Miñones garantiza a resposta das Forzas de Seguridade ás empresas que soliciten apoios para distribuir mercancías

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, garantiu hoxe a resposta das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a todas as solicitudes de apoio das empresas de Galicia para efectuar os seus transportes e distribucións no marco do paro do transporte. Apuntou que a Delegación do Goberno ten constancia de que existen empresas que optaron por non circular en temor a represalias e actos de sabotaxe a pesar de que se están garantindo corredores seguros para a circulación.

A estas empresas lembrou que a Delegación do Goberno coordina un dispositivo integrado por 2.000 axentes da Garda Civil e de Policía Nacional, que están mobilizados polo territorio para garantir o exercicio do dereito ao traballo e á mobilidade de persoas e de vehículos.

José Miñones reuniuse esta mañá co presidente do sindicato Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, e co responsable da Federación Galega de Produtores de Porcino, José Antonio Vidal, a quen recibiu na Delegación para avaliar o impacto do paro sobre o sector  agroalimentario. Na reunión o delegado puido escoitar as súas demandas e intercambiar información sobre o impacto que está a ter o paro do transporte no sector primario.

Pola súa banda, José Miñones pediulles que trasladen aquelas empresas pertencentes aos seus colectivos que se viron coaccionadas para non traballar que as Forzas e Corpos de Seguridade están á súa enteira disposición. E insistiu en que nestes días identificaron xa a 347 persoas relacionadas con actos contrarios ao dereito ao traballo, que derivaron en nove detencións e nove persoas investigadas.

O delegado lembrou que, desde o inicio do paro e ata onte, o dispositivo de seguridade escoltou en Galicia a case 900 vehículos e camións nas estradas, tanto de forma individual como en convois. En relación á evolución do paro, o delegado explicou que está en contacto continuo e directo con todos os sectores afectados, e indicou que esta tarde seguirá os contactos coa Confederación de Empresarios de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com