleccionadas por medio de educadoras sociais do Concello, con maior vulnerabilidade non xa económica senón de tipo educativo, social, etc. “Agora mesmo contamos xa con 30 participantes de países como Cuba, Perú, Marrocos, Venezuela, Colombia, España e Ghana, pero calquera familia interesada pode solicitar a súa participación enviando un mail a prevenciondrogas@lugo.gal abondou o concelleiro.

Deputación e EOI ofrecen a empresas e asociacións axudas para incorporar mocidade en réxime de prácticas

A Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) convocaron unha liña de axudas por un importe total de 210.000€ para empresas e asociacións da provincia interesadas en contar con mozos e mozas en réxime de prácticas non laborais remuneradas. O prazo de solicitude abriuse este mércores tras a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da convocatoria, enmarcada no programa Reiníciate: Enfoca o teu futuro que teñen en marcha a institución provincial e a EOI, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e que ten como obxectivo favorecer a inserción laboral da mocidade en profesións con alta demanda, como son as vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización, a través de formación gratuíta e prácticas remuneradas.

Estas axudas servirán para sufragar as becas que percibirán os rapaces e rapazas por un período de prácticas non laborais de tres meses. A remuneración total que como máximo recibirá o alumno ou alumna é de 2.084,47€, o que supón 1,2 veces o IPREM mensual. No caso de persoas cunha discapacidade superior ao 33%, a contía total a percibir será como máximo de 2.431,88€ por alumno, 1,4 veces o IPREM mensual. Cada entidade ou empresa beneficiaria das axudas poderá contar con varios alumnos ou alumnas.

Poden optar a esta convocatoria todas aquelas empresas de calquera sector, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo que queiran incorporar no seu equipo a mozos para prácticas non laborais e que firmen un convenio co Servizo Público de Emprego con esta finalidade.

O prazo de presentación de solicitudes é de 60 días naturais e deben cumprimentarse por vía telemática na web www.eoi.es. As axudas concederanse a través dun procedemento de concorrencia competitiva. Para que as prácticas sexan subvencionables terán unha duración por un período de tres meses, cunha xornada mínima de 4 horas ao día e de 30 horas semanais como máximo.

A Xunta destaca “o salto de calidade” nas instalacións do IES Muralla Romana de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o “salto de calidade” nas instalacións do Instituto de Ensino Secundario (IES) Muralla Romana de Lugo despois de que o Goberno galego executara obras de reforma e ampliación do centro por un importe próximo aos 500.000 euros (a actuación foi adxudicada en 477.950 euros).

Arias visitou o IES acompañado de membros do equipo directivo para comprobar o resultado dos traballos, que tiñan por obxecto dar resposta á necesidade de espazo que xurdiu trala implantación de novos ciclos formativos da familia profesional de Imaxe Persoal. Lembrou que no 2015 púxose en marcha a FP Básica de Peiteado e Estética e no 2017 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio para implantar no centro a FP dual no ciclo superior de Estética Integral e Benestar.

Con esta obra adaptouse o anterior ximnasio para habilitar un taller de estética e peiteado cunha superficie de 288 metros cadrados. Para acadar unhas boas condicións de confort levouse a cabo o illamento exterior da fachada deste taller e dos colindantes mediante un sistema SATE; illouse a cuberta; abríronse ocos para favorecer a entrada de luz; instaláronse fiestras con sistema de apertura oscilobatente para facilitar a ventilación e colocáronse luminarias de alta eficiencia enerxética, con reguladores de intensidade e detectores de presenza nas zonas comúns. Así mesmo, instalouse un sistema de calefacción por radiadores e incorporouse unha escaleira accesible dun metro de ancho para acceder á entreplanta.

A reforma fixo necesario acondicionar outro ximnasio, polo que se adaptou o polideportivo, pechándoo polos laterais. O novo espazo habilitado ten unha superficie de 634 metros cadrados e alberga dous vestiarios, un almacén, un despacho e un baño accesible. Tamén se conectou esta instalación co edificio do IES mediante unha rampla exterior. Outras melloras consistiron na execución dunha rampla de acceso para camións e a colocación dun portalón na rúa Angelo Colocci; así como no pintado da chapa da cuberta do instituto.

Arias apuntou que as actuacións seguen os criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que busca adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Salientou en especial o impulso da Xunta á Formación Profesional, non só a nivel de infraestruturas senón tamén con máis prazas e cun incremento da oferta, con novos proxectos de FP Dual e con novos másteres de FP enfocados á especialización. En concreto, dixo, neste curso 2021-2022 a Xunta reforzou a oferta de FP na provincia de Lugo con cinco novos másteres e 14 proxectos na modalidade dual.

O PP intensifica a presión sobre o goberno provincial para que a Deputación aprobe un suplemento do Plan Único

O portavoz do grupo do PP na Deputación, Javier Castiñeira, acompañado por varios deputados provinciais e alcaldes, anunciou esta mañá, en rolda de prensa, que no próximo pleno ordinario os populares presentarán “dúas mocións claramente dirixidas a paliar a crise enerxética que vive a provincia e que afecta de maneira moi grave aos concellos, e as empresas e aos autónomos”.

Castiñeira explica que “en concreto, son dous plans”. Engade: “Un plan que entendemos é necesario, que na práctica sería un complemento do Plan Único, para reforzar a colaboración da Deputación cos concellos, que está conxelada, neste ano tan importante, neste ano de crise”. O portavoz popular lembra que “estamos afectados por unha altísima inflación, do 7,6%, que afecta aos concellos de maneira moi grande; algúns deles teñen serios problemas para poder pagar algúns dos servizos que prestan polo alto custo da enerxía e dos materiais de construción”.

O PP solicitou no seu día ao goberno da Deputación, no mes de decembro, que suplementase o Plan único ata o 25%, como prometera, para chegar aos 25 millóns de euros. Foi, sinala Castiñeira, unha proposta baseada en “que viamos que os concellos ían perder poder adquisitivo, como pasou”. Engade: “A nosa proposta non foi aceptada polo equipo de goberno; agora, a cada momento a realidade nos dá a razón. Resulta evidente que é necesario un plan suplementario, con 3,5 millóns de euros, que complementarían os 21,5 do Plan Único. Manteriamos o criterio de reparto obxectivo do Plan Único, pero estes fondos irían destinados directamente a paliar a crise enerxética que viven os concellos, debido aos custos da enerxía”.

Por outro lado, o PP propón un plan para dar axudas directas aos sectores claramente afectados Javier Castiñeira manifesta: “Vemos como o sector do transporte, o agrongandeiro, o do mar están en paro, manifestándose, pedindo axuda. Vémolo na costa e na capital da provincia, coas concentracións do día de onte; a Deputación no pode permanecer impasible como o está a facer”. “Pedímoslle -di Castiñeira- que busque recursos para axudar ás empresas e aos autónomos que o pasan mal polos altos custos da enerxía. Queremos que faga o mesmo que fan outras deputacións. É o mínimo que debe facer a Deputación de Lugo”.

Castiñeira avisa: “Non imos admitir que o equipo de goberno volva, como fixo en días pasados a deputada García Porto, con desculpas de mal pagador, preguntándose de onde van sacar os cartos. Se o equipo de goberno non sabe afrontar situacións de crise ten que apartarse e deixar gobernar a aqueles que si o saben facer e xa o demostramos no seu momento cando xestionamos administracións en dificultades e sacamos recursos que non tiñamos”.

Para os populares, “está claro que hai moitas opcións”. Sinalan: “Se subiu o orzamento anual da Deputación un 8% non entendemos por que non suben tamén un 8% como mínimo as axudas a sectores en dificultades a cooperación, que son piares do que son as funcións propias da Deputación”. Por se José Tomé e o seu equipo non saben que deben facer, os populares recoméndalles “preguntarlle ao señor Darío Campos de onde sacou os cartos cando o PP puxo condicións para garantirlle os anos seguintes de bo goberno na Deputación; o señor Darío Campos buscou os recursos e de aí naceron o Plan único e un plan de estradas con 15 millóns de euros”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com