Novas

O Concello traslada á Xunta 1.035 sancións Covid que o Goberno local tramitou sen ter as competencias

A Alcaldesa de Lugo asinou o Decreto polo que se lle dá traslado á Xunta de Galicia dun total de 1.035 expedientes sancionadores vinculados coa normativa sanitaria Covid que o Concello de Lugo se viu obrigado a tramitar antes do 26 de febreiro, data do cambio normativo galego, sen ter as competencias para facelo.

O Concello de Lugo xa advertira que as Administracións locais non eran competentes para tramitar as multas vinculadas coas restricións decretadas durante a pandemia, opinión compartida pola Avogacía do Estado e que agora diversas sentencias xudiciais avalan. “A Xunta, sabedora de que os concellos non tiñamos a capacidade competencial, nos impuxo igualmente este labor para tirar balóns fóra, pero logo non lle quedou máis remedio que modificar a Lei de Saúde de Galicia para darlle esa capacidade ás entidades municipais, cambio que entrou en vigor o 26 de febreiro”, segundo lembrou a rexedora.

Os expedientes que o Concello remite agora á Xunta se corresponden ao período comprendido entre o 1 de setembro de 2020 e ata o 26 de febreiro de 2021.

Dos 1.035, uns se atopan xa caducos e outros finalizados, e son os susceptibles de ser sobreseídos e arquivados pola falta da competencia sancionadora do Concello, pero ningún deles está prescrito aínda, “polo que se impón a obriga de darlle traslado das actas á autoridade competente para unha nova incoación e sanción”, tal e como recolle a proposta de conclusión e arquivo dos expedientes elaborada pola Policía Local.

O Concello de Lugo tamén lle reclamará á Xunta de Galicia os custos que lle supuxeron as accións sancionadoras, xa que tivo que contratar a unha empresa de apoio ante a insuficiencia de medios técnicos e de recursos humanos propios para asumir este cometido. Responsabilizarse desta tarefa se traduciu nun gasto para a Administración local de máis de 41.000 euros, a razón de 40 € (máis IVE) por cada boletín/acta tramitado.

Miñones garantiza a resposta das Forzas de Seguridade ás empresas que soliciten apoios para distribuir mercancías

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, garantiu hoxe a resposta das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a todas as solicitudes de apoio das empresas de Galicia para efectuar os seus transportes e distribucións no marco do paro do transporte. Apuntou que a Delegación do Goberno ten constancia de que existen empresas que optaron por non circular en temor a represalias e actos de sabotaxe a pesar de que se están garantindo corredores seguros para a circulación.

A estas empresas lembrou que a Delegación do Goberno coordina un dispositivo integrado por 2.000 axentes da Garda Civil e de Policía Nacional, que están mobilizados polo territorio para garantir o exercicio do dereito ao traballo e á mobilidade de persoas e de vehículos.

José Miñones reuniuse esta mañá co presidente do sindicato Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, e co responsable da Federación Galega de Produtores de Porcino, José Antonio Vidal, a quen recibiu na Delegación para avaliar o impacto do paro sobre o sector  agroalimentario. Na reunión o delegado puido escoitar as súas demandas e intercambiar información sobre o impacto que está a ter o paro do transporte no sector primario.

Pola súa banda, José Miñones pediulles que trasladen aquelas empresas pertencentes aos seus colectivos que se viron coaccionadas para non traballar que as Forzas e Corpos de Seguridade están á súa enteira disposición. E insistiu en que nestes días identificaron xa a 347 persoas relacionadas con actos contrarios ao dereito ao traballo, que derivaron en nove detencións e nove persoas investigadas.

O delegado lembrou que, desde o inicio do paro e ata onte, o dispositivo de seguridade escoltou en Galicia a case 900 vehículos e camións nas estradas, tanto de forma individual como en convois. En relación á evolución do paro, o delegado explicou que está en contacto continuo e directo con todos os sectores afectados, e indicou que esta tarde seguirá os contactos coa Confederación de Empresarios de Galicia.

O PP da Fonsagrada pide que o Concello promova o estudo da situación do sector agrogandeiro

O portavoz popular en A Fonsagrada, José Luís Regueiro, acaba de rexistrar un escrito dirixido ao alcalde no que solicita a creación dunha comisión para o estudo da situación do sector agrogandeiro no municipio, á vista da difícil situación pola que atravesa.

Os populares destacan “o incremento de custos en todos os sectores produtivos, especialmente os derivados da suba de combustibles e cereais para elaboración de pensos”. Toman en conta “a situación insostible do sector gandeiro en xeral, máis concretamente do sector agrogandeiro da Fonsagrada e especialmente dos produtores de Tenreira Suprema”. Regueiro pon de manifesto “a gran importancia deste sector no noso municipio” e di que, por elo, “o Concello de A Fonsagrada debe poñer todos os medios necesarios para reducir o impacto desta terrible situación neste sector e crear unha comisión para o estudo do sector agrogandeiro no municipio”.

Deste grupo de traballo deben formar parte: o Concello de A Fonsagrada, mediante os representantes dos grupos políticos do municipio; os axentes sociais e colectivos implicados, como as asociacións de gandeiros; unha representación de empresas con intereses no sector.

Segundo expón Regueiro, entre os obxectivos do grupo de traballo debe estar o de analizar a situación agrogandeira no municipio, impulsar a elaboración de estudos de viabilidade do sector no municipio, apoiar que se facilite a permuta de fincas rústicas subvencionando parte dos custos e favorecer e mediar nas concentracións parcelarias voluntarias, así como fomentar o asentamento de empresas do sector.

Os populares din que tamén teñen que ser obxectivos da comisión que propoñen o impulso de bonificacións nos impostos locais das empresas con actividade agrogandeira, a mediación e apoio do sector ante organismo públicos e impulsar a creación e promoción dunha plataforma de venta de produtos da Fonsagrada a través do comercio electrónico para evitar intermediarios. José Luís Regueiro destaca que é preciso que o Goberno central estableza as medidas precisas para facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria.

O alumnado do CEIP Cervantes celebra en Frigsa o Día da Árbore

O alumnado do CEIP Cervantes conmemoraron hoxe o Día da Árbore no Parque de Frigsa, acompañados por membros do Goberno local.

Os estudantes leron un manifesto así como un poema, a cargo dunha representación dos alumnos de todos os cursos, e procederon a colocación de códigos QR diante de nove especies arbóreas do parque. Ditos códigos trasladan información das especies confeccionada polo alumnado.

A rexedora da cidade felicitou ao director do colexio, José Antonio Castro Lodeiro, así como ao alumnado polo traballo desenvolvido e pola súa implicación. Destacou a importancia de que os mozos e mozas lucenses sexan conscientes xa dende pequenos da necesidade de preservar o medio ambiente. “É fundamental concienciar desde a infancia, porque son os nosos fillos e fillas, netos e netas, os herdeiros das accións e das decisións que estamos a desenvolver os adultos, pero son tamén as que, en moitas ocasións, dan exemplo aos maiores sobre o coidado da nosa contorna natural”, sostivo.

A alcaldesa quixo lanzar aos nenos unha mensaxe de confianza: “Sodes o futuro, e accións como a de hoxe dinnos que o planeta ten esperanza”.  

Orozco: “Rematou esta longa noite de pedra”

O ex Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosouse esta mañá ledo tralo arquivo de todas as causas xudiciais ás que se enfrontou dende a súa marcha do Concello. “Neste momento podo sentarme diante de vostedes e dicir o que tantas veces proclamei no salón de plenos do Concello de Lugo, son inocente”, explicou o exmandatario socialista.

Na sede do partido na cidade de Lugo, Orozco explicou que ser declarado inocente en todas as causas é o que lle dá a forza e os folgos para “presentarme diante dos medios de comunicación é dicir que mereceu a pena chegar ata aquí, confiar nesa forza que sempre sentín, e que esa longa noite de pedra está finalizada”.

O ex rexedor estivo acompañado na rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede provincial do PSdeG pola Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo quen destacou a grande calidade humana e a gran proxección política de Orozco: “Foi un dos grandes alcaldes da historia de Lugo, que marcou un antes e un despois na cidade, ademais de ser un referente do municipalismo político en España”, sinalou.

“É unha persoa respectada e apreciada dentro e fóra destas murallas e tamén dentro e fóra do PSOE. Por fin a xustiza corrixiu os seus propios erros, pero o que queda sen corrixir é o dano persoal, profesional e político que  sufriu Orozco e outros compañeiros políticos, algo que xa non ten solución”, lamentou a dirixente socialista.

Por iso, insistiu na súa intervención na necesidade de reclamar, “dende o respecto á independencia xudicial, rigor, seriedade e axilidade á xustiza. E poñer enriba da mesa mecanismos correctores que eviten as tentacións dos que pensan que unha carreira profesional pode medrar máis deprisa si se somete a persoas coñecidas a isto que se chama á pena do Telexornal”, criticou.

López Orozco lembrou na súa intervención que todo partiu “dunha denuncia falsa, de alguén que afirmaba que non tiña probas, e a partir de aí se me imputa e se me impide acceder ao sumario para saber de que se me acusaba”. O socialista remarcou que malia que os diferentes informes policiais e xudiciais sobre o seu patrimonio desmentían os argumentos da xuíza, ou dos distintos escritos da Fiscalía, “ela non facía caso, nada lle importaba, non lle valían incluso as sentenzas, como a da Fábrica da Luz, que deixaba claro que todo estaba dentro da lei; ela tiña claro que había que seguir investigando a ver se aparecía algo”.

López Orozo recalcou que para acusar hai que ter probas ou indicios racionais que se basean en feitos e poden levar  a acusacións”, pero “nunca inventar artificios xurídicos para poder acusar, tal e como relata a Audiencia Provincial nos seus propios escritos”.

“Poderán comprobar e comprender cal foi o meu calvario e o da miña familia, e hoxe todo iso está acabado e terminado. Tiven que marchar da política por algo que me gustaría que nunca máis volvera a suceder. Non sei canto daría da miña vida para que fora o último caso da política polo que alguén ten que abandonala porque foi xulgado polos seus adversarios políticos”. E proseguiu coa súa argumentación asegurando que “temos que aprender, e temos que respectar o artigo 24 da Constitución e o artigo 11 da Declaración dos Dereitos Humanos: todos somos inocentes ata que se demostre o contrario. Porque o contrario só o poden demostrar os xuíces, nun xuízo xusto”.

Preguntado sobre a posibilidade de que nalgún momento emprenda accións legais contra a maxistrada, explicou que se “sentará cos seus avogados e estudará si é posible”. E puntualizou que, si é posible, seguramente tomará a decisión, sobre todo despois de analizar as resolucións xudiciais que foron arquivando, unha a unha, as causas nas que figuraba como investigado.

O ex Alcalde socialista preguntouse “por que a instrutora se comportou así comigo?”. “Seguro que non atoparei  respostas da instructora, ela nunca me chamará para dar explicacións, pero si que as podo atopar nos autos xudiciais. Estou feliz, relaxado e, aínda que pareza contradictorio, por moi mal trago que me fixera pasar a instrutora, confío na Xusticia, en maiúsculas, porque me devolveu o que se me arrebatou”.

Orozco, quen dixo sentirse moi preocupado polos que pensarían os seus alumnos e alumnas cos que compartiu ensinanzas por mor destes procesos xudiciais, remarcou que en todo momento tratou de comportarse dentro dos parámetros “da ética e da política con maiúsculas”. O antigo rexedor valorou o apoio da súa familia, así como o traballo do seu equipo xurídico, e aproveitou para “agradecer o apoio e a confianza aos miles de cidadáns de Lugo que me enviaron o seu cariño ao longo de todos estes anos”.

IlustrarNÓS chegou este luns aos colexios da Pobra de San Xiao e Sober

Alumnado do CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao, en Láncara, e do CEIP Virxe do Carme de Sober  participaron esta mañá nos obradoiros do programa IlustrarNós da Deputación de Lugo. A ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez conduciron unhas sesións de debuxo e música nas que as nenas e nenos puideron coñecer de preto algúns instrumentos tradicionais – o seu nome, as diferencias entre eles, os materiais, o son que emiten ou a súa historia – e vincular os seus sons ás cores, establecendo un paralelismo entre os sons máis vivos e agudos e as cores cálidas e os sons máis graves, profundos e calmados.

As actividades de IlustrarNós, que teñen como obxectivo fomentar a creatividade e achegar as xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegas, continuarán durante as vindeiras semanas, chegando a 14 centros educativos das distintas comarcas.

Calendario

Primaria: Os nosos ilustres instrumentos. Laura Romero e Juan A. Álvarez
25 de abril
CEIP San Cosme de Barreiros
Fondo Nois de Foz

26 de abril
CEIP O Salvador
CEIP Plurilingue da Pontenova

27 de abril
CPI de Cervantes

Secundaria: Crear BD: da banda deseñada á novela gráfica. Kiko da Silva.
25 de marzo
IES Río Cabe de Monforte

22 de abril
CPI Dr. López Suárez de Friol
IES Pedregal de Irimia de Meira.

Formación superior: A Guía Ninja do Ilustrador/a. Alberto Guitián.
6 de maio
Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo

II Certame de Ilustración IlustrarNÓS

O programa inclúe a convocatoria do II Certame de Ilustración IlustrarNÓS, dirixido a fomentar a creatividade e as artes gráficas nos centros de ensino e aberto a alumnado de Primaria, Secundaria, BAC e Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. Establéncense catro categorías de creación, en función das etapas educativas, cos seus correspondentes premios. As bases e as follas de inscrición, que foron remitidas a todos os centros educativos, están tamén disponibles en cultura.deputacionlugo.gal

Sindicatos organizan mobilizacións na Inspección de Traballo ante “incumprimentos” por parte do Goberno

O persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social está convocado a mobilizarse mañá, martes, en todo o Estado. Esta concentración, que na capital lucense terá lugar na Rolda da Muralla, será a antesala dunha xornada de folga prevista para finais deste mes. Estas proteestas están promovidas por varios sindicatos, CCOO entre eles, ante certos “incumprimentos” que denuncian por parte do Goberno do Estado.

Así, logo de oito meses de espera, denuncian que o Executivo central “non cumpre” o acordo adoptado o 7 de xullo de 2021 no que se recollían unha serie de medidas fundamentais para salvar o funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social que, segundo critican, “padece unha acumulación de eivas que colocan a súa actividade ao bordo do fracaso”.

Entre outras cuestións, as forzas sindicais denuncian falta de persoal, de recursos técnicos e materiais. Asemade, critican que “non hai un recoñecemento ao esforzo do seu persoal, sen cuxa colaboración non se salvaría o funcionamento da institución nos últimos anos”.

Os sindicatos afirman asemade que, pasados oito meses, xa non poden agardar máis e amosan a súa sorpresa pola “debilidade” dos máximos responsables do Ministerio de Traballo e Economía Social, que “renuncian a defender un acordo que foi subscrito por eles, avalado pola propia ministra e que responde a un diagnóstico compartido, apra buscar as solucións necesarias na Inspección de Traballo e Economía Social.

A ITSS conta cun cadro de persoal en Galicia de 261 persoas entre inspectores de traballo, subinspectores e o correspondente persoal laboral e persoal técnico-administrativo. Por provincias, en Lugo hay 35 traballadores, polos 101 da Coruña, 87 en Pontevedra e 38 en Ourense.

Así, no día de mañá realizarán concentracións diante das sedes provinciais da ITSS entre as 12 e as 12.30 horas. Así, en Lugo terá lugar na Rolda da Muralla, 58.

Detido por un presunto delito de violencia de xénero un mozo en Lugo

Sobre as 10:15 horas do día 18 de marzo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo observa que un vehículo obstaculiza un vao na rúa Santo Graal e ao seu lado áchase un home que presenta signos de embriaguez e que ten sangue nos beizos.

Os axentes entrevístanse con esta persoa e maniféstalles que vive coa súa noiva nese edificio e que estiveron a celebrar un aniversario, polo que unha patrulla trasládase á vivenda, atopando á muller en estado de embriaguez e presentando cortes recentes nunha boneca, manifestando que caeu e que “non pasou nada”.

Os axentes localizan a unha testemuña que vive no mesmo domicilio que a parella e manifesta que discuten de maneira habitual e que no día de hoxe espertouse por uns fortes golpes, escoitando como o home ameazaba de morte á súa parella e que viu como se puxo encima dela e a agredía.

Os policías realizan unha inspección ocular no interior da vivenda observando como a cociña estaba completamente revolta, unha cadeira rota e cristais rotos dun vaso polo chan polo que, ante os evidentes indicios dun delito de violencia de xénero, proceden á detención do home de 39 anos de idade, sendo trasladado a un centro médico da cidade e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 para a atención da vítima, momento que manifestou que lle agredía na boneca e deulle varias puñadas na cadeira, sendo trasladada ao HULA para a súa valoración médica.

O home posteriormente foi conducido a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.

Violencia familiar

Sobre as 15:45 horas do día 20 de marzo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á Avenida dos Deportes xa que un home denuncia que foi agredido pola súa muller.

Os axentes son recibidos polo denunciante que lles manifesta que cando estaba en compañía da súa muller e o seu fillo de pouca idade, mantivo unha discusión coa súa muller xa que el atopábase falando por teléfono cun familiar e recriminouno que estivese a falar tanto tempo, polo que se subiron ao seu vehículo e nun momento dado a súa esposa propinoulle un golpe no ollo que inicialmente é de pouca consideración.

A muller indica aos axentes que lle deu un pequeno golpe para que calase xa que non quería que seguisen discutindo diante do menor. O home rexeitou asistencia sanitaria e manifesta a súa intención de denunciar estes feitos polo que se instrúen dilixencias para a súa remisión ao Xulgado correspondente.

Lugo… Non perdas o tren organiza varios actos en torno ao 150 aniversario da Ponte da Chanca

A Plataforma cidadá Lugo… Non perdas o tren anuncia novas actividades dentro das súas campañas de promoción dos servizos ferroviarios en Lugo e a súa provincia.

A súa primeira actuación vai encamiñada a resaltar de novo o viaduto da Ponte da Chanca, “ao atoparmos no ecuador dos 150 anos da súa construción 1871-1875” , para o que expoñen solicitar de Correos, a edición dun selo conmemorativo de tal efeméride, “para o que estamos a realizar xa os trámites requiridos” .

“Esta obra, está considerada como unha mostra notable da enxeñería da época na liña do Noroeste e está considerada a terceira infraestrutura ferroviaria de España. Foron autor do proxecto D. Antonio Mesa Arroquia e enxeñeiro de obra D. Ángel García do Hoyo pertencente ao grupo de Camiños, Canles e Portos”, explica o colectivo.

A plataforma Lugo… non perdas ou tren, está levando a cabo unha nova campaña de adhesión de novos colectivos que favorezan a súa posición e forza na reivindicación dunha mellora ao mais alto nivel de todas as infraestruturas de Lugo e a súa provincia a nivel ferroviario. “Aquí queremos contar con todos os Concellos da provincia e todos os grupos sociais, inicialmente son membros a Deputación e o Concello de Lugo e máis de 30 concellos de ls provincia, así con Sindicatos, grupos sociais e máis de 300 asociacións de veciños), tanto no transporte de pasaxeiros (con máis e mellores servizos cos futuros trens Avlo, Ouigo, Iryo entre outros) como no Transporte de Mercadorías por Lugo e que deben de formar parte do Corredor Atlántico previsto, con trens de ata 750 m de longo e cun eficaz servizo ao paso pola terminal ferroviaria de mercadorías de Lugo e en Monforte de Lemos”.

“Estamos en fase de redacción dun novo manifesto reivindicativo, que recolla as propostas dos diferentes partidos políticos que mantiveron xa reunións coa Plataforma, Partido Popular de Lugo, Partido Socialista Obreiro Español, Cidadáns e o propio Concello de Lugo”, avanzan.

Este manifesto, será enviado a todos os Concellos da provincia de Lugo para solicitar o apoio dos que aínda non están integrados e despois lido nun acto público que terá lugar na praza da Estación de Lugo con probabilidade a finais do mes de abril.

Para o 7 de maio, a Plataforma Lugo… non perdas o tren, vinculada á Federación Provincial de Asociacións de veciños de Lugo “ Lucus Augusti” anuncia unha camiñada conmemorativa dese 150 aniversario da Ponte da Chanca con saída do edificio de servizos da Cruz Vermella situado no cruzamento do Paseo do Rato e a estrada da Fonsagrada, ata os pés do devandito monumento, todos os participantes recibirán unha camiseta e insignias conmemorativas desta celebración tan emblemática para Lugo.

A Tinería énchese de cultura e ocio co Localmente Lucense

A alcaldesa de Lugo xunto á concelleira de Desenvolvemento Local presentou aos comerciantes e hostaleiros da Tinería as actuacións que se van a desenvolver de maneira específica neste barrio do centro histórico da cidade dentro da campaña Localmente Lucense. Na reunión tamén participaron representantes da Asociación Itineris e da Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería.

Serán máis de medio centenar de accións de rúa as que se desenvolverán durante todo ano para que A Tinería se enche de vida e atraia visitantes e, polo tanto, clientela, pero tamén se desenvolverán numerosas accións en formación para os empresarios da zona.

“Desde o Concello, coa estratexia Localmente Lucense, de orgullo de barrio, queremos dinamizar o barrio co fin de que os lucenses se acerquen a coñecer esta zona emblemática da cidade e que a inclúan nas súas dinámicas de ocio e de compra”, sostivo a rexedora, quen engadiu que, “ademais, queremos axudar a formar aos empresarios para que teñan máis ferramentas para dirixir mellor os seus negocios e fidelizar aos seus clientes”.

“Os barrios son o centro da vida neurálxica de Lugo”, sostivo a rexedora, e polo tanto, tras a pandemia, “o Concello traballará man a man coa veciñanza para axudar a súa recuperación económica, é un traballo que debe ser de equipo”.

A programación de dinamización na rúa na Tinería incluirá, de abril a setembro, cine ao aire libre, actuacións musicais con grupos locais coa volta dos Tardeos e Noiteos, que tanto éxito tiveron cando os lanzamos na pandemia, espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento para todas as idades, tamén para os máis pequenos. Desenvolveranse, ademais, mercadillos, eventos grastronómicos e xornadas de recreacións históricas.

Así mesmo, os empresarios do barrio poderán participar nas distintas programacións estacionais en datas sinaladas, como as rebaixas de verán e inverno, o Samain, o Nadal ou San Valentín.

Durante a reunión, a alcaldesa e os comerciantes e hostaleiros participantes buscaron consensuar datas e lugares concretos para a organización destas actividades, que serán anunciadas a través das canles do Concello e as propias da campaña.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com