Novas

Unha escultura homenaxea en Lugo aos profesionais da Enfermaría e Matronas

A Alcaldesa de Lugo inaugurou hoxe na Praza de Ferrol a escultura-homenaxe ás e os profesionais de Enfermaría e Matronas. A escultura, obra do vigués José Molares Fernández, “amosa o coidado, sensibilidade e humanidade coa que os profesionais sanitarios traballan todos e cada un dos días satisfacendo as necesidades esenciais na nosa sociedade”, sostivo a rexedora.

A zona elixida para a instalación da escultura non foi ao azar, foi proposta polo Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, impulsor da iniciativa como lembranza da conmemoración no 2020 do Ano Internacional da Enfermaría e Matrona, porque nesta zona fundouse en 1621 un hospital, nun vello caserón donado polos duques de Arjona, que chegou a estar rexentado pola Orde dos Irmáns Enfermeiros Pobres de Bernandino de Obregón.

Ao acto, moderado por Isidoro Rodríguez, presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, acudiron tamén o presidente da Deputación; a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello; Carlos Barceló, comandante da Garda Civil; Ramón Ares xerente da Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte; Ángeles Dono e Juan Peña, subdirectores de enfermería da mesma área sanitaria; Pilar Penela, directora da escola de enfermería de Lugo; María José Ferreira, secretaria da escola de enfermería de Lugo; Elena Matos, directora de enfermería do hospital Ribera Polusa; Jesús Vázquez, presidente da Federación de Veciños de Lugo; o escultor da obra José Molares e Adolfo de Abel Vilela, dinamizador cultural e historiador da nosa cidade.

Pola súa banda, o presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, fixo unha especial mención á presencia de “María Teresa González, unha das enfermeiras máis veteranas de Lugo que cos seus 95, esta hoxe aquí con nos”. María Teresa González, foi a xefa das enfermeiras do primeiro ambulatorio de Lugo no ano 1957. A presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello recoñeceu que “é unha honra para min estar na inauguración desta obra homenaxe ao traballo realizado pola enfermería. É un recoñecemento para os compañeiros e compañeiras de Lugo, pero tamén para todas as enfermeiras e enfermeiros que estiveron traballando sen descanso durante a pandemia”.

CIG-Saúde considera “insultantes” os datos de participación na folga do 17N difundidos polo SERGAS

A CIG-Saúde da Mariña cifra nun 80% a participación do persoal da sanidade da comarca na folga do mércores 17 e cualifica de insultante a cifra de participación difundida polo SERGAS. A central considera que os datos feitos públicos pola Consellería están “totalmente pervertidos e falseados, nada teñen que ver coa realidade e van contra a dignidade de todas e todos os traballadores da sanidade da comarca que o pasado mércores secundaron e participaron na folga xeral convocada na Mariña”.

Neste senso, a CIG-Saúde denuncia unha vez máis que os servizos mínimos decretados polo SERGAS foron “totalmente abusivos”, ao decretar unha actividade superior á que se presta calquera domingo ou  festivo. “Os mínimos teñen que ser aqueles que garanten a atención urxente, pero nesta folga vimos como o SERGAS impuña mínimos a profesionais do hospital que traballan nas consultas externas, no servizo de rehabilitación, en hospital a domicilio, no hospital de día, nas áreas administrativas, así como en tódolos servizos que nun domingo ou festivo permanecen pechados”.

“E atopámonos con que nas plantas, na cociña ou en urxencias hospitalarias todo o cadro de persoal estaba obrigado a traballar pola imposición do SERGAS”, denuncia o sindicato. Do mesmo xeito, din, a administración decretaba servizos mínimos nos centros de saúde ata ás odontólogas, impedindo a participación da inmensa maioría dos profesionais na folga, “co ánimo de dar unha imaxe falseada de contento e de satisfacción do persoal da sanidade da comarca”.

Con todo isto e a pesar dos esforzos do SERGAS para que todo transcorrese con normalidade, moitos profesionais que non asinaran mínimos de tódalas categorías e tanto do hospital como dos centros de saúde, non acudiron a traballar e “no hospital houbo que suspender actividades nas consultas, en hospital a domicilio, en fisioterapia e na área cirúrxica”.

“Tamén fomos testemuñas de que a inmensa maioría de profesionais nomeados/as como servizos mínimos portaban no seu uniforme un adhesivo coa consigna ESTOU EN FOLGA mentres, nos centros de saúde, moitos dos profesionais obrigados a ir traballar só atendían urxencias.

Esta resposta do persoal contrasta cos datos de participación facilitados polo SERGAS que “buscan rebaixar o seguimento da folga e dar imaxe de normalidade”, en opinión da CIG-Saúde. Pero os traballadores e as traballadoras da sanidade da Mariña “atópanse fartos e fartas do trato recibido polos seus dirixentes e o SERGAS, con esta actitude, só provoca o crecemento da súa fartuta”.

Por iso, CIG-Saúde reclámalle ao Goberno galego “menos propaganda, menos apoios hipócritas ás reivindicacións da comarca e máis recursos e autonomía para garantir condicións de traballo dignas e unha sanidade pública universal e de proximidade para todos os mariñás e as mariñás. Mais para iso é preciso que se cumpra cunha das demandas desta folga comarcal: que a Mariña recupere a súa área sanitaria”.

Vía Galega conmemora este sábado en Lugo a I Asemblea Nacionalista

A Plataforma Vía Galega convida a participar nun acto público conmemorativo da I Asemblea Nacionalista, que será o 20 de novembro ás 11:30 horas na rúa da Raíña de Lugo. Este evento contará coas intervencións de María Pilar García Negro, profesora da UdC e escritora, e de Cosme Pombo Rodríguez, coordenador de Vía Galega en Lugo.  Ademais, haberá unha actuación musical de Airiños do Fiouco.

Vía Galega quere lembrar no 103 aniversario da I Asemblea Nacionalista o labor das Irmandades da Fala e o primeiro manifesto que serviu de base para os programas do nacionalismo galego. Neste documento defínese Galiza como nación e convídase a mocidade a sumarse a esta iniciativa porque “son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento de Galiza e, sobre todo, a súa soberanía, completa e sen cativeces. Nisto non caben discusións: Galiza ten dereito, un dereito fundamental a ser dona de si mesma”.

O 17 e 18 de novembro de 1918, reuníanse en Lugo as Irmandades na I Asemblea Nacionalista. Nesta ‘Asembleia Nazonalista de Lugo’ aprobouse o ‘Manifesto Nazonalista’ no que se declaraban explicitamente nacionalistas ‘nós nomeámonos desde hoxe para sempre nacionalistas’, coa necesidade de procurar para Galiza a soberanía plena e declarando que: “Son chegadol-os tempos d’erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sen cativeces. N-isto non caben discusiós: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d’amore con outras soberanías, contr’as que non vai nin quér ire a soberanía nosa’.

O manifesto asinábano os máis relevantes cadros do nacionalismo daquel momento e foi un paso adiante de grande importancia na formulación dun proxecto político soberano con vixencia na actualidade.

‘Querémonos Vivas, Libres e Iguais’, a nova campaña da Deputación contra a violencia machista

A Deputada de Muller e Igualdade presentou esta mañá no Pazo de San Marcos a campaña Quéremonos Vivas, Libres e Iguais que lanza a Deputación de Lugo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A Deputada adiantou que é un programa de actividades reivindicativas que se prolongará durante toda a vindeira semana.

A titular de Muller e Igualdade detallou que a Deputación pon en marcha esta campaña para visibilizar esta lacra social co obxectivo de combatela entre o conxunto da sociedade da provincia. “A loita contra as violencias machistas e en favor da igualdade real entre homes e mulleres é unha política transversal na acción deste Goberno. Unha boa mostra é que temos unha área específica de Muller e Igualdade porque cremos que aínda queda moito traballo por facer”, recalcou a Deputada.

