Novas

A federación veciñal non acepta a nova concesión do aparcamento do HULA

A Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo, vén de comunicar que non acepta as formulacións da Conselleria de Sanidade na prevista licitación para o novo contrato de concesión do Aparcamento do HULA, onde a rebaixa aplicada non esta a o nivel do solicitado pola Federación Provincial e que no caso de Lugo, segundo a opinión da federación, “as tarifas deben de ser totalmente diferentes ao resto de Galicia, porque os terreos para a construción foron achegados polos veciños a través do Concello”.

O colectivo veciñal, valora positivamente a eliminación do mantemento de zonas verdes dese contrato, “xa que alixeiran substancialmente os custos de explotación”, pero manteñen as demandas efectuadas en numerosas ocasións ante as distintas institucións. “Non podemos nin imos aceptar os plans que están a contemplar”, explican dende a Federación.

Segundo explican os veciños, a xestión debe de ser encargada a un ente social ou ONG, sen ánimo de lucro, e que empregue a persoas con algún tipo de diversidade funcional. O custo por hora, segundo o colectivo, debe de “axustarse ao máximo” ao seu custo de explotación, “non superar en ningún caso os 60 cts. por hora e sendo gratuíta a primeira hora”.

A Federación veciñal explica que  Lugo “ten que dispoñer dunha tarifa totalmente diferenciada do resto de Galicia”,
dado que o Sergas recibiu de forma gratuíta por parte do Concello de Lugo os terreos para a construción do Hula, mentres no resto dos Hospitais o Sergas tivo que afrontar o custo por compra dos terreos.

Asemade, insisten en que por cada enfermo ingresado dispóñase dunha praza de aparcadoiro gratuíto durante o tempo de ingreso así como que os prezos finais do uso do aparcadoiro “teñan unha bonificación do 50 % as fins de semana e festivos”. “Rebáixense os bonos tanto os de curta duración como os de longa, proporcionalmente, xa que nos parecen igualmente excesivos, ao Hula non se vai a facer turismo”, conclúen.

Ferido de consideración tras un golpe na cabeza cunha póla en Samos

Un mozo sufriu feridas de consideración esta tarde en Samos ao levar un golpe na cabeza cunha póla.

Sucedeu no lugar de Teibilde, uns minutos despois das dúas.

Unha persoa particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia a esa hora e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado para atender ao mozo ferido.

José Antonio Mourelle Cillero, novo secretario xeral da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres o acto no que José Antonio Mourelle Cillero asumiu as funcións do posto de Secretaría Xeral da Deputación de Lugo. Un acto celebrado na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos ante a presenza da Vicepresidenta provincial, Maite Ferreiro, dos voceiros e voceiras dos grupos da Corporación provincial, deputados e deputadas do Goberno, traballadores e traballadoras da institución provincial, e a nai e o irmán do funcionario.

O mandatario provincial puxo en valor o traballo realizado por José Antonio Mourelle Cillero nas distintas responsabilidades desempeñadas ao longo da súa carreira profesional na institución provincial e desexoulle éxitos no seu novo cometido, “o que redundará en beneficio dos veciños e veciñas da provincia”.

Pola súa banda, Mourelle Cillero expresou o seu agradecemento a todos os seus compañeiros e compañeiras pola colaboración que lle prestaron e igualmente ao Presidente da Deputación  pola confianza que sempre depositou nel, “incluso nos momentos mais difíciles”.

José Antonio Mourelle Cillero é Doutor en Dereito, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e máster en Administración Pública e en Recursos Humanos. Pertence ao corpo de técnicos superiores de Administración Local, letrado consistorial do Concello de Lugo e funcionario con habilitación de carácter nacional. Xa desempeñou o posto de Secretario Xeral da Deputación na etapa de Jose Ramón Gómez Besteiro como Presidente, posto ao que renunciou coincidindo coa súa marcha. Na actualidade desempeñaba o posto de Secretario Xeral Adxunto da Deputación de Lugo.

A Secretaría Xeral é un dos departamentos de maior responsabilidade na administración local xunto con Intervención, o órgano de control económico, e chave para o funcionamento cotián da Deputación. Dende esta área dáse o asesoramento legal sobre procedementos administrativos e o exercicio da fe pública na institución provincial, é a encargada de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.

David Taboada inicia o Entroido de Lugo 2022

Comeza o Entroido 2022 na capital lucense co pregón do músico local David Taboada, que por primeira vez se celebrou na praza Maior, facilitando a asistencia de toda a veciñanza. O acto contou coa animación musical previa do grupo Condensadores de Fluzo, que deron paso ao pregoeiro, que realizou a súa intervención a través dun vídeo, ao atoparse confinado por dar positivo en COVID. A xornada continuou coa animación musical da charanga Unión Phenosa.

O sábado 26 a animación comezará a partir das 12:30, coa actuación da Tambukada, que continuará ás 14:00, ambas actuacións pola zona centro.  A partir das 17:00, terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Kote Malabar, e a partir das 20:30, a charanga Asociación Amigos da Terra Chá.

O domingo 27 a praza Maior contará coa gala de circo de Entroido Introitus, interpretada por Culturactiva.

O luns 28, a compañía de teatro Down Lugo e Cía realizará o seu espectáculo Ti te me deixas querer? no fondo da praza Maior ás 19:00, e a partir das 20:30 a charanga OT animará as rúas do centro da cidade.

O martes 1 de marzo a partir das 12:30 sairá da praza Maior o espectáculo itinerante Pakonstein, a cargo da compañía Discípulos de Morales. Pola tarde terá lugar o concurso de disfraces en categoría adulta, a partir das 17:00 na praza Maior, e ás 18:30 a charanga Paradela realizará animación de rúa polo centro da cidade.

As actividades do Entroido rematarán o venres 4 co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.

O Concello facilitará aparcadoiro aos veciños afectados polas obras da Mosqueira

Membros do Goberno local reuníronse hoxe cos veciños afectados polas obras de peonalización da Mosqueira logo de que chegara ao Concello unha petición da veciñanza deste barrio. 

En total, ao redor dunha vintena de persoas que, debido aos traballos de peonalización da vía que se desenvolven actualmente, tardarán varias semanas en poder acceder cos seus vehículos a estes inmobles. Así, Lara Méndez ofreceulles unha alternativa de estacionamento mentres non finalicen os labores e perduren as restricións na circulación.

Somos conscientes da importancia que terá esta actuación para a cidade no seu conxunto, en tanto reverterá nunha tripla vertente: medioambiental, paisaxística e de protección ao patrimonio pero fundamentalmente para a mobilidade pola zona. Porén queremos buscar solucións ás limitacións que estes traballos están a ocasionar ás familias que residen na rúa e que, durante todo este tempo, non poderán empregar as prazas de aparcamento dos seus edificios coas conseguintes molestias que iso supón”, afirmou a rexedora lucense.

A alcaldesa explicoulles hoxe que, “ao tratase dunha situación excepcional”, pola duración das tarefas e debido á imposibilidade de empregar os garaxes mentres tanto, o Concello lles facilitará que poidan deixar os seus coches nos aparcamentos municipais, de forma temporal, ata que se poida restablecer o tráfico rodado neste treito da Rolda da Muralla.

Unha medida que as e os beneficiarios agradeceron e cualificaron moi positivamente e que a alcaldesa enmarcou “na relación de diálogo permanente que mantemos coa cidadanía lucense en todos os barrios da cidade, para interesarnos pola súa situación e tratar de atender sempre as demandas e necesidades que nos trasladan”, concluíu a rexedora.

67 desfibriladores novos convirten a Lugo na cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular

O Concello de Lugo comezou hoxe coa instalación de 67 novos desfibriladores semiautomáticos en diversos puntos e edificios do municipio dentro do programa Lugo con Corazón. Unha iniciativa que a rexedora cualificou hoxe de “moi importante” xa que cre fundamental investir en salvar vidas.

“Queremos revertes as cifras actuais de falecementos por parada cardíaca en Lugo”, así o remarcou a rexedora da Capital esta mañá nunha rolda de prensa no edificio de servizos administrativos do Concello onde os ténicos instalaron o primeiro desta serie de desfibriladores novos que se porán en servizo tanto en zonas urbanas como no rural. Así, segundo sostivo a alcaldesa, Lugo rexistra 250 paradas ao ano e só o 20% das persoas que os sofren chegan con vida ao hospital debido á tardanza na atención.

Dos 67 desfibriladores que se colocarán, 47 serán en dependencias municipais da zona urbana e rural, dez en zonas exteriores como prazas públicas e parques, e outros dez para os vehículos da Policía e outros servizos de emerxencia, que tamén poderán ser solicitados de xeito puntual polos colectivos e entidades da cidade.

E é que malia que non é obrigatoria a instalación destes dispositivos, o Concello cre de “especial importancia” este investimento dado que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 e o 75%.

A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Olga López; de Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA; do presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, e do presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez.

Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, lembrou que no Estado se dan 50.000 paradas cardíacas ao día, das que 30.000 se producen fóra do ámbito hospitalario e, desas 1 de cada 3 é nun lugar público, “polo que hai que felicitar esta iniciativa do Concello de Lugo, que é transcendental para iniciar esa cadea de supervivencia”.

Juanatey destacou que co programa Lugo con Corazón, o municipio triplicará o cociente español do número de desfibriladores por habitante. Lembrou, así mesmo, que as paradas que se producen na rúa son presenciadas na maioría dos casos pola cidadanía, “por iso é tan importante  formar e concienciar á poboación”.

“Dende o Goberno Local  consideramos importante non só que haxa desfibriladores en espazos de traballo, educación, deporte e lecer, senón tamén a formación, tanto a do persoal municipal coma a de toda a sociedade, para o seu correcto uso e poder axudar de forma eficaz a salvar unha vida”, avanzou a alcaldesa, que explicou que os cursos que se levarán a cabo sobre manexo de desfibriladores para a cidadanía serán impartidos pola Cruz Vermella.

O presidente da Cruz Vermella,  Luis Abelleira, explicou que os cursos, dos que o Concello de Lugo informará proximamente, se desenvolverán en colaboración coa Federación de Veciños para chegar a canta máis poboación mellor.

O Campionato Galego de Campo a Través de Lourenzá confirma a recuperación do Xogade

A pasada fin de semana tivo lugar en Lourenzá (Lugo) o Campionato Galego Xogade de Campo a Través 2021-2022 que contou coa participación de medio milleiro de nenos clasificados nas fases provinciais celebradas a fin de semana do 12 e 13 febreiro na Pobra do Caramiñal (A Coruña), Vilalba (Lugo), Ribadavia (Ourense) e Portas (Pontevedra). En total, os participantes nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete representaron a 80 clubs, entidades e centros educativos galegos que, segundo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, “traballan día tras día polo deporte base de Galicia e son os cimentos sobre os que se asentan os éxitos dos atletas galegos que esta fin de semana poderemos ver no absoluto de atletismo en Ourense”.

Do mesmo xeito, Lete Lasa desexou “a maior das sortes” aos clasificados para o campionato de España de campo a través CESA que terá lugar o vindeiro 13 de marzo en Xetafe (Madrid) e amosou o seu convencemento de que “os galegos participantes deixarán o pavillón de Galicia ben alto”.

O mandatario galego destacou tamén o excelente comportamento dos rapaces e as rapazas galegos e galegas que tras dous anos de pandemia, “souberon manter os seus hábitos deportivos cumprindo con todos os protocolos e instrucións de hixiene e seguridade”. Particularmente, o Xogade adaptouse ao novo escenario seguindo as pautas do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO e, no caso do Galego de Campo a Través, a categoría cadete exixe o certificado de vacinación Covid, un test de antíxenos ou PCR negativa cunha antelación máxima de 72 horas ou o certificado médico conforme se superou a infección por Covid. Para o resto de categorías, as saídas producíronse en quendas de ata 20 participantes, cada 20 segundos, con máscara e respectando a distancia de seguridade.

Neste sentido, Lete Lasa salientou que as cifras de nenos e nenas galegos mutualizados no Programa Xogade xa se atopa practicamente nos rexistros pre-pandemia, cando se chegaron a contabilizar 128.622 inscritos e avogou pola superación destes números de cara a vindeira tempada. O secretario xeral para o Deporte apuntou cara unha recuperación similar nos datos das licenzas deportivas que comezan a achegarse aos 275.000 federados en 2019 e salientou algúns exemplos como fútbol ou baloncesto, que con 92.304 e 14.478 licenzas respectivamente xa contan con máis fichas que antes da pandemia.

Fin de semana de Entroido na Pontenova: concurso online de disfraces, tapeo e Entroido infantil

Esta fin de semana o Entroido chega ao concello da Pontenova con múltiples actividades, que abarcan desde un concurso online de disfraces, ruta de tapas por todos os bares do pobo e o tradicional Entroido infantil.

No referente ao concurso de disfraces, existen dúas categorías: individual e grupal, coas súas respectivas subcategorías infantil e adultos; polo que pode participar toda a familia. Ademais, poderán acceder a diversos premios que ofrece A Tirolina das Minas, que van dende bonos para 2 persoas para lanzarse na tirolina, descensos a Mina Consuelo ou lances na tirolina infantil. Todo aquel que desexe participar pode facelo a través de https://turismoapontenova.es/entroido/

En canto á ruta de tapas, levarase a cabo o sábado, a partir das 20:00 horas en todos os bares do pobo. Tamén contará cun sorteo de cestas de Entroido para aquelas persoas que asistan disfrazadas.

Por último, o domingo, será o turno do Entroido infantil, ás 17:00 horas no pavillón municipal Tito Margaride. Haberá xogos, música, baile, taller de máscaras, etc. En definitiva, unha fin de semana para gozar desta festa tan tradicional, en familia; e dunha forma na que non foi posible durante os dous últimos anos debido á pandemia.

Vilalba Aberta levará a pleno a apertura da pista que une Aldea e Penarredonda en Belesar

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita á de Belesar, a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa – a debater no vindeiro Pleno de Marzo – coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus veciños/as, pola vía da apertura da pista que une os barrios de Aldea e Penarredonda.

O tramo a habilitar (arredor de 900m) está actualmente inservible para o tráfico rodado, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha notable mellora das comunicacións nunha das parroquias máis grandes do Concello en termos de extensión.

Para o seu voceiro municipal, Modesto Renda, a apertura deste vial daríalle “un grande servizo á parroquia”, pois suporía un “atallo que evitaría moitas voltas tanto aos residentes dos barrios que uniría, como á veciñanza que ten explotacións e fincas pola zona”.

Renda, que definiu a iniciativa como “unha proposta de sentido común”, apelou directamente ao deixamento de funcións do goberno, lembrando o “limitado da inversión” e o “baixo custe” que, para as arcas municipais, suporían os traballos de compactado de zahorra.

É por isto que, ao tempo que agradeceu a confianza dos veciños/as de Belesar no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, chamou ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a facer posible “unha reivindicación” que debera ser realidade “na presente anualidade”.

Lugo Monumental consegue que a Xunta asegure o mantemento das liñas de bus interurbano no centro da cidade

Na tarde de onte tivo lugar unha reunión entre a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o Director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias con representantes de Lugo Monumental (o seu presidente, Luís Latorre e as directivas Andrea Martínez e Antonia Iglesias). O tema era o futuro dos autobuses interurbanos na cidade de Lugo e a preocupación da Asociación polo traslado da estación á futura Intermodal.

En primeiro lugar queremos agradecer á Xunta de Galicia, e particularmente á Conselleira, que accedesen a unha reunión a tan alto nivel tendo en cuenta que Lugo Monumental é unha asociación de barrio. Foi unha reunión moi positiva cun ambiente moi construtivo e cremos que se trataron temas importantes e que se chegou a puntos de  encontro favorables para todos.

Desde a Asociación expuxéronse os argumentos que levan anos defendendo, como o de magnífica localización da actual estación para os seus usuarios, a súa inmellorable accesibilidade, o feito de que segundo os propios datos da Xunta de Galicia os seus usuarios acoden maioritariamente andando a ela…

Por parte da administración autonómica, a Conselleira trasladou á Asociación que nunca estivo nos plans da Xunta retirar o servizo de autobuses interurbanos da súa localización, senón simplemente trasladar as dársenas onde se estacionan os buses á contorna da estación de tren pero mantendo a parada actual.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com