Novas

Tradime, esperanzada pero “vixiante” ante o acordo do transporte

A Asociación de Transporte Discrecional de Mercadorías por Estrada de Lugo (Tradime) valorou positivamente esta mañá o principio de acordo subscrito o pasado venres entre o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) e o Departamento de Mercadorías do Comité Nacional de Transporte por Estrada (CNTC) que derivou na desconvocatoria de paro no sector, pero advirte que se manterá vixiante no seu cumprimento e na evolución da situación real dos transportistas.

O colectivo empresarial lucense sinala que o acordo, de entrada, “parece dar cumprimento” ás principais demandas históricas e reivindicacións do sector, especialmente as relacionadas con “prohibir a carga e descarga dos camións por parte dos condutores profesionais, sen posibilidade de pacto en contra” ou “a supresión do pacto en contra na aplicación da cláusula do prezo do transporte en función do prezo do gasóleo”.

Con todo, desde Tradime sinalan que “xa con anterioridade asináronse pactos en favor dos transportistas que finalmente non se cumpriron” e que o colectivo “queda á espera de ver se realmente esta vez cúmprese o pactado, así de como se articula legalmente este novo acordo”.

Subliña a Asociación que “se necesita un desenvolvemento legal do acordado e o traslado ao traballo diario e á realidade de mercado e de actividade das empresas de transporte de mercadorías”, antes de lanzar unha valoración totalmente satisfactoria da situación.

Prezos dignos
Desde Tradime tamén se destaca que “independentemente do acordo, somos conscientes de que non se dá solución a todos os problemas do sector, especialmente no relacionado cos prezos dignos por parte das cargadoras”. Respecto diso, Tradime puntualiza que “queda tamén un traballo individual por parte de cada unha das empresas do sector, de negociación cos seus clientes das necesarias actualizacións en prezo que compensen o brutal incremento de custos que están a sufrir”.

Tradime sinala finalmente que “o sector nestes momentos está totalmente unido e vixiante” e, que “de non ver resultados reais dos acordos nun período razoable non se descartan novas mobilizacións e a posta en marcha todas as accións necesarias para dar cumprimento á necesidade de dignificar o traballo no sector e garantir a supervivencia das empresas cuns custos profesionais asumibles e sostibles”.

PP e Cs tildan de “insuficientes” as partidas de recuperación postpandemia dos Orzamentos do Concello

O voceiro do Grupo Popular Ramón Carballo asegurou hoxe que o Grupo Popular non puido apoiar as contas
do PSOE e do BNG para 2022 “porque nin atenden as necesidades reais dos lucenses, nin están pensadas para a recuperación post pandemia e poderían acarrear unha suba encuberta das taxas e impostos”.

O voceiro dos populares aproveitou a súa intervención no pleno para afear que a alcaldesa e o tenente de alcalde por “antepoñer as axendas do seu partido á axenda municipal” en alusión a que “retrasaron a sesión do pleno para que a alcaldesa puidese ir a Ourense a aplaudir a chegada dun AVE, que a Lugo no vagón de cola e para que o seu vicealcalde protestase, cunha viaxe en tren, polo desprezo de Sánchez polos servizos ferroviarios que temos olvidándose que o BNG axudou co seu voto a que estea na Moncloa”.

“Estamos diante dunhas contas que só son solidarias cos seus afíns. Proba delo é que xestionarán 4,6M€ € en gastos diversos para o autobombo persoal de Méndez e Arroxo” manifestaba. Por outra parte asegurou que “non podemos respaldar uns orzamentos onde non aparecen partidas para concluir proxectos que levan anos prometendo como a praia fluvial ou que carece de orzamentos para a posta en marcha do novo Auditorio de Magoi”.

Durante a súa intervención o voceiro dos populares de Lugo manifestou que “as desavenencias deste bigoberno nos siguen saíndo moi caras aos lucenses. De feito transformaron a concellería do PSOE de Promoción do Emprego nunha concellería paralela de obras á área de Infraestructuras do BNG coa única finalidade de sabotear aos nacionalistas. En conclusión, reflexionaba “os perxudicados, como sempre, son os lucenses a quen lles sacan fondos para fomentar o emprego para facer obras nesta nova área socialista que competirá coa do BNG”.

Ramón Carballo lembrou que “estes orzamentos se fixeron sen diálogo e sen participación de ninguén e que se resume en máis do mesmo” lembrando que “presentamos 76 propostas en positivo e con afán constructivo que se encontraron co muro infranqueable da alcaldesa e o seu vicealcalde”.

Ausencia de investimentos comprometidos

Cs, pola súa banda, tamén dixo non a este documento plantexado por PSOE e BNG, segundo a voceira da formación, porque o investimento en política social é insuficiente para o actual contexto de crise sociosanitaria. Olga Louzao recriminou a ausencia de investimentos comprometidos, como a praia fluvial, o paseo interior da Muralla, o programa cultural para o novo auditorio ou as tan necesarias axudas para rehabilitación; e denunciou ademais un insostible desequilibrio entre os gastos previstos e os ingresos reais.

Louzao acusou a alcaldesa de deseñar unhas contas enfocadas o autobombo e a acadar, dixo, rédito electoral a través da propaganda. Considera que os grandes investimentos propostos non se adaptan as necesidades da veciñanza e que de novo esquece os barrios. A voceira repasou os investimentos ausentes nestas contas.

O pleno di si aos Orzamentos con máis de 106M€ presupostados para o ano 2022

O Concello de Lugo disporá en 2022 dun orzamento de 106’8 millóns de euros co que o Goberno local pretende consolidar “a senda da dinamización económica iniciada o pasado exercicio”, pero tamén manter o escudo social que “a Administración local teceu en 2020 para fracer fronte á pandemia”.

Así, o Pleno da Corporación aprobaba hoxe, cos votos en contra da oposición, o presuposto do próximo ano no que teñen cabida partidas, por un importe superior aos 30 millóns de euros, para sufragar políticas sociais.

A tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza subliñou, durante a súa exposición, que “un ano máis deseñamos un proxecto expansivo e solidario,  consciente da situación sanitaria que aínda atravesamos, que inclúe actuacións valentes, que nos posicionan como cidade de futuro, pero tamén e, sobre todo, especialmente rigorosas nas que ímos apoiar a nosa capacidade de acción para superar a crise que vivimos”.

“Nun escenario aínda incerto, pola deriva que poida tomar a Covid, estes orzamentos están baseados na planificación rigorosa dos gastos e ingresos, dos que agardamos un bo comportamento en materia de recadación pero tamén do crecemento, estimado nun 31’1%, das achegas procedentes do Estado a través da participación nos seus tributos, pasando dos 17’5 millóns actuais aos 23 millóns”, sinalou a concelleira.

A edil de Gobernanza aludiu precisamente aos fondos europeos Next Generation como “auténtico revulsivo” para a dinamización do municipio que xunto aos efectos positivos da iniciativa Lugo Transforma, servirán para propiciar o cambio económico que, dixo, precisa a cidade e darlle pulo á súa reindustrialización, de maneira que, en 2022, “o capítulo de investimentos públicos, que inicialmente recolle 11’1 millóns, poderá alcanzar os 20 millóns coa incorporación destas subvencións logo do seu outorgamento”.

“En definitiva – apuntou Alvarellos Fondo – case 107 millóns que dotarán ao concello dunha maior fortaleza. Vigor que se sustenta na calidade dos servizos e nunha mellor atención á cidadanía porque é o benestar das persoas, especialmente as máis vulnerables, o que ocupa o centro das nosas prioridades”.

Neste senso, a edil destacou que ao redor de 30 millons € se destinarán a políticas sociais e asistenciais, especialmente dirixidas ás familias e á infancia, á emerxencia social, á atención ás  e aos maiores e dependentes, á exclusión social, etc. En relación ao Servizo de Igualdade e á Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán con 808.070 euros.

A mocidade terá tamén un papel fundamental na área de Xuventude que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable se reservan 3’3 millóns de euros.

“Tamén neste 2022 mantemos o noso compromiso de colaboración cos empresarios, emprendedores e autónomos, para que no próximo exercicio, poidamos poñer en marcha distintas accións que axuden á diversificación económica dos diferentes sectores produtivos. Un fin ao que destinaremos preto de 4’6 millóns de euros e que inclúe iniciativas como a estratexia de dinamización do comercio local en todos os barrios da capital ou os obradoiros de formación”, indicou.

Antes de rematar a súa exposición, a concelleira de Gobernanza fixo fincapé no modelo de cidade sostible, dentro da segunda Gran Transformación que está a experimentar Lugo, na que teñen un protagonismo especial os servizos e gastos correntes.

