" />

CCOO denuncia discriminación por razón de xénero a unha traballadora do Concello

A sección sindical de CCOO denuncia a discriminación por razón de xénero sufrida por unha traballadora do Concello de Lugo. O sindicato sinala que á afectada se lle negou a percepción do complemento de produtividade porque se excluíu do cálculo o tempo que estivo de baixa por risco no embarazo e posteriormente gozando do permiso de maternidade. CCOO sinala que esta exclusión é “contraria a dereito” e constitúe unha discriminación por razón de xénero que, ademais, vai en colisión coa lexislación que protexe as situacións de embarazo e maternidade.

A sección sindical de CCOO lembra que “numerosas” sentenzas en todo o Estado consagran o dereito das mulleres a percibiren os complementos a que terían dereito durante o tempo de baixa médica por embarazo ou de maternidade. “O contrario constitúe unha discriminación, xa que só as mulleres están suxeitas a este tipo de situacións”, remarca o sindicato.

Por outra parte, CCOO considera “anómalo” que a esta traballadora se lle negue un dereito que, pola contra, si lle recoñeceu a outras compañeiras en casos similares, “o que abunda na discriminación que denunciamos”.

Desde CCOO apelan ao Concello de Lugo para que “reconsidere” a situación e non obrigue a afectada a acudir á vía xudicial para que lle recoñeza os seus dereitos, “circunstancia especialmente triste se o causante é un goberno que presume do seu compromiso social”.

Por último, lembran que o Concello de Lugo, malia estar obrigado, actualmente non ten asinado coa representación legal das traballadoras e dos traballadores un plan de igualdade para todo o persoal do Concello de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo