Novas

Cervo acolle a obra de teatro en inglés ‘Robin Hood’ para o alumnado dos dous colexios

A delegación de Cultura e Educación do Concello de Cervo organizou na mañá de hoxe, no auditorio da Casa da Cultura, a representación da obra de teatro en inglés Robin Hood para o alumnado dos dous colexios de educación primaria do municipio.

Á función asistiron os alumnos e alumnas de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz. O Concello de Cervo facilitou o transporte do CEIP de Cervo para o seu desprazamento á actividade.

Esta obra, que foi interpretada polos membros da compañía de teatro madrileña Face 2 Face, é unha adaptación do clásico inglés, que serve como elemento didáctico alternativo ás clases lectivas. Durante a sesión os nenos e nenas participaron na obra de xeito interactivo, practicando o vocabulario e a pronunciación.

Segundo a concelleira de educación, Dolores García Caramés, “este tipo de actividades serven como elementos dinamizadores e complementarios ás clases diarias que imparten os profesores”. “Trátase dunha oportunidade para que os mozos e mozas podan aprender inglés mediante unha obra de teatro, que foi divertida, amena e, sobre todo, instructiva” engadiu a delegada.

Si, hai saída celebra o seu 8º aniversario manifestando a súa preocupación diante o aumento da violencia de xénero

A Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero celebramos nestes días o noso 8 aniversario. Oito anos xa desde aquela tarde de Marzo do 2014 na que iniciábamos unha andaina que xa augurábamos difícil, pero ao longo da cal nos atopamos con atrancos que superaron, e están a superar, con creces, todos aqueles que podíamos intuir.

Eramos perfectamente conscientes do duro camiño que estabamos a emprender, pero tamén tiñamos os nosos obxectivos moi claros, uns obxectivos difíciles de acadar, porque loitar contra a violencia de xénero, tentar sacar a tantas mulleres, aos seus fillos, dun inferno que tantas vidas se está a cobrar, lanzar a mensaxe de que esta loita é responsabilidade de todos e de todas, que a violencia machista pode chamar a nosa porta, a de alguén que  queremos, en calquera momento, sen distincións, independentemente da clase social, da posición económica, nunha sociedade na que está cada vez mais normalizada, non era, non é, unha tarefa doada, pero chegamos a crer, hoxe sabemos que inxenuamente, que atoparíamos unión, que a nosa contribución sería aceptada de bo grado.

Nada mais lonxe da realidade, e pronto comprobamos, para a nosa sorpresa, que ao abeiro da violencia de xénero se acubillaba un suculento negocio para moitos que non deixa de medrar, de xerar ingresos e outras prebendas, e que o principal motivo para ser rexeitados era, precisamente, non lucrarnos desta desgraza, non cobrar polo noso traballo, nin perseguir ningún outro beneficio,outra finalidade que non fora axudar en todo o posible as mulleres que se achegaban a solicitar a nosa axuda.

Tampouco foi aceptada, nin moito menos entendida, a nosa negativa a posicionarnos a favor dese cremos que moi mal chamado feminismo, radical, tiránico, que amosa ao home coma o inimigo e que rexeita automaticamente a canta muller non se inclina ante as súas normas, que elas acuñaron, e que tentan impoñer a todo o mundo.

Si, hai saída non entende a loita pola igualdade coma unha loita de sexos, se non como o intento de acadar os mesmos dereitos e as mesmas obrigas para ambos, sen perseguir supremacías que non son, nin mais nin menos, que un perfecto reflexo do machismo que din denunciar.

Tamén puidemos constatar que, malia respectar a todo o mundo, e dedicarnos única e exclusivamente ao noso traballo, ese respecto non era correspondido. O último ano foi particularmente duro, xa que as dificultades sobrevidas pola pandemia, tivemos que engadir, ademais de que se nos pecharan as poucas portas que tiñamos abertas, e ter que continuar loitando sen o apoio dalgún eido co que contamos durante anos, fundamental para o noso traballo, que nos fixo imposible, por exemplo, acompañar as vítimas no momento da denuncia, pagar o prezo algo mais que caro de rexeitar e denunciar públicamente o lamentable espectáculo que, desde algúns medios, se estaba a facer da violencia de xénero, tendo que chegar a soportar non únicamente discrepancias, o que non sería malo, todo o contrario, xa que se pode aprender moito dos diferentes puntos de vista, se non descualificacións, insultos e mesmo algunha que outra ameaza mais ou menos solapada, case sempre procedentes, o cal o fai aínda mais lamentable, de mulleres que se declaran feministas e mesmo referentes do feminismo.

Malia todo isto, as nosas ilusións, as nosas ganas de loitar, seguen intactas, así coma as nosas prioridades, igual de claras que a tarde do 2014 na que comezamos a camiñar.

Por todo isto, cando estamos a celebrar o noso 8o aniversario, desexamos agradecer de todo corazón o apoio de todos aqueles que, malia todo, e aínda sabendo que non sempre lles favorece, continúan estando con nos, como sempre estiveron nestes anos.

Non imos nomear a ninguén, porque correríamos o risco de esquecer algún nome e non sería xusto, pero non podemos deixar de ter un recordo e un agradecemento moi especial, un ano mais, para o eido xudicial, para a Uned de Lugo, para os medios de comunicación que nos dan voz, os centros de ensino que confían, ano tras ano en nos,e todo o noso agarimo para a primeira persoa que creu no noso proxecto, e que hoxe, oito anos despois, desde a distancia, pero sempre preto de corazón, segue a facelo.

A todos eles o noso profundo agradecemento, e, o maior de todos, as mulleres que confían en nos. Non lles prometemos milagres, porque non existen, nin lles pintamos de cor de rosa un camiño que sabemos é duro e longo, pero si teñen a nosa promesa de facer por elas canto estea nas nosas mans, malia que os nosos recursos sexan practicamente inexistentes, pero temos un que é, cremos, moi valioso e que non está ao alcance de todos: Fe no que estamos a facer.

Tamén pedimos perdón polos erros que, sen dúbida, cometemos, como seres humanos que somos, e tentaremos, pouco a pouco, mellorar cada día e corrixilos. Para rematar, queremos manifestar a nosa gran preocupación ante o mais que evidente e imparable aumento da violencia de xénero que se está a producir e a utilización dela que se está a facer, ben con fins políticos ou chegando a convertela nun auténtico espectáculo do que se están a lucrar cada vez mais desaprensivos, algo que non é novo, pero que, dun tempo a esta parte, está a acadar cotas escandalosas.

Así mesmo desexamos lanzar unha chamada de atención a quen corresponda, especialmente ao Goberno, acerca do cada vez maior número de mulleres que, seguindo o consello de denunciar ao seu maltratador, e malia ter, en moitos casos, ordes de afastamento en vigor, son agredidas e mesmo asasinadas por non estar debidamente protexidas e gozar os seus agresores de total impunidade.

É obvio que algo está a fallar na base, e que, se non se repara, toda loita é estéril, como estériles son os minutos de silencio e tantas e tantas manifestacións que, evidentemente, non son disuasorias para o que ten intención de matar e que o único que proporcionan é lucimento para moitos.


Texto: Asociación Si, hai saída

Demandan “actuacións urxentes” para paliar o impacto da suba dos prezos

O BNG levará ao vindeiro pleno provincial unha moción para demandar aos gobernos central e galego actuacións urxentes que mitiguen o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e na economía galegas.

O grupo nacionalista rexistou esta mañá a iniciativa, que fai énfase nas consecuencias que a escalada de prezos ten sobre as persoas con menos recursos, ás que afecta máis a perda de poder adquisitivo derivada dunha taxa de inflación que en Galiza chega ao 8%.

O voceiro da formación nacionalista sinalou que “estamos ante unha crise inflacionista histórica que está afectando gravemente aos sectores produtivos e emprobrecendo ás familias, que teñen cada vez máis difícil chegar a fin de mes con esta escalada de prezos” e reclamou “medidas urxentes” aos gobernos do Estado e da Xunta.

A suba de prezos está condicionada por decisións políticas, que poden empeorar ou aliviar os seus efectos. Polo tanto, hai marxe para actuar e evitar que as maiorías sociais paguen esta crise mentres grandes empresas como as da banca ou as eléctricas multiplican beneficios”, sostén a formación, que sinala o impacto específico da suba xeneralizada de prezos na economía galega, polo peso do sector agrogandeiro e pesqueiro, a dispersión poboacional ou as carencias históricas en transporte público.

Entre as propostas recollidas na moción, figuran a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, a baixada selectiva do IVE de produtos e subministros básicos ou a protección do sector primario evitando a venda a perdas e impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración.

Ademais, sinálase a necesidade dunha revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

Lugo será a capital do xogo dixital en abril co Lucus Gaming Fest

Lugo convértese este mes de abril na capital do xogo dixital en abril co Lucus Gaming Fest, un evento da industria dos videoxogos organizado por Oxygen Gaming para os días 23 e 24 do próximo mes no que contarán co streamer Wismichu como embaixador e a presenza de grandes freestylers como Gazir y Tirpa

Este evento naceu co obxectivo de mover á xente moza cidade e atraer a un gran público nacional, convirtindo así a cidade como un referente dos Esports.  O festival de gaming terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos, en concreto entre o hall e o pavillón 2.

As portas de Lugo Gaming Fest estarán abertas, de forma ininterrompida, de 09:00 a 21:00 horas durante os dous días. O prezo da entrada vai desde os 12 euros e os nenos menores de 6 anos poderán acceder de forma gratuíta. Pódese adquirir a entrada na seguinte ligazón: Merca a túa entrada

Zona Actividades

Scape Room
Diana Xigante
Zona recreativa
Zona playstation
Zona retro
Zona de stand para clubes
Zona arena
Zona Desarrolladores
Desarrolladoras
Realidade Virtual
Shows dentro do evento
Música en directo
Batallas de galos
Concurso de cosplay
Ponencias
Nutrición
Mitoloxía
Psicoloxía

Competicións

Parada oficial del Circuito Tormenta
Torneo de Rocket League
Amazonas Valorant Tourtnament II

Arquivada a peza da ‘Pokemon’ que investigou o concurso para adxudicar un catamarán da Ribeira Sacra

O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo da peza da operación Pokemon relativa a un suposto amaño entre a empresa Hemisferios S.L., filial de Monbus, e responsables do Concello de Nogueira de Ramuín para que en 2014 lle fose adxudicada de novo a explotación do embarcadoiro de Santo Estevo, na Ribeira Sacra, un servizo que xa prestaba desde facía anos.

Na causa estaban investigadas nove persoas, entre elas as que en 2014 exercían como alcalde de Nogueira de Ramuín, secretaria interventora dese Concello, director comercial e director xeral do grupo Monbus. “Non hai elementos de xuízo suficientes para entender que uns e outros incorresen nunha conduta contraria ao ordenamento xurídico penal, non hai elementos de xuízo que nos permitan afirmar que Monbus recibise un trato de favor dos responsables do Concello de Nogueira na concesión da explotación das instalacións do embarcadoiro de Santo Estevo”, indica o xuíz no auto.

O maxistrado sinala que existen conversacións telefónicas nas que se pon de manifesto que os responsables de Monbus “non estaban satisfeitos co prego de condicións do concurso, ao faltar o prego de precisións técnicas, barallando incluso a posibilidade de impugnar o mesmo”, polo que, segundo salienta o instrutor, “parece razoable pensar que non foron eles os responsables da súa elaboración e redacción”, tal e como afirmaron os axentes de Vixilancia Aduaneira responsables da investigación.

Na resolución, indica que “non hai ningunha constancia obxectiva de que realmente por parte dos responsables do Concello de Nogueira de Ramuín se recibise ningunha proposta para incluír nas bases da convocatoria do concurso nin que na redacción das mesmas se fixese un tratamento favorable a Hemisferios”, sinala o xuíz, á vez que advirte que “non se debe esquecer que finalmente o concurso foi impugnado porque o buque ofrecido por Hemisferios non era un catamarán, senón un barco monocasco, o que, á súa vez, desembocou en que o concurso se vise afectado por unha resolución de caducidade, o que implicou que Hemisferios finalmente non obtivese a concesión da explotación do embarcadoiro”.

“É certo que resulta sorprendente que a oferta de Monbus fose a mellor, superando tan só por 100 euros á oferta de Mar de Ons, pero isto en absoluto é suficiente para levarnos a concluír que Monbus tivo un coñecemento previo das ofertas presentadas polas empresas rivais”, recalca o xuíz, quen lembra que “non se pode fundar un escrito de acusación en meras sospeitas ou meras teorías que non están acompañadas de feitos obxectivos que permitan apoialas”. Ademais, no auto incide en que hai que descartar que se producira calquera trato de favor a Hemisferios “desde o momento en que se constatou que finalmente o concurso foi declarado caducado e, en consecuencia, Monbus non puido facer efectiva nin gozar da devandita concesión, especialmente se temos en conta que das conversacións intervidas se infire que o obxectivo nese momento dos responsables de Monbus era conseguir que o concurso quedase deserto, obxectivo que finalmente non conseguiron”. Contra o auto cabe presentar recurso.

A nova película de Alfonso Zarauza chega esta semana a Codex Cinema

Convertido xa nun clásico do cinema galego, Zarauza regresa ás nosas pantallas con Malencolía, un curioso filme de terror no rural galego onde o cineasta volve sobre as súas obsesións habituais.

Despois de Ons temos a sorte de desfrutar dun novo traballo de Alfonso Zarauza, acompañado unha vez máis por colaboradores habituais como Melania Cruz, Xulio Abonjo, Tito Asorey ou Marta Lado.

Despois do thriller psicolóxico rodado nas illas Atlánticas, o cineasta compostelán entrega un novo filme de xénero que vai máis alá dos límites que habitualmente ten o cinema galego. Arriscase agora cun filme de terror onde unha parella decide regresar a Galicia para instalarse nunha vila que imaxinaban abandonada, ata que a visión dunha anciá e outros fenómenos difíciles de explicar comezan a provocar unha crise entre eles.

O cinema de xénero serve a Zarauza para falar das relacións amorosas, dos roles dos homes e das mulleres, da intimidade das parellas e tamén na visión de Galicia como lugar idílico ao que volven persoas que fixeron unha vida fora. Un traballo tecnicamente exemplar que amosa a boa saúde do noso audiovisual, que ven de celebrar a pasada fin de semana a festa dos Mestre Mateo, onde a Academia Galega do Audiovisual decidiu premiar a Malencolía cos galardóns de mellor actriz e actor secundario, para Iolanda Muíños e Diego Anido, respectivamente.

Ademais de Malencolía, proxectan de estrea esta semana a cinta de animación xaponesa Belle, de Mamoru Hosoda. Este cineasta nipón, un dos máis destacados dentro do anime ten grandes éxitos ás súas costas como Summer Wars, The Wolf Children ou Mirai, das que esta última xa se puido ver en Codex no seu momento.

