O Concello convenia con Goberno e Xunta para crear axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

A alcaldesa de Lugo asinou hoxe a adhesión do Concello ao programa de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2018 – 2021 para a anualidade do exercicio en curso.

Un programa que, nesta convocatoria, disporá de máis do dobre do orzamento con relación á edición anterior e que suporá que se habiliten, en total, 530.061 euros en achegas á rehabilitación no ámbito delimitado polo Pepri.

Así, a rexedora, rubricou esta tarde en Santiago o Acordo da Comisión Bilateral entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para dar cobertura á Fase XVI destas axudas.

En total, o Mitma destinará 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Administración local 44.000 euros.

O investimento municipal, segundo explicou a rexedora,  irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos – como pode ser o alumeado das rúas, etc  – así como tamén para abordar, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.

“O procedemento, xestionado dende Evislusa, nos permitirá subvencionar ao redor dunha trintena de intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €)”, sinalou a alcaldesa de Lugo.

O Concello eximirá, alén, aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para incentivalas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com