" />

José Antonio Mourelle Cillero, novo secretario xeral da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres o acto no que José Antonio Mourelle Cillero asumiu as funcións do posto de Secretaría Xeral da Deputación de Lugo. Un acto celebrado na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos ante a presenza da Vicepresidenta provincial, Maite Ferreiro, dos voceiros e voceiras dos grupos da Corporación provincial, deputados e deputadas do Goberno, traballadores e traballadoras da institución provincial, e a nai e o irmán do funcionario.

O mandatario provincial puxo en valor o traballo realizado por José Antonio Mourelle Cillero nas distintas responsabilidades desempeñadas ao longo da súa carreira profesional na institución provincial e desexoulle éxitos no seu novo cometido, “o que redundará en beneficio dos veciños e veciñas da provincia”.

Pola súa banda, Mourelle Cillero expresou o seu agradecemento a todos os seus compañeiros e compañeiras pola colaboración que lle prestaron e igualmente ao Presidente da Deputación  pola confianza que sempre depositou nel, “incluso nos momentos mais difíciles”.

José Antonio Mourelle Cillero é Doutor en Dereito, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e máster en Administración Pública e en Recursos Humanos. Pertence ao corpo de técnicos superiores de Administración Local, letrado consistorial do Concello de Lugo e funcionario con habilitación de carácter nacional. Xa desempeñou o posto de Secretario Xeral da Deputación na etapa de Jose Ramón Gómez Besteiro como Presidente, posto ao que renunciou coincidindo coa súa marcha. Na actualidade desempeñaba o posto de Secretario Xeral Adxunto da Deputación de Lugo.

A Secretaría Xeral é un dos departamentos de maior responsabilidade na administración local xunto con Intervención, o órgano de control económico, e chave para o funcionamento cotián da Deputación. Dende esta área dáse o asesoramento legal sobre procedementos administrativos e o exercicio da fe pública na institución provincial, é a encargada de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo