Novas

A Garda Civil crea o ‘Equipo @’, para loitar contra a ciberdelincuencia

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe a entrada en servizo na provincia do Equipo @, un grupo da Garda Civil especializado na loita contra a ciberdelincuencia. Foi durante unha visita que efectuou esta mañá, na que estivo acompañada polo comandante xefe da Comandancia da Garda Civil, Carlos Barcelo.

Isabel Rodríguez explicou que a creación do Equipo @ supón un reforzo na persecución dos ciberdelitos na provincia e advertiu aos cidadáns, especialmente nestas datas de Nadal nas que aumentan considerablemente as compras, da necesidade de utilizar só canles seguros e protexer sempre tanto a información bancaria como os contrasinais e outros datos persoais.

A subdelegada indicou que a entrada en servizo do Equipo @ da Garda Civil é un importante paso que dá o Ministerio do Interior na loita pola seguridade no ciberespacio, xa que a ciberdelincuencia medra ao mesmo tempo que o fai o uso das novas tecnoloxías, a través das cales temos facilidades para facer todo tipo de compras, trámites, operacións bancarias ou mesmo solicitude de citas médicas.

Rodríguez indicou que nos dez primeiros meses do ano, de xaneiro a outubro, a cibercriminalidade aumentou na provincia no ámbito da Garda Civil un 43,30%, xa que se rexistraron 509 delitos deste tipo mentres que no mesmo período do ano 2020 foran 379 e advertiu de que máis da metade, o 59,6% foron estafas con tarxeta de crédito.

O Equipo @ da Garda Civil de Lugo conta na actualidade con tres efectivos, que ampliará nun axente máis en breve.  Os seus membros están especializados na loita contra a ciberdelincuencia, en particular, nas estafas a través da rede, que constitúen un dos principais problemas neste tempo.

Estes equipos, que veñen ser unha ciberpolicía de proximidade, foron creados para dar apoio aos postos da Garda Civil, proporcionándolles unha resposta especializada a este tipo de delitos e traspasan a responsabilidade ás unidades da Policía Xudicial cando o require a entidade ou complexidade dos delitos que se investigan.

Entre as funcións que desenvolve este equipo figuran o asesoramento aos membros do Corpo das unidades territoriais que reciban denuncias por ciberdelito, proporcionar atención a cidadáns e empresas sobre todo o relacionado coa ciberdelincuencia, especificamente coas estafas na rede e apoiar ao Equipo de Delitos Informáticos e Tecnolóxicos de Policía Xudicial.

A Unidade ten a súa sede na Comandancia da Garda Civil de Lugo e leva traballando desde hai varias semanas en distintas operacións nas que foron vítimas cidadáns de distintos puntos da provincia.

Tomé, o “tahúr” das competencias da Deputación

O reparto competencial entre as distintas administracións públicas en España é moi claro. Están fixadas as competencias propias de cada nivel e tamén en que condicións unha administración pode asumir competencias que non lle son propias. É algo que está claro, ao parecer, en todo o ámbito da administración pública menos, polo que se pode observar pleno tras pleno, para o goberno da Deputación de Lugo. O seu presidente, o socialista José Tomé, co auxilio imprescindible do BNG, levou ao organismo provincial a un estado de cousas en que, segundo el, nada é competencia súa salvo aquelo que lle interesa que o sexa, no momento en que lle interesa; e ao revés, todo entra nas súas competencias ata que lle interesa que deixe de ser así. Se algunha vez tivo sentido a definición que do termo “dilema” se atribúe a Lincoln é con respecto a posición de Tomé no terreo das competencias da Deputación de Lugo: “Un dilema é un político tratando de salvar as súas dúas caras á vez”. O socialista Guerra cualificou a Adolfo Suárez de “tahúr del Misisipi”; hoxe podería dicir algo parecido de Tomé con respecto á súa maneira de enredar coas competencias da Deputación. E, mentres, os deputados nacionalistas aproveitan a conxuntura para inxectar cartos aos seus concellos vía acordos adoptados en xunta de goberno ao mesmo tempo que defenden, diante de quen quere escoitalos, que as deputacións teñen que desaparecer.

Hai exemplos que poñen negro sobre branco o perverso xogo de socialistas e nacionalistas en materia competencial na Deputación. Posiblemente un dos máis ilustrativo sexa o das residencias da terceira idade. É certo que este servizo non é unha competencia propia da Deputación, pero non é menos certo que, a pesar de ser así, foi un goberno provincial presidido por un socialista o que decidiu construír residencias da terceira idade nalgúns municipios de Lugo. Aí está o presidente Tomé metido de cheo no dilema competencial; para máis complicación, con certa periodicidade intenta “colocarlle” as residencias á Xunta, alegando que son materia de súa competencia.

Con frecuencia, o dilema competencial no que se mete soíño o presidente Tomé ten moito que ver coa fuxida cara adiante fronte a probada incapacidade de xestión dos asuntos máis relevantes. Pasou coa falta de reacción da Deputación fronte á pandemia, xa nos primeiros compases, cando se precisaba con urxencia material de protección nos concellos lucenses e a Deputación nin estaba nin se lle esperaba. Pasou despois coa creación de liñas de axuda aos sectores produtivos; outra vez tarde, mal e arrastro, por máis que dende o PP se solicitaran unha e outra vez. Primeiro non era competencia da Deputación, despois, si, e o presidente Tomé andou e anda a “vender” as axudas provinciais.

Cando estaba a punto de acabar o 2021, o PP propuxo ao goberno provincial incrementar as axudas ao sector pesqueiro, especialmente necesarias nestes momento de grandes dificultades para a industria do mar en Lugo. De novo, o goberno que preside Tomé retomou o argumento da incompetencia da Deputación en materia pesqueira. É evidente que tal argumento non se sostén nunha provincia que ten neste sector un dos seus grandes motores económicos. Non é improbable que, á volta de poucas semanas, a Deputación cambie de criterio e mellore (non é nada difícil) o seu apoio económico á pesca; entón, como tantas veces antes, de novo quedará claro que Tomé é a propia definición de dilema: “un político tratando de salvar as súas dúas caras á vez”. Ou, se o prefiren, aquelo que dixo Alfonso Guerra de Suárez e que xa queda dito.


Texto: Javier Castiñeira (Portavoz do PP na Deputación)

A Deputación aproba e asina o convenio que garante a prestación dos GES na provincia

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno e asinou o convenio de colaboración que garante a prestación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) na provincia. A institución provincial ten consignados 784.000€ para este servizo nos Orzamentos do ano 2022 que entran precisamente en vigor este 1 de xaneiro.

Cumpríndose o que propuxo a Deputación de Lugo, este convenio coa Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que mantén as mesmas condicións que o de anos anteriores, terá unha duración dun só ano co obxectivo de buscar e consensuar durante ese tempo entre todas as partes un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e cun sistema de contratación que se adecúe á lexislación vixente. A Deputación asegura que non se trata de poñer en cuestión o servizo, senón de mellorar o sistema de prestación do mesmo.

Polo que respecta ao marco de financiamento, a Deputación de Lugo lembra que as administracións provinciais duplicaron as súas contribucións porcentuais no período 2019-2021, polo que reclaman que o modelo non supoña novos incrementos. Neses anos, a contribución provincial pasou de significar o 20% do orzamento dos GES ata chegar a un 40%, mentres a Xunta reducía a súa participación do 60 ó 52%.

Bandullo Azul presentará aos nenos lucenses ‘Mestre ma non troppo’, mañá no Auditorio

Mestre ma non troppo, a última montaxe da compañía de teatro e clown Bandullo Azul, poderá verse mañá no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, dentro da programación de Nadal do Concello.

A obra, dirixida por Fran Ameixeiras e interpretada por Fran Campos, conta a historia de Mestre, que vive os seus días cunha cadeliña ‘Bequi’ e unha asistenta dixital ‘Nucha’. O protagonista leva anos sen tocar a guitarra e a frustración comeza a xuntarse con outros condimentos fatais que o seu pai foi canalizando sobre Mestre creando un trauma que lle impedirá gozar do que máis ama: a guitarra. Coa axuda das súas compañeiras, terá que loitar contra os seus demos e medos, sempre coa mirada posta na guitarra e as palabras do seu pai resoando na súa cabeza.

Mestre ma non troppo é unha “comedia triste” que xira arredor da “poética do fracaso”. Pequenos, (grandes), traumas que podemos chegar a recoñecer en nos mesmos.  Mestre ma non troppo pretende acompañarnos de volta á casa convidándonos a pensar sobre a nosa propia “actuación” e sobre as nosas metas.

Entre xogos, lembranzas e loitas… a música está moi presente, (algunhas obras tocadas en directo. Fran Campos ademais de pallaso e actor, tamén é guitarrista profesional). En escena inclúense obras de guitarristas e compositores “clásicos” destacados: Francisco Tárrega, Heitor Villa-Lobos, Gáspar Sanz, Jorge Cardoso, Leo Brower, Bach, Vivaldi…

Moitas grazas por todo e agardamos que sexa do voso interese.

Fran Campos

Tellado: “Maroto veu facer propaganda electoral a Galicia como ministra do PSOE e non a defender a industria”

O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, afeou que a visita a Galicia da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, só servise para facer propaganda electoral do Partido Socialista en vez de achegar solucións á crise industrial que sofre a Comunidade.

Así se expresou o dirixente do PPdeG tras a xuntanza de Maroto co secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e con alcaldes e portavoces socialistas da comarca da Mariña lucense para avaliar a situación de Alcoa, cuxa planta en San Cibrao cerrará a súa actividade durante dous anos. “É improcedente que a ministra veña a Galicia para sacarse fotos como ministra do PSOE, en lugar de ser a ministra dun Goberno que debería representar a todos os galegos e, no seu caso en concreto, defender a nosa industria”, manifestou.

“Advertimos hai moito tempo que a falta dun prezo eléctrico competitivo complicaba o futuro de Alcoa en San Cibrao”, dixo Tellado lembrando que a situación actual da industria vén provocada por unha política enerxética do Executivo central totalmente equivocada e que está xerando desmantelamento do tecido empresarial, afectando de maneira especial a Galicia e a determinadas comarcas, como é o caso da Mariña.

“Dende o PPdeG seguiremos apoiando aos traballadores de Alcoa e reclamando a implicación do Goberno e da propia empresa para garantir a reactivación da planta canto antes. Parar a produción de aluminio primario en Galicia durante dous anos é unha noticia nefasta”, asegurou.

Ademais, o secretario xeral referiuse á situación de Vestas -a plantilla aceptou unha conciliación previa ao xuízo contra o ERE-, de cuxos traballadores se esqueceu a ministra Maroto. “Tamén neste caso se botou en falta a implicación do Goberno, que mantivo a súa pasividade para localizar investidores”, engadiu.

Segundo resaltou, a única realidade é que hai tres anos estas empresas non tiñan as complicacións que teñen agora para seguir coa súa actividade, cuestionando que tanto con Alcoa como con Vestas o Executivo de Pedro Sánchez optou pola inacción: “Desentendéronse dos problemas, evitaron facer unha fronte real cos traballadores e a Xunta e non presentaron alternativas para tratar de chegar a solucións, que foi o que reclamamos durante moitos meses”.

Gandeiros Lácteos Unidos denuncia “ameazas” para vender leite a perdas

A plataforma Gandeiros Lácteos Unidos, que unifica a varias asociacións e organizacións de produtores de leite, denuncia que Lactalis segue presionando baixo ameazas aos gandeiros para que incumpran a lei da cadea alimentaria e asinen os contratos para perdidas. Despois da reunión con Lactalis de onte día 30 de decembro noutro intento de negociación de contratos coa OPL do Sur.

Manténdose a OPL en non asinar contratos que non cubran custos de produción como ordena a lei da cadea alimentaria. Para non incumprir por parte dos gandeiros dita lei, ademais tamén de saír prexudicados economicamente ao non cubrir custos co que Lactalis está a ofrecer.

A OPL reiterouse en non asinar por baixo de 0,40 céntimos que se estipula como prezo mínimo para cubrir custos. Despois de non chegar a un acordo que satisfaga a ningún dos dous unha vez concluída, deixando aberta seguir tentando a negociación. Pedindo se é necesario que o ministerio nomee a un mediador como di dita lei.

Lactalis na mesma tarde de onte procedeu a enviar “unha carta ameazante tentado extorsionar” aos gandeiros que representa a OPL do Sur. “Presionando a asinar a dous días de terminar o contrato. Cando mentres hai unha vontade de seguir negociando o contrato, non poden deixar de recoller o leite como di dita lei. Unha mostra máis da prepotencia e seguridade de impunidade que está empresa fai alarde. Saltándose a lei da cadea alimentaria ríndose do ministerio e provocando aos gandeiros”, denuncia a unión dd asociacións.

Un ano de xestas, medallas, futuro e centenario

Remata un ano moi especial para o atletismo galego cunha chea de novas e acontecementos moi importantes.

Entre eles sen dúbida destaca a primeira medalla olímpica lograda polo atletismo galego de mans de Ana Peleteiro cuxo salto de 14.87 m. logrado o día 1 de agosto en Tokio quedará xa enmarcada en lugar preferente na Historia do noso deporte. Si todo elo parecía producto dun fantástico soño, tan só unhas poucas datas despóis escribíase outro dos grandes momentos da nosa historia ao lograr Adi Iglesias a medalla de ouro nos 100 m. e a de prata nos 400 m. nos Xogos Paralímpicos o que representaría a mellor das maneiras posibles de celebrar os 100 anos de constitución da Federación Galega de Atletismo neste 2021.

Paralelamente a estas fantásticas medallas, dous das nosas grandes realidades Adrián Ben e Belén Toimil xunto a Susana Rodríguez e Gustavo Nieves no equipo paralímpico, acudían a esas mesmas citas logo de encabezar os rankings de España tanto nos 800 m. como no concurso de peso respectivamente no que ademáis Belén lograba un marabilloso récord nacional con eses 18.80 m. Mención especial ten a presenza da xuiza Dolores Rojas nestes Xogos Olímpìcos cuxa actuación representan a súa terceira designación olimpica (Atenas, Londres e Tokio).

Non nos esquecemos da gran tempada de Carmela Cardama plasmada nesos resultados e na súa primeira posición no ranking dos 10.000 m. e segunda nos 5.000 m. A súa gran actuación ven acompañada polos excelentes rexistros no concurso de lonxitude na que tanto Jean Marie Okutu como Leticia Gil continuán ocupando postos importantes na súa modalidade, ao igual que Saleta Fernández en altura e a as xavelinistas Lidia Parada e Carmen Sánchez sen esquecer a Tariku Novales nas probas de ruta.

A marcha sigue deparando alegrías ao noso atletismo. Antía Chamosa lograba outro dos grandes momentos da tempada ao acadar o bronce no Campionato de Europa Sub23 de Tallin, destacando tamén neste sector Daniel Chamosa, Carmen Escaríz e Juan Manuel Morales neses postos de honra do raking nacional absoluto.

Non queremos deixar pasar por alto o gran número de atletas que desde as categorías Sub23 ata a Sub14 continúan ca súa gran progresión e evolución, e no que os concursos afianzan a súa importancia no noso deporte. Nomes como Irene Gómez, Marta Neira, Blanca Pereira e Marta Hermida en martelo, Diauo Diallo e Alba Cuns en triplo; Xiana Lago en peso; Antía Otero, Nuno Castro, Ivanna Carolina Román e Paula Piñón en xavelina, comezan e continúan dando alegrías ao noso deporte a nivel nacional e mesmo internacional.

Non menos importante son tamén os numerosos talentos emerxentes nas distintas probas que revitalizan e actualizan modalidades como o caso de Belén García e David Vicente nos valos, Jacobo Soler nos 400 m., ou de Ainhoa Reparaz e Antía Pernas nos 100 m.

O deporte máster tamén tivo no ano 2021 unha destacada actualidade e presencia nos distintos Medios de Comunicación. Sen lugar a dúbidas este foi o ano de Pepín Rioseco e de Esther Pedrosa entre os cales lograban sumar nada menos que un total de ¡dez récords do mundo! convertíndose nos dous grandes referentes europeos e mundiais do ano nas súas categorías.

Futuro ilusionante

Un fututo moi ilusionante está por vir da man de xovencísimas atletas cun talento innato e excepcional que dan mostras día a día da súa gran calidade. Xela Martínez é o gran estandarte desta nova xeración que ven con moita forza e onde xunto á lucense atópande, entre outros, atletas da calidade de Alex Sierpes, Sabela Castelo, Antía Otero, Nuno Castro ou Aleksandra Kostenko marchadora esta última que conta con todo o noso apoio e forza de cara a solucionar a súa estancia definitiva no noso país.

Recuperan o corpo da persoa que foi achada falecida en Carballedo

Os servizos de emerxencia recuperaron o corpo da persoa que foi localizada falecida nun río en Carballedo, na parroquia de Aguada, concretamente no lugar de Tolda, despois de caer o coche que conducía á auga.

Así o confirmaron ao 112 Galicia os Bombeiros de Chantada, que axudaron a sacar o corpo sen vida da persoa do río.

O 112 Galicia recibiu, ao fío das 11:30 horas, o aviso dunha persoa particular, no que indicaba que acababa de atopar un coche no río e que vía a unha persoa afogada ao seu carón.

De xeito inmediato, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Chantada, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade.

“A CIG non se resigna a este acordo e esixirá todas as garantías para a continuidade industrial”

Este xoves tivo lugar a primeira reunión da comisión de seguimento creada no marco do acordo asinado entre o comité e a empresa no día de onte. A CIG advertiu que estará vixilante para que se cumpran todos os termos do acordo, nomeadamente no referido ao calendario para o rearranque das series de electrólise canto antes.

Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na xuntanza, advirte que este acordo se adopta cunha total falta de confianza na multinacional, á vista das súas anteriores actuacións.

“Non nos resignamos a este acordo que non nos gusta. Estaremos vixilantes e seremos esixentes para o seu cumprimento e para que Alcoa e as Administracións estean a altura, porque até o de agora non o estiveron. Este acordo dáse nun marco de desconfianza absoluta e agardamos que a empresa e as administracións, como tuteladoras deste proceso, traballen duro para que nos próximos meses esta desconfianza se converta en confianza”., aseverou.

Con este obxectivo, Carril pediu tamén que as reunións da comisión de seguimento se establezan cunha periodicidade maior á recollida no acordo, “pois a comunicación e a transparencia teñen que primar”, especialmente cando se inicie a reactivación das cubas.

Criticou que despois das intensas reunións mantidas entre todas as partes dende que Alcoa anunciou que quería continuar coa factoría de aluminio, e malia as reiteradas solicitudes do comité, a multinacional non aclarara con que socios enerxéticos estaba a negociar as PPA e “xusto uns días antes da celebración do referendo esta información aparece a todo destaque nos medios de comunicación”. Este tipo de actuacións, insistiu, son as que minan a confianza nas intencións da empresa.

Ademais, chamou as administracións a vixiar que os tratos de Alcoa e as enerxéticas coas que negocia  “non se convertan nunha comunidade de interese nesas empresas para que se lle adxudiquen MW de forma incondicional e, por riba,  sen  termos garantías continuidade industrial da fábrica de San Cibrao”.

En relación ao papel do goberno español e galego no novo período que se abre, o secretario xeral da CIG avanzou que “seguiremos esixindo todas as medidas necesarias para garantir a tranquilidade e a seguridade da continuidade industrial e de todos os empregos, tanto na principal como nas auxiliares”.

Nesta liña, demandou a creación dun marco enerxético máis xusto, estábel e competitivo xa que as medidas contempladas no estatuto electrointensivo “non dan resposta nin solución axeitada ás necesidades deste sector”. Engadiu que o goberno español e a Xunta de Galiza teñen que ter vontade política para pór en marcha medidas na liña das recollidas na proposta de tarifa eléctrica elaborada pola CIG, máxime cando Galiza é excedentaria na produción de electricidade e cando a industria electrointensiva ten un peso específico na nosa economía. “Temos dereitos a pór a produción de enerxía ao servizo do noso desenvolvemento económico, social e industrial”, concluíu.

O Concello colaborará co arranxo da Capela do Carme

O Concello de Lugo continúa dando pasos na posta en valor do barrio do Carme, onde sufragará parte do arranxo da súa Capela, atendendo así a petición realizada pola Confraría Virxe do Carme.

alcaldesa asinaba onte un convenio de colaboración coa Diócese de Lugo, representada por José Manuel Penela Campos, a través do cal se formaliza a concesión dunha subvención municipal de 70.000 euros – autorizada esta semana en Xunta de Goberno – que se destinará ao arranxo dos danos que presenta a construción.

Entre outras actuacións, urxe reparación integral do tellado xa que o deterioro que presenta compromete a conservación dos bens dos séculos XVIII e XIX que atesoura no seu interior, así como a mellora do illamento exterior e a eliminación de humidades que lle afectan”, sinalou a rexedora.

A primeira edil destacou a importancia que esta obra terá para o templo, “cun significativo valor patrimonial e identitario moi vinculado á historia de Lugo e á do Carme, polo que a acción tamén se enmarca no impulso decidido que, dende a Administración local, lle estamos a dar á recuperación do barrio”, apuntou a alcaldesa en alusión á Estratexia Dusi Muramiñae a través da cal, o Executivo está a desenvolver accións como o acondicionamento do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX ou a realización das catas arqueolóxicas ao lado da Porta Miña coas que se pretende incrementar a conectividade da trama urbana coa contorna fluvial dunha forma sostible e respectuosa.

A alcaldesa indicou alén que a Diócese comprométese pola súa parte a ceder ao Concello os terreos ubicados na traseira da Igrexa, “o que nos permitirá proxectar neles accións que redunden na habitabilidade e humanización da zona e na prestación de servizos de utilidade para a veciñanza nunha localización tan emblemática coma esta na que conflúen os tres patrimonios da Humanidade cos que contamos en Lugo: a Muralla Romana, a Catedral e o Camiño Primitivo”, concluíu Méndez ao tempo que enxalzou o labor realizado no coidado da Capela pola Confraría Virxe do Carme – unha das máis antigas e numerosas do municipio – presidida por Antonio de Los Ojos que tamén asistiu ao acto celebrado onte.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com