A edil lembrou que será ao novo servizo de limpeza e recollida de residuos ao que se destinarán máis recursos, cun orzamento de 13.800.889 euros anuais, así como para sufragar o contrato de conservación e mantemento das zonas verdes e arboredo, que duplicará o seu importe actual.

Tanto a responsable da área económica como a alcaldesa que concluíu a sesión, destacaron a importancia do Pleno celebrado esta tarde.

“Vimos de validar uns orzamentos cos que pretendemos que ninguén se quede atrás. Uns orzamentos nos que, xa non é unha novidade, a oposición nos amosa unha vez máis que non está disposta a contribuír ao reto que se nos aveciña: que Lugo se dinamice, creza e saia reforzado dunha etapa tan crucial como esta que esixe de altura de miras, de anticipación, dun proxecto de cidade que xa se empeza a visualizar como realidade e tamén do firme compromiso que temos neste Executivo para defendelo e poñelo en marcha, priorizando o interese xeral”, concluíu a rexedora.

Tomé anuncia que presentará a súa candidatura para liderar o PSdeG na provincia

José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, anunciou hoxe na sede do PSdeG na cidade do Cabe que presentará a súa candidatura para liderar o partido na provincia, rexistrándoa na sede socialista de Lugo este vindeiro mércores, o primeiro día de prazo segundo o calendario para o proceso de primarias aprobado polo Comité Provincial.

José Tomé quixo anunciar esta decisión en Monforte, acompañado por todos e todas os membros do Goberno local, porque “aquí foi onde desenvolvín gran parte da miña traxectoria política, tanto na parte orgánica, como institucional. Un proxecto que iniciei fai uns anos con moitas das persoas que me acompañan hoxe aquí, os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno, que, xunto cos afiliados e simpatizantes, forman ese equipo humano que me permitiron medrar politicamente, e ós que, por iso, quero agradecer o seu compromiso e dedicación”.

O Alcalde monfortino e Presidente da Deputación lembrou que, “gracias ó traballo de todos e todas, conseguimos levar ó Partido Socialista ás cotas máis altas de apoio electoral e de representación municipal na historia do Concello de Monforte, con máis do 55% dos votos, o que representa preto do 65% de representación na Corporación Municipal”. “Cando empezamos esta andadura, o Partido Socialista tiña en Monforte dous concelleiros e 19 afiliados. Hoxe temos 11 Concelleiros, 120 militantes e moitos simpatizantes, o que que nos sitúa como a segunda agrupación da provincia, e, segundo os estudios demoscópicos publicados recentemente, parece que as perspectivas son favorables”, explicou.

Na súa comparecencia, José Tomé Roca explicou á militancia e a todos os lucenses os motivos polos que se presenta ó proceso de primarias á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia e os obxectivos que se plantexa.

En canto aos motivos, recalcou que quere trasladar toda “esta experiencia política positiva, tanto orgánica como institucional, ó conxunto da provincia e levar ó Partido Socialista ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque iso será bo e iralle mellor á provincia de Lugo”.

Para elo, propón “unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados do Partido Socialista que hoxe temos na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais”, e que “toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024, porque, despois doutra etapa de 16 anos do Partido Popular á fronte da Xunta, Galicia necesita dun Goberno liderado polo Partido Socialista”. “Lugo foi determinante nas primarias do Partido Socialista de Galicia e quero que tamén sexamos determinantes na próximas eleccións autonómicas e estatais”, engadiu.

Destacou que hai “un bo punto de partida”, pois hoxe o Partido Socialista ten “unha importante presencia e forza na provincia”. Lembrou que o PSdeG goberna na Deputación de Lugo, goberna e cogoberna en 31 concellos, que suman en total en torno a 211.000 habitantes, o que significa o 65% da poboación total da provincia de Lugo. “Estamos orgullosos do apoio maioritario dos veciños e veciñas da provincia de Lugo e quero seguir consolidando e reforzando a confianza e o apoio veciñal”, asegurou Tomé Roca.

“A provincia de Lugo necesita ó Partido Socialista, un PSOE forte”, subliñou, porque onde gobernan os socialistas, “ós veciños e ás veciñas vailles ben; vailles mellor que onde goberna o Partido Popular”. Por iso, “quero un PSOE forte, ben estruturado, que chegue a máis concellos porque así iralle mellor ó conxunto da provincia de Lugo”, afirmou. “O Partido Socialista é, e ten que seguir sendo un partido tremendamente útil á sociedade da provincia de Lugo, tanto dende os gobernos municipais, como dende a oposición”, indicou.

Neste sentido, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación defendeu que os socialistas “sempre poñemos no centro das nosas políticas ás persoas, como creo que estou demostrando tanto no Concello, como na Deputación. Para min é fundamental a calidade de vida das persoas e son un firme defensor dos servizos públicos”.

José Tomé agradeceu o traballo que fixo a Comisión Executiva que remata o seu mandato, personalizado na Secretaria Xeral, Patricia Otero, que “tiveron que facer fronte a momentos moi difíciles durante a pandemia”. Agora, subliñou, “é o momento de darlle un impulso ó Partido Socialista na provincia de Lugo”.

Para conseguilo, plantexa “trasladar ó partido toda a miña experiencia, capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo que estou aportando cada día na acción de Goberno, tanto no Concello, como na Deputación”. “Quero un partido que non mire o seu embigo, quero que mire para o futuro e para os lucenses. Un partido forte, unido, integrador, que garanta o intercambio de ideas e de comunicación entre a militancia, dándolles participación ós Alcaldes e alcaldesas e Voceiros e Voceiras na súa labor diaria”, dixo Tomé. Á marxe desta clave local, o Alcalde de Monforte e mandatario provincial lembrou o seu papel na elección de Valentín González Formoso como novo secretario xeral “dentro do proxecto federal de Pedro Sánchez”.

Así mesmo, un piar fundamental do seu proxecto é “activar, dinamizar e, sobre todo, apoiar” ás agrupacións municipais do Partido Socialista, para que teñan os recursos e asesoramento necesarios para facer o seu traballo e para que sexan “axentes vivos e activos no territorio”, “lugares para intercambiar ideas, recoller propostas e captar talento, porque a provincia de Lugo ten xente de moita valía”.

Aberto o prazo para participar no pedido conxunto de froiteiras no Concello de Cervo

O Concello de Cervo anima á veciñanza a participar no pedido conxunto de árbores froiteiras que tramita cada ano a delegación de Medio Ambiente, que dirixe Mali Méndez, “co obxectivo de revitalizar as fincas, para que sexan cada vez máis produtivas”.

Méndez recorda que os impresos estarán a disposición das persoas interesadas ata o venres 21 de xaneiro, no Rexistro do Concello de Cervo.

A Xunta colaborará na construción dunha pista pádel en Alfoz

A Secretaría Xeral para o Deporte investiu 20.000 euros na instalación dunha pista de pádel en Alfoz. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos xunto co alcalde, Jorge Val, entre outros, e explicou que a Xunta achegou o 80% do orzamento e o concello o 20% restante.

O delegado subliñou a importante colaboración que presta o Goberno galego aos concellos, especialmente aos máis pequenos, “para poñer a disposición dos veciños e veciñas dotacións deportivas públicas de calidade”. Engadiu que o pádel é unha modalidade moi demandada, “e a oferta de instalacións debe ser coherente coas preferencias dos usuarios para incentivar a práctica de exercicio físico no marco dun estilo de vida saudable”.

A pista de pádel de Alfoz conta coas medidas regulamentarias, está construída ao aire libre e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso. A Secretaría Xeral para o Deporte investiu este ano máis de 32,4 millóns de euros, dos que 9,15 millóns foron destinados a obras de creación e reforma de infraestruturas deportivas, o que supuxo un incremento do 118% con respecto ao 2020.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vilalba Aberta urxe ao PSOE a pór fin ao “caos” en materia de persoal no Concello

Vilalba Aberta volve pedir explicacións ao goberno en relación cos continuados atrasos administrativos no Concello. A formación municipalista reclama, así, por terceira vez no que vai de lexislatura, que se desbloquee a elaboración dunha R.P.T (Relación de Postos de Traballo) que – censuran – “segue exactamente no mesmo punto, dous anos e medio despois do cambio de goberno”.

O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, asegurou que “existen moitas razóns polas que o goberno local debe desbloquear a RPT, entre elas, cubrir as vacantes, a redefinición de postos actualmente desfasados ou a cobertura de novas necesidades derivadas da lóxica evolución administración”.