A deputada explicou que é necesario seguir con campañas dende as institucións públicas porque como “representantes institucionais, temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en toda as súas formas. Ao longo destes anos déronse pasos a favor da igualdade, pero non son suficientes. Debemos ir moito máis aló”, explicou.

Nese sentido, asegurou que a Deputación traballa con tres ferramentas clave para contribuír á erradicación da violencia machista, que son a educación, a sensibilización e a visibilización. “Só dende o coñecemento real das situacións se poden atallar os problemas, e a violencia machista é un dos maiores problemas sociais que sufrimos na sociedade actual”, indicou.

I Xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais

O programa organizado pola Deputación con motivo do 25N arrancará o vindeiro martes, 23 de novembro, ás 19:00 horas, coa I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, que acollerá o Salón de Actos do Pazo de San Marcos. “Un espazo para o debate e a reflexión, pero tamén para escoitar a dúas convidadas de excepción”, adiantou a Deputada.

O xoves, 25 de novembro, celebrarase a quinta edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias. “Esta é unha iniciativa que nos últimos anos organizamos co alumnado do 1º curso de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais. O propio alumnado involúcrase neste complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades”, explicou a titular da área de Muller.

A andaina partirá ás 11:30 horas do Centro de Formación Audiovisual, situado na rúa Frei Plácido Rei Lemos, e percorrerá as principais rúas do centro de Lugo ata rematar na Praza de San Marcos. Na Praza de San Marcos, a partir das 12.00 horas, celebrarase un encontro interxeracional contra as violencias machistas.

Semana de crecemento diario de positivos que elevan a cifra de casos ata os 200

A covid volve aumentar en Lugo tras unha semana na que o ritmo de contaxios lonxe de estabilizarse aumentou de forma considerable día tras día. Así, no último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, cifran en 200 os casos activos, 30 máis que os informados onte. E é que, ao baixo ritmo de altas médicas hai que sumarlle o aumento dos positivos detectados.

Así, nas últimas horas o SERGAS rexistrou 37 novos positivos en PCR moi lonxe dos 20 de onte ou os 26 de antonte.

37 positivos e tan só 5 altas médicas nas últimas 24 horas. En total, dende o inicio da crise sanitaria Lugo sumou xa 19.762 persoas curadas, 5 delas na última xornada.

Este aumento de casos trouxo consigo, como era de agardar, un aumento tamén da presión asistencial, eso si, moi leve. Mentres onte o HULA liberaba todas as súas camas de unidades de hospitalización, hoxe volvía ingresar un paciente en unidade convencional do hospital lucense. Ademáis permanece unha persoa recuperándose na UCI.

O TSXG autoriza esixir o pasaporte COVID-19 aos acompañantes e visitas de pacientes ingresados nos hospitais galegos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta implementar a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición do pasaporte COVID-19 para o acceso aos hospitais públicos e privados da comunidade das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos doentes ingresados. A medida, que terá efecto desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 4 de decembro, cumpre, segundo os maxistrados, “a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos”.

Os xuíces argumentan no auto que é “unha evidencia científica” que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”, polo que rexeitan que a exhibición do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa “un sacrificio desproporcionado” para os visitantes ou acompañantes dos enfermos. Os maxistrados consideran “xustificado”, debido á situación epidemiolóxica actual da comunidade, adoptar “medidas que permitan conciliar a posibilidade de que o paciente reciba visitas e estea acompañado coa necesidade de evitar contaxios”.

A Sala destaca no auto que a medida ten como obxectivo controlar o acceso de persoas a espazos pechados dos hospitais nos que se poden agrupar “factores que aumentan o risco de transmisión do virus”, pois neles “establécense contactos próximos e prolongados entre os doentes e os seus acompañantes e as visitas, en ocasións en habitacións compartidas con outras persoas ingresadas, mesmo coa posibilidade de pasar a noite”. Ademais, indica que nesas dependencias realízanse actividades nas que é necesaria a retirada da máscara ou existe dificultade para o seu uso correcto, á vez que salienta que a Xunta trata de “garantir a seguridade sanitaria” e de “diminuír o risco de contaxio neste tipo de establecementos”.

O tribunal tamén recalca que a orde limita a exhibición da documentación aos centros onde os pacientes están hospitalizados, pois “exclúe expresamente outros espazos como consultas hospitalarias ou servizos de urxencia, xa que neles non se produce unha estancia prolongada, co consecuente risco de transmisión do virus”.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sinala que a “redución significativa dos contaxios” que persegue a orde da Xunta “alcanza maior significado cando se trata de protexer tanto aos doentes hospitalizados, que presentan unha especial vulnerabilidade, como ao persoal que presta o servizo de asistencia sanitaria e que desenvolve o seu traballo no interior dos hospitais”. Para autorizar a medida, o TSXG tamén tivo en conta que a Consellería de Sanidade ofrece unha alternativa ás persoas que non estean vacinadas, pois se lles permitirá o acceso se aceptan voluntariamente someterse a unha proba diagnóstica realizada no hospital. Contra a resolución do alto tribunal galego cabe interpoñer recurso.

Cs solicita unha reunión co servizo de urbanismo para abordar a situación do Garañón

A portavoz municipal de Cs informou esta mañá de que o seu grupo solicitará por escrito unha reunión coa coordinación do servizo de Urbanismo para coñecer a situación na que se atopa a asistencia técnica que permitirá crear unha zona verde no espazo que actualmente ocupan as torres de O Garañón.

“En xullo de 2019 a alcaldesa anunciaba aos catro ventos o inicio dos trámites para a derriba das torres do Garañón e a creación dunha zona verde. Con todo, desde entón non se avanzou nada. A semana pasada rexistramos unhas preguntas na comisión de Urbanismo para coñecer en que situación se atopa o proceso técnico e se xa existe un estudo de custos que determine a canto ascenderá eliminar este monumento á neglixencia do PSOE de Lugo. Pero hoxe, durante o trasncurso desta sesión, negóusenos calquera tipo de información. A señora Alvarellos limitouse a dicir que se atopan na fase 1 dun total de cinco das que se compón o cronograma da asistencia técnica”, explicou a portavoz da formación laranxa.

“É necesario que o estudo de custos fágase público. É necesario que, non só os grupos deste Concello, se non todos os lucenses coñezan a canto ascenderá cumprir con esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que seremos todos quen pague pola nefasta xestión levada a cabo polo partido socialista ao longo da última década. Desde Cs levamos meses solicitando esta información e o único que obtemos é un non por resposta. É lamentable que a rexedora engane aos veciños con anuncios propagandísticos que o único que pretenden é branquear a xestión do seu goberno e a dos seus antecesores pospoñendo así intencionadamente dar cumprimento a esta sentenza para non evidenciar que a derriba supoñerá hipotecar as contas do Concello durante décadas”, concluíu.

Estado lamentable da parcela
Por outra banda, a concelleira criticou a falta de interese por parte do goberno local en manter un mínimo de salubridade nesta zona.

“A parcela onde se sitúan as torres atópase pechada de forma precaria e actualmente esta chea de maleza que nalgúns puntos mesmo supera os tres metros de altura. Queremos saber porque o concello non actuou de forma subsidiaria para limpar esta zona unha vez que o requirimento ao propietario non serviu de nada. O movemento demóstrase andando e accións como esta evidencian o interese nulo da alcaldesa por mellorar este espazo. A súa xestión no Garañón limítase á propaganda, propaganda e máis propaganda. O único que quere é dilatar o proceso o máximo posible para que pague o pato o seguinte e evitar así máis desgaste político”, concluíu.

