" />

O Concello fai entrega dos premios ‘Entre Mulleres’ a “grandes referentes na loita pola igualdade”

Adiaratou Iglesias, Neri Regueiro Viñas, Carmen Lence, Dina Pérez Roibás, Carmen Basadre, Pilar Martínez Conde ‘Pilocha’, Patrocinio Morrondo e o colectivo de Enfermería foron as galardoadas nos premios Entre Mulleres 2022 que o Concello de Lugo organiza en recoñecemento a mulleres e colectivos lucenses que destacaron na loita feminista lembrando que, ao longa da historia, superáronse innumerables barreiras grazas a mulleres que a rexedora de Lugo, cualificou como “pioneiras” e “referentes na loita pola igualdade”.

Precisamente, a alcaldesa lucense xunto á concelleira de Muller e Igualdade foron quen presidiron hoxe o acto de entrega destes premios. A rexedora, que tivo nada máis empezar unha especial mención ás mulleres e nenas ucraínas, lamentou que aínda persistan “distintos obstáculos e inxustizas que sofren as mulleres, sendo a peor delas, “a violencia machista”.

Os premios Entre Mulleres son concedidos polo Concello de Lugo dentro dos actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Neste 2022, recaeron na exedil do Concello de Lugo, Carmen Basadre, a deportista Adiaratou Iglesias; ao Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo; Neri Regueiro Viñas, membro da asociación cultural Bolboreta Fiandeira e promotora da formación de grupo de pandereteiras – cantareiras; Dina Pérez Roibas, que foi directiva da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e da Federación de Empresarias de Galicia; Pilar Martínez Conde, “Pilocha”, Carmen Lence e a catedrática de Parasitoloxía Animal da USC, Patrocinio Morrondo.

Carmen Lence e Adia Adiaratou non pudieron recoller o galardón; a primeira mandou un video cunhas palabras de agradecemento, e no segundo, foi a nai da deportista quen o recolleu no seu nome.

As galardoadas

O primeiro galardón foi para Adiaratou Iglesias, un raio dourado, como así a definiron logo das súas xestas nos xogos paralímpicos que este pasado verán se celebraron na capital de Xapón. Unha deportista lucense que non precisa presentación. En 2021 proclamouse bicampioa de Europa en 100 e 400 metros T13, reafirmándose, no tartán do Estadio Olímpico de Tokio, como unha das mellores deportistas españolas, capaz de superar en cada competición as súas marcas persoais.

Nun ano no que as pandereteiras colleron especial notoriedade e coa vontade de difundir a importancia de preservar a cultura tradicional e de poñer en valor esta figura como transmisoras da nosa tradición oral, dun xeito tan singular como universal, o Concello de Lugo concede o Premio Entre Mulleres a Neri Regueiro Viñas, promotora da formación de grupos de pandereteiras e cantareiras – dentro do movemento asociativo – e integrante da Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira.

Carmen Lence. Unha muller que tomou as rendas do grupo lácteo fundado polo seu pai, converténdose nunha empresaria referente en todo o país, nun sector especialmente vencellado ao rural do que é plena defensora, apostando decididamente polo seu desenvolvemento. Foi un tempo de readaptación na súa vida persoal que soubo superar a pesar das dificultades que trouxo consigo a pandemia, tamén no seu sector, fortemente afectado polo peche da hostalería.

Feminista dende moi nova, cando o feminismo aínda non tiña o recoñecemento social do que goza hoxe en día, Dina Pérez Roibás dirixiu varios negocios e traballou, especialmente, para que as mulleres empresarias tiveran maior recoñecemento dentro da esfera económica e social. Promovendo o dinamismo das entidades nas que colaborou e, como no caso da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo ou da Federación de Empresarias de Galicia, exercendo tamén postos directivos.

Pioneira, coa posta en marcha destes premios pero tamén do Departamento de Muller na Unión Comarcal de Lugo – UXT, nos 20 anos que lle dedicou á política municipal, Carmen Basadre foi concelleira de Muller, Servizos Sociais, Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua. Áreas, todas elas, ás que aplicou a súa creatividade e carisma e nas que a súa sensibilidade persoal e o seu espírito feminista nutriron as accións que impulsou na procura de ir eliminando barreiras de xénero pero tamén físicas e sociais.

A seguinte galardoada marcou toda unha época en Galicia con cancións como O sancristán de Coimbra ou O Alecrín. Foi en 1978 cando Pilar Martínez Conde publicou o seu primeiro traballo discográfico Pilocha, que máis de 40 anos despois permanece aínda na memoria colectiva. Logo dunha dilatada traxectoria profesional que aproveitou, durante as súas xiras, para espallar a cultura galega por Europa e América, dende o ano 2007 exerce como profesora de canto no Centro de Música de Fingoi.

Doutora en Ciencias Biolóxicas e Licenciada en Veterinaria, Patrocinio Morrondo é Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Académica Numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia e membro do Comité Asesor de Infraestruturas Singulares do Ministerio. Patrocinio foi a primeira muller da Facultade de Veterinaria que obtivo unha cátedra I+D+I, no seu caso, en Sanidade Animal. Participou en 30 proxectos nacionais ou autonómicos, en 10 deles como investigadora principal, e dirixiu 24 teses doutorais.

Premio á entidade que representa a un dos colectivos profesionais máis altamente feminizados: a Enfermaría, na que ao redor do 85% das persoas que a exercen son mulleres, provocando que tiveran que romper moitos teitos de cristal. Un sector que amosou, se cabe con maior vocación e esmero que nunca, a súa valía, desenvolvendo un papel esencial durante a crise sanitaria. Un agradecemento ao seu labor que tivo reflexo na escultura instalada na Praza do Ferrol nunha homenaxe que hoxe, o Concello, quere completar co outorgamento deste premio.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo