Novas

‘Porta de Lugo’ responde aos veciños da Estación tralas críticas pola poda de árbores

A Asociación de Veciños Porta de Lugo” respondía hoxe aos veciños do Barrio da Estación que, nos últimos días, estase a queixar dunha poda de árbores realizada, presuntamente polo Concello. En concreto, trátase das árbores situadas nos laterias da baixada da ponte cara a rotonda do Sagrado Corazón e Adolfo Suárez.

A Asociación asegura que vén solicitando a poda destas árbores todos os anos, aínda que, segundo denuncian “neste momento estivo atrasada durante uns oito anos por problemas burocráticos”. “As podas realizadas con anterioridade,  leváronse a cabo en datas similares e ao mesmo nivel”, explica o colectivo.

As árbores coa altura actual eran “e son” de alto risco tanto polo tamaño, critican os veciños, como por estar asentados sobre noiros de falso firme. “Un perifo tanto para persoas como para vehículos e situados nunha zona con ventos fortes dominantes do Oeste en momentos de temporais ou tormentas”, aseguran.

Con todo, a asociación explica que “non entende” que as árbores da avenida Adolfo Suarez “que dificultan a visión de sinais de tráfico da zona e cuxas ramas molestan mesmo aos viandantes das beirarrúas”, molesten a veciños da Estación.

“Cortáronse os accesos pola rúa Rio Mosa, porque era necesario garantir o transito seguro de persoas e vehículos, pero A Chanca ten outros accesos que estiveron garantidos e as ramas eran de consideración polo tempo sen podar”, explican dende a asociación. Neste momento, din, quedan pendentes de poda as árbores da marxe dereita en sentido
saída da cidade “por problemas burocráticos” que están en fase de solución.

Unha Tebras ata os topes arroupa a Manu Chao no seu primeiro concerto na provincia en 14 anos

A última vez que fixo soar a súa guitarra Galicia foi en 2014, na provincia de Ourense. E, se poñemos o ollo na provincia de Lugo, a cousa afástase máis no tempo: ano 2008, en Monforte de Lemos. E as ganas de Manu Chao estaban aí.

O sold out en poucos días facía prever o éxito que estaba a chegar a Lugo. Case 1000 persoas rodeaban o bloque de edificios nos que se atopa a Sala Tebras na noite de onte. Nin o frío nin a auga foron quen de parar á cantidade de xente que quería volver a sentir os acordes de ‘El Chapulín Solo’, entre os que non faltaron sons coñecidos como Me gustas tú ou Clandestino, nos que o público cantaba, bailaba e vibraba.

Da outra banda, o artista, máis que agradecido coa súa Galicia e que recibía con sorrisos e brazos abertos as numerosas ovacións que recibía do público.

Dúas horas para a lembranza de quen estivo presente nun concerto que se repetirá mañá, martes 15 de marzo, no mesmo escenario e co mesmo horario (21.00 horas), e no que non cabe dúbida, será tan histórico como o deste domingo.

Vilalba publica as bases e abre o prazo de presentación para o XLVIII premio de poesía do seu certame literario

O Concello de Vilalba publicou as bases do XLVIII Premio de Poesía do seu Certame Literario, dotado con 7.000 euros e a publicación da obra. O prazo para presentar os traballos remata o 3 de xuño ás 14:00 horas.

Este certame pretende cumprir co obxectivo do goberno local de impulsar a produción cultural e tamén busca apostar pola creación poética en lingua galega. O gañador ou gañadora recibirá, ademais da dotación económica, unha flor natural e un diploma.

Poderán concorrer ao concurso todos os autores e autoras que o desexen, sempre que presenten as obras en lingua galega. Os poemas serán orixinais e inéditos, non premiados noutros concursos en datas anteriores ao fallo do xurado.

As obras poderanse enviar por vía electrónica a través da páxina http://www.certamedevilalba.org/inscricion, na que se indicará o lema que distinga o traballo e achegarase o arquivo en formato PDF, co contido da obra.

A continuación, os e as participantes enviarán por correo ordinario un sobre pechado no que figurará o lema do traballo. No seu interior irá o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, teléfono, poboación de residencia e declaración formal de que a obra é inédita, xunto cunha pequena biografía do autor/a. Debe enviarse ao Concello de Vilalba (Praza da Constitución número 1).

O xurado será nomeado mediante resolución da Alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido da cultura e da educación. A composición do xurado farase pública na páxina web https://www.vilalba.gal/ e na Sede Electrónica do concello.

O Certame Literario de Vilalba é un premio de poesía en galego con case 50 anos de historia, cuxa entrega de premios celébrase tradicionalmente en agosto.

Dende o seu nacemento, en 1975, recoñecidos autores da literatuta galega como Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xavier Alcalá ou Yolanda Castaño xa recolleron o premio, un dos máis destacados do panorama poético de Galicia.

Medio Ambiente intensifica os operativos específicos de limpeza da cidade cun aseo exhaustivo de prazas e beirarrúas

A área de Medio Ambiente está a intensificar, dende que comezou o ano, os operativo específicos de limpeza da cidade levando a cabo, tamén, un aseo exhaustivo de beirarrúas e prazas.

dispositivo, composto por dúas brigadas, provistas de material suficiente ás que se dotou de hidrolimpadoras e fregadoras, están a acometer o lavado a alta presión do pavimento, para retirar a sucidade incrustada, ao tempo que se eliminan pintadas e malas herbas.

Até o momento, os operarios executaron o acondicionamento das rúas Vilalba, Narciso Peinado, Menorca, López Guntín, Carril dos Loureiros da praza do Camiño Primitivo, estando previsto que nos próximos días se centren no Casco Histórico, especialmente na contorna da Catedral ou no treito peonil da Rolda da Muralla para desprazarse, a continuación, á Praza do Castiñeiro”, explicou o concelleiro titular  da área.

O edil destacou que “se trata dunha intervención que se suma ás campañas especiais de limpeza que se desenvolven de xeito específico polos diferentes barrios da capital e coas que dende o Executivo pretendemos reforzar o coidado e mantemento ordinario do municipio. Un esforzo que se manterá até que entre en vigor o novo contrato – adxudicado esta mesma semana – para o servizo onde xa se contempla un incremento non só das dotacións, se non tamén do persoal e dos labores que inclúe. O que, á súa vez, redunda na imaxe xeral que ofrece Lugo e na súa habitabilidade e confort para a veciñanza”, concluíu o edil de Medio Ambiente.

A UMAR desprázase este martes ao centro de saúde de Foz

A Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR) desprazarase o vindeiro martes 15 de marzo ao centro de saúde de Foz no seu horario habitual, de 11 a 13 horas.

Esta mesa informará a veciñas e vecinos da situación que está a vivir a Atención Primaria en todos os seus centros de saúde e particularmente no de Foz, onde a día de hoxe hai dous facultativos sen substituir de xeito crónico, un na quenda de mañá e outro na de tarde. A maiores destes dous profesionais sen substitutos dun total de oito médicos de familia, hai outro cunha reducción de xornada que tamén está descuberta, segundo denuncian dende a plataforma sanitaria.

A reducción de xornada da pediatra de Foz leva anos sen cubrir 
No centro de saúde de Foz, que conta cunha pediatra con reducción de xornada sen substituir,  a maiores de atender a crianzas do Concello de Foz, aténdense tamén a nenos e nenas de Alfoz e Valadouro. Este colectivo sanitario leva anos pedindo que se incorpore á reducción un/ha profesional que garanta a presencia de pediatra a tempo completo, a maiores de dotar do servizo a Alfoz-Valadouro.

Outra das reivindicacións históricas deste colectivo é a de dotar ao centro de saúde cunha matrona, figura indispensable na Atención Primaria e que non existe neste concello de dez mil habitantes. Esto supón un agravio comparativo respecto a outras poboacións e una discriminación para as mulleres de Foz, xa que a figura da matrona non só se ocupa do embarazo, parto e puerperio, senón que constitúe una figura de gran relevancia na saúde das mulleres, tanto na prevención e diagnóstico precoz de cancro de cérvix como na atención á saude sexual ou noutras enfermidades das mulleres como é a endometriose.

A Plataforma Sanitaria informará de todas estas eivas que amosan de xeito gráfico o desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria e axudará a redactar reclamacións tanto colectivas coma individuais a quen desexe, así como ao seu rexistro. Animamos a todas as veciñas e vecinos de Foz a que se acheguen se queren reclamar una atención sanitaria digna.

Vilalba Aberta levará a pleno o arranxo do vial que une Rioaveso con Román á altura da Pontiga

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita á de Rioaveso, a formación municipalista vén de rexistrar
unha nova iniciativa coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus veciños/as, pola vía do rebacheo e posterior aglomerado e limpeza de cunetas no vial que une esta parroquia coa de Román á altura da Pontiga.

Tal e como denunciou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, o tramo, polo que “día a día pasan dende o servizo de transporte escolar ata varios veciños baixo tratamento de hemodiálise”, atópase nun “estado límite de degradación e abandono”, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de VA redundaría nunha “importante mellora da rede de comunicacións do rural vilalbés”.

Dende hai máis de dous anos, e logo de que a parte pertencente ao Concello de Cospeito si se aglomerara, os veciños/as da zona veñen reclamando do goberno do PSOE que se execute o proxecto de renovación xa existente; mais, tal e como lamentou o voceiro de Vilalba Aberta “ninguén os está a escoitar”.

Renda, que contextualizou a iniciativa como “unha nova chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, volveu apuntar directamente á responsabilidade do edil de infraestruturas en base ás “decenas de reclamacións e solicitudes veciñais sen contestar”, así como ao feito de que existan proxectos que non se materialicen “por simple desinterese municipal”.

Así, e ao tempo que agradeceu a confianza dos veciños/as de Rioaveso no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, o edil apelou á responsabilidade da Alcaldesa, á que lle lembrou que os “case tres anos sen presupostos” en base á decisión do PSOE de “gobernar por decreto coas contas do PP”, está a “afogar completamente os investimentos nas parroquias”.

“Os investimentos nas parroquias non poden depender dos acordos puntuais entre VA e o goberno para a incorporación de remanentes. Urxe aprobar un presuposto que dea estabilidade ao Concello e a mellora da rede viaria municipal debera ser unha das máximas prioridades dentro destas novas contas”, concluíu.

Quinto día de aumento de casos covid coas hospitalizacións en mínimos

A sexta vaga de Coronavirus na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, semella que non ten un final cerca. Se ben, os números son considerablemente mellores que hai un mes, o certo é que na última semana a provincia experimentou un retroceso nesa evolución positiva.

Así, nas últimas horas Lugo volvía a subir os casos activos e son xa 2406 os casos activos confirmados, 51 máis que na xornada anterior, pero case 300 máis que hai unha semana. Esta suba vén dada por un mantemento dos contaxios detectados en cifras altas; así na última xornada foron 206 os positivos rexistrados, algo menos que os 239 da xornada anterior pero na liña dos positivos que se foron detectando esta semana día a día.

No tocante á presión asistencial, a provincia si experimentou unha mellora considerable. E é que nas últimas horas son 26 os pacientes que permanecen en centros hospitalarios, todos en planta. As UCIs quedaban onte baleiras. Así, por hospitais, o HULA mantén 12 pacientes en planta, o Hospital da Mariña suma 5 e o de Monforte conta con 9 pacientes con covid.

Por último, dende o comezo da pandemia, Lugo rexistrou 313 falecidos, o último deles notificado o pasado martes; mentres que nas últimas horas rexistrou 153 altas médicas, en total dende o inicio da pandemia foron 51.640 as persoas que poden dicir que superaron o virus.

A EFA Fonteboa recibe o XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Facultade de Veterinaria do campus lucense volveu ser o escenario para a gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, como viña sendo habitual antes da chegada da pandemia. Esta noite o seu auditorio acolleu de novo o acto final da vixésimo segunda edición deste galardón.

A cerimonia foi presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, quen estivo acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos, María Cruz Díaz Álvarez, os catro membros do xurado, xunto a Carme Pampín, CEO de GalChimia, quen non puido acudir á gala por motivos persoais. Na mesa presidencial sentou ademais, como representante da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos Corral.

Tras a benvida do reitor da USC, María Cruz Díaz, ofreceu a conferencia maxistral “Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo”, durante a que diferenciou claramente estes dous ámbitos e centrouse no desenvolvemento do campo e nas técnicas que se deberán afrontar #ante o aumento da demanda de produtos e a importancia da seguridade alimentaria, todo nunha situación cambiante e tremendamente afectada pola actual guerra en Ucraína.

A continuación tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria do mesmo, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a entrega do Premio ao Centro de Promoción Rural- EFA Fonteboa.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio a Luís García Fernández, director do centro.

EFA Fonteboa, máis de 45 anos de formación
O Centro de Promoción Rural- EFA Fonteboa fundouse en 1975 como iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do ámbito rural e establecer un sistema pedagóxico innovador orientado á promoción do medio rural a través das persoas.

Nos seus máis de 45 anos de andaina graduó a preto de 1.000 estudantes de formación profesional agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións gandeiras ou traballan no sector agroalimentario, contribuíndo a fortalecer o tecido económico e social do rural galego.

Tras a entrega do XXII Premio Aresa, Luís García, director do centro, dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa e aos membros do xurado, “sentimos moi agradecidos”.

O Concello de cervo celebrará a XXIX Festa do Ourizo o vindeiro sábado 19

A XXIX edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 19 de marzo, en San Ciprián. Para ese día están programadas diferentes actividades que terán ao equinodermo como prato principal. A cita foi presentada hoxe polo alcalde, Alfonso Villares, o edil de Turismo, David Rodríguez, polas concelleiras de Cultura e Medio Ambiente, e por representantes da hostalería local.

Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Ciprián que participan na festa: O Noso Lar, As Titas, O Faro, A Bodega, Maruxaina, Aquelarre e Buenavista. Nesta ocasión, o concurso celebrarase o luns, 14 de marzo, na Casa da Cultura. Os participantes deberán entregar as súas propostas –dúas como máximo- ás 17:00 horas. O xurado composto por cociñeiros decidirá cales son as tres tapas gañadoras. A entrega de premios será ás 19:00 horas na mesma Casa da Cultura.

O día da festa os locais participantes ofrecerán a tapa do concurso e outras moitas variedades aos visitantes durante toda a xornada. Haberá folletos informativos no que se especifican algunhas das tapas que se poderán probar, e que terán como denominador común o ourizo.

Ademais haberá sesión vermú desde as 14:00 horas a cargo de Festicultores Troupe, na carpa da Praza dos Campos; ao longo da tarde haberá pasarrúas a cargo da Louband Street Band; e xa pola noite, a orquestra Funçao Pública ofrecerá un espectáculo musical a partir das 22:00 horas na Praza dos Campos.

En declaracións do alcalde, Alfonso Villares,: “é unha boa nova que recuperemos a celebración desta festa despois de dous anos, aínda que a pandemia aínda está a condicionar a programación. Nesta edición non podemos levar a cabo todas as actividades que viñan sendo habituais pero agardamos que para o ano seguinte xa podamos celebrar a Festa do Ourizo con total normalidade”.

Desde o Concello de Cervo convidan a todo o mundo a asistir nesa xornada a San Ciprián, para participar nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.

Dúas persoas resultan feridas ao saírse da vía o coche no que circulaban en Cervo

Dúas persoas necesitaron asistencia a pasada noite despois de que o coche no que circulaban rematase fóra da vía en Cervo, á altura da parroquia de Rúa.

Unha das persoas que resultou ferida no accidente tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia, despois de quedar atrapada no interior do vehículo por mor do impacto, para que fose atendida polos servizos sanitarios desprazados.

O sinistro tivo lugar ao fío das tres. A esa hora, o 112 Galicia recibiu a alerta da saída de vía do turismo a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Viveiro, do GES de Cervo e da Garda Civil de Tráfico. Ademais, informouse aos Bombeiros de Barreiros.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com