Con Belle, Hosoda da un enorme salto de calidade cun filme portentoso que recolle elementos das súas obras previas, especialmente a sensibilidade para retratar a intimidade e a imaxinación de nenos e adolescentes, así como as infinitas posibilidades (e os perigos) do mundo virtual. Así, Hosoda mostra ao mesmo tempo un drama familiar que sucede no mundo real ao tempo que unha espectacular cinta de acción chea de imaxes desbordantes e cores marabillosas que transcorren no mundo de U, unha rede social baseada na realidade virtual onde a protagonista do filme é unha estrela.

Rematados os traballos de mantemento do río Navia ao seu paso polas Nogais

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico finalizou os traballos de mantemento e conservación en varios tramos do río Navia no municipio das Nogais. Actuouse na contorna de Doncos, Torre de Doncos e Nogais.

A lonxitude total destas actuacións ascende a 2470 m de leito. Os traballos principais consistiron na retirada de árbores e restos vexetais acumulados en diferentes tramos do leito, así como a talla de árbores secas, enfermos ou con risco de caída, e realización de labores de poda.

Estes traballos, cun investimento de 43.386,35 €, realizáronse a través da empresa pública Tragsa dentro do Programa de mantemento e conservación de leitos que desenvolve a Confederación Hidrográfica do Cantábrico fóra das zonas urbanas, nas que os labores de conservación e mantemento de leitos son competencia dos concellos. Durante o pasado ano 2021 investíronse en Lugo 528.178,01 € repartidos en 42 actuacións en 14 municipios.

Vilalba repartirá este venres material para a loita contra a vespa velutina

O Concello de Vilalba repartirá este venres, 25 de marzo, material para a loita contra a vespa velutina. O goberno local proporcionará ditos materiais en colaboración coa asociación de apicultores Serra da Carba. O reparto levarase a cabo ata agotar existencias no Concello de Vilalba o venres en horario de 18:00 a 21:30 horas.

O Goberno local pretende con esta nova campaña continuar a loita contra esta praga. De feito, coas campañas de 2020 e 2021 reduciuse considerablemente a presenza de velutina en Vilalba, grazas a un importante traballo de  trampeo e retirada de niños.

Os datos indican que se está na boa dirección e que a colaboración entre a Asociación de Apicultores, a veciñanza e o Concello de Vilalba debe continuar para seguir progresando no control da vespa asiática.

En execución 84 millóns de euros no polo aeroespacial 2025

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe, durante a súa participación en Vigo na asemblea xeral do Consorcio Aeronáutico Galego, que xa están en execución 84 millóns de euros de fondos públicos no Polo Aeroespacial, dentro da nova estratexia aprobada o ano pasado e que aspira a mobilizar un total de 540 millóns de euros ata 2025 entre investimentos públicos e privados.

Conde apuntou que nestes primeiros pasos da nova folla de ruta para estes cinco anos, unha peza fundamental é a colaboración co Consorcio Aeronáutico Galego, a través dun convenio que permitirá activar un observatorio do sector para dispoñer de información precisa e áxil coa realización de estudos concretos en áreas como o diagnóstico da cadea de valor, internacionalización, financiamento, ou creación de empresas.

Dentro das iniciativas que xa están en marcha no novo período do Polo Aeroespacial, o vicepresidente económico lembrou que a nova licitación para atraer á Comunidade a entre catro e oito empresas tractoras do sector para apoiar arredor de 80 proxectos de I+D ampliou o seu orzamento ata os 52,3 millóns de euros.

Mediante esta iniciativa desenvólvese un modelo de colaboración entre o sector público e o privado, e tamén entre os distintos tipos de empresas e centros de coñecemento, para fomentar a incorporación das pemes ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras do sector aeroespacial, así como as universidades e outros centros de investigación xeradores de coñecemento. As nove compañías e consorcios que aspiran a desenvolver programas conxuntos de I+D co Goberno galego son Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit. Prevese seleccionar aos socios estratéxicos o próximo mes de maio.

Conde, que resaltou que unha das metas que debe fixarse o sector aeroespacial de Galicia é a súa internacionalización para que este 2022 sexa o ano da súa recuperación e se poidan superar os 132 millóns de euros prepandemia, sinalou que o Polo Aeroespacial tamén estivo moi presente na misión comercial a Colombia celebrada a semana pasada.

Esta permitiu confirmar que unha delegación do Goberno colombiano visitará as instalacións do aeródromo de Rozas o próximo mes de abril, co que isto supón á hora de iniciar vías de intercambio e colaboración entre ambos países. Do mesmo xeito, o vicepresidente económico fixo fincapé nas oportunidades que se poden abrir para o sector co Perte aeronáutico cando o Goberno o convoque.

No marco das actuacións que xa se están desenvolvendo no Polo Aeroespacial, atópase a adxudicación por 12,75 millóns de euros do proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space que se desenvolverá no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha licitación lanzada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e adxudicada a Indra e Boeing, cuxa continuidade no Polo Aeroespacial está así garantida, tal e como salientou o responsable de Economía, Empresa e Innovación.

Por outra banda, no eido do impulso ao talento, lanzaranse proximamente novas convocatorias da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), así como se continuará co desenvolvemento de diferentes actividades de fomento das vocacións científico- tecnolóxicas orientadas ao sector aeroespacial.

Na súa intervención na asemblea xeral do Consorcio Aeronáutico Galego, o vicepresidente económico fixo fincapé nos resultados logrados no período 2015-2020 no Polo Aeroespacial de Galicia: 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizados; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado dun total de 655 resultados obtidos; e a creación de 24 novas empresas. Todo iso, contando coa participación das principais multinacionais do sector: Indra, Babcock e Boeing, e o talento de máis de 900 profesionais.

Lugo Monumental denuncia que o Concello obriga aos praceiros a traballar 53,5 horas semanais

Lugo Monumental vén de denunciar que o Concello obriga aos praceiros a traballar 53,5 horas semanais fronte ás 40 reguladas no Estatuto dos Traballadores. Así o di o colectivo de empresarios que denuncia a distribución, hai poucos días, dunha circular na que o Concello “lembra” a obriga de cumprir o horario establecido na Ordenanza Municipal correspondente e que, segundo denuncian, “choca co máximo legal regulado no Estatuto dos Traballadores”.

“Contratar a unha persoa para cubrir a diferenza horaria non só non é viable economicamente na maioría dos casos, senón que ademais non resolvería o problema xa que a propia ordenanza obriga aos placeiros para prestar o servizo de forma persoal, salvo, llamativamente, ás persoas xurídicas”, explica o colectivo.

Lugo Monumental anuncia asemade que levará aos tribunais calquera sanción que se impoña a calquera dos seus asociados por este motivo e pelexará para modificar ese “disparatado” horario. A Asociación leva anos solicitando a reunión da comisión de prazas e mercados contemplada na Ordenanza sen éxito, a pesar de que a propia norma obriga a convocala a pedimento dunha das partes.

O colectivo lembra que tamén remitiron ao Concello suxerencias para a modificación da ordenanza que, “lonxe de ser tidas en conta, ignoráronse a pesar de ser reclamacións razoables para adaptar a ordenanza á realidade, o que actualmente non sucede”.

“É, sen ningunha dúbida, o principal problema que se abriu coa circular distribuída recentemente polo goberno local, en que se lembra aos industriais da Praza e o Mercado a obrigación que figura na ordenanza de cumprir os horarios de apertura que figuran no artigo 8.1 da ordenanza”.

“As prazas de abastos funcionan de mañá no seu conxunto, e aínda que é normal que se permita a apertura dos establecementos que o consideren oportuno fóra dun horario mínimo obrigatorio, é disparatado pretender que os industriais permanezan nos seus postos 53,5 horas, un 133% da xornada laboral legal, por unha mera cuestión decorativa, allea aos seus propios intereses”, explica Lugo Monumental.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com