Veciños de Río Sil piden unha zona de carga e descarga

Veciños e comerciantes da rúa Río Sil  veñen de solicitar ao Concello unha zona de carga e descarga nas obras de ampliación de beirarrúa que desenvolverá próximamente o Goberno local nesta rúa no entorno da rúa Río Eo. Así, os veciños piden ao Tenente de Alcalde que se aplique ese dogma que “acostuma a vender” e “atenda as demandas veciñais”.

Así o explicaron tamén dende o grupo popular tras reunirse coa veciñanza da zona. Os ediles do PP explican que ante esta situación os veciños están a recoller sinaturas xa que consideran “moito máis útil” unha zona de carga e descarga que unha ampliación de beirarrúa.

A zona afectada é o carril de circulación que quedou sen uso tralo cambio de sentido da rúa Río Sil, un treito duns 20 metros no que se poderían adaptar unhas prazas de carga e descarga moi útiles para os negocios situados nos baixos comerciais do barrio, ademais de ampliar a beirarrúa e crear un espazo para as persoas.

Que ven o lobo!

Prokófiev, con “Pedro e o lobo”, puxo música á fábula tan rusa como galega, na que un rapaz gostaba berrar “Que ven o lobo!”, para que os veciños collesen medo, mentras el ría a cachón. E así unha vez e outra, ata que deixaron de facerlle caso. E un día veu o lobo, el berrou con toda a súa forza, ninguén acudiu, e o lobo foi un lobo para o home.

No meu tempo de neno de aldea, o medo ao lobo era un arrepío, aínda que daquela, con gando no monte, non ousaba presentarse preto das casas

Na actual Galicia profunda (esta, si) onde o humano é a excepción, ninguén pode coutar a un lobo con fame. E ao non haber gando no monte, o único recurso que ten o animal é arriscarse a invadir terreos civilizados para alimentarse, localizándose as súas máis recentes incursións en Parga e Outeiro de Rei. Normalmente os lobos son problema en zonas máis baleiradas como Muras e Ourol, creando problemas serios a gandeiros sen maís solución ca sufrir os ataques e logo conseguir ser indemnizados. En tempos, as batidas poñían as cousas no seu sitio, desde o punto de vista dos humanos, pero na actualidade os dereitos do lobo fano figurar na lista de Especies Silvestres en Réxime de Especial protección.

Isto coloca en situación límite aos gandeiros rurais, forzando a imposible convivencia dunha especie predadora co dereito dos labregos a criar en paz o seu gando. Nesto non parecen ter cabida criterios políticos e si de especialistas que aporten solucións de protección do animal en determinadas áreas, mesmo favorecendo a súa alimentación, sen que ningún humano sufra nos seus dereitos, na economía ou na súa vida pola forzada e imposible convivencia.

A CHMS e Pedrafita, xuntos para rehabilitar o sistema de saneamento do Cebreiro

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ( CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro, rubricaron hoxe o Protocolo de colaboración a través do que se adquire o compromiso para o financiamento e execución do Proxecto de rehabilitación do sistema de saneamento do núcleo do Cebreiro no termo municipal de Pedrafita do Cebreiro.

Actualmente, segundo indica o organismo de conca, a rede de saneamento do Cebreiro dispón dun funcionamento unitario que recolle as augas pluviais de escorrentía captadas polas reixas para mesturalas coas augas residuais. Con todo, o sistema de depuración é o común dos núcleos de poboación illados, constituído por unha fosa séptica e tres unidades de leitos bacterianos conectados en serie, deseñado para tratar só as augas fecais.

Deste xeito, o exceso de caudal en tempo de choiva xera un funcionamento incorrecto do sistema de depuración; para corrixir a situación sería necesaria a transformación do actual sistema unitario nun separativo, de nova construción, de maneira que as augas residuais poidan conducirse á instalación de tratamento, mentres que as pluviais derívense da rede, para ser entregadas directamente ao medio natural sen que se produzan afeccións sobre o medio ambiente. O investimento necesario estímase en 700.000 euros.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com