" />

A nova película de Alfonso Zarauza chega esta semana a Codex Cinema

Convertido xa nun clásico do cinema galego, Zarauza regresa ás nosas pantallas con Malencolía, un curioso filme de terror no rural galego onde o cineasta volve sobre as súas obsesións habituais.

Despois de Ons temos a sorte de desfrutar dun novo traballo de Alfonso Zarauza, acompañado unha vez máis por colaboradores habituais como Melania Cruz, Xulio Abonjo, Tito Asorey ou Marta Lado.

Despois do thriller psicolóxico rodado nas illas Atlánticas, o cineasta compostelán entrega un novo filme de xénero que vai máis alá dos límites que habitualmente ten o cinema galego. Arriscase agora cun filme de terror onde unha parella decide regresar a Galicia para instalarse nunha vila que imaxinaban abandonada, ata que a visión dunha anciá e outros fenómenos difíciles de explicar comezan a provocar unha crise entre eles.

O cinema de xénero serve a Zarauza para falar das relacións amorosas, dos roles dos homes e das mulleres, da intimidade das parellas e tamén na visión de Galicia como lugar idílico ao que volven persoas que fixeron unha vida fora. Un traballo tecnicamente exemplar que amosa a boa saúde do noso audiovisual, que ven de celebrar a pasada fin de semana a festa dos Mestre Mateo, onde a Academia Galega do Audiovisual decidiu premiar a Malencolía cos galardóns de mellor actriz e actor secundario, para Iolanda Muíños e Diego Anido, respectivamente.

Ademais de Malencolía, proxectan de estrea esta semana a cinta de animación xaponesa Belle, de Mamoru Hosoda. Este cineasta nipón, un dos máis destacados dentro do anime ten grandes éxitos ás súas costas como Summer Wars, The Wolf Children ou Mirai, das que esta última xa se puido ver en Codex no seu momento.

Con Belle, Hosoda da un enorme salto de calidade cun filme portentoso que recolle elementos das súas obras previas, especialmente a sensibilidade para retratar a intimidade e a imaxinación de nenos e adolescentes, así como as infinitas posibilidades (e os perigos) do mundo virtual. Así, Hosoda mostra ao mesmo tempo un drama familiar que sucede no mundo real ao tempo que unha espectacular cinta de acción chea de imaxes desbordantes e cores marabillosas que transcorren no mundo de U, unha rede social baseada na realidade virtual onde a protagonista do filme é unha estrela.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo