Tomé anuncia que presentará a súa candidatura para liderar o PSdeG na provincia

José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, anunciou hoxe na sede do PSdeG na cidade do Cabe que presentará a súa candidatura para liderar o partido na provincia, rexistrándoa na sede socialista de Lugo este vindeiro mércores, o primeiro día de prazo segundo o calendario para o proceso de primarias aprobado polo Comité Provincial.

José Tomé quixo anunciar esta decisión en Monforte, acompañado por todos e todas os membros do Goberno local, porque “aquí foi onde desenvolvín gran parte da miña traxectoria política, tanto na parte orgánica, como institucional. Un proxecto que iniciei fai uns anos con moitas das persoas que me acompañan hoxe aquí, os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno, que, xunto cos afiliados e simpatizantes, forman ese equipo humano que me permitiron medrar politicamente, e ós que, por iso, quero agradecer o seu compromiso e dedicación”.

O Alcalde monfortino e Presidente da Deputación lembrou que, “gracias ó traballo de todos e todas, conseguimos levar ó Partido Socialista ás cotas máis altas de apoio electoral e de representación municipal na historia do Concello de Monforte, con máis do 55% dos votos, o que representa preto do 65% de representación na Corporación Municipal”. “Cando empezamos esta andadura, o Partido Socialista tiña en Monforte dous concelleiros e 19 afiliados. Hoxe temos 11 Concelleiros, 120 militantes e moitos simpatizantes, o que que nos sitúa como a segunda agrupación da provincia, e, segundo os estudios demoscópicos publicados recentemente, parece que as perspectivas son favorables”, explicou.

Na súa comparecencia, José Tomé Roca explicou á militancia e a todos os lucenses os motivos polos que se presenta ó proceso de primarias á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia e os obxectivos que se plantexa.

En canto aos motivos, recalcou que quere trasladar toda “esta experiencia política positiva, tanto orgánica como institucional, ó conxunto da provincia e levar ó Partido Socialista ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque iso será bo e iralle mellor á provincia de Lugo”.

Para elo, propón “unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados do Partido Socialista que hoxe temos na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais”, e que “toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024, porque, despois doutra etapa de 16 anos do Partido Popular á fronte da Xunta, Galicia necesita dun Goberno liderado polo Partido Socialista”. “Lugo foi determinante nas primarias do Partido Socialista de Galicia e quero que tamén sexamos determinantes na próximas eleccións autonómicas e estatais”, engadiu.

Destacou que hai “un bo punto de partida”, pois hoxe o Partido Socialista ten “unha importante presencia e forza na provincia”. Lembrou que o PSdeG goberna na Deputación de Lugo, goberna e cogoberna en 31 concellos, que suman en total en torno a 211.000 habitantes, o que significa o 65% da poboación total da provincia de Lugo. “Estamos orgullosos do apoio maioritario dos veciños e veciñas da provincia de Lugo e quero seguir consolidando e reforzando a confianza e o apoio veciñal”, asegurou Tomé Roca.

“A provincia de Lugo necesita ó Partido Socialista, un PSOE forte”, subliñou, porque onde gobernan os socialistas, “ós veciños e ás veciñas vailles ben; vailles mellor que onde goberna o Partido Popular”. Por iso, “quero un PSOE forte, ben estruturado, que chegue a máis concellos porque así iralle mellor ó conxunto da provincia de Lugo”, afirmou. “O Partido Socialista é, e ten que seguir sendo un partido tremendamente útil á sociedade da provincia de Lugo, tanto dende os gobernos municipais, como dende a oposición”, indicou.

Neste sentido, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación defendeu que os socialistas “sempre poñemos no centro das nosas políticas ás persoas, como creo que estou demostrando tanto no Concello, como na Deputación. Para min é fundamental a calidade de vida das persoas e son un firme defensor dos servizos públicos”.

José Tomé agradeceu o traballo que fixo a Comisión Executiva que remata o seu mandato, personalizado na Secretaria Xeral, Patricia Otero, que “tiveron que facer fronte a momentos moi difíciles durante a pandemia”. Agora, subliñou, “é o momento de darlle un impulso ó Partido Socialista na provincia de Lugo”.

Para conseguilo, plantexa “trasladar ó partido toda a miña experiencia, capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo que estou aportando cada día na acción de Goberno, tanto no Concello, como na Deputación”. “Quero un partido que non mire o seu embigo, quero que mire para o futuro e para os lucenses. Un partido forte, unido, integrador, que garanta o intercambio de ideas e de comunicación entre a militancia, dándolles participación ós Alcaldes e alcaldesas e Voceiros e Voceiras na súa labor diaria”, dixo Tomé. Á marxe desta clave local, o Alcalde de Monforte e mandatario provincial lembrou o seu papel na elección de Valentín González Formoso como novo secretario xeral “dentro do proxecto federal de Pedro Sánchez”.

Así mesmo, un piar fundamental do seu proxecto é “activar, dinamizar e, sobre todo, apoiar” ás agrupacións municipais do Partido Socialista, para que teñan os recursos e asesoramento necesarios para facer o seu traballo e para que sexan “axentes vivos e activos no territorio”, “lugares para intercambiar ideas, recoller propostas e captar talento, porque a provincia de Lugo ten xente de moita valía”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com