“Dende Vilalba Aberta queremos que a veciñanza de vila e parroquias conte con todos os servizos que mantén cos seus impostos, polo que se deben superar as carencias causadas pola falta de persoal en intervención, urbanismo, administración xeral ou Policía Local entre outros”, explicou.

Renda, que vinculou necesidade de aprobar a R.P.T coa “desexable xestión pública de servizos municipais privatizados polo PP tales como o de limpeza nos colexios e instalacións municipais”, volveu denunciar a aposta do PSOE polo que cualificou de “modelo de xestión abertamente ineficaz”.

“A R.P.T é un instrumento organizativo que, máis alá de permitirlle ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo, está pensada para facelo en función da necesidade dos servizos que teñan, o que abriría a porta á prestación directa de servizos actualmente privatizados e de aí tamén a nosa teima”, apuntou.

A Garda Civil identifica ao home que presuntamente abandonou 12 cranios de vaca nunha cuneta de Carballedo

A Garda Civil vén de identificar ao presunto autor do abandono de doce cranios de res nunha cuneta da estrada LU-P-1803 no tramo que transcorre entre o Os Pepes e Castro, no concello de Carballedo.

Os feitos remóntanse ao pasado domingo, 12 de decembro, cando un veciño da localidade descubría unha bolsa con 12 cranios de vaca na cuneta desta estrada. As cabezas non tiñan pel, nin carne ou sesos, segundo indican fontes do Instituto Armado, e podían calcular que todas elas pertencían a vacas de menos de 12 meses.

A Garda Civil localizou ao presunto autor dos feitos tras investigar o matadoiro onde foron sacrificadas estas vacas e seguindo a “cadea de actuación”. O presunto autor dos feitos recoñeceu a autoría dos memos en declaracións.

A Deputación aspira a captar fondos europeos de recuperación para impulsar as Reservas da Biosfera

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu onte os órganos reitores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial. Os encontros, que acolleu o Salón de Actos do Pazo de San Marcos, serviron para realizar os correspondentes balances das actividades realizadas neste ano 2021 e abordar os proxectos de futuro que se van impulsar.

Nestas reunións, que se celebraron durante a mañá e a tarde, Tomé Roca avanzou que “se vai traballar por aumentar o investimento captando fondos da Unión Europea a través do programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado para facer fronte á pandemia”.

Explicou que eses fondos servirán para impulsar as dúas reservas con novas actividades e proxectos que poñan en valor o patrimonio etnográfico, monumental e paisaxístico do territorio. “Penso que temos motivos para estar satisfeitos do traballo que se fixo neste 2021, nun ano que estivo marcado polos actos de celebración do 50 aniversario do programa MaB, Home e Biosfera”, lembrou o mandatario provincial.

Detallou, precisamente, que “a estratexia e a filosofía deste programa de compaxinar a defensa do medio ambiente co desenvolvemento social e económico do territorio dunha maneira sostible é a estratexia pola que a pola que apostamos na Deputación, estamos convencidos de que o Medio Ambiente, a nosa riqueza ambiental, ten que ser unha oportunidade de futuro para o rural da provincia de Lugo”.

Continúa a suba de casos Covid na provincia cun paciente máis na UCI

A Covid continúa imparable na Comunidade galega e a área sanitaria de Lugo non é unha excepción. Achegándose perigosamente aos 900 casos, a provincia suma hoxe un novo paciente en UCI, chegando aos 4, tras trasladar a un paciente de planta.

Así o informou hoxe o SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, e que cifra en 891 os casos activos na área sanitaria, dos cales 15 están ingresados nos centros hospitalarios. Así, o HULA conta con 4 hospitalizados en unidades convencionais e outros tantos na UCI, mentres que os hospitais comarcais contan con pacientes só nas plantas de hospitalización. En concreto o hospital de Monforte suma 6 pacientes Covid mentres que o da Costa hoxe tan só ten un paciente.

No tocante aos novos casos, Lugo rexistrou na  última xornada un total de 81 positivos novos que non chegan para contrarrestar ás 57 altas médicas rexistradas nas últimas 24 horas.

Dende a chegada da pandemia a Galicia contaxiáronse de Covid, 21.672 persoas na provincia das que 20.518 xa se recuperaron e outras 257 faleceron; ningún nas últimas horas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com