Novas

Cogami inicia un curso de alfabetización dixital para nove persoas con diversidade funcional

As instalacións que Cogami ten en Lugo acollen estes días  un curso de Alfabetización dixital no que se están a formar 9 persoas, 7 homes e 1 muller, con discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, procedentes dos concellos de Lugo e Guitiriz.

Esta formación, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través de Cocemfe dentro das Actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2021-22, contará cun total de 85 horas lectivas que serán impartidas de luns a venres en horario de 9:00 a 14.00 horas, e nos que abordarán os módulos de internet, procesador de textos e folla de cálculo.

Este curso está dentro do programa formativo que desenvolve Cogami anualmente e que está adaptado ás necesidades do mercado e ás capacidades da persoa con discapacidade, para que adquira competencias que a capaciten no seu desenvolvemento profesional. “O obxectivo final da nosa formación é a inserción laboral, por iso temos moi en conta tanto as necesidades das persoa como tamén as demandas que presenta o tecido empresarial das zonas nas que actuamos”, explica Paco Abuín, coordinador da área de Formación de Cogami.

Estes cursos que desenvolve Cogami teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, co fin de que o alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral. Arestora, bolsa de emprego de Cogami ten inscritas un total de 1.551 persoas inscritas na oficina que Cogami ten en Lugo.

O PP replica ao Goberno: “o bloqueo de licenzas paraliza Lugo”

O Partido Popular considera inadmisible que despois de oito concelleiros de urbanismo; despois de nomear a un coordinador para a área de urbanismo e despois de designar a un novo xefe de servizo “Lugo sexa un territorio comanche á hora de conseguir unha licenza para rehabilitar unha vivenda; crear un negocio, facerse unha casa, construír un almacén agrícola ou unha nave industrial”.

O Grupo Popular presentou un informe no que se analizan os datos do propio goberno municipal xa que reflicte todas as licenzas resoltas en xuntas de goberno celebradas no ano 2021. A lectura das actas é reveladora xa que certifica “o ritmo lentísimo co que se están tramitando as peticións de obra maior no Concello de Lugo”.

Antonio Ameijide declarou que “á vista destes datos queremos saber cuantos expedientes están aínda sen informar no servizo de Arquitectura e en que data rexistráronse”. O viceportavoz popular engadiu que “queremos saber canto diñeiro de investimento privado ten bloqueado o bigobierno por falta de axilidade na tramitación dos expedientes”.

Ameijide tamén lembrou que “en arquitectura seguimos sen atención presencial e sen unha dirección política clara xa que o concelleiro Álvaro Santos segue de baixa”. Os populares lembran como “neste mandato dimitiu Miguel Couto e neste momento, de forma interina, ocúpase da área Paula Alvarellos co apoio dunha figura que coordina que é a do interventor”.

O lume calcina por completo unha vivenda habitada en Vilalba

Arde por completo unha vivenda no Coto, en Vilalba, posiblemente a causa dunha cheminea.

Por fortuna, ninguén resultou ferido, pois os ocupantes apresuráronse a saír en canto percibiron os efectos do incendio.

De feito, foron os propios afectados quen, as 22:30 horas de onte, chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda urxente. No seu relato, detallaron que o lume estendeuse polo piso de madeira desde a cheminea da casa, e así o comprobaron os bombeiros do parque da localidade cando acudiron a apagar o incendio. Unha situación que acadou tal envergadura que fixo necesario o apoio da central de incendios forestais de Monterroso para achegar máis recursos e máis auga coa que facer fronte ás lapas.

Tras tres horas de intenso traballo, os equipos de extinción lograron sufocar o lume, aínda que as perdas materiais foron cuantiosas, pois resultou calcinada a totalidade da vivenda.

A Xunta oferta nas Gándaras 40 parcelas con bonificacións do 50% sobre o prezo de venda

A Xunta de Galicia oferta no polígono lucense das Gándaras un total de 40 parcelas a prezos de venda bonificados nun 50%. Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou na inauguración da nova tenda de Bricomart, localizada no parque empresarial lucense.

En concreto, a bolsa de solo que acaba de sacar a concurso o Goberno galego nas Gándaras suma un total de 91.745 metros cadrados repartidos entre as 40 parcelas dispoñibles a día de hoxe nas tres fases en que se divide o polígono.

As novas instalacións de Bricomart en Lugo, precisamente, ocupan unha superficie de 25.000 metros cadrados na segunda fase das Gándaras, a mesma superficie que buscaba a empresa para abrir unha nova tenda na Comunidade e á que puido acceder no parque lucense, ademais, cunha bonificación do 50% sobre o prezo oficial de venda.

Neste sentido, a conselleira lembrou que o Goberno galego leva investidos máis de 53 millóns de euros nas tres etapas de desenvolvemento das Gándaras, incluídos os terreos adquiridos para planificar un futuro crecemento, e xa adxudicou 2 millóns de metros cadrados repartidos entre 270 parcelas en condicións vantaxosas.

Durante o acto de inauguración, Ángeles Vázquez salientou tamén o esforzo realizado pola Xunta para axilizar ao máximo a posta en marcha destas instalacións, que grazas ás facilidades ofrecidas en todo momento, se puideron executar de forma paralela ás obras de urbanización da segunda fase do parque.

Así, a responsable galega enmarcou o compromiso do seu departamento con este proxecto empresarial na súa “importancia” para a cidade e o conxunto da comarca, xa que, por un lado, ofrece novos servizos ao sector profesional da construción e das reformas así como á veciñanza lucense, e por outro, contribúe a crear emprego “local”.

Neste sentido, referiuse ás 85 persoas contratadas ata o momento no novo Bricomart de Lugo e, tras lembrar que hoxe se conmemora o Día internacional da muller, salientou que a metade dos cargos de dirección desta tenda están ocupados por mulleres.

CIG-Saúde traslada ao BNG a necesidade urxente de reformar a lexislación para regular a xubilación da Sanidade Pública

A Executiva da CIG-Saúde reuniuse esta mañá cos deputados nacionalistas no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galicia, Montse Prado, para trasladarlles a súa demanda de que se reforme con urxencia a lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos servizos de saúde para que se recoñeza o dereito á xubilación parcial e anticipada das traballadoras e traballadores da sanidade pública. Demanda que os representantes do BNG se comprometeron a levar ambas as dúas cámaras.

Así, o deputado nacionalista, Néstor Rego, afirmou que o BNG presentará no Congreso unha iniciativa dirixida a que se recoñeza o dereito á xubilación anticipada do persoal da sanidade pública. Dereito que, lembrou, xa está recoñecido para o persoal doutras administracións e que “non é de recibo que non teñan as persoas que dedican a súa vida a coidar da saúde do conxunto da poboación”.

A isto engadiu que non só favorecería ás traballadoras e traballadores da sanidade pública ao chegar a esa idade, senón que tamén posibilitaría rexuvenecer os cadros de persoal. Algo do que a sanidade pública está moi necesitada. Na mesma liña, a deputada no parlamento de Galicia, Montse Prado explicou que o BNG presentará tamén nesta cámara, unha iniciativa nese sentido.

A CIG-Saúde entende que o Ministerio debería xa recoñecer o dereito á xubilación anticipada. Explica que agora mesmo se exixe ter, como máximo, dous anos menos respecto da idade ordinaria de xubilación. Fronte a isto, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, explicou que todo o persoal da sanidade pública con máis de 35 anos cotizados, ao cumprir os 63 anos tería que poder acceder co 100% á xubilación, sen aplicarlles os coeficientes redutores que van do 6,5 ao 7,5% anual, incluíndo ademais o complemento por maternidade. Coeficientes que chegan a provocar unha perda de poder adquisitivo das súas pensións de até o 25%.

Abuín subliñou que se deberían contemplar tamén as singularidades do persoal da sanidade porque, tal e como admite a disposición adicional sétima da Lei 40/2007, “o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado pola propia natureza do servizo público sanitario”.

Neste sentido apuntou que o sistema sanitario ten prestación de servizo continuado, as 24 horas do día e os 365 días do ano, e que hai múltiples estudos que demostran como isto afecta negativamente á saúde das persoas que traballan a quendas, transcorridos máis de 15 anos.

A isto engadiu o aumento dos riscos psicosociais que xeran problemas de saúde ao persoal ao traballaren en contacto coa enfermidade, tomar decisións sobre a vida doutras persoas ou pola presión familiar. Isto xunto coa exposición continuada  a riscos biolóxicos, químicos ou medioambientais, entre outros.

A Deputación renova o compromiso co mantemento da piscina da Pastoriza, con persoas usuarias de toda a comarca

A Deputación de Lugo mantén un ano máis o compromiso co funcionamento da piscina climatizada de Pastoriza, cunha achega de 70.000 euros para colaborar nos gastos de mantemento das instalacións que dan servizo a usuarios e usuarias de todos os concellos da contorna.

O recinto ofrece ás persoas usuarias un amplo abano de propostas en distintos espazos, desde as actividades acuáticas e os cursos de natación para todas as idades na piscina ata sesións de cardiobox, powerpump, zumba -para persoas adultas e nenxs- ou pilates na sala de fitness e no ximnasio, dirixidas por persoal formado e adaptadas a distintas condicións físicas.

Ademais do uso individual das instalacións, o centro recibe grupos de alumnos e alumnas de colexios de Abadín, Baleira, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Pol ou Vilalba, ademais da Pastoriza, no marco de actividades organizadas por escolas deportivas, clubs e anpas.

A vicepresidenta da Deputación visitou o recinto acompañada pola tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, que agradeceu “a colaboración económica da Deputación para afrontar os gastos que conleva o mantemento deste servizo que entendemos non só como un centro deportivo senón tamén como un centro onde coidar da saúde e socializar” e lamentou que “ a Xunta de Galicia non colabore no financiamento do servizo, do que fan uso persoas de toda a comarca”.

A vicepresidenta remarcou na repercusión do centro en toda a comarca, “ofrecendo aos veciños e veciñas deses concellos un equipamento que amplía as posibilidades de facer deporte e actividade física a persoas de todas as idades” e incidiu na demanda “de colaboración da administración autonómica para que as persoas do rural dispoñan dos mesmos servizos e oportunidades que as persoas que viven nas cidades”.

A Deputación de Lugo ven colaborando no mantemento das instalacións desde a súa inauguración en 2019, con achegas que se completan coa aportación do concello e coas cuotas de usuarias e usuarios.

Os socialistas de Abadín piden solventar os problemas de recepción do sinal de TV

O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz avanzou hoxe que rexistrou unha moción no Concello para demandar ao Goberno de Rancaño que adopte as medidas necesarias para solventar os problemas co sinal do tv en todo o concello.

Así o expuxo tras escoitar as demandas da veciñanza. “Levamos máis de dúas semanas recibindo queixas da veciñanza sobre a mala recepción do sinal da tv nos fogares de Abadín. Incluso algún veciño esta costeando do seu propio peto os custes da renovación do cambio de antena, pero lamentablemente o problema segue sen solucionarse”, advirten os socialistas.

Pablo Díaz replica que o Grupo Socialista de Abadín ven denunciando esta situación dende xaneiro de 2020. “É unha vez máis a realidade é teimuda, e agora comprobamos que volve a darnos a razón. Por iso preguntámonos que fixo o  Goberno do PP de Rancaño para mellorar esta situación durante 2 anos?. A resposta é sinxela, absolutamente nada”, denuncian.

“Por iso, dende aquí emprazamos ao Alcalde a que tome cartas no asunto e se achegue aos fogares das nosas parroquias para coñecer de preto os seus problemas e as súas demandas, como neste caso co sinal de televisión”. E proseguen coas súas criticas, “pasear no coche oficial do Concello non chega para exercer de Alcalde, quen asume este cargo tamén ten que traballar polo Concello e para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, insisten os socialistas.

Ángeles Vázquez reivindicou o papel das mulleres na loita contra o cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reivindicou esta mañá o papel e contribución das mulleres na loita contra o cambio climático, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que este ano leva por lema internacional ‘Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible’, que compartiu cos alumnos de Primaria do CEIP Paradai da cidade de Lugo.

Explicou que a loita contra o cambio climático e a igualdade de xénero non entende de idades e todos e cada un dos xestos, de persoas maiores e pequenas, suman no reto de acadar o necesario equilibrio entre homes e mulleres e o imprescindible respecto polo medio ambiente.

A conselleira indicoulles que cada 8 de marzo representa unha data significativa para recordar o obxectivo fixado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) -acadar a igualdade de oportunidades e que todas as persoas gocemos dos mesmos dereitos e liberdades-, pero a presente edición é -se cabe- máis especial como conselleira de Medio Ambiente, porque pon o foco na sostibilidade.

Nese sentido, destacou que días como o de hoxe veñen a poñer de manifesto o papel relevante das mulleres galegas en todas aquelas medidas e accións que garantan o futuro de Galicia e do patrimonio natural.

Ángeles Vázquez puxo como exemplo o traballo do CEIP Paradai coa rapazada, para que os herdeiros do planeta “tomen conciencia de que o medio ambiente non é algo illado”, e felicitou ao equipo docente por integralo en todas as materias. Ao mesmo tempo, indicou – especialmente ás alumnas- que con esforzo e dedicación poden acadar as metas e obxectivos que se propoñan e, como futuras xeracións que son, “convértense desde xa” en parte da solución a cuestións relacionadas co urbanismo responsable, a protección da paisaxe ou o acceso á vivenda.

limpeza desfinfección contenedores

Adxudicado o servizo de limpeza e recollida de lixo

O Goberno local do Concello de Lugo aprobará na Xunta de Goberno Local de mañá a adxudicación do novo servizo de recollida de residuos urbanos, da limpeza viaria e da xestión do Punto Limpo no municipio “que renovará na súa totalidade ao actual, licitado en 1996, e que situará a Lugo na vangarda e como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade”, avanzou a rexedora.

A adxudicación do novo contrato prodúcese logo de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGAL) resolvera os recursos presentados polas empresas Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares e Ascan Servicios Urbanos contra a exclusión das súas ofertas, levantando asemade a suspensión dun proceso que comezou en xullo de 2020, e ao que concorreron, en total oito, empresas.

Durante este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas empresas que ían resultando excluídas. Finalmente, o Tribunal resolveu as últimas reclamacións e deulle a razón aos informes do Concello de Lugo nun proceso “que foi e está sendo totalmente garantista”, lembrou a rexedora.

A mesa de contratación, por unanimidade dos seus membros, acordou, logo de valorar as empresas que chegaron coa mellor puntuación ao final do procedemento, propoñer á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building como a adxudicataria por presentar a oferta máis vantaxosa para os intereses municipais. Así, a oferta presentada pola adxudicataria suporá un investimento total de 117.945.250 euros.

O novo contrato terá unha duración de dez anos improrrogable. Na súa elaboración tivéronse en conta, entre outros criterios, o crecemento do municipio e as súas novas esixencias, pero tamén o seu crecemento na vindeira década, así como as características dos distintos barrios e parroquias, os hábitos de consumo da veciñanza e o modelo de cidade sostible.

Deste xeito, o servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas.

Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Unha vez formalizada a firma do contrato comezará a funcionar a todos os efectos, aínda que a concesionaria contará cun prazo máximo de 8 meses para a adquisición da nova maquinaria

O Concello fai entrega dos premios ‘Entre Mulleres’ a “grandes referentes na loita pola igualdade”

Adiaratou Iglesias, Neri Regueiro Viñas, Carmen Lence, Dina Pérez Roibás, Carmen Basadre, Pilar Martínez Conde ‘Pilocha’, Patrocinio Morrondo e o colectivo de Enfermería foron as galardoadas nos premios Entre Mulleres 2022 que o Concello de Lugo organiza en recoñecemento a mulleres e colectivos lucenses que destacaron na loita feminista lembrando que, ao longa da historia, superáronse innumerables barreiras grazas a mulleres que a rexedora de Lugo, cualificou como “pioneiras” e “referentes na loita pola igualdade”.

Precisamente, a alcaldesa lucense xunto á concelleira de Muller e Igualdade foron quen presidiron hoxe o acto de entrega destes premios. A rexedora, que tivo nada máis empezar unha especial mención ás mulleres e nenas ucraínas, lamentou que aínda persistan “distintos obstáculos e inxustizas que sofren as mulleres, sendo a peor delas, “a violencia machista”.

Os premios Entre Mulleres son concedidos polo Concello de Lugo dentro dos actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Neste 2022, recaeron na exedil do Concello de Lugo, Carmen Basadre, a deportista Adiaratou Iglesias; ao Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo; Neri Regueiro Viñas, membro da asociación cultural Bolboreta Fiandeira e promotora da formación de grupo de pandereteiras – cantareiras; Dina Pérez Roibas, que foi directiva da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e da Federación de Empresarias de Galicia; Pilar Martínez Conde, “Pilocha”, Carmen Lence e a catedrática de Parasitoloxía Animal da USC, Patrocinio Morrondo.

