Novas

Agromuralla, Galicia Baleira e a Federación de Veciños piden uns prezos “xustos” para o leite e a carne

A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo, a Asociación de Gandeiros Agromuralla e a Plataforma Galicia Baleira -que aglutina as Federacións de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo e Limiar da provincia de Ourense-, mantiveron unha reunión conxunta para tratar a grave situación que están a atravesar nestes momentos os gandeiros -e máis concretamente os da provincia de Lugo- co incremento dos prezos do cereal e do combustible.

A demanda máis clara é a de lograr uns prezos xustos para o leite e a carne.

A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo -encabezada polo seu Presidente, D. Jesús Vázquez Varela- e a Plataforma Galicia Baleira, apoian de forma rotunda as demandas da Asociación Agromuralla a este respecto, e procederán a organizar accións conxuntas con ela, a fin de facer cumprir a Lei da cadea alimentaria. “Os consumidores teñen dereito a acceder a produtos de calidade a prezos dignos”, argumentan.

Para a provincia de Lugo, os sectores agrícola e gandeiros son fundamentais, e non consentiremos a situación á que están a ser sometidos na actualidade.

A Federación de Veciños ‘Lucus Augusti’ anuncia a XX edición do ‘Día do veciño’

A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo anuncia a celebración do seu día grande, o Día do Veciño que este ano, 2022, cumpre o seu XX edición.

Cabe lembrar, que o pasado ano 2021, esta celebración viviu unha versión moito máis reducida, motivada pola pandemia por Covid19, que obrigou a reducir o aforo con respecto a anos anteriores -nos que se chegou a superar as 4.000 persoas- e a non celebrar a tradicional comida.

Este ano, 2022, prevese recuperar o formato habitual desta festa, a condición de que a evolución da pandemia así o permita, e que en ningún caso supoña un risco para a saúde. Así mesmo, celebrarase o tradicional partido de fútbol entre xornalistas, políticos e membros da Federación Veciñal Lucus Augusti.

Ademais, volveremos contar con actuacións folclóricas para amenizar a xornada; así como co momento principal da devandita celebración: a entrega das ‘V’ de Veciño aos galardoados desta XX edición. Cabe lembrar que o Día do Veciño supón a celebración conxunta das máis de 300 asociacións federadas que integran a Federación de Asociacións veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo.


Imaxe de Arquivo: Día do Veciño 2019

Tres alumnas do Centro de Formación de Audiovisuais da Deputación fan prácticas na Gala dos Mestre Mateo

Tres alumnas do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo fan prácticas esta semana co equipo da Academia Galega do Audiovisual que se encarga da organización da Gala dos Mestre Mateo que se celebra este sábado en Expocoruña. Unha experiencia que lles servirá para completar a súa formación académica ao estar rodeadas de profesionais nun escenario real grazas a un acordo ao que a institución provincial chegou coa Academia.

Delas, dúas están matriculadas no ciclo superior de Produción e unha no de Realización. Esta formación serviralles para completar a súa etapa formativa ao observar e involucrarse na organización e coordinación dun evento desta envergadura. Estarán acompañadas en todo momento por persoal con responsabilidades para observar e aprender todas os pasos a seguir para que todo estea a punto para a celebración deste importante evento do audiovisual galego, así como aprender como se resolven imprevistos e como actuar na coordinación de grandes equipos.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destaca a importancia desta colaboración coa Academia Galega do Audiovisual para completar e enriquecer a formación destas tres alumnas ao permitirlles estar ao carón de profesionais de primeiro nivel cunha ampla experiencia nun evento coma este. Ademais, salienta que será relevante para elas apreciar as dinámicas de traballo, a organización, observar a toma de decisións e ver a posta en escena in situ para despois compara cal é a percepción do espectador a través da televisión.

A institución provincial defende un modelo de formación que posibilita as prácticas en escenarios reais, nunha aposta decidida por unha formación pública de calidade e accesible a todos os mozos e mozas con vocación audiovisual, independentemente da situación económica das súas familias. Neste sentido, a Deputación involucra ao alumnado na organización e a retransmisión de actos por streaming como parte do seu programa académico.

CCOO denuncia discriminación por razón de xénero a unha traballadora do Concello

A sección sindical de CCOO denuncia a discriminación por razón de xénero sufrida por unha traballadora do Concello de Lugo. O sindicato sinala que á afectada se lle negou a percepción do complemento de produtividade porque se excluíu do cálculo o tempo que estivo de baixa por risco no embarazo e posteriormente gozando do permiso de maternidade. CCOO sinala que esta exclusión é “contraria a dereito” e constitúe unha discriminación por razón de xénero que, ademais, vai en colisión coa lexislación que protexe as situacións de embarazo e maternidade.

A sección sindical de CCOO lembra que “numerosas” sentenzas en todo o Estado consagran o dereito das mulleres a percibiren os complementos a que terían dereito durante o tempo de baixa médica por embarazo ou de maternidade. “O contrario constitúe unha discriminación, xa que só as mulleres están suxeitas a este tipo de situacións”, remarca o sindicato.

Por outra parte, CCOO considera “anómalo” que a esta traballadora se lle negue un dereito que, pola contra, si lle recoñeceu a outras compañeiras en casos similares, “o que abunda na discriminación que denunciamos”.

Desde CCOO apelan ao Concello de Lugo para que “reconsidere” a situación e non obrigue a afectada a acudir á vía xudicial para que lle recoñeza os seus dereitos, “circunstancia especialmente triste se o causante é un goberno que presume do seu compromiso social”.

Por último, lembran que o Concello de Lugo, malia estar obrigado, actualmente non ten asinado coa representación legal das traballadoras e dos traballadores un plan de igualdade para todo o persoal do Concello de Lugo.

A UCGAL chama á racionalidade dos consumidores á hora de facer as súas compras

A Unión de Consumidores de Galicia fixo hoxe un chamamento á tranquilidade e á responsabilidade das persoas consumidoras galegas á hora de acudir aos establecementos comerciais e en especial aos de alimentación para evitar que comportamentos pouco responsables agraven as situacións de falta de abastecemento que xa se están a dar en distintos establecementos.

Considera a organización que urxe que as administracións competentes tomen cartas no asunto de forma decidida e garantan os dereitos das persoas consumidoras, e a fin de contas dunha cidadanía que non pode seguir soportando as consecuencias dunha escalada de prezos da enerxía e do conxunto dos servizos e produtos que conforman a nosa cesta da compra.

Para Unión de Consumidores de Galicia é vital que as administracións competentes e responsables do sector do transporte manteñan xuntanzas na procura dun punto de encontro  que permita retornar á normalidade da forma máis áxil posible.

Así mesmo demanda unha solución inmediata e valente ao descontrolado avance dos custos da enerxía que está a lastrar de forma desmedida as economías domésticas e en especial as máis vulnerables.

Lamenta que unha vez máis sexan as persoas consumidoras as que teñan que padecer as consecuencias da incapacidade para introducir cambios normativos farto demandados tanto polo conxunto das persoas consumidoras como por sectores especialmente afectados pola grave situación que estamos a atravesar.

Lugo recibirá 9M€ para o impulso de 2 sendas metropolitanas, 3 aparcadoiros e a mellora de 96 paradas de autobús

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, na rolda de prensa do Consello, o impulso de 2 sendas metropolitanas, 3 aparcadoiros e a mellora de 96 paradas de autobús na cidade de Lugo e a súa área, cun  investimento de preto de 9 millóns de euros.

Cunha achega total de 4,7 millóns de euros, Feijóo explicou que a primeira senda conectará a intermodal co Lucus Augusti e terá 3,4 quilómetros de lonxitude; e a segunda conectará o Parque de Rosalía, a Ponte Vella e a Estrada de Santiago.

Por outra banda, os tres aparcadoiros disuasorios contarán cun investimento de 1,1M€: un deles terá 150 prazas nas proximidades do enlace da N-VI coa N-540; e os outros dous aparcadoiros estarán nos accesos á vía de altas prestacións Nadela-Sarria-Monforte -un con 30 prazas na contorna de Nadela e outro con 30 nas proximidades de Monforte-.

No tocante á mellora das paradas de autobús, o presidente galego destacou actuacións por un importe de 2,8 millóns de euros nun total de 96, situadas en estradas autonómicas con acceso á cidade de Lugo.

Sanidade

O presidente autonómico anunciou tamén un investimento de máis de 3 millóns de euros para a reforma do Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Público Lucus Augusti e constatou os avances da mellora do Centro de Saúde da Milagrosa, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

Feijóo precisou que o servizo de medicina nuclear trasladarase á planta 0 do hospital e dotarase de novo equipamento, coa instalación dun PET-TC -clave para a diagnose de tumores ou enfermidades neurodexenerativas-, e a renovación da gammacámara existente.

Así mesmo, incorporaranse cinco TAC, un novo equipo de branquiterapia e outro de anxiografía neurorradiolóxica, financiados con cargo á partida orzamentaria de 2022 destinada á adquisición de tecnoloxía e equipamento sanitario. Estes equipos veñen complementar aos 5 novos equipos radiocirúrxicos, ao equipo DaVinci de cirurxía robótica e aos 5 novos ecógrafos adquiridos para este centro hospitalario cos orzamentos de 2021.

No tocante á reforma do Centro de Saúde da Milagrosa, precisou que se levará a cabo unha renovación da estrutura física, así como a reorganización da asistencia, co obxectivo de dotar ao centro de: 6 consultas de medicina xeral e 6 de enfermería; 2 consultas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 sala de urxencias; 1 de toma de mostras e espazos de admisión, sala de xuntas, salas de estar e vestiarios. Ademais dun espazo para a entrada de ambulancias baixo teito e un espazo no interior para cadeiras de rodas ou padiolas.

Infraestruturas

Así mesmo, salientou que, no marco do Plan de Infraestruturas, na provincia construiranse 6 novos centros de saúde en Antas de Ulla, Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e Sagrado Corazón (na capital); e reformaranse media ducia -o de Foz, Meira, Outeiro de Rei, Ribas de Sil e, na cidade, os de Praza de Ferrol e o mencionado da Milagrosa-.

En materia económica, Feijóo subliñou que na provincia de Lugo, a Administración autonómica conta con preto de 270.000 metros cadrados de solo urbanizado, distribuídos en 11 polígonos industriais e con bonificacións na compravenda do 50%.

Deste xeito, a empresa pública Xestur ofrece 52 parcelas -máis de 113.000 m2- en tres parques empresariais (As Gándaras, Cervo e Viveiro), no concurso de adxudicación deste 2022. E sacaranse a concurso ao longo deste ano outros 13.000m2, en 15 parcelas do parque de Muimenta, que se sumarán aos máis de 122.000m2 de solo empresarial á venda que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten en sete polígonos lucenses.

Cómpre salientar tamén que a urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras adxudicarase este mes e permitirá habilitar 25 novas parcelas. Os proxectos das segundas fases da Pontenova e Meira se licitarán no vindeiro mes de abril; “e traballamos no desenvolvemento de solo no Corgo, Palas de Rei e Castro de Rei”, engadiu.

En relación ás infraestruturas tecnolóxicas, recordou que, desde a Xunta, estanse a executar diferentes medidas para mellorar a cobertura e a conectividade, entre as que destacou a liña de axudas para facilitar a conexión a internet ultrarrápida de empresas e autónomos de zonas illadas do rural, cuxa nova convocatoria sairá publicada a vindeira semana no DOG. Ademais do Plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas, do que se beneficiarán 150 núcleos da provincia de Lugo.

Turismo

En materia de turismo, o presidente da Xunta puxo en valor que a provincia recibiu tamén un investimento aproximado de 19 millóns de euros para impulsar a recuperación e reactivación do sector turístico en Lugo. Neste apoio inclúense 12 liñas de axudas, 10 convenios con distintas entidades, máis de 11 millóns de euros en axudas á hostalería no marco dos plans de rescate da Xunta e os proxectos financiados ao abeiro de O Teu Xacobeo.

Así mesmo, precisou que, ao longo deste ano, os Plans de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra e da Mariña canalizarán investimentos por 1,5M€. Na Ribeira Sacra continuarase co embelecemento de núcleos, coa renovación da sinalética e coa promoción das rutas do viño e na Mariña traballarase nun plan estratéxico, nun plan de marketing, na dixitalización de servizos e no desenvolvemento de experiencias turísticas innnovadoras.


Imaxe: David Cabezón

Pechada a investigación sobre a ORA: a causa seguirase contra catro persoas por suborno

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo concluíu a investigación relativa á presunta adxudicación fraudulenta, en 2009, do contrato de xestión do servizo de regulación de aparcamentos na vía pública (ORA) no Concello de Lugo. O maxistrado ordenou continuar a tramitación das dilixencias polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados a un concelleiro que exerceu entre 1999 e 2008; ao que era ordenanza do Concello e delegado da empresa Setex Aparki; ao presidente e fundador do grupo Vendex; e ao que era responsable de Vendex en Galicia fosen constitutivos de delitos de suborno e integración en grupo criminal. O xuíz descarta a posible existencia dun delito de tráfico de influencias porque entende que “non consta acreditado suficientemente a influencia concreta exercida por ningún dos investigados para obter a adxudicación”.

Os feitos con aparencia delituosa versarían, segundo o auto, sobre a actuación concertada dos catro investigados co obxectivo de amañar o concurso da ORA no ano 2008 e adxudicalo de forma “fraudulenta, contraria á legalidade e ao principio de libre competencia, prescindindo do mellor ofertante para a Administración, a Vendex e, máis concretamente, á súa filial, Doal”, así como sobre “o suborno pagado como contraprestación polo anterior”.

“Así o pactaron, segundo resulta indiciariamente do actuado, os catro investigados no ano 2008”, indica o instrutor na resolución, na que sinala que hai indicios de que o concelleiro investigado actuase “como interlocutor político do Concello de Lugo” para lograr facer efectiva esa adxudicación, “coa ilícita contraprestación de 3.500 euros a devindicar cada mes, sumando 42.000 euros ao ano, que el percibiría en pago polas súas xestións”. Con todo, sinala que non consta que o edil “realizase ningún tipo de presión ou influencia no Concello de Lugo para lograr os obxectivos pactados”.

No auto explica que ao concurso público presentaron ofertas económicas Doal e outras tres empresas da competencia, sendo definitivamente adxudicado á primeira, en marzo de 2009, “tal e como acordaran os investigados, en prexuízo das demais empresas concorrentes, da libre competencia, e da eficacia e economía da actuación administrativa”. Aínda que ese concurso foi posteriormente anulado, en maio de 2011, polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo, “a ilícita adxudicataria, Doal, seguiu prestando os servizos da ORA ata que, en xullo de 2015, a entón alcaldesa resolveu suspender a operatividade da ORA ata que se realizase unha nova adxudicación”.

“Deste xeito, resulta haber indicios de que, mesmo a pesar da anulación xudicial por sentenza definitiva, a fraudulenta adxudicataria mantivo a prestación dos seus servizos e tamén perduraron as consecuentes contraprestacións ao seu favor”, salienta o maxistrado, quen asegura que tamén existen indicios de que “se abonaron as cantidades pactadas antes mencionadas desde o inicio da prestación do servizo, en 2009 ata, polo menos, setembro de 2012, mediante reintegro en efectivo en entidades bancarias de Madrid, previa entrega de cheques bancarios expedidos polo presidente do grupo Vendex, e de importe inferior a 3.000 euros”. No auto relata que se enviaba o efectivo á sede do grupo empresarial en Madrid, desde onde, á súa vez, se remitía por unha empresa de transporte á Coruña, á atención do responsable do grupo Vendex en Galicia, “nun sobre branco, oculto o diñeiro dentro de follas do xornal deportivo Marca”. Os envíos, segundo a resolución, realizábanse trimestralmente, “detectándose un total de 12 envíos desde abril do 2011 a xaneiro de 2012 a Galicia”.

O xuíz sinala que eses envíos estaban “minuciosamente organizados e controlados pola organización”. Cando o responsable do grupo en Galicia os recibía, segundo o auto, contactaba co que nese momento era ordenanza do Concello de Lugo e delegado da empresa Setex Aparki, “empregando para iso linguaxe en clave (refírense aos cartos como “a pintura”, ou “os botes de pintura”, “o convenio” ou, metonímicamente, “a prensa deportiva”, etc.) e indicacións falsas, como é propio das organizacións e grupos criminais, e acordan o punto de entrega, que son os domicilios do concelleiro investigado en Lugo, onde se procedía á entrega pactada”. A presunta fraude podería permitir un beneficio ilícito estimado de 13.600.000 euros, segundo o instrutor.

En canto á colaboración do entón alcalde de Lugo na adxudicación a Doal e a súa posterior ampliación, a cambio de diñeiro, “nin hai indicios de que iso fóra así, máis aló da interpretación dos axentes intervenientes nas escoitas de certas referencias”, nin, a pesar da “amplísima investigación patrimonial levada a cabo respecto do mesmo e a súa contorna familiar máis próxima (esposa e fillas), se detectaron incrementos de patrimonio que puidesen reflectir a cobranza dalgún tipo de comisión, mordida ou suborno”, segundo o xuíz.

O maxistrado deu traslado do auto ao Ministerio Fiscal e ás acusacións persoadas para que formulen escrito de acusación no que soliciten a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan solicitar, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias que consideren indispensables para formular acusación. Ademais, acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa respecto ao resto dos investigados. Contra o auto cabe presentar recurso.

Continúa o aumento paseniño de casos Covid

Continúa a aumentar en Lugo o número de casos Covid día tras días. Malia que se trata dunha suba paseniña, é diaria polo que o paso atrás na evolución da sexta vaga xa é notable.

Actualmente, a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte conta con 2386 casos activos, 14 máis que no día de onte pero case 400 máis que hai 10 días.

No tocante á presión asistencial manténse estable entre os 30 e os 40 ingresados dende hai  varias xornadas. Hoxe son 3 menos que onte os pacientes covid ingresados en hospitais da provincia. Así, en total, Lugo conta con 35 pacientes en planta e 1 na UCI do Hula. Por centros, o HULA suma 21 pacientes covid, o Hospital da Costa conta con 4 e o de Monforte con 10.

Outro baremo que se mantén á alza son os positivos rexistrados que nas últimas horas sitúanse en 279, fronte aos 250 de onte. Ademáis, na xornada de hoxe hai que lamentar un novo falecemento, o dun home de 80 anos que finaba o pasado luns, 14 de marzo. Con el son 314 os falecidos na provincia dende o inicio da pandemia. Pola contra, son xa 52.480 persoas as que poden dicir que superaron a enfermidade.

Alpha Wolf Pack trae a Lugo máis dunha decena de medallas do Campionato de España

Alpha Wolf Pack volveu a casa con 6 ouros e 6 pratas do Campionato de España de Jiu Jitsu Brasileño celebrado o pasado 12 e 13 de marzo en Talavera de la Reina. Unha competición que conseguiu reunir a loitadores de todo o Estado.

O equipo lucense, Alpha Wolf Pack, liderado por Luis Castaño, conseguiu chegar aos primeiros postos das diferentes categorías:

Con Kimono

Marco Antonio Castrillón – Oro en categoría (Campeón de España) y plata absoluto (Subcampeón de España Absoluto).
Mark Casey – Oro (Campeón de España).
Karen López – Plata categoría (Subcampeona de España) y bronce absoluto.
Luis Castaño – plata (Subcampeón de España).
Yoel Barrios – Bronce.

NO GI

Mark Casey – Oro (Campeón de España).
Karen López – Plata categoría (Subcampeona de España) y plata en el absoluto (Subcampeona de España absoluta).
Luis Castaño – Plata en categoría y bronce en el absoluto.

Niños

Samuel Fernández- Oro (Campeón de España).
Daniel Flores – Oro (Campeón de España).
Yadhira Álvarez – Oro (Campeona de España).

Todos eles fixeron loitas moi duras, en especial os tres nenos da competición infantil para os que era o seu primeiro campionato no que os tres proclamáronse campións estatais.

Dende Alpha Wolf Pack destacan tamén a actuación de Karen López que, malia sufrir unha lesión considerable, fixo grandes loitas acadando un resultado incrible.

A vindeira cita do equipo será a Copa de España en maio en Salamanca.

Recta final ás obras de retirada do fibrocemento na rúa Armórica

A alcaldesa de Lugo, acompañada doutros membros do Goberno municipal, supervisou hoxe o remate das obras de substitución do fibrocemento que o executivo municipal puxo en marcha na rúa Armórica, cun investimento de 204.540 euros que inclúe, así mesmo, a reposición do pavimento da beirarrúa.

Esta intervención, que se enmarca no plan posto en marcha polo Goberno local para renovar a rede de distribución nas rúas con maior número de avarías, tivo por obxecto a retirada das tubaxes actuais por outras de fundición nun total de 40 acometidas no tramo comprendido entre a rúa Marina Española e a Rolda de Fingoi, que se atopaba bastante deteriorado.

A rexedora apuntou que “con esta intervención buscamos rematar coas frecuentes roturas que se rexistraban na contorna e que ocasionaban non só importantes perdas de auga senón tamén moitas molestias para a veciñanza, de maneira que, a partir de agora, o servizo queda garantido, véndose incrementada tamén a eficacia da súa prestación a través de infraestruturas máis sostibles e eficientes”.

Deste xeito e, segundo relatou o edil responsable de área, as obras implicaron a renovación da rede de abastecemento substituíndo a traída existente por canalizacións de fundición dúctil, cos seus correspondentes elementos complementarios como válvulas, bocas de rega e incendios, así como todas as acometidas domiciliarias. Proxectouse, así mesmo, a demolición e reposición do pavimento ao longo da gabia e en todo o ancho da beirarrúa naqueles puntos onde se atopaba danada.

Co obxectivo de erradicar a presenza deste material, o executivo local, leva destinado nos últimos dous anos un investimento superior a 1’7 millóns de euros para ir substituíndo, progresivamente, estas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade así como no Grupo La Paz, dentro da que se inclúen 10 vías máis (Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote).

En concreto as zonas nas que se actuou foron as rúas Bataneira e Figueira, Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com