Novas

Entran a vivir os primeiros usuarios do Centro de Atención a Maiores de Meira

Os primeiros 5 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira da Deputación de Lugo comezaron hoxe a vivir nas recentemente inauguradas instalacións provinciais. Todas as persoas son do propio municipio, e xa acudiron nos días previos a escoller a súa habitación e a coñecer ao cadro de persoal que prestará servizo nesta dotación social.

O equipo do CAM de Meira preparou para estas primeiras xornadas actividades e momentos de confraternidade para facilitar o máximo posible a integración e a familiarización co seu novo lugar de residencia. Para inaugurar o inicio desta nova etapa, compartirán co persoal un xantar e unha cea que contará cun pequeno aperitivo de benvida.

Un motor social e económico

Esta nova dotación social conta con 30 prazas de residencia, que poderán ser ampliables a 38 se fose preciso. Nace coa mesma filosofía dos centros provinciais: ofrecer un servizo público de calidade que garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorecer o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crear emprego e dinamizar a economía.

Conta con 25 traballadores e traballadoras co obxectivo de que a atención sexa o máis personalizada posible, dispoñendo practicamente de case un traballador por residente. Así mesmo, cómpre engadir que ademais dos empregos directos, a nova residencia xera empregos indirectos na comarca, pois todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona.

En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno conséguese este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, as  persoas que necesitan coidados e que queren vivir en Meira, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños.

Viticultores e adegueiras de Terras do Navia visitan o Barbanza

As persoas que participan no programa formativo para a recuperación da produción de viño no territorio da futura  IXP Terras do  Navia, financiado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, realizaron o pasado  27 de novembro unha visita didáctica e de intercambio ao territorio da indicación xeográfica protexida Barbanza-Iria.

Durante as actividades formativas e de intercambio, desenvolvidas ao longo da xornada, tiveron ocasión de coñecer de primeira man proxectos enraizados na tradición vitivinícola do territorio da IXP Barbanza-Iria, postos en marcha por persoas que comparten unha arela común: o respecto pola tradición histórica da vitivinicultura no seu territorio e o afán pola súa recuperación e desenvolvemento futuro como fórmula de mantemento dun rural vivo.

Así visitaron en primeiro lugar as instalacións, e viñedos, da adega Torres Augusti na parroquia de Cordeiro, no concello de Valga (Pontevedra). Durante esta visita o propietario da mesma, Manuel Bandín, relatou as orixes da súa aposta pola elaboración de viños da zona, a instalación de viñedos, os viños brancos elaborados…

Continuouse a viaxe de intercambio facendo parada en Cabo de Cruz, no concello de Boiro (A Coruña), para visitar a adega C.A. Saborido, onde Antonio Saborido compartiu os seus esforzos polo mantemento e recuperación de viñedos antigos, algúns con cepas prefiloxéricas, con castes autóctonas como o Caiño Tinto, ou Raposo (Branca Lexítima),  cultivadas en emparrado baixo e algunhas plantadas en terreos areosos a rente do mar, as distintas elaboración de viños tintos, brancos, rosado, etc.

A viaxe completouse na Pobra do Caramiñal (A Coruña) coa visita á adega Entre Os Ríos onde Francisco Crusat, fundador e impulsor do proxecto, e o seu fillo José Crusat partillaron as súas experiencias dende a recuperación de viñedos con castes autóctonas, a creación da adega e as distintas liñas de elaboracións que están a facer, así como a investigación noutras elaboracións que buscan desenvolver toda a potencialidade das súas uvas e bo facer:  escumantes, en talla de  barro… Polo medio houbo tempo para celebrar un xantar de traballo, e de confraternidade, con estes adegueiros, e partillar experiencias na creación da indicación xeográfica protexida e nas ideas de proxectos de futuro.

Socialistas de Ribadeo piden axilizar a tramitación do traspaso das farolas das rotondas

Os Socialistas de Ribadeo demandaron no pleno de onte, melloras na sinalización do aparcamento municipal, “xa que recibimos moitas queixas, sobre todo das persoas que nos visitan de que non está ben sinalizado, e os viaxeiros non poden acceder a este espazo público para deixar os seus vehículos”.

Así o fixo Marta Rey, na sesión plenaria celebrada na Casa Consistorial, na que tamén emprazou ao concello a “mellorar a vixilancia e a limpeza na zona da fonte Cavada, xa que está sendo un lugar habitual de botellón”.

A Voceira da Agrupación Socialista interveu ademais para interpelar ao Goberno Local sobre o estado do traspaso por parte do Ministerio ao Concello, das farolas das rotondas. “Por iso, demandamos que se axilice esta tramitación, xa que o funcionamento das mesmas non é o axeitado neste intres, coa perigosidade que isto conleva. Sobre todo, nesta época do ano e que inclúe un punto neurálxico de afluencia na rotonda de Villaselán, xa que é por onde circulan mais peóns para acceder a casco de urbano e a zona de paseos”.

Marta Rey tamén propuxo crear un bono ou ticket da zona azul para os comerciantes da Praza de Abastos, co fin de evitarlles as molestias de cambiar o ticket cada dúas horas e facilitarlles así a súa xornada laboral. Pero dende o Concello informáronos que xa esta a disposición de tódolos usuarios o aparcamento público.

Mais de 80 persoas participan da poxa de reses na Granxa Gayoso Castro

A Deputación de Lugo, en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA), celebrou hoxe unha poxa pública de gando na Granxa Gayoso Castro, na que se venderon por un prezo medio de 2.213€ un total de 26 cabezas de gando bovino das instalacións provinciais.

Máis de 80 gandeiros participaron na venda, que tivo lugar polo procedemento de concorrencia. O Deputado de Recursos Sostibles asistiu á venda deste rabaño seleccionado do Centro de Recría.

A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou por un prezo de saída de 1.950€, que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 50€. Adxudicouse o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. O prezo máis alto pagouse por un exemplar de Rubia Galega que, cunha preñez de 5 meses, acadou un importe de 2.700€.

Todos os animais da poxa andaban polos 25 meses e procedían do rabaño seleccionado no Centro de Recría, no que a Deputación traballa na mellora da raza en colaboración con ACRUGA.

Responsables e técnicos de ACRUGA impartirán o vindeiro venres, día 3 -ás 12.00 horas- unha charla informativa aberta a todos os gandeiros do sector cárnico para poñelos ao día sobre a actividade, vantaxes, proxectos e datos desta asociación. O acto terá lugar no aulario da nave de prácticas da Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo.

O Concello convenia con Goberno e Xunta para crear axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

A alcaldesa de Lugo asinou hoxe a adhesión do Concello ao programa de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2018 – 2021 para a anualidade do exercicio en curso.

Un programa que, nesta convocatoria, disporá de máis do dobre do orzamento con relación á edición anterior e que suporá que se habiliten, en total, 530.061 euros en achegas á rehabilitación no ámbito delimitado polo Pepri.

Así, a rexedora, rubricou esta tarde en Santiago o Acordo da Comisión Bilateral entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para dar cobertura á Fase XVI destas axudas.

En total, o Mitma destinará 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Administración local 44.000 euros.

O investimento municipal, segundo explicou a rexedora,  irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos – como pode ser o alumeado das rúas, etc  – así como tamén para abordar, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.

“O procedemento, xestionado dende Evislusa, nos permitirá subvencionar ao redor dunha trintena de intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €)”, sinalou a alcaldesa de Lugo.

O Concello eximirá, alén, aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para incentivalas.

Xubilados e pensionistas pedirán mañá o seu rexeitamento á reforma das pensións

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG volverá a saír mañá ás rúas de cidades e vilas galegas para manifestar o seu rexeitamento á reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados. Denuncian dende a central sindical que esta modificación lexislativa non garante unhas “pensións dignas” e que consolida os recortes introducidos coa de 2011.

Na capital, a concentración terá lugar diante da Subdelegación do Goberno ás 12 horas.

A CIG advirte que esta reforma resulta lesiva non só para as pensións presentes, “senón tamén para as futuras, ao manter os recortes introducidos pola lei de 2011”, que atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e aumentou o período de cálculo aos 25 anos, o que supuxo unha caída das contías das pensións do 25%. Con este novo acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións, xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo coa Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150€ ao mes.

Ademais, denuncian que segue anulando a xubilación parcial, penalizando a xubilación anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, “mentres impide a entrada de xente nova ao mundo do traballo, cronificando así a emigración e o paro xuvenil”, entre os menores de 25 anos.

Fronte a isto, a CIG propuxo nas súas emendas ao texto (presentadas a través do BNG) a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos; ir a un período de cálculo de 10 anos -a escoller polo propio traballador ou traballadora-, e repor a xubilación parcial, entre os 60 e os 65 anos, para favorecer o emprego xuvenil.

Co proxecto de lei que se debate o próximo xoves (que se fai para dar traslado á axenda que esixe a UE para poder acceder aos fondos de recuperación), “o Goberno do PSOE-UP, autodenominado o máis progresista da historia, está dando as costas a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas e condenando a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico”.

Xunto a isto, dende a CIG rexeitan que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva porque “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.

Baixo gasto social

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG lembra que o gasto medio da UE en protección social é do 27,4% do PIB, mentres que no Estado español é de tan só o 23,1%, e que o gasto medio en pensións na UE está no 10, 9%, mentres que no Estado español está no 9,8% do PIB o que “pon en evidencia a distancia enorme que hai no gasto en pensións”. E reitera, ademais, a necesidade de que se derrogue a reforma laboral porque é fundamental a vía das persoas cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións.

Advirte o colectivo da CIG de que “á lesividade desta nova reforma” súmanselle os anuncios de  novas medidas para o ano 2022,  como ampliar o período de cálculo da pensións dos 25 anos actuais aos 35, ou aumentar a idade de xubilación.

A Deputación esixe á Xunta que retire os cambios previstos na lei de montes veciñais

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha proposta de goberno que esixe á Xunta a retirada das modificacións da lei de montes veciñais propostas na lei de acompañamento do orzamentos para 2022 que “supoñen un atropelo ao monte veciñal e ao intereses da veciñanza comuneira”. Nas comarcas de Lugo, integrada en 924 comunidades de montes.

Unhas modificacións, que ademais de introducirse “pola porta de atrás, furtando o debate parlamentario”, segundo explicou a deputada nacionalista, Mónica Freire, na práctica, supoñen que “a Xunta poderá retirar a propiedade aos comuneiros por cuestións burocráticas como non actualizar o censo da veciñanza comuneira”.

A tamén responsábel de Medio Rural na Deputación de Lugo sinalou que “o único obxectivo destas modificacións é buscar excusas para confiscar a xestión á veciñanza comuneira e entregarlla de balde, por un tempo de 50 anos, ás empresas madeireiras e forestais”.

Mónica Freire insistiu na importancia social, ambiental e económica dos montes en man común – máis de 200 mil hectáreas- nas comarcas de Lugo e urxiu á Conselleria de Medio Rural a buscar solucións aos montes veciñais que non teñen constituídas comunidades.

“As administracións deberían velar polo s coidado, defensa, rexeneracion e mellora de aproveitamento dos montes. A Xunta entende que a prioridade non é esta, logo, quizais a que se debería declarar en estado de grave abandono ou degradado é a Consellería de Medio Rural”, zanxou.

A proposta, que saiu adiante cos votos a favor dos dous grupos de goberno e a abstención do PP, ademais de demandar a retirada as modificacións propostas na lei de acompañamento dos orzamentos, insta ao executivo a debater no seo do Consello Forrestal de Galiza a cuestión dos montes veciñais en man común, consultando a todo o sector e escoitando as comunidades de montes e as súas organización para rematar cun debate no Parlamento Galego.

A programación infantil centra a axenda de decembro na Biblioteca Nodal

A Biblioteca Pública xestionada pola Xunta en Lugo centra a programación de decembro no público infantil, con diferentes espectáculos de narración oral todas as semanas. Ao longo do mes haberá tamén exposicións arredor do belén de Begonte, que fai 50 anos en 2022, de carteis divulgativos sobre mulleres pedagogas pioneiras, e de imaxes participantes no XXVII Maratón Fotográfico del Campus Terra de la USC. A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

A axenda arranca este venres, cun faladoiro para público de oito a 12 anos coa escritora Antía Yáñez arredor da súa novela Plan de rescate. Na conversa abordaranse as aventuras que poden chegar a vivirse nas escolas e que os nenos e nenas con diversidade funcional tamén poden ser heroes e heroínas.

A vindeira semana, o día 10, será a quenda de Pavís Pavós con Historias da marquesa, un espectáculo de narración oral dirixido á rapazada de catro a 12 anos, cheo de contos gardados na maleta que deixou en herdanza a marquesa Valisneria. Na xornada do 17 chega Migallas Teatro con Contos nas orellas, unha actividade para todos os públicos na que gozar da tradición oral a través de historias e música. Todas estas as sesións terán lugar ás 18,00 horas.

Xa o día 23, ás 17,00 horas, Chus Álvarez ofrecerá contos e cancións para xogar ás agachadas e adiviñas para descubrir o mundo a través de Ollo, Piollo!, para bebés de un a tres anos. Como peche, o 30 de decembro ás 18,00 horas, Mario Tomás compartirá a historia do neno africano Hamar. Trátase dunha actividade de narración oral adornada de certo realismo máxico para descubrir outras historias que teñen eco na nosa realidade cotiá. Está dirixida á rapazada de catro a 12 anos.

O Pleno aproba os Orzamentos da Deptuación para o 2022

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes o Orzamento da institución provincial para o vindeiro ano 2022, que supera os 100M€.

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, subliñou na sesión plenaria que os presupostos “están feitos dende o rigor, por un Goberno sólido que ten un proxecto moi claro para a provincia, e que están pensados para seguir mellorando e ampliando os servizos públicos, sobre todo no rural, e continuar apoiando a recuperación económica da provincia, en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”. “Para elo”, explicou, “reforzamos as catro grandes liñas de actuación prioritarias que temos marcadas dende o inicio do mandato: políticas sociais, cooperación cos concellos, apoio aos sectores produtivos e mellora da mobilidade”.

A Deputada lembrou que estes Orzamentos son os máis altos da última década, e cualificounos como “claramente investidores e sociais”, porque os capítulos que máis suben son os de investimentos reais, transferencias de capital e gastos en bens e servizos, ademais das partidas vinculadas ás políticas sociais.

No seu conxunto, o presuposto sube en máis de 7,7M€, o que supón un incremento superior ao 8% con respecto aos deste ano 2021, sobre todo debido ao aumento das achegas do Estado, que medran en 6M€.

Así mesmo, a Deputada de Economía destacou que os Orzamentos sometéronse a debate e aprobación “en tempo e forma para que poidan entrar en vigor a principios do mes de xaneiro, unha prioridade que nos marcamos como Goberno porque só así son realmente útiles e eficaces para a provincia”.

Toma de posesión

Por outra banda, na sesión plenaria deste martes, tomou posesión como Deputado José Fernández Vázquez. O concelleiro de Samos polo Partido Popular releva así a José Antonio García. Fernández Vázquez prometeu o seu cargo sobre a Constitución e recibiu o diploma acreditativo e unha réplica da medalla que distingue aos representantes provinciais.

Cs insta ao Goberno a dilucidae cantas verteduras ilegais producíronse na Abella

O concelleiro de Cs Lugo, Juan Vidal-Pardo criticou esta mañá a actitude do Goberno local ao que acusa de “tentar tapar” a magnitude da “gravísima” vertedura ilegal na Abella anunciando “avances inexistentes” sobre o contrato do lixo.

Vidal-Pardo criticaba así a ausencia de cambios no tocante á tramitación do contrato. “O atraso acumulado e as trabas seguen sendo as mesmas. A perspectiva é que haxa máis recursos por parte das empresas participantes polo que, como sinalamos en numerosas ocasións, o proceso dilatarase máis dun ano. A situación do servizo de recollida é, a día de hoxe, insostible, non podemos continuar así máis dun ano. É necesario que o Goberno tome medidas para contar cun servizo, que aínda que siga sendo insuficiente, cumpra polo menos coa legalidade durante este itinere“, sinalou o edil da formación laranxa.

“As explicacións dadas por parte do Goberno local á cidadanía son insuficientes. É necesario esclarecer os feitos e tomar medidas. Se calquera particular verte os restos de rozas nunha leira non habilitada para iso é sancionado”, asegurou o concelleiro quen resaltou, ademáis, que o responsable último deste desastre debe ser sancionado, “caia quen caia”.

Asemade, dende a formación instan ao edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, a explicar, “máis aló da vertedura do botellón”, se era coñecedor de que a empresa usaba este solar para verter restos orgánicos de barredura de forma recorrente, cantas veces o fixeron, ao longo de canto tempo e porque se realizaronestas verteduras.

“Se o Goberno mantén a súa actitude de escorrer o vulto teremos que solicitar unha comparecencia en pleno para que os veciños de Lugo poidan coñecer estes datos. A negativa da área socialista do Goberno para dar explicacións é canto menos tan grave como os feitos acaecidos. É intolerable a falta de transparencia en todas e cada unha das súas áreas de xestión. Están a gobernar de costas á cidadanía, sen escoitar aos veciños e sen informar os veciños. O silencio de Fernández neste asunto induce á sospeita de complicidade. É necesario que se libre desa sospeita informando con transparencia á cidadanía e aos grupos que formamos esta corporación e tomando as medidas sancionadoras necesarias», dixo Vidal-Pardo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com