Carmen Lence e Adia Adiaratou non pudieron recoller o galardón; a primeira mandou un video cunhas palabras de agradecemento, e no segundo, foi a nai da deportista quen o recolleu no seu nome.

As galardoadas

O primeiro galardón foi para Adiaratou Iglesias, un raio dourado, como así a definiron logo das súas xestas nos xogos paralímpicos que este pasado verán se celebraron na capital de Xapón. Unha deportista lucense que non precisa presentación. En 2021 proclamouse bicampioa de Europa en 100 e 400 metros T13, reafirmándose, no tartán do Estadio Olímpico de Tokio, como unha das mellores deportistas españolas, capaz de superar en cada competición as súas marcas persoais.

Nun ano no que as pandereteiras colleron especial notoriedade e coa vontade de difundir a importancia de preservar a cultura tradicional e de poñer en valor esta figura como transmisoras da nosa tradición oral, dun xeito tan singular como universal, o Concello de Lugo concede o Premio Entre Mulleres a Neri Regueiro Viñas, promotora da formación de grupos de pandereteiras e cantareiras – dentro do movemento asociativo – e integrante da Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira.

Carmen Lence. Unha muller que tomou as rendas do grupo lácteo fundado polo seu pai, converténdose nunha empresaria referente en todo o país, nun sector especialmente vencellado ao rural do que é plena defensora, apostando decididamente polo seu desenvolvemento. Foi un tempo de readaptación na súa vida persoal que soubo superar a pesar das dificultades que trouxo consigo a pandemia, tamén no seu sector, fortemente afectado polo peche da hostalería.

Feminista dende moi nova, cando o feminismo aínda non tiña o recoñecemento social do que goza hoxe en día, Dina Pérez Roibás dirixiu varios negocios e traballou, especialmente, para que as mulleres empresarias tiveran maior recoñecemento dentro da esfera económica e social. Promovendo o dinamismo das entidades nas que colaborou e, como no caso da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo ou da Federación de Empresarias de Galicia, exercendo tamén postos directivos.

Pioneira, coa posta en marcha destes premios pero tamén do Departamento de Muller na Unión Comarcal de Lugo – UXT, nos 20 anos que lle dedicou á política municipal, Carmen Basadre foi concelleira de Muller, Servizos Sociais, Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua. Áreas, todas elas, ás que aplicou a súa creatividade e carisma e nas que a súa sensibilidade persoal e o seu espírito feminista nutriron as accións que impulsou na procura de ir eliminando barreiras de xénero pero tamén físicas e sociais.

A seguinte galardoada marcou toda unha época en Galicia con cancións como O sancristán de Coimbra ou O Alecrín. Foi en 1978 cando Pilar Martínez Conde publicou o seu primeiro traballo discográfico Pilocha, que máis de 40 anos despois permanece aínda na memoria colectiva. Logo dunha dilatada traxectoria profesional que aproveitou, durante as súas xiras, para espallar a cultura galega por Europa e América, dende o ano 2007 exerce como profesora de canto no Centro de Música de Fingoi.

Doutora en Ciencias Biolóxicas e Licenciada en Veterinaria, Patrocinio Morrondo é Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Académica Numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia e membro do Comité Asesor de Infraestruturas Singulares do Ministerio. Patrocinio foi a primeira muller da Facultade de Veterinaria que obtivo unha cátedra I+D+I, no seu caso, en Sanidade Animal. Participou en 30 proxectos nacionais ou autonómicos, en 10 deles como investigadora principal, e dirixiu 24 teses doutorais.

Premio á entidade que representa a un dos colectivos profesionais máis altamente feminizados: a Enfermaría, na que ao redor do 85% das persoas que a exercen son mulleres, provocando que tiveran que romper moitos teitos de cristal. Un sector que amosou, se cabe con maior vocación e esmero que nunca, a súa valía, desenvolvendo un papel esencial durante a crise sanitaria. Un agradecemento ao seu labor que tivo reflexo na escultura instalada na Praza do Ferrol nunha homenaxe que hoxe, o Concello, quere completar co outorgamento deste